FAI CLIC E DESCUBRE O NOVO DESEÑO DA WEB CULTURAL NOTICIASOROSAL.ES

Noticias O Rosal estreou o 7 de marzo novo deseño e contidos. Este blog manterase na rede, de momento, ata novo aviso, como complemento á páxina web

A VILA DO ROSAL DESPIDE CON EMOCIÓN A JOSÉ MARTÍNEZ GONZÁLEZ "PEPIÑO BERDEAL"

O ex-funcionario do Concello do Rosal e presidente da Asociación de Comerciantes da vila, era un dos veciños máis apreciados dos últimos tempos

VITORIA DE GABRIEL MARCELLI EN LLEIDA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro vence na categoría júnior na proba valedeira para o “Spa RFME Campeonato de España de Trial Individual 2015”

ACTO DE CLAUSURA DO CURSO DE MONITOR DE FÚTBOL BASE CELEBRADO EN O ROSAL

A Casa Consistorial acolleu a entrega de diplomas e clausura do Curso coa presenza dos coordinadores José Luis Mosquera e Manuel Mosquera.

MÁXIMA EXPECTACIÓN ANTE A CHEGADA DA SEXTA EDICIÓN DA CARPA CARNAVAL DE FORNELOS

Entre outros, actuarán dende o venres 13 ata o martes 17 de febreiro, nestas Festas de Entroido: Traffic House, Dj Carlie, Diego Mei, Vallejo, Micy Dj, etc

A PRAZA DO CALVARIO ACOLLEU A VISITA E RECEPCIÓN DOS REIS MAGOS DE ORIENTE

As Súas Maxestades estiveron durante horas na vila do Rosal repartindo multitude de agasallos a pequenos e maiores, entre eles, libros e lambetadas

A ROMARÍA DE SAN MARTIÑO 2014 EN O ROSAL CELEBROUSE O DOMINGO 30 DE NOVEMBRO

A saída do Santo en procesión dende a igrexa parroquial de Santa Mariña, na Praza do Calvario, ata a súa ermida, foi ás 10:30 horas.

O PILOTO ROSALEIRO GABRIEL MARCELLI PROCLÁMASE TRICAMPIÓN DE ESPAÑA DE TRIAL

Gabriel Marcelli Carballido adxudícase o título tras vencer en Cabanillas de la Sierra (Madrid). Tamén consegue ser Campión Galego por quinta vez.

PRESENTACIÓN DA SEGUNDA EDICIÓN DO EVENTO DEPORTIVO “15K DEL ATLÁNTICO”

A carreira e a andaina 15k del Atlántico celébranse este domingo 5 de outubro percorrendo os concellos de Oia, O Rosal e A Guarda

O ESPECIALISTA DEFENSIVO ARKAITZ VARGAS FICHA POLO ACANOR ATLÉTICO NOVÁS

Na imaxe da presentación, Manolo “Campelo”, Moncho Vicente, Andrés Senra, Daniel Martínez, Arkaitz Vargas, Roberto Fernández e Modesto Augusto

ÉXITO TOTAL DA I EDICIÓN DA ANDAINA E CARREIRA “10K O ROSAL. FEIRA DO VIÑO”

Na imaxe, os gañadores absolutos da carreira 10k O Rosal Feira do Viño. No máis alto do pódium, Nuno Costa e Paula Mayobre. Más info neste enlace.

OS COORDINADORES DO 10K O ROSAL, ENTREVISTADOS NA RADIO MUNICIPAL DE TUI

Os rosaleiros Juan Ramón Martínez Barbosa, Óscar Vicente Rodríguez e Serafín Martínez Acevedo falaron da andaina e da carreira nos estudos da RMT

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIV ANDAINA “VAL DO ROSAL. O PARAÍSO DENDE AS ALTURAS”

Na imaxe, os participantes desta andaina, que visitaron o punto máis alto da vila, nos montes do Campo do Couto e os petroglifos próximos á Fonte do Home.

NOVA VITORIA DE GABRIEL MARCELLI CARBALLIDO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro, imparable, é o favorito para facerse -por terceira vez- co Campionato de España de Trial. As próximas citas, Vila de Cruces e Andorra.

O ROSAL E O ATLÉTICO NOVÁS QUEREN FACER HISTORIA, por Juan Ramón Martínez Barbosa

Artigo do director de Noticias O Rosal, onde fala da Fase de Ascenso á División de Honor Prata do balonmán nacional que se celebra os días 2, 3 e 4 de maio

DEPORTISTAS E CLUBS, HOMENAXEADOS NO II RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO

O pasado sábado 12 de abril o Auditorio Municipal acolleu os premios aos mellores deportistas e clubs da vila. Na imaxe, autoridades e homenaxeados.

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIII ANDAINA O ROSAL. COÑECE O TEU CONCELLO

A vindeira andaina deportivo-cultural pola vila do Rosal celebrarase o vindeiro sábado 10 de maio, con saída dende o Alto da Portela (Marzán)

O 12 DE ABRIL CELÉBRASE O II ACTO DE RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO DO ROSAL

Na imaxe de 2011, na I edición, Gerardo Álvarez (ciclismo), Manolo Armán (balonmán) e Félix Piñel (atletismo) reciben os premios “Mención de Honra”.

ACTUACIÓN DO GRUPO ADREDDE NA FESTA DE ENTROIDO 2014 DE FORNELOS (O ROSAL)

O sábado 1 de marzo achegámonos ata Fornelos para ver en directo a animada actuación do Grupo Adredde e comprobar o ambientazo de Entroido

O LIBRO “MOLINOS” PRESÉNTASE EN PONTEVEDRA CON MENCIÓN ESPECIAL PARA O ROSAL

A nosa vila estivo representada polo alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, así como por Tamuxe e Juan Ramón, autores do libro da historia dos Muíños do Folón-Picón

O ENTROIDO DE FORNELOS 2014, SERÁ, SEN DÚBIDA, DOS MÁIS ESPECTACULARES DA HISTORIA

Impresionante programa de Festas, con orquestras e grupos musicais, actuacións para nenos, Corrida do Galo, Frixidelas e como non, a 5ª edición da CARPA.

O ROSAL HOMENAXEA AO CICLISTA RAÚL FERNÁNDEZ, CAMPIÓN DE GALICIA E DE ESPAÑA

Na imaxe, Raúl Fernández na compaña dos seus compañeiros e directivos do Club Ciclista O Rosal, na recepción ofrecida no Concello.

RAÚL FERNÁNDEZ PROCLÁMASE EN CASTELLÓN CAMPIÓN DE ESPAÑA DE CICLOCROSS

Na imaxe, Raúl, flanqueado á esquerda polo exciclista profesional Serafín Martínez Acevedo e á dereita polo triatleta internacional, Óscar Vicente Rodríguez.

PROXIMAMENTE ANUNCIARASE A DATA DA II RUTA GUIADA ORGANIZADA POR NOTICIAS O ROSAL

A I Ruta Guiada Noticias O Rosal levou aos participantes a coñecer todos os segredos da ruta e historia dos emblemáticos Muíños do Folón e do Picón.

OS REIS MAGOS REPARTEN AGASALLOS A CENTOS DE NENOS/AS EN O ROSAL

Reportaxe fotográfica (máis de 300 imaxes) da visita e recepción na vila do Rosal de Melchor, Gaspar e Baltasar.

NOVO CONXUNTO DE GRAVADOS CRUCIFORMES NO LUGAR DAS CORTES

O historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe fala no seu blog deste achádego, recreación da cruz cristiá (séculos IV-V d. C.)

SERGIO RODRÍGUEZ, NETO DO CABAQUEIRO MANUEL "TRINTIÑA", INAUGURA “O BAR DO TRINTA"

Na imaxe, Serafín Martínez Acevedo (exciclista profesional e emprendedor deportivo), con Sergio (xerente do Bodegón-Tapería Os Seixiños. O Bar do Trinta).

TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

31 mar 2009

Estivemos na lexendaria "Cova dos Mouros"

O domingo 29 de marzo e grazas ás excelentes referencias de Carlos Fernández Costas puidemos coñecer a lexendaria "Cova dos Mouros". Trátase dunha especial rocha que se empraza na xuradía de Marzán, en San Vicente, máis arriba dos montes de Peitoril. Ata aquí nos achegamos na compaña da nosa colaboradora e guía nesta ocasión, Luisa F. Álvarez. A lenda conta que nesta cova en tempos pasados viviron os "mouros". Dita estancia consiste nun grande penedo erosionado no seu interior ao que se accede mediante un pequeno portelo. Xa dentro existe un burato, a modo de ventanuco, a través do cal se pode contemplar unha impresionante panorámica cara ao Val do Rosal e o país veciño, Portugal. Esta "Cova dos Mouros", quizais un abrigo natural, é sen dúbida un emprazamento estratéxico á vez que interesante se nos atemos á existencia de diferentes restos arqueolóxicos que se localizan nas súas inmediacións (reticulados, círculos, coviñas, cruciformes, etc). Aquí vos deixamos unha pequena reportaxe fotográfica da nosa visita:

29 mar 2009

O día 19 de abril celebrarase a Feira do Libro

Detalle da edición do ano pasado, no Salón de Exposicións do Concello
Durante toda a xornada do domingo 19 de abril terá lugar na Praza do Calvario a VI Feira do Libro do Rosal. Pola mañá, entre outras actividades, haberá "Contacontos de libros contentos" e pola tarde, obradoiros de marcapáxinas, debuxo e cómic.

Proxección de películas no Auditorio Municipal

Segundo informa a concellaría de Cultura do Rosal, que preside Charo Tabales Perozo, a partir do sábado 4 de abril comeza a sesión de proxeccións de cine no Auditorio Municipal, tendo como referencia a películas baseadas en obras de recoñecidos escritores galegos contemporáneos. Este día poderase visionar Trece Badaladas baseada na novela de Suso de Toro. O sábado 18, e tamén á mesma hora (20:00) proxectarase O lapis do carpinteiro, na que se conta unha historia de amor en tempos de guerra, de Manuel Rivas. O día 25, doble proxección, xa que haberá unha sesión ás 18 horas e outra as 20 horas. Na primeira poderase disfrutar da película de animación El bosque animado baseada na novela de Wenceslao Fernández Flórez. Na segunda se proxectará A lingua das bolboretas, tamén inspirada na obra de Manuel Rivas.

27 mar 2009

Entrevistamos ao "showman" Oliver Martínez

Debido ás múltiples peticións que chegan á nosa redacción seguimos facéndolle entrevistas a rosaleiros que dun modo ou outro, polas súas diferentes características, condicións, estudos ou mesmo experiencia destacan no panorama galego, nacional e aínda internacional. Hoxe imos a coñecer un pouco máis ao cómico e "showman" Oliver Martínez, que ten participado en multitude de programas televisivos e na actualidade segue ligado ao mundo artístico-humorístico. Oliver nas súas propias palabras “naceu no hospital”, "entre planta e planta, case no ascensor, pero consta como que son jalejo”. Emigrante en Suiza, dá os seus primeiros pasos no mundo interpretativo, volvendo aos 16 anos a O Rosal para coidar da súa avoa e facer a mili, mentres pouco a pouco e co paso do tempo se vai forxando un futuro no mundo da actuación e como non, do humor. Oliver, como podedes comprobar a continuación, participou en concursos como Supermartes ou Buscando Estrelas e en programas como Arre Demo e o Show dos Tonechos da TVG. Un último apuntamento: este rosaleiro é un dos poucos que pode dicir que traballou como actor profesional e aínda... para un presidente do Real Madrid. Sen máis, aquí vos deixamos a nosa entrevista a Oliver Martínez:

26 mar 2009

En breve, novas reportaxes e entrevistas

Estamos traballando para ofrecervos as nosas últimas reportaxes, así como varias e xugosas entrevistas a destacados rosaleiros que temos realizado estes días.

24 mar 2009

Sabine Pfister contou contos no Rosal

O mércores 25 de marzo ás 17 horas tivo lugar no Rincón do Conto da Biblioteca Municipal do Rosal un “Contacontos” para os máis pequenos a cargo de Sabine Pfister, de orixe francesa e residente en Novás. Esta actividade enmárcase dentro do programa para os meses de marzo e abril que dispuxo a concellaría de Cultura do Rosal. A seguinte cita será o día 4 de abril ás 20 horas no Auditorio Municipal coa proxección da película "Trece Badaladas", do director Xavier Villaverde (autor de Continental e Finisterre) e contando como actores principais con Juan Diego Botto e Luís Tosar.

A Deputación organiza o arquivo da Mancomu-nidade Intermunicipal do Baixo Miño

Coa intención de preservar e poñer en valor a documentación producida no decurso da xestión das administracións públicas da provincia acábase de acometer un proceso de centralización, organización e descrición dos fondos da Mancomunidade intermunicipal do Baixo Miño, integrada polos concellos de Tui, A Guarda, Oia, O Rosal e Tomiño. Inicialmente esta mancomunidade constituíuse coas seguintes finalidades: conservación, ampliación, mellora e reparación das vías municipais; recollida e tratamento de residuos sólidos; abastecemento domiciliario de auga; depuración de augas residuais; Protección Civil e prevención e extinción de incendios; transportes públicos; matadoiro; posta en marcha de programas de desenvolvemento rural; conservación e potenciación do patrimonio histórico-artístico; actividades culturais, deportivas e educativas; protección do medio ambiente; desenvolvemento de programas de atención social e desenvolvemento de actividades de promoción turística no ámbito territorial da Mancomunidade. A maior parte dos fondos corresponde á xestión e control orzamentario, a documentación dos órganos de goberno da Mancomunidade e á xestión das subvencións e dos diferentes proxectos acometidos ("Forest", "Qualitour", "Citania", "Hortomulier", ”Tuyeco", "Formación interactiva intersectiva de práctica prelaboral e laboral de xoves discapacitados en integración" e "Provolgapor").

22 mar 2009

23 anos despois a Garda Civil volve a O Rosal

Aínda que de forma momentánea -entre 6 e 7 meses- a Garda Civil volve a ter o seu cuartel no Rosal. As dependencias municipais que albergan a Cámara Agraria e ao futuro Museo Municipal acollen dende o pasado luns 16 de marzo tamén as oficinas da Benemérita. A razón son as obras de reparación de pavillóns e remodelación dos despachos oficiais que se están acometendo no cuartel, situado na vila da Guarda. Na actualidade o corpo está formado por 18 gardas civís, repartidos entre Seguridade Cidadá e a Patrulla Fiscal. Nesta pequena reportaxe podedes ver unhas fotografías do antigo cuartel -hoxe Auditorio Municipal- xusto cando pechou (xuño de 1986) así como as imaxes das novas dependencias da Praza do Calvario:

Festival de Música e Poesía no Auditorio

O domingo 22 de marzo tivo lugar no Auditorio Municipal do Rosal un festival de música e poesía con motivo da celebración do Día Mundial da Poesía, onde o tema principal foi a auga e a muller. Organizado polas concellarías de Cultura e de Servizos Sociais, o acto foi presentado por Banesa Cortiñas Brey, técnica de Promoción da Muller e contou coa presenza dos poetas Antonio Rivas e Nilo Brey así como das poetisas Emilia Rosende, Oliva María, Estrella Velasco “Elfa” e Marta Dacosta, que recitaron varios poemas da súa autoría. A música deste evento correu a cargo dos grupos Lirolai e Kla-son da Agrupación Musical do Rosal, que interpretaron distintas pezas moi aplaudidas polo público asistente. Como remate deste acto a concelleira de Cultura, Charo Tabales Perozo, fixo entrega a todos os participantes dun pequeno agasallo en forma de rosa vermella e agradeceu “a presenza e colaboración dos artistas literarios e musicais para que este fermoso e orixinal festival fora posible". Podedes ver a nosa reportaxe fotográfica no seguinte enlace:

19 mar 2009

Celebrouse a Festa de San José en Novás

O xoves 19 de marzo celebrouse a tradicional Festa de San José, no barrio de Videira, lugar de Ventosela (xuradía de Novás). Varios centenares de persoas asistiron á misa solemne que oficiou na capela de San José o cura párroco, D. Julio Ramos Rodríguez. Aquí vos deixamos a nosa reportaxe desta xornada matinal:

As clases de pintura contan con nova aula

Águeda coas súas alumnas e alumno na nova Aula de Pintura
Recentemente as clases de pintura organizadas pola OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) do Rosal trasladáronse da aula do Centro Social Polivalente ao edificio municipal e antiga escola da rúa Simón del Mazo. Dende 2003 estas clases están impartidas por Águeda Suárez Vicente, con grupos de entre 20 e 30 alumnos cada ano. No actual cursan 24 usuarios repartidos en tres grupos (dous o venres de tarde e un o sábado de mañá, hora e media á semana). Os alumnos das clases de pintura -segundo afirma orgullosa Águeda- soen realizar exposicións con motivo das Festas do Pilar, do Cabaqueiro ou da Feira do Viño e refire que aínda algúns conseguiron vender cadros propios. Empregan distintas técnicas (acuarela, témpera, tinta china, pastel, carboncillo…) pero sobre todo usan o óleo. Lembra Silvia Baquero Pereira, responsable da OMIX, que este curso está dentro do Programa Integral de Animación Sociocultural xunto cos de ximnasia funcional, mantemento, ioga ou o obradoiro de memoria que se desenrolan na actualidade nas dependencias municipais. Aquí vos deixamos unha pequena reportaxe das clases de pintura:

18 mar 2009

A Asociación Sociocultural da Terceira Idade de O Rosal organiza unha excursión comercial

O venres 3 de abril a Asociación Sociocultural da Terceira Idade de O Rosal organiza unha excursión comercial a Amares e á Quinta Lago dos Cisnes (Portugal). O prezo desta viaxe é de 11 euros por persoa e o itinerario será o seguinte: saída ás 8 da mañá dende a Praza do Calvario ata Amares e Quinta Lago dos Cisnes, recepción, benvida e almorzo, demostración publicitaria e comida. A continuación visitarase o Santuario da Nosa Señora de Abadía, o Museo de Arte Sacra e Ponte de Porto, tempo libre e regreso a casa. Quen esté interesada/o en en participar nesta excursión pode chamar ao teléfono do Centro Social Polivalente (986 609450) de luns a venres de 9 a 13 horas.

17 mar 2009

Aberto o prazo de inscrición na Galescola

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a Rede Galega de Escolas Infantís informan de que o prazo de inscrición para as novas/os usuarias/os da Galescola do Rosal vai dende o 15 de marzo ata o 15 de abril. As instancias recolleranse na propia Galescola (A Devesa - Pías).

Os comercios do Rosal, con Selo de Calidade

O martes 17 de marzo tivo lugar no local social da Fundación O Rosal o acto de entrega dos Selos de Calidade obtidos por varios comercios da vila, entre eles: Informática Sc@pe, Electricidad O Rosal, Alén do Miño Artesanía, Confecciones Mari, Floristería Agualuz, Activa Dixital, Tenda Paquín, Gema C., Ferretería Bazar Calvario, Papelería Colores C.B., Euromanía, Sara Carrera, Cómplices C.B., Sacha, Multiprecios Marisa, E & M C.B., Perfumería Pili Damas, Confitería Rogelio e a Veterinaria do Rosal. A presentación e entrega destas distincións estivo a cargo de Antonio Reguera Repiso, presidente da Federación Provincial de Comercio de Pontevedra, José María Seijas López, presidente da Federación Galega de Comercio, José Martínez González, presidente da Asociación de Comerciantes de O Rosal (ACOR), Jesús Mª Fernández Portela, alcalde rosaleiro e Rafael Vicente Fernández, presidente da Fundación O Rosal. Aquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica deste importante acto para o comercio da vila:

Comeza a "Festa de San José 2009" en Novás

O mércores 18 de marzo, coa apertura da cantina "San José", que permanecerá aberta dende as 24:00 h. ata altas horas da madrugada, dará comezo a Festa de San José na xuradía de Novás. O xoves 19 marzo ás 12'30 da mañá terá lugar a misa solemne na ermida de San José. A partir das 17 horas haberá un gran concerto coa actuación do coro "Ecos do Folón", do grupo de pandereteiras "Río do Folón" e do grupo de gaitas "Airiños do Folón". Durante todo o día servirase polbo á feira. Na fotografía o libro Ermita de San José de Ventosela. Apuntes históricos, da autoría do investigador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe, que fará o mércores xa 14 anos da súa saída do prelo (18 de marzo de 1995). A obra comeza cunha particular dedicatoria: "Esta publicación vaya en homenaje y recuerdo del carísimo amigo Perfecto Álvarez Rivero, excepcional devoto de San José y preocupado siempre por la solemnidad del culto anual al Santo Patrono de Novás y de la conservación de la capilla de Ventosela. Desde el 20 de diciembre de 1982 en la Eterna Morada, también presente, en Ventosela, por el recuerdo, el amor y la oración". O motivo desta primeira monografía sobre a historia dunha ermida rosaleira, foi, segundo se reflicte no libro "conmemorar el III Centenario de la Fundación de la Capellanía y Capilla de San José de Ventosela".

16 mar 2009

Remata o prazo para os Campamentos de Verán

Segundo nos informa a OMIX do Rosal que dirixe Silvia Baquero Pereira, a Xunta de Galicia organiza campamentos durante os meses de xullo e agosto no territorio galego e tamén noutras Comunidades Autónomas. Os destina-tarios: rapaces de 9 a 17 anos. A duración é de dúas semanas, agás para os máis pequenos que son de sete días. Estarán aloxados en albergues, residencias ou campa-mentos de Galicia ou noutra Comunidade Autónoma. Os prezos serán semellantes aos do ano pasado, isto é, dende os 92 € ata os 225 €. Existen descontos no prezo: 50% para familias numerosas e 25% para posuidores do carné xove. O prazo remata o 24 de marzo, xa que ese día as solicitudes teñen que estar físicamente na Delegación de Vigo. Para máis información no Centro Social Polivalente ou no teléfono 986 60 94 50.

Editouse un libro sobre As Cachadas

Coincidindo coa festividade de San Gregorio viu a luz unha nova publicación no Baixo Miño. Trátase dun libro de 72 páxinas a toda cor, editado pola Comisión da Feira de San Gregorio 2009, con texto de José Luís Lomba Álvarez e a colaboración das familias Lomba González e Lomba Alonso. Salvando as súas innumerables faltas de ortografía (a organización laméntase de que non houbese tempo para a corrección) sen dúbida este libriño é un interesante "paseo" pola historia desta coñecida fábrica. Podedes ver as fotografías da súa presentación na reportaxe que realizamos recentemente en Pías.

Comezan as rutas e visitas guiadas a O Rosal

O domingo 15 de marzo e previo contacto co departamento de Turismo que dirixe Ángeles Vicente Manzano, visitou a nosa vila un pequeno grupo formado por 11 persoas procedentes da parro-
quia de San Salvador de Louredo (Mos). Amantes do sendeirismo e o contacto coa natureza estes mosenses solicita-
ron o acompañamento do guía municipal para coñecer de preto os segredos da ruta que os levaría polos 67 muíños do Folón e Picón, declarados Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia en 1998. Na fotografía, o grupo en Chan da Cereixeira.

15 mar 2009

Celebrouse a Feira de San Gregorio 2009

Un ano máis tivo lugar a tradicional Feira de San Gregorio que se celebrou en Pías (San Miguel de Tabagón) os días 14 e 15 de marzo. Diferentes exposicións e actuacións musicais encheron de cultura e ambiente de festa as inmediacións deste barrio rosaleiro. Na fotografía "Os Campelos" (Francisco Rodríguez Fernández e Roberto Fernández Rodríguez) que co seu humor fixeron as delicias do público asistente a esta tradicional festa rosaleira. Aquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica da Feira:

11 mar 2009

O día 17 entréganse os Selos de Calidade no local social da Fundación O Rosal

O vindeiro martes 17 de marzo ás 13:30 horas terá lugar na sede da Fundación O Rosal o acto de entrega dos recoñecidos Selos de Calidade e Certificacións de Calida-
de Norma UNE 1750001 obtidos polos asociados de ACOR (Asociación de Comerciantes de O Rosal), que preside José Martínez González (Pepe) tal e como anunciabamos o mes pasado dende este xornal dixital:

10 mar 2009

"Os Campelos" actuarán o sábado 14 en Pías

Con motivo da Feira de San Gregorio 2009 está programada a actuación do dúo humorístico rosaleiro "Os Campelos" para o sábado 14 de marzo. Aquí vos deixamos un pequeno vídeo que realizamos hai uns meses no Auditorio Municipal dun dos seus "sketchs" máis famosos:

9 mar 2009

O grupo de teatro Agarimo actuou no Auditorio

O grupo de teatro da Asociación de Amas de Casa e Consumo "Agarimo" de Vigo presentou o domingo ás 19 horas no Auditorio e diante dunhas 200 persoas a obra Maribel y la extraña familia de Miguel Mihura. Esta comedia estivo dividida en tres actos, adaptada á época actual, transcorrendo a acción en Vigo (con alusións nesta ocasión a O Rosal). Conflitos entre homes e mulleres, xirando todo arredor do equívoco, a obra foi traducida ao galego por Paula Rodríguez Ramilo. O papel da protagonista estivo interpretado por Berta Veigas, que é a coordinadora do grupo, acompañada entre outros polo seu “futuro” marido na ficción Marcelino (Suso Fernán-
dez Copete). A dirección da obra correu a cargo da actriz, profesora e directora de teatro arxentina Alejandra Abreu Pérez. Este acto contou coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e os departamentos de Cultura e de Servizos Sociais do Concello do Rosal. Podedes ver as demais fotos no seguinte enlace:

Inaugurouse no Auditorio a Exposición "Shanti" da rosalesa de Fornelos, Naomi Brey Flores

O domingo 8 de marzo -e con motivo do Día Internacional da Muller- tivo lugar no Auditorio Municipal a inauguración da Exposición Fotográfica "Shanti" da rosalesa Naomi Brey Flores, Técnica Superior de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía Artística. Tomou a palabra en primeiro lugar o alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela, quen deu a benvida ao público que se achegou a contemplar o traballo de Naomi nas lonxanas terras da India. De seguido Mª Carmen Alonso Alonso, concelleira de Servizos Sociais e Muller fixo unha breve introdución biográfica da autora da mostra fotográfica e alabou o seu bo facer durante os dous meses que durou a súa estadía no país asiático. Finalizou a quenda de intervencións a propia Naomi Brey Flores explicando un pouquiño o contido da exposición, o que significara para ela esa irrepetible experiencia, esa oportunidade de percorrer coa súa inseparable cámara gran parte do país e coñecer a fondo a súa sorprendente diversidade cultural. Lembrar que grazas a unha beca de estudos, Naomi realizou un intercambio coa Kala Bhavan Visva Bharati University de Shantiniketan e a Jadavpur University de Calcuta. Esta mostra, que pretende amosar a situación real da India e achegarnos a súa vida cotidiá a través dos ambientes e personaxes que reflicten a súa cultura, estará cara ao público no primeiro piso do Centro Social Polivalente e poderase visitar ata o venres 13 de marzo. Aquí vos deixamos unha pequena reportaxe da inauguración:

Esteban e Michael gañadores do III Campionato de Cachiza de San Gregorio (Pías-San Miguel)

Fotografías cedidas pola web Piasangregorio.blogspot.es
O sábado 7 de marzo celebrouse na Alameda de Pías o III Campionato de Cachiza con motivo das festas de San Gregorio. Segundo a organización este ano participaron un total de 16 parellas, o que supón o dobre que as apuntadas o ano pasado. O gañador deste III torneo foi o equipo "Joreña 2" formado por Esteban e Michael (na fotografía, 110 puntos). O segundo premio foi para "Anxo Sport" de Carlos e Anxo (84 puntos), acadando a terceira praza neste campionato o equipo "Sepasa" formado por Paco e Sefo (83 puntos). A entrega de premios será o sábado 14 de marzo ás 18 horas na Feira de San Gregorio. Aquí vos deixamos o enlace á páxina da organización onde poderedes ver fotografías das diferentes actividades desenvolvidas nestes últimos anos:

8 mar 2009

As mulleres do Concello, obsequiadas no seu Día

Para conmemorar o Día Internacional da Muller o seu Servizo de Promoción municipal fixo entrega -e por sorpresa- duns pequenos agasallos ás traballadoras do Concello. A responsable de Servizos Sociais e Muller, Mª Carmen Alonso Alonso na compaña da colaboradora do seu departamento Banesa Cortiñas Brey, percorreron o venres as oficinas da casa consistorial e do Centro Social Polivalente para obsequiar a todas as mulleres cunha ben adornada e sinxela plantiña. En palabras de Mª Carmen Alonso "o Servizo de Promoción da Muller do Rosal con este pequeno agasallo pretende sexa un acto simbólico a modo de homenaxe e recoñecemento extensivo a todas as mulleres da nosa vila". Velaquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica:

Un collage lembra o Día Internacional da Muller

Os alumnos de 4º e 5º de Primaria do C.P.I. Manuel Suárez Marquier realizaron con motivo do Día Internacional da Muller un collage -distribuído en catro paneis- que estivo organizado polo Servizo de Promoción da Muller do Concello do Rosal. Segundo Banesa Cortiñas Brey, impulsora desta iniciativa, “o obxectivo que se buscaba con estes paneis é que os nenos atoparan as igualdades reais entre homes e mulleres, dun xeito sinxelo, empregando para ese fin a súa propia imaxinación". Estes paneis estarán expostos dende o luns 9 de marzo nas dependencias do Concello. Podedes ver algunhas fotografías no seguinte enlace:

5 mar 2009

Proxectouse no Auditorio "El niño de Marte", segunda película do programa Cinensino

Despois do primeiro film proxectado o 26 de novembro (“Los seis signos de la luz”), o xoves 5 de marzo ás 10 da mañá tivo lugar –de novo no Auditorio Municipal do Rosal- a proxección da película “El niño de Marte”, dentro do Programa Cinensino, Prevención de Drogodependencias, dirixido aos alumnos da ESO. Este programa está organizado pola Asociación Érguete Baixo Miño e conta coa colaboración do Concello do Rosal e a Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias da Consellería de Sanidade-Sergas. Asistiron –como na primeira ocasión- os alumnos/as e mestres de 1º e 2º curso da ESO do I.E.S. A Sangriña de A Guarda e do C.P.I. Manuel Suárez Marquier. En total participaron nesta actividade un total de 210 persoas, 201 alumnos/as e 9 mestres da Comarca do Baixo Miño.

4 mar 2009

O Rosal xa ten servizo de comedor na Galescola

O luns 2 de marzo inaugurouse na Galescola do Rosal situada en Pías (San Miguel de Tabagón) o servizo de comedor contratado polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar Social. A empresa de Porriño, “Don Gusto Cocineros”, é a encargada de servir o catering, facendo un percorrido que ademais do Rosal a leva por exemplo ás Galescolas de Oia ou Gondomar. Segundo declaracións da concelleira de Servizos Sociais do Rosal, Mª Carmen Alonso Alonso, que estivo presente no momento da inauguración, “con este comedor preténdese conciliar un pouquiño máis a vida familiar, pois por exemplo hai nais e pais que teñen traballos de xornada continua”. Ademais afirmou que “agardamos contar así mesmo a partir da semana que vén con servizo de merenda”. Polo momento, dos 47 nenos da Galescola rosaleira, 11 deles van comer a diario nestas dependencias, así como tamén o farán tres das súas mestras.

3 mar 2009

Un libro recolle os Arciprestados de Tui-Vigo

Foinos enviado recentemente á nosa redacción o tomo Arciprestados de Tui-Vigo. (II) A Guarda-Tebra. Trátase dunha publicación de 232 páxinas con imaxes a toda cor, editada pola Delegación de Patrimonio da Diocese de Tui-Vigo e coa colaboración da Xunta de Galicia e a Vigairía de Pastoral Tui-Vigo. A coordinación deste libro correu a cargo de Juan Andión Marán, con texto de Andrés Fuertes Palomera e a portada e fotografías de Santi Vega López. Segundo os autores "no ano 2008 puxemos en marcha esta colección para dar a coñecer as parroquias da Diocese percorrendo os distintos Arciprestados que principiamos polo Miñor". Así mesmo afirman que "a nosa modesta aspiración é que a xente que vive nas nosas parroquias -e calquera que se interesa pola riqueza patrimonial que nos rodea- teña a oportunidade de contem-
plar as obras que nos deixaron os nosos antepasados e afondar no coñecemento da súa significación". Na actualidade o Arciprestado de A Guarda-Tebra está composto por 26 parroquias e 3 anexos que son, por orde alfabética: Amorín, Barrantes, Burgueira, Camposancos, Eiras, Estás, Figueiró, Forcadela, Goián, A Guarda, Loureza, Mougás, Oia, Pedornes, Pinzás, Piñeiro, Rosal (Santa Mariña), Salcidos, Tabagón (San Miguel e San Xoán), Taborda, Tebra (O Salvador e Santa María), Tomiño (Santa María), Viladesuso e Vilameán. Os anexos son os de Currás, Hospital e Sanxián (San Xián).

Serafín Martínez Acevedo adxudícase o Premio das Metas Voantes da Clásica de Almería

Segundo informa o equipo Xacobeo Galicia, o ciclista rosaleiro Serafín Martínez Acevedo vén de proclamarse gañador das Metas Voantes da Clásica de Almería que se disputou esta fin de semana tras unha escapada de máis de noventa quilómetros con outros catro corredores, que foi neutraliza-
da a doce de meta. A victoria absoluta foi para o neozelan-
dés Greg Henderson, do equipo americano Columbia. Jesús Blanco Villar, que dirixiu ao equipo nesta Clásica, afirmaba que "a labor era ter presenza en carreira e se era posible, subir ao final ao podio. Ambos obxectivos lográronse ao meterse Serafín na escapada da xornada e conseguir, ademais, metas voantes". Dende Noticiasorosal, a nosa noraboa Sera!

2 mar 2009

A actriz arxentina Alejandra Abreu dirixirá ao grupo de teatro "Agarimo" no Auditorio

O grupo de teatro da Asociación de Amas de Casa e Consumo "Agarimo" de Vigo presenta Ma-
ribel y la extraña familia de Miguel Mihura este domingo 8 de marzo ás 19 horas no Auditorio Municipal do Rosal. A dirección da obra, que corre a cargo da actriz, profesora e directora de teatro arxentina Alejandra Abreu Pérez (na fotografía), conta coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e os departamentos de Cultura e de Servizos Sociais do Concello do Rosal.

1 mar 2009

Exposición fotográfica da rosaleira Naomi Brey

O domingo 8 de marzo ás 18:30 horas no Auditorio Municipal, e con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, terá lugar a inauguración da Exposición Fotográfica "Shanti" da rosaleira (rosalesa) Naomi Brey Flores, Técnica Superior de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía Artística. Esta mostra pretende amosar a situación real da India e achegarnos a súa vida cotidiá a través dos ambientes e personaxes que reflicten a súa cultura. Grazas a unha beca de estudos, Naomi realizou un intercambio coa Kala Bhavan Visva Bharati University de Shantiniketan e a Jadavpur University de Calcuta, o que lle permitiu percorrer gran parte do país e coñecer a súa diversidade cultural. Esta exposición -que estará cara ao público no Centro Social Polivalente- poderase visitar ata o venres 13 de marzo.