31 jul 2011
O Rosal sairá hoxe, domingo, ás 15:45 h. no programa Vivir Aquí (TVG)
Imaxes do Rosal e algúns dos seus veciños serán emitidas hoxe, domingo 31 de xullo, ás 15:45 horas, na Televisión de Galicia, concretamente no programa Vivir Aquí.
Este espazo está conducido por Isabel Durán e Xosé Luis Bernal, máis coñecido por "Farruco". Segundo eles mesmos proclaman "Gozamos descubrindo esas pequenas historias que non saen nos telexornais, buscamos as experiencias que lle poden pasar a calquera, as particularidades da vida cotiá. Porque fóra dos grandes acontecementos está a vida. Devecemos por atopar as historias que nos chegan non só áo cerebro, senón tamén ao corazón".
Igualmente afirman que "Gústanos Vivir Aquí, porque Galicia ten case tres millóns de historias que se escriben cada día. Nós queremos escoitalas e contarllas a vostede. De Ribadeo a Tui, do Padornelo a Fisterra, os reporteiros do programa percorremos estradas, corredoiras e camiños para coñecer o que lle pasa cada día aos galegos. Na nosa próxima emisión pode saír a súa aldea, o seu veciño, un familiar seu; vostede pode ser o noso vindeiro entrevistado. Gustaralle Vivir Aquí".
28 jul 2011
Este sábado, Concerto do 25 Aniversario da Agrupación Musical do Rosal
O vindeiro sábado 30 de xullo, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal do Rosal terá lugar o acto principal dos programados con motivo do 25º aniversario da Agrupación Musical do Rosal.
Convidámosvos ao concerto que ofrecerá a banda de música da Agrupación Musical do Rosal e que estará baixo a batuta de varios dos directores que pasaron pola formación (Laureano Matos, Bolívar González, José Luis Represas, José Vicente Simeó, Javier Alonso e Diego J. Lorente).
Pontevedra, Celta B, C.D. Cerveira e Coruxo F.C. xogarán na vila do Rosal
O sábado 30 de xullo ás 19:30 horas, disputarase no Estadio Municipal da Mata, o "Trofeo Villa de O Rosal" entre os potentes equipos do Pontevedra e o Celta B.
Igualmente o seguinte sábado, 6 de agosto, á mesma hora (19:30) celebrarase un gran partido internacional entre o C.D. Cerveira (Portugal) e o Coruxo F.C., que milita na Segunda División B.
19 jul 2011
Curso de cata no Rosal organizado pola "Ruta do Viño Rías Baixas"
Segundo nos informan dende a Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local, os días 26, 27 e 28 de xullo terá lugar un curso de cata organizado pola "Ruta do Viño Rías Baixas" que se vai a realizar no Concello do Rosal.
Horario: 17.00 - 20.00 h
Lugar: Centro Social Polivalente.
R/ Cabaqueiros 4
O Rosal.
As persoas interesadas en participar poden apuntarse chamando a:
- Centro Social Polivalente. 986 60 94 50
- Ruta do Viño Rías Baixas 986 521 008 / 658 523 230
Inscrición:
10€ socios da Ruta do Viño Rías Baixas
30€ non socios.
Horario do Muíño das Aceñas, reconvertido en Aula da Natureza
Velaquí vos deixamos o horario do Muíño das Aceñas, na parroquia de San Miguel de Tabagón, que está aberto, gratuitamente, de martes ao domingo durante os meses de xullo e agosto. Trátase dunha Aula de Natureza, de educación ambiental onde "poderán coñecerse os recursos da zona a través de actividades lúdico-formativas, para todos os públicos". Dende o Concello lémbrase que unha monitora especializada atenderá aos visitantes que se acheguen á dita aula.
14 jul 2011
Hoxe, venres 15 de xullo, inaugúrase a XIX Feira do Viño do Rosal
Hoxe, venres, 15 de xullo terá lugar a inauguración da XIX Feira do Viño do Rosal a cargo do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda Valenzuela. Ás 20.30 horas está prevista a visita aos expositores coa conseguinte degustación de viños do Rosal. Xa a partir das 22:00 horas, comezará a actuación da Charanga Os Charamujas.
6 jul 2011
Esta fin de semana, sesión de teatro no Auditorio Municipal do Rosal
O sábado 9 e o domingo 10 de xullo terá lugar no Auditorio Municipal do Rosal a representación de dúas obras, a cargo da Escola de Teatro de Xerpo e da Escola Municipal de Teatro da Guarda. Velaquí vos deixamos os seus carteis.
Os XIII Xogos Populares clausúranse o vindeiro 24 de xullo no Calvario
Velaquí vos deixamos o calendario e horarios para esta fin de semana, duns XIII Xogos Populares que se clausurarán o vindeiro domingo 24 de xullo, en plenas Festas do Pilar, coa tradicional carreira de cross ás 10 da mañá e a entrega de medallas e trofeos ás 12 do mediodía.
Charla informativa sobre a Lei de Augas a cargo de Manuel Docampo
Informa: Associaçom Cultural A Velha na Horta
O venres 8 de xullo, as 19 horas, agardámoste no Centro Cultural da Guarda, onde contaremos coa presenza de Manuel Docampo Paradela, do Sindicato Labrego Galego, quen nos falará sobre a Lei de Augas de Galicia, recentemente aprobada polo Parlamento Galego.
A lei de Augas de Galicia supón a privatización de todas as augas de Galiza, o pasar a mans privadas o ente público Augas de Galicia. Ademais, a Lei de Augas fixa un prezo para a auga, un canon que pretende establecer sobre toda a auga, a maiores do prezo do subministro que establecen os concellos ou as entidades subministradoras.
Todas as vivendas terán que pagar o canon da auga, independentemente de que a traída sexa municipal, da comunidade de veciños e veciñas ou particular; tamén terán que pagar no caso de que a auga proceda dun pozo propio ou se aproveite a chuvia.
No caso de que a traída sexa municipal ou de empresa subministradora, haberá que pagar a maiores o prezo de depuración e de subministro. O prezo vén determinado cunha parte fixa, que corresponde ao número de persoas que viven na vivenda; e unha parte variable, en función do volume de auga consumido. Establécese unha cota fixa de 1,50 € contribuínte/mes.
Os gobernos deben garantir o subministro e a calidade da auga para o consumo a toda a poboación, con independencia de se viven no rural ou en áreas urbanas, do grao de dispersión do asentamento... Os gobernos tamén deben garantir, de xeito gratuíto, auga suficiente e de calidade para os animais e para a agricultura entendida como actividade de producción de alimentos para a poboación.
A auga é un básico para a vida e debe ser considerado como un ben público e universal, que debe cumprir, antes de anda, unha función social de alimento e de hixiene. Por iso, toda a normativa sobre as augas debería prohibir que se privatice, se saque beneficio ou se especule con ela.
A Lei de Augas de Galicia supón unha grande agresión á realidade galega, concretamente as áreas rurais e dos pequenos núcleos, onde as administracións sempre miraron para outro lado cando se trataba de dar servizos. Agora que tratan de apropiarse dos acuíferos e fontes, miran para o rural como unha reserva de augas de calidade coas que facer negocio.
O Centro Social Polivalente acolle a presentación do libro de Tareixa Ledo
O salón de actos do Centro Social Polivalente do Rosal (rúa Cabaqueiros nº 4) foi o marco elixido para presentar mañá, xoves 7 de xullo, o libro de Tareixa Ledo Regal Lidia Senra Rodríguez. A historia dun liderado entrañable, publicado por Edicións Laiovento.
O acto de presentación será ás 12:00 horas, e participará nel, amais da autora do libro, a secretaria de organización do SLG, Lidia Senra Rodríguez; e a secretaria xeral, Carme Freire Cruces.