FAI CLIC E DESCUBRE O NOVO DESEÑO DA WEB CULTURAL NOTICIASOROSAL.ES

Noticias O Rosal estreou o 7 de marzo novo deseño e contidos. Este blog manterase na rede, de momento, ata novo aviso, como complemento á páxina web

A VILA DO ROSAL DESPIDE CON EMOCIÓN A JOSÉ MARTÍNEZ GONZÁLEZ "PEPIÑO BERDEAL"

O ex-funcionario do Concello do Rosal e presidente da Asociación de Comerciantes da vila, era un dos veciños máis apreciados dos últimos tempos

VITORIA DE GABRIEL MARCELLI EN LLEIDA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro vence na categoría júnior na proba valedeira para o “Spa RFME Campeonato de España de Trial Individual 2015”

ACTO DE CLAUSURA DO CURSO DE MONITOR DE FÚTBOL BASE CELEBRADO EN O ROSAL

A Casa Consistorial acolleu a entrega de diplomas e clausura do Curso coa presenza dos coordinadores José Luis Mosquera e Manuel Mosquera.

MÁXIMA EXPECTACIÓN ANTE A CHEGADA DA SEXTA EDICIÓN DA CARPA CARNAVAL DE FORNELOS

Entre outros, actuarán dende o venres 13 ata o martes 17 de febreiro, nestas Festas de Entroido: Traffic House, Dj Carlie, Diego Mei, Vallejo, Micy Dj, etc

A PRAZA DO CALVARIO ACOLLEU A VISITA E RECEPCIÓN DOS REIS MAGOS DE ORIENTE

As Súas Maxestades estiveron durante horas na vila do Rosal repartindo multitude de agasallos a pequenos e maiores, entre eles, libros e lambetadas

A ROMARÍA DE SAN MARTIÑO 2014 EN O ROSAL CELEBROUSE O DOMINGO 30 DE NOVEMBRO

A saída do Santo en procesión dende a igrexa parroquial de Santa Mariña, na Praza do Calvario, ata a súa ermida, foi ás 10:30 horas.

O PILOTO ROSALEIRO GABRIEL MARCELLI PROCLÁMASE TRICAMPIÓN DE ESPAÑA DE TRIAL

Gabriel Marcelli Carballido adxudícase o título tras vencer en Cabanillas de la Sierra (Madrid). Tamén consegue ser Campión Galego por quinta vez.

PRESENTACIÓN DA SEGUNDA EDICIÓN DO EVENTO DEPORTIVO “15K DEL ATLÁNTICO”

A carreira e a andaina 15k del Atlántico celébranse este domingo 5 de outubro percorrendo os concellos de Oia, O Rosal e A Guarda

O ESPECIALISTA DEFENSIVO ARKAITZ VARGAS FICHA POLO ACANOR ATLÉTICO NOVÁS

Na imaxe da presentación, Manolo “Campelo”, Moncho Vicente, Andrés Senra, Daniel Martínez, Arkaitz Vargas, Roberto Fernández e Modesto Augusto

ÉXITO TOTAL DA I EDICIÓN DA ANDAINA E CARREIRA “10K O ROSAL. FEIRA DO VIÑO”

Na imaxe, os gañadores absolutos da carreira 10k O Rosal Feira do Viño. No máis alto do pódium, Nuno Costa e Paula Mayobre. Más info neste enlace.

OS COORDINADORES DO 10K O ROSAL, ENTREVISTADOS NA RADIO MUNICIPAL DE TUI

Os rosaleiros Juan Ramón Martínez Barbosa, Óscar Vicente Rodríguez e Serafín Martínez Acevedo falaron da andaina e da carreira nos estudos da RMT

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIV ANDAINA “VAL DO ROSAL. O PARAÍSO DENDE AS ALTURAS”

Na imaxe, os participantes desta andaina, que visitaron o punto máis alto da vila, nos montes do Campo do Couto e os petroglifos próximos á Fonte do Home.

NOVA VITORIA DE GABRIEL MARCELLI CARBALLIDO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro, imparable, é o favorito para facerse -por terceira vez- co Campionato de España de Trial. As próximas citas, Vila de Cruces e Andorra.

O ROSAL E O ATLÉTICO NOVÁS QUEREN FACER HISTORIA, por Juan Ramón Martínez Barbosa

Artigo do director de Noticias O Rosal, onde fala da Fase de Ascenso á División de Honor Prata do balonmán nacional que se celebra os días 2, 3 e 4 de maio

DEPORTISTAS E CLUBS, HOMENAXEADOS NO II RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO

O pasado sábado 12 de abril o Auditorio Municipal acolleu os premios aos mellores deportistas e clubs da vila. Na imaxe, autoridades e homenaxeados.

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIII ANDAINA O ROSAL. COÑECE O TEU CONCELLO

A vindeira andaina deportivo-cultural pola vila do Rosal celebrarase o vindeiro sábado 10 de maio, con saída dende o Alto da Portela (Marzán)

O 12 DE ABRIL CELÉBRASE O II ACTO DE RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO DO ROSAL

Na imaxe de 2011, na I edición, Gerardo Álvarez (ciclismo), Manolo Armán (balonmán) e Félix Piñel (atletismo) reciben os premios “Mención de Honra”.

ACTUACIÓN DO GRUPO ADREDDE NA FESTA DE ENTROIDO 2014 DE FORNELOS (O ROSAL)

O sábado 1 de marzo achegámonos ata Fornelos para ver en directo a animada actuación do Grupo Adredde e comprobar o ambientazo de Entroido

O LIBRO “MOLINOS” PRESÉNTASE EN PONTEVEDRA CON MENCIÓN ESPECIAL PARA O ROSAL

A nosa vila estivo representada polo alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, así como por Tamuxe e Juan Ramón, autores do libro da historia dos Muíños do Folón-Picón

O ENTROIDO DE FORNELOS 2014, SERÁ, SEN DÚBIDA, DOS MÁIS ESPECTACULARES DA HISTORIA

Impresionante programa de Festas, con orquestras e grupos musicais, actuacións para nenos, Corrida do Galo, Frixidelas e como non, a 5ª edición da CARPA.

O ROSAL HOMENAXEA AO CICLISTA RAÚL FERNÁNDEZ, CAMPIÓN DE GALICIA E DE ESPAÑA

Na imaxe, Raúl Fernández na compaña dos seus compañeiros e directivos do Club Ciclista O Rosal, na recepción ofrecida no Concello.

RAÚL FERNÁNDEZ PROCLÁMASE EN CASTELLÓN CAMPIÓN DE ESPAÑA DE CICLOCROSS

Na imaxe, Raúl, flanqueado á esquerda polo exciclista profesional Serafín Martínez Acevedo e á dereita polo triatleta internacional, Óscar Vicente Rodríguez.

PROXIMAMENTE ANUNCIARASE A DATA DA II RUTA GUIADA ORGANIZADA POR NOTICIAS O ROSAL

A I Ruta Guiada Noticias O Rosal levou aos participantes a coñecer todos os segredos da ruta e historia dos emblemáticos Muíños do Folón e do Picón.

OS REIS MAGOS REPARTEN AGASALLOS A CENTOS DE NENOS/AS EN O ROSAL

Reportaxe fotográfica (máis de 300 imaxes) da visita e recepción na vila do Rosal de Melchor, Gaspar e Baltasar.

NOVO CONXUNTO DE GRAVADOS CRUCIFORMES NO LUGAR DAS CORTES

O historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe fala no seu blog deste achádego, recreación da cruz cristiá (séculos IV-V d. C.)

SERGIO RODRÍGUEZ, NETO DO CABAQUEIRO MANUEL "TRINTIÑA", INAUGURA “O BAR DO TRINTA"

Na imaxe, Serafín Martínez Acevedo (exciclista profesional e emprendedor deportivo), con Sergio (xerente do Bodegón-Tapería Os Seixiños. O Bar do Trinta).

TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

29 abr. 2011

Convócase unha nova edición do Certame fotográfico "VIAXANDO"



Convocouse a V edición do Certame fotográfico "VIAXANDO", que está organizado polas Oficinas Municipais de Información Xuvenil de Baiona, Gondomar, Tomiño, Salceda de Caselas, A Guarda, O Rosal, Porriño e a Casa da Xuventude de Tui.

Poderán participar mozos e mozas de entre 12 e 35 anos. A temática responderá ao título do Certame “VIAXANDO”.

As fotografías poden ser en branco e negro ou cor, presentaranse en papel fotográfico cun tamaño de 18 a 20x24 a 25 e pegadas sobre unha cartolina negra de tamaño DIN A4.

Cada participante pode presentar unha única fotografía que terá que ser orixinal e inédita. A fotografía entregarase en sobre pechado coa indicación VIAXANDO no exterior da mesma. Cada fotografía levará no dorso o pseudónimo do autor/a e, de ser o caso, o título da dita fotografía. Acompañaranse con outro sobre pechado no que figurará novamente o pseudónimo do autor/a recollendo no interior o nome e apelidos, enderezo, teléfono e fotocopia do DNI.

As fotos poderán presentarse nas instalacións de calquera das entidades organizadoras ata o venres 30 de setembro de 2011.

Con todas as fotografías presentadas realizarase unha exposición itinerante que percorrerá os concellos organizadores, inaugurándose oficialmente na OMIX de Baiona o luns 17 de outubro de 2011 ás 20 horas.
O xurado estará integrado por membros da organización ou persoas nas que se delegue. O fallo do xurado farase público o 10 de outubro de 2011. Difundirase o fallo nos medios de comunicación así como por teléfono á persoa premiada.

A fotografía premiada quedará en propiedade do Concello organizador. O xurado poderá declarar deserto o premio.

Concederase un único premio consistente nunha fin de semana para dúas persoas nunha Casa Rural de Galicia, dentro do programa “Outono gastronómico” de Turgalicia.

A participación no Certame implica a aceptación das bases e das decisións adoptadas polo xurado.

Na fotografía retrospectiva, de esquerda a dereita, a responsable da OMIX do Rosal, Silvia Baquero Pereira; o da OMIX de Salceda, Humberto Rey; a gañadora de 2008, a rosaleira Mª Esther Álvarez e a concelleira de Mocidade de Salceda, Teresa Pérez.

28 abr. 2011

Voluntarios de Cruz Roja e alumnos do San Xerome, nos Muíños do Folón



O mércores 27 de abril voluntarios/as de Cruz Roja procederon á instalación de carteis de concienciación medioambiental na ribeira fluvial do río Folón, en Martín (O Rosal), co apoio de alumnos/as do colexio San Xerome Emiliani e a colaboración da concellería de Medio Ambiente rosaleira, que dirixe Charo Tabales Perozo.

Esta é unha das actividades programadas dentro do proxecto “Moviéndonos por el río”, que continuará o sábado 30. O seu obxectivo principal é “contribuír á conservación e recuperación do río Miño e os seus afluentes, a través da concienciación e a educación ambiental dos cidadáns”.


Segundo informa Cruz Roja, para a posta en marcha deste proxecto, financiado polo “Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino”, a través do Programa de Voluntariado en Ríos e coa colaboración da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, creáronse equipos de voluntarios que realizan accións formativas así como diagnósticos e avaliacións do Miño, que favorezan e contribúan á conservación do río.


Despois dunha pequena andaina polos Muíños do Folón, os participantes chegaron ata a fervenza da Regueira Fonte do Aloque, onde colocaron o último cartel antes de acometer o vindeiro sábado unha nova xornada de concienciación, xa pola “carreira ou ringleira” da Cereixeira e a vertente dos Muíños do Picón.

Novo "Curso de manipulador de alimentos" organizado por ACOR

O vindeiro mércores 4 de maio celebrarase un "Curso de manipulador de alimentos", organizado pola Asociación de Comerciantes do Rosal (ACOR) que preside José Martínez González, "Pepe Berdeal".

Dito curso terá lugar no seu local social, na rúa Julio Sesto, ao carón da "Cruz de Ferro", de 10:00 a 13:00 horas.

Para máis información podedes chamar ao teléfono 628 875 029.

27 abr. 2011

Esta fin de semana, as Festas de San José Obreiro 2011, en Novás



Un ano máis celebraranse en Novás as Festas na honra de San José Obreiro.

O sábado día 30 de abril comezarán os festexos cunha Gran Verbena a cargo das orquestras Sintonía e Fin de Siglo, que se prolongará ata altas horas da madrugada.

Xa o domingo 1 de maio ás 11:30 horas da mañá, acompañada polo grupo de gaitas A BOALLEIRA, baixada do Santo en Procesión ata a Praza de Novás, onde se celebrará ás 12 horas unha Misa de Campaña na honra de San José. Cantará durante a cerimonia relixiosa a CORAL da Agrupación Musical do Rosal.

Pola tarde, a partir das 17:30 horas, actuación do grupo de pandereteiras ORBALLO da Agrupación Musical do Rosal. A continuación, a actuación do grupo Nebrasca.


O prato forte será un ano máis o "SHOW DOS CAMPELOS" (Roberto e Paco), que porán a nota de humor a estas festas, para de seguido proceder á tradicional subhasta de produtos típicos.

Ao seu remate, Gran Verbena a cargo do citado grupo Nebrasca. Dende a Organización lembran que o recinto de festas estará cuberto por unha gran carpa.

Mañá xoves, a inauguración no Rosal da V Mostra de Teatro do Miño



O xoves 28 de abril ás 20:30 horas terá lugar no Auditorio Municipal do Rosal o acto de inauguración da V Mostra de Teatro do Miño que organiza a Asociación Cultural Feixó de Araúxo.

Debido a un imprevisto de última hora será o polifacético artista Benito Guerreiro (e non Os Campelos) quen actúe diante do público ofrecendo un dos seus interesantes monólogos.

Así mesmo o evento contará coa participación do Grupo de Percusión da Agrupación Musical do Rosal.

Esta quinta edición da Mostra celebrarase nos concellos de Tomiño (Goián), A Guarda e O Rosal ata o domingo 1 de maio.

26 abr. 2011

Os Muíños do Folón, atractiva alternativa do Camiño Portugués da Costa


O pasado fin de semana (9 e 10 de abril) tivo lugar un “Convivio Peregrino” no Baixo Miño, onde participaron responsables de turismo dos concellos de Esposende, Camiña, A Guarda, O Rosal e Oia, ademais de peregrinos portugueses e galegos.

Con este tipo de iniciativas preténdese dar a coñecer o contorno turístico, cultural, etnográfico e mesmo histórico do Camiño de Santiago no Sur da provincia de Pontevedra.

A través destas camiñadas quérese mostrar tamén as múltiples posibilidades que ofrece a Comarca como reclamo relixioso e cultural dentro do contexto dos Camiños Portugueses a Santiago de Compostela.






En concreto na nosa vila percorréronse as dúas rutas homologadas pola Federación Galega de Montañismo, o Sendeiro de Pescadores Río Miño-Tamuxe e a senda dos Muíños do Folón e Picón, con visita incluída á capela de San Martiño (s. XVI).

O sábado de mañá, a concelleira de Servizos Sociais e Muller, Mª Carmen Alonso Alonso foi a representante do Rosal na andaina que saíu dende as inmediacións do “Ferry”, en Goián (Tomiño).

Ata alí tamén se desprazou o alcalde rosaleiro, Jesús Mª Fernández Portela, para saudar e desexar “bo camiño” aos participantes, desculpándose por non poder acompañalos nesta ocasión por ter xa diferentes compromisos para ese día.

A “comitiva peregrina” puido pasear e admirar a paisaxe da beira do Miño, dende As Eiras ata As Aceñas, para logo continuar ata a vila da Guarda.

Xa o domingo, peregrinos e responsables dos concellos da Guarda e O Rosal reuníanse ao pé do primeiro enxeño hidráulico do Folón, o “Muíño das Laxes” para asistir á demostración de moenda e comezar a ruta por este conxunto, declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia en 1998.

Asistiron a este acto de promoción do contorno do Camiño Portugués da Costa –entre outros- o alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas e o seu concelleiro de Patrimonio, Javier Crespo González. A nosa vila estivo representada novamente pola edil de Servizos Sociais, Mª Carmen Alonso, a concelleira de Educación, Mabel Franco Pérez, o concelleiro de Deportes, Ángel Martínez Villa e o representante do Departamento de Cultura e Turismo, Juan Ramón Martínez Barbosa, que foi o encargado de ofrecer as oportunas explicacións deste fermoso enclave etnográfico.

Destacar por suposto a presenza, traballo e ilusión na celebración e impulso deste tipo de eventos, de Luis Martínez Portela e Antonio Fernández Pablos, activos peregrinos e membros da Asociación Amigos do Camiño.

Noticias O Rosal entrevista a José Martínez González (Pepe Berdeal)



Reunímonos recentemente na Praza do Calvario e na Sociedade Liga de Amigos do Rosal para charlar animada e distendidamente cun dos persoeiros máis coñecidos da nosa vila. Este non é outro que José Martínez González, “Pepe Berdeal”, home culto, servicial e amable como poucos e que entre outras ocupacións e cargos, foi durante medio século, funcionario do Concello.

Na actualidade é o presidente da Asociación de Comerciantes (ACOR) e ven de ser elixido tamén presidente da Asociación de Persoas Maiores do Rosal.

Boas tardes, Pepe. Graciñas en primeiro lugar por concedernos esta pequena entrevista. Comezamos pois a formularlle, sen máis preámbulos, as seguintes cuestións:

-¿Canto tempo estivo como funcionario do Concello?
Estiven nada máis e nada menos que cincuenta anos. Dende o ano 1956 ata o 2006. Ao principio, ese primeiro ano, pagáronme 1000 pesetas. Ao seguinte, xa era auxiliar e dábanme 2500 pesetas cada tres meses (10000 ao ano). A subida xa foi considerable. Algo curioso porque con 13 anos facía na casa o Libro de Caixa do Concello (Tesourería), xa que meu pai era o tesoureiro.

-¿Cal era a súa función nas dependencias municipais?
¿A miña función? De todo menos de Alcalde (risas). Era o comodín. Traballei –entre outros- de secretario accidental, de Policía Local e de Auxiliar de oficinas, daquela chamado “meritorio” (o primeiro ano). Logo estudei Auxiliar de Administrativo. A tesourería leveina durante 30 anos máis ou menos. Miro para atrás no tempo e penso cando entrei daquela, que aínda non había nin bolígrafos… ¡O bolígrafo era un invento de coidado! E logo, as máquinas de escribir… tiña máis de 300 pulsacións por minuto. ¡Machaquei moito!
Ultimamente chegaron os ordenadores, que sinceramente non eran para min. Pero que remedio, tiven que introducirme… ¡menos mal que me xubilaba! (risas).

-¿Tivo algún outro cargo?
Pois si, tamén fun Delegado Local de Educación Física e Deportes. A miña misión era conseguir por exemplo, subvencións para os clubs e os deportistas da vila. Así mesmo desempeñei o cargo de Delegado do Frente de Juventudes e tamén actuei como Delegado de OJE (Organización Juvenil Española). Logo, como curiosidade fun uns 25 anos secretario da Sociedade de San Miguel de Tabagón, comezando con 19 anos co meu pai, que daquela era o presidente. Ademais fun correspondente no Rosal dos xornais La Hoja del Lunes e de Pueblo Gallego.

-Cambiando radicalmente de tema, e deixando atrás o seu pasado como funcionario municipal, centrémonos no presente. ¿Cando se fundou a Asociación de Comerciantes do Rosal? ¿Cantos anos leva como o seu presidente e cantos socios-asociados ten ACOR? ¿Que establecementos ou entidades poden adherirse? ¿Cales son as condicións para ser aceptado?
A Asociación fundouse fai 14-15 anos, levando eu como presidente uns 13. Igualmente xa van 4 anos como vocal da Federación de Comerciantes de Pontevedra. Actualmente temos sobre os 60 asociados, aproximadamente. ¿Quen se pode adherir? pois todos os comercios e industrias do Rosal, de calquera clase. Ademais temos unha cota moi inferior a outras asociacións deste sector. Un comercio que desexe entrar na Asociación tan só ten que pagar 40 euros ao ano. É unha mágoa porque se houbera máis unión poderíamos facer moitas máis cousas.

-¿Que vantaxes ten un asociado con respecto a un comerciante que non o é?
En primeiro lugar que ten algo fundamental, asesoramento. Despois pode beneficiarse de distintas subvencións, cursos propios do comercio ou mesmo diferentes convenios con entidades bancarias que a bo seguro repercutirán para ben no seu negocio.

-¿Que actividades realiza a Asociación? ¿Conta entón con algunha subvención?
É un abismo do que se fai agora con respecto a antes, que non se facía practicamente nada. Hoxe en día, celebramos o Mercadillo de Oportunidades, unha vez ao ano. Este 2011 cadra coa festa de San Isidro, o 15 de maio. Ademais, realizamos diferentes cursos (manipulador de alimentos, de paquetería, de escaparatismo, de atención ao público). Conseguimos o Selo de Calidade para algúns dos nosos comercios e tamén o Prato de Ouro para un coñecido restaurante da vila.

Nestes momentos contamos cunha subvención de 15.000 euros da Consellería de Industria e Comercio para a adquisición de bolsas de compra, así como para a confección e posterior distribución de guías de comercio (con interesantes apartados de historia, cultura e por suposto, a relación dos nosos comerciantes).

-¿Ten intención de seguir ao fronte da Asociación?
Si, de momento sigo ata que me poida defender, esa é a miña intención, porque me gusta… O malo será cando non poida fisicamente… os anos van pesando (risas).

-Moita xente mírao como cabeza visible da Cabalgata de Reis no Rosal... ¿Como xurde esta idea? ¿Foi unha iniciativa súa ou comezou coa axuda dalgún organismo ou persoa? ¿Contou ou conta con algunha colaboración?
A Cabalgata de Reis facíana os mozos cun grupo de mulleres en colaboración coa parroquia, pero aos dous anos cansáronse. Primeiro íamos en camións ao descuberto, cedidos por distintos empresarios do Rosal. Máis adiante xa, como sabedes, con microbús. Cousa curiosa que ao principio non se visitaba nin Sanxián nin Portecelo. Hai bastantes anos decidín ir por alí e realmente aquilo foi unha festa. ¡Estaba todo o pobo!

Teño que agradecer a axuda do Concello, que -entre outras cousas- colabora cos vehículos de acompañamento e coa policía local. Ademais o meu agradecemento á colaboración de certas entidades bancarias, adegas e a moitas empresas da vila.

-Din que vostede sabe os nomes e apelidos de distintas xeracións de rosaleiros, que coñece a case todo O Rosal… ¿É isto certo? ¿como é posible?
Bueno, coñecía a todas as persoas de máis de 25 anos. Isto é debido ao moito papeleo que pasou polas miñas mans no Concello, ademais da relación que tiña coa xente na miña oficina de seguros. Cantas veces tiven que ir ata a propia casa do asegurado…

-Temos entendido que está intentando facer unha curiosa xuntanza.
Ocorríuseme facer unha festa cos rosaleiros que nacimos no 1941, xa que este 2011 cumprimos todos 70 anos. É unha mágoa xa que faleceron oito persoas, pero quedan 64, que estou avisando por medio dunha carta, confirmando polo momento a súa asistencia máis da metade.

A miña intención é facer unha misa por eses falecidos e despois unha comida de xuntanza nun restaurante do Rosal.

-En resumidas contas Pepe, ¿que mensaxe lle gustaría transmitir aos lectores desta entrevista?
Pois que estou a favor de todo o que sexa progreso para O Rosal. Calquera iniciativa en pro do municipio será benvida. Sen dúbida a unión fai a forza, así que me gustaría facer un chamamento para que todos colaborásemos un pouquiño máis. Sería unha alegría que houbera moita máis implicación, para que O Rosal, en todos os sentidos, seguira avanzando.

Graciñas Pepe! Velaquí van agora algunhas preguntiñas informais e máis persoais para coñecer algúns dos seus gustos…

A OUTRA ENTREVISTA

Unha comida: calquera arroz con marisco, especialmente con bogavante.
Unha bebida: a coca-cola light.
Un libro: calquera do “nobel” Mario Vargas Llosa.
Unha película: Titanic, de James Cameron.
Música ou canción preferida: música, a clásica. Unha canción, A Rianxeira.
Un deporte: o fútbol, xogueino en plan “amateur”
Unha frase ou refrán: dime con quen andas e te direi quen eres.
Unha cidade: sen dúbida, León.
Un lugar ou paraxe do Rosal: moitos, pero quédome coas Aceñas e os Muíños do Folón.
Un sono sen realizar: facer por exemplo unha viaxe de lecer, un cruceiro.
Un sono cumprido: ter a familia “en marcha” para a vida.


O Rosal, Praza do Calvario, abril de 2011.


24 abr. 2011

Os rosaleiros Eric Barceló e Nuria Martínez, Campións Galegos de Judo



O sábado 9 de abril celebrouse en Ribadumia (Pontevedra) a final do Campionato Galego Cadete de Judo ao que asistiron dous judokas rosaleiros, Eric Barceló Rodríguez e Nuria Martínez Lomba, ambos pertencentes ao Club de Judo Do-Majo.

Destacar que Eric e Nuria combinan os seus adestramentos no CAR de Pontevedra e coa súa adestradora, tamén rosaleira, Mónica Pacheco.

Pois ben, Eric (na imaxe, 1º pola dereita) na categoría de -50 kg, conseguiu proclamarse Campión Galego tras gañar os seus 5 combates de Ippón (máxima puntuación), demostrando -como ao longo de toda a temporada- ser un dos mellores judokas do noso país en dita categoría. Lembramos que o rosaleiro posúe tres medallas na Copa de España ademais de rematar nun meritísimo 4º posto na Copa de Europa que se celebrou en Fuengirola (Málaga).


Pola súa banda, Nuria (na imaxe, 1ª pola dereita) na categoría de -52 kg, conseguiu gañar todos os seus combates, demostrando ser máis superior que as súas rivais, alzándose co título de Campiona Galega.

Os dous rosaleiros viaxarán o próximo 9 de maio a Formentera, onde participarán no Campionato de España Cadete.

Noraboa dende Noticias O Rosal  por este recente éxito e desexámoslles moita sorte para o vindeiro torneo nacional das Illas Baleares.




A andaina "eclesiástica" de abril volveu a reunir un cento de persoas



Celebrouse o pasado sábado 2 de abril unha nova andaina deportiva-cultural organizada polo Concello do Rosal.

Nesta ocasión visitouse a igrexa parroquial de Santa Mariña e tres capelas, a de Santa Ana, a de San Vicente e a de San Xosé, ademais de distintos elementos do noso patrimonio cultural, entre eles os sepulcros antropomorfos visigóticos de Marzán ou a restaurada Serra do Pijorro.

Entre as preto de cen persoas que asistiron a esta ruta, atopábanse a concelleira de Turismo, Ángeles Vicente Manzano e a edil de Servizos Sociais e Muller, Mª Carmen Alonso.

Antes de entrar na igrexa, o investigador e guía municipal, Juan Ramón Martínez Barbosa, ofreceu un breve resumo da historia do templo afirmando que “a primeira mención escrita á parroquial de Santa Mariña data do 26 de xuño de 1137, pola doazón que o rei Afonso VII fixo desta ao mosteiro de Santa María de Oia”. Igualmente, sinalou Juan Ramón, que o “estilo da primitiva igrexa, pola época e os restos arquitectónicos, foi románica, perdendo este valor alá polo século XVI debido a obras de mellora e ampliación”.


Seguindo nesta ruta os diferentes estudos do escritor e historiador local Xoán Martínez Tamuxe, o primeiro abade-párroco do que se ten noticia é o Rvdo. D. Juan Moogo, no século XIII. Sabemos ademais que o estilo da fachada actual é manuelino (portugués) e que data do ano 1847, cando se ampliou e reedificou, segundo a inscrición da cartela que se atopa sobre a porta principal.

Lembrou o guía municipal que a titular e patroa é Santa Mariña, Virxe e Mártir, e que a súa festa se celebra cada 18 de xullo, sinalando como curiosidade que as catro esferas do reloxo da torre datan de 1918.

Unha vez no interior da igrexa o abade párroco D. Julio Ramos Rodríguez realizou unhas breves explicacións do que alí se podía ollar, facendo especial fincapé no “impresionante altar maior, do século XVIII, que é un dos máis interesantes e fermosos da diocese de Tui-Vigo, tanto polas súas dimensións e o seu estilo barroco, como polo seu simbolismo, finísimo acabado e óptima conservación”. Así mesmo afirmou D. Julio que os frescos que se atopan baixo o coro son obra do artista guardés Manuel Ángel, realizados no último cuarto do século XIX, recollendo escenas da vida e martirio de Santa Mariña.

Rematado este agradable e informativo “sermón” do párroco da capital rosaleira, o grupo de camiñantes puxo rumbo dende a Praza do Calvario ata ao barrio de Videira, en Novás, para visitar alí a capela privada de San Xosé.

Seguindo o libro Ermita de San José. Apuntes Históricos, O Rosal, 1995, da autoría do mencionado escritor rosaleiro X.M. Tamuxe, o guía municipal deu a coñecer varios fragmentos da obra nos que se podía ler: “el licenciado D. José de Ucha Ribero (Rivero), instituyó y fundó la capellanía, así como la capilla (ermita) por escritura otorgada ante el Escribano, D. Juan de Andrade, vecino de O Rosal, el 29 de junio de 1694”. Tal e como se observa hoxe en día, esta data figura gravada no mesmo frontal da ermida.

Os participantes da andaina puideron entrar na capela e observar o seu altar, con sinxelo retablo policromado, de sabor barroco, con dúas preciosas columnas salomónicas. Nel preside unha barroca imaxe do titular da ermida, o Patriarca San Xosé, patrón da Igrexa Universal e Protector da Familia.

De aquí, dirixiuse o grupo ata as inmediacións da capela de San Vicente, en Marzán, para admirar en primeiro lugar os dous sepulcros visigóticos antropomorfos, datados nos séculos V-VI. Algúns dos camiñantes aproveitaron para facerse unhas simpáticas fotografías simulando “o descanso eterno”.

Segundo o estudo de Tamuxe e Juan Ramón, esta zona de Marzán é unha das máis ricas en material arqueolóxico, xa prehistórico, xa histórico e calculan que esta ermida de San Vicente veu a santificar algún primitivo “santuario pagán” e que xa nos séculos VI e VII, houbo alí un centro ou templo cristián. Ademais afirman que a capela xa se atopa mencionada no século XIV.

Xa de volta, cara ao punto de partida, as dúas últimas paradas: a Serra do Pijorro e a capela de San Sebastián e Santa Ana.

Agardaba no Pijorro o mestre carpinteiro Rafael Dorado Rodríguez, quen deu as pertinentes explicacións do seu funcionamento e onde se lembrou que este restaurado serradoiro e muíño se acciona pola auga do regato Padrón, sito no lugar de Cardal, xuradía de Marzán. Segundo o guía destas andainas mensuais “a Serra do Pijorro, ao igual que o muíño das Aceñas, data de finais do século XIX”.

Rematou esta ruta coa visita á capela de San Sebastián e Santa Ana, onde todos os camiñantes foron obsequiados co seu tríptico histórico, onde se podía ler que “as primeiras referencias á capela do Santo as atopamos no Libro I de Haciendas y Rentas de la Abadía del Rosal, en 1530”. É curioso que en principio a capela tivo como único titular ao glorioso mártir San Sebastián e só no Arreglo de Parroquias de 1854 atopáse relación documental onde xa a comparte con Santa Ana.

Os participantes da andaina tamén puideron comprobar de primeira man as últimas melloras realizadas na capela no ano 2008 (piso de pedra, drenaxe exterior, tellado, teito de madeira, bancos novos, restauración do retablo, etc).

A seguinte cita, se as condicións meteorolóxicas o permiten, será o sábado 7 de maio, coa visita –entre outras- á recentemente inaugurada Aula da Natureza, no muíño das Aceñas, así como un percorrido pola historia, tradición e lendas da ponte vella do Tamuxe (século XIX e construída sobre unha anterior, quizais romana). A organización comunicará nos próximos días o programa e itinerario completos desta ruta. Quen desexe participar nesta andaina (gratuíta), independentemente de onde sexa ou resida, pode anotarse dende hoxe mesmo, deixando nome e teléfono de contacto, no Departamento de Cultura e Turismo do Concello do Rosal (986625000).

Nenos e nenas do CPI Manuel Suárez Marquier visitaron a Casa do Concello



O pasado mércores 30 de marzo tivo lugar a visita de 23 nenos e nenas de 1º de Primaria do CPI Manuel Suárez Marquier ao Concello do Rosal.

Alí foron recibidos pola concelleira de Cultura, Charo Tabales Perozo, quen unha a unha, amosou todas as oficinas municipais e explicou as tarefas que desenvolven os distintos funcionarios.



Os rapaces e rapazas coñeceron o Xulgado de Paz, os distintos departamentos, o Arquivo e aínda a Biblioteca Municipal.

Ao final da súa visita cada neno foi obsequiado cun libro de Natureza.

A C.M.V.M.C de San Miguel de Tabagón homenaxea a Florindo Castro Alonso



 
O domingo 27 de marzo tivo lugar na casa social da Comunidade de Montes Veciñal de San Miguel de Tabagón unha Asemblea Ordinaria na que se rendeu unha merecida homenaxe a Florindo Castro Alonso, presidente da Comunidade dende facía máis de trinta anos e recentemente finado.

O seu vicepresidente e presidente actual, que o sucede no posto, Francisco González Martínez (Lito), foi o encargado no seu discurso, de ensalzar a figura de Florindo, manifestando o agradecemento de todos os comuneiros.




Lembrou Lito que o homenaxeado fixo moitísimas e boas accións en pro da parroquia, do monte e do seu patrimonio. Entre elas protagonizou unha “loita numantina” na defensa da Alameda de Pías e constituíu a traída da Comunidade de Usuarios de Augas de Pías e San Miguel. Así mesmo, entre infinidade de obras, colaborou para que a parroquia contase con novo cemiterio no lugar da Pereiriña e participou na apertura de pistas forestais e ensanche de múltiples camiños.

En palabras textuais de Francisco González Martínez (Lito): “Os familiares podedes estar orgullosos por toda a súa dedicación, esforzo e traballo levados a cabo durante todos estes anos, así como polos resultados obtidos. Noméaselle Presidente de Honra, por sentimento e porque o merece”.

De seguido, o presidente actual acompañou aos familiares do homenaxeado no descubrimento dunha placa en bronce co busto de Florindo, sobre unha pedra de granito que representa o mapa do Monte Veciñal de San Miguel de Tabagón, co seguinte texto: “1926-2011. D. Florindo Castro Alonso. La C.M.V.M.C. de San Miguel de Tabagón le concede el título de Presidente de Honor en agradecimiento por su dedicación continuada al servicio de la Comunidad. 27 de marzo de 2011”.

Finalizado este emotivo acto convidouse a todos os asistentes a compartir uns pinchos e uns viños do Rosal, tal e como se fixera na última Asemblea Xeral do pasado mes de novembro, cando aínda vivía Florindo e na que “todos gozamos da súa presenza e presidencia”.

23 abr. 2011

Apoiemos a LIROLAI, que participa no concurso "Novo Son" da CRTVG

Coa finalidade de promover a cultura musical e o traballo creativo da mocidade do noso país, a Radio Galega convoca a primeira edición do Certame ‘Novo Son’, un concurso que pretende descubrir e difundir o talento musical dos grupos e solistas galegos.

Novo Son está aberto á participación de todos os músicos galegos maiores de 16 anos que conten cun repertorio propio dun mínimo de 30 minutos.

Votade por LIROLAI no seguinte enlace:
http://ww2.crtvg.es/mu/novoson/presentacion/

21 abr. 2011

Presentación do Muíño das Aceñas como Aula da Natureza


O pasado 26 de marzo tivo lugar o acto de Presentación da Aula da Natureza do Muíño das Aceñas, na parroquia de San Miguel de Tabagón.




O crego D. Isaac Penela Carbajales procedeu á bendición destas novas instalacións na compaña -entre outros- do alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, a concelleira de Medio Ambiente, Charo Tabales Perozo e o presidente de Anabam, Agustín Ferreira Lorenzo.

Practicamente a totalidade da Corporación Municipal asistiu tamén a este importante evento, xunto con representantes das asociacións culturais rosaleiras, membros de Anabam e multitude de particulares da comarca baixomiñota.

20 abr. 2011

Programa relixioso na parroquia de Santa Mariña e no Convento



Velaquí vos deixamos o programa relixioso desta fin de Semana Santa 2011 na parroquia de Santa Mariña e no convento das HH. Carmelitas da Bouzada.

XOVES SANTO

Na parroquia
· Ás 20:00 horas, Celebración da Cea do Señor.
· A continuación, Adoración do Santísimo. (A igrexa permanecerá aberta ata as 12 da noite).

Nas Carmelitas
· Ás 18:00 horas, Celebración da Cea do Señor.

VENRES SANTO

Na parroquia
· Ás 11 da mañá "Encontro" e procesión ao redor da igrexa.
· Ás 18:00 horas, Celebración da Morte do Señor.
· Ás 19:00 horas, procesión do Santo Enterro.

Nas Carmelitas
· Ás 18:00 horas, Celebración da Morte do Señor.

SÁBADO E DOMINGO

Na parroquia
· Ás 10 da noite: Solemne Vixilia Pascual

Nas Carmelitas
· Ás 10 da noite: Solemne Vixilia Pascual

19 abr. 2011

¡Benvidos/as de novo a Noticias O Rosal... en probas e pouquiño a pouco!



Encantados de retomar a nosa actividade, ¡¡saudámosvos con inmensa alegría!! ¿A verdade? Non podíamos aguantar máis tempo parados, temos ganas de traballar e de ofrecervos a mellor información cultural, así que pouquiño a pouco iremos publicando as reportaxes atrasadas -e por suposto as actuais- completando ademais o deseño da páxina, que xa mirades que está practicamente baleira.

Animámosvos a que colaboredes -dende xa- coas vosas aportacións fotográficas ou literarias en Noticias O Rosal.

Abriremos proximamente multitude de seccións na web e comezaremos un novo proxecto, polo que se queredes participar ou axudar dalgunha maneira, dar o voso parecer, idea ou suxestión, contactade con nós sen compromiso nin problema algún en noticiasorosal@hotmail.com

¡Saúdos e graciñas de corazón a todos aqueles que vos puxéstedes en contacto con nós ou nos transmitíchedes a vosa confianza, disposición e ánimo...! Falamos en breve.

Humildemente, pero iso si, co noso amor a O Rosal, con infinita ilusión e coa promesa de "dalo todo", afrontamos esta nova etapa, despois do pequeno -e agardemos- último paréntese informativo. Sen máis...

¡VIVA O ROSAL! ¡VIVAN OS ROSALEIROS E AS ROSALEIRAS! ¡VIVA QUEN LLE DESEXE BEN Á NOSA VILA!

P.D.: Unha curiosidade, dícese que en galego somos rosaleses e rosalesas... respectámolo, pero gústanos máis o xentilicio de sempre, o tradicional... 

¡Saúdos! ¡E non vos cortedes! Contade con nós para o que desexedes, tanto na organización, colaboración ou difusión de eventos turístico-culturais da nosa Comarca, como para calquera promoción do que consideredes importante. En fin, no que poidamos axudar, aquí estamos de novo. Á vosa disposición.

O Equipo de Noticias O Rosal. 20 de abril de 2011