TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

27 jul 2012

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA NO CENTRO CULTURAL DE PEDORNES (OIA)



Informa: Manuel Ángel Pombal Diego

As Asociacións Cultural “San Mamed” e de Veciños “A Muruxeira” da parroquia de Pedornes, en colaboración con ANABAM e co apoio de Team Minho, organizan unha nova exposición fotográfica no Centro Cultural da citada parroquia.

A exposición consta de máis de 100 instantáneas de bolboretas, cabaliños do demo e libeliñas. Todas as fotos de bolboretas foron tomadas pola profesora e fotógrafa Laura Lago, a cal é colaboradora habitual de ANABAM.

Neste caso, exponse un total de 43 fotografías de bolboretas a toda cor e presentadas sobre cartolinas, amosando o seu nome científico e, nalgúns casos, tamén o nome común, así como o lugar onde foron tiradas: Folgoso do Caurel, Rubiá, Lleida, Noia, e moitas delas na comarca do Baixo Miño (concellos de Oia, Tomiño, A Guarda e O Rosal).

De cando en vez, engádense textos explicativos acerca dos seus depredadores, as formas aberrantes, a cópula, a orixe da palabra lepidóptero, anécdotas como a acontecida coa Cacyreus marshalli (que chegou de África a través do comercio de xeranios), ou curiosidades como a de Melitaea sp. (coas dificultades para identificar especies deste xénero), Maculinea alcon (cun ciclo vital fascinante), Polygonia c-album (que mimetiza o contorno confundíndose cunha folla seca ou cunha cortiza), Parnassius apollo (a raíña das bolboretas peninsulares) Zerynthia rumina (unha das bolboretas máis fermosas de Galicia) ou a Charaxes jasius (a bolboreta máis grande que voa en Galicia, e a que ANABAM lle creou un bosque dunha hectárea na ladeira do monte Santa Trega).

Por outra banda, a exposición inclúe máis de 60 fotografías de diferentes especies de odonatos (Cabaliños do demo e Libeliñas), tanto galegas como de fóra da nosa comunidade, que foron elaboradas co gallo do curso de odonatos que ANABAM organizou o pasado mes de xuño.

Unha boa parte das instantáneas foron tomadas polo especialista e profesor da Universidade de Vigo, Adolfo Cordero Rivera por diferentes partes do mundo (Australia, Namibia, Cuba, Italia, Perú, Azores, Kenia, México, Colombia, Portugal, Fiji, Xapón, Málaga, Zamora ou Cáceres).

O resto das fotografías foron tomadas maioritariamente no contorno natural do Baixo Miño por Laura Lago e dous membros de ANABAM, Luís Dorado Senra e Manuel Ángel Pombal Diego. Todas as fotos de odonatos inclúen o seu nome científico, o lugar onde foi tomada e o seu autor. Ademais, para algunhas especies, están montadas por pares as imaxes do macho e da femia, podendo visualizar o dimorfismo sexual que presentan.

A devandita exposición poderá visitarse os días 22, 25 e 29 de xullo, así como o 4, 5, 6 e 7 de agosto de 16.30 a 22.30 h.

0 comentarios:

Publicar un comentario