FAI CLIC E DESCUBRE O NOVO DESEÑO DA WEB CULTURAL NOTICIASOROSAL.ES

Noticias O Rosal estreou o 7 de marzo novo deseño e contidos. Este blog manterase na rede, de momento, ata novo aviso, como complemento á páxina web

A VILA DO ROSAL DESPIDE CON EMOCIÓN A JOSÉ MARTÍNEZ GONZÁLEZ "PEPIÑO BERDEAL"

O ex-funcionario do Concello do Rosal e presidente da Asociación de Comerciantes da vila, era un dos veciños máis apreciados dos últimos tempos

VITORIA DE GABRIEL MARCELLI EN LLEIDA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro vence na categoría júnior na proba valedeira para o “Spa RFME Campeonato de España de Trial Individual 2015”

ACTO DE CLAUSURA DO CURSO DE MONITOR DE FÚTBOL BASE CELEBRADO EN O ROSAL

A Casa Consistorial acolleu a entrega de diplomas e clausura do Curso coa presenza dos coordinadores José Luis Mosquera e Manuel Mosquera.

MÁXIMA EXPECTACIÓN ANTE A CHEGADA DA SEXTA EDICIÓN DA CARPA CARNAVAL DE FORNELOS

Entre outros, actuarán dende o venres 13 ata o martes 17 de febreiro, nestas Festas de Entroido: Traffic House, Dj Carlie, Diego Mei, Vallejo, Micy Dj, etc

A PRAZA DO CALVARIO ACOLLEU A VISITA E RECEPCIÓN DOS REIS MAGOS DE ORIENTE

As Súas Maxestades estiveron durante horas na vila do Rosal repartindo multitude de agasallos a pequenos e maiores, entre eles, libros e lambetadas

A ROMARÍA DE SAN MARTIÑO 2014 EN O ROSAL CELEBROUSE O DOMINGO 30 DE NOVEMBRO

A saída do Santo en procesión dende a igrexa parroquial de Santa Mariña, na Praza do Calvario, ata a súa ermida, foi ás 10:30 horas.

O PILOTO ROSALEIRO GABRIEL MARCELLI PROCLÁMASE TRICAMPIÓN DE ESPAÑA DE TRIAL

Gabriel Marcelli Carballido adxudícase o título tras vencer en Cabanillas de la Sierra (Madrid). Tamén consegue ser Campión Galego por quinta vez.

PRESENTACIÓN DA SEGUNDA EDICIÓN DO EVENTO DEPORTIVO “15K DEL ATLÁNTICO”

A carreira e a andaina 15k del Atlántico celébranse este domingo 5 de outubro percorrendo os concellos de Oia, O Rosal e A Guarda

O ESPECIALISTA DEFENSIVO ARKAITZ VARGAS FICHA POLO ACANOR ATLÉTICO NOVÁS

Na imaxe da presentación, Manolo “Campelo”, Moncho Vicente, Andrés Senra, Daniel Martínez, Arkaitz Vargas, Roberto Fernández e Modesto Augusto

ÉXITO TOTAL DA I EDICIÓN DA ANDAINA E CARREIRA “10K O ROSAL. FEIRA DO VIÑO”

Na imaxe, os gañadores absolutos da carreira 10k O Rosal Feira do Viño. No máis alto do pódium, Nuno Costa e Paula Mayobre. Más info neste enlace.

OS COORDINADORES DO 10K O ROSAL, ENTREVISTADOS NA RADIO MUNICIPAL DE TUI

Os rosaleiros Juan Ramón Martínez Barbosa, Óscar Vicente Rodríguez e Serafín Martínez Acevedo falaron da andaina e da carreira nos estudos da RMT

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIV ANDAINA “VAL DO ROSAL. O PARAÍSO DENDE AS ALTURAS”

Na imaxe, os participantes desta andaina, que visitaron o punto máis alto da vila, nos montes do Campo do Couto e os petroglifos próximos á Fonte do Home.

NOVA VITORIA DE GABRIEL MARCELLI CARBALLIDO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro, imparable, é o favorito para facerse -por terceira vez- co Campionato de España de Trial. As próximas citas, Vila de Cruces e Andorra.

O ROSAL E O ATLÉTICO NOVÁS QUEREN FACER HISTORIA, por Juan Ramón Martínez Barbosa

Artigo do director de Noticias O Rosal, onde fala da Fase de Ascenso á División de Honor Prata do balonmán nacional que se celebra os días 2, 3 e 4 de maio

DEPORTISTAS E CLUBS, HOMENAXEADOS NO II RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO

O pasado sábado 12 de abril o Auditorio Municipal acolleu os premios aos mellores deportistas e clubs da vila. Na imaxe, autoridades e homenaxeados.

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIII ANDAINA O ROSAL. COÑECE O TEU CONCELLO

A vindeira andaina deportivo-cultural pola vila do Rosal celebrarase o vindeiro sábado 10 de maio, con saída dende o Alto da Portela (Marzán)

O 12 DE ABRIL CELÉBRASE O II ACTO DE RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO DO ROSAL

Na imaxe de 2011, na I edición, Gerardo Álvarez (ciclismo), Manolo Armán (balonmán) e Félix Piñel (atletismo) reciben os premios “Mención de Honra”.

ACTUACIÓN DO GRUPO ADREDDE NA FESTA DE ENTROIDO 2014 DE FORNELOS (O ROSAL)

O sábado 1 de marzo achegámonos ata Fornelos para ver en directo a animada actuación do Grupo Adredde e comprobar o ambientazo de Entroido

O LIBRO “MOLINOS” PRESÉNTASE EN PONTEVEDRA CON MENCIÓN ESPECIAL PARA O ROSAL

A nosa vila estivo representada polo alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, así como por Tamuxe e Juan Ramón, autores do libro da historia dos Muíños do Folón-Picón

O ENTROIDO DE FORNELOS 2014, SERÁ, SEN DÚBIDA, DOS MÁIS ESPECTACULARES DA HISTORIA

Impresionante programa de Festas, con orquestras e grupos musicais, actuacións para nenos, Corrida do Galo, Frixidelas e como non, a 5ª edición da CARPA.

O ROSAL HOMENAXEA AO CICLISTA RAÚL FERNÁNDEZ, CAMPIÓN DE GALICIA E DE ESPAÑA

Na imaxe, Raúl Fernández na compaña dos seus compañeiros e directivos do Club Ciclista O Rosal, na recepción ofrecida no Concello.

RAÚL FERNÁNDEZ PROCLÁMASE EN CASTELLÓN CAMPIÓN DE ESPAÑA DE CICLOCROSS

Na imaxe, Raúl, flanqueado á esquerda polo exciclista profesional Serafín Martínez Acevedo e á dereita polo triatleta internacional, Óscar Vicente Rodríguez.

PROXIMAMENTE ANUNCIARASE A DATA DA II RUTA GUIADA ORGANIZADA POR NOTICIAS O ROSAL

A I Ruta Guiada Noticias O Rosal levou aos participantes a coñecer todos os segredos da ruta e historia dos emblemáticos Muíños do Folón e do Picón.

OS REIS MAGOS REPARTEN AGASALLOS A CENTOS DE NENOS/AS EN O ROSAL

Reportaxe fotográfica (máis de 300 imaxes) da visita e recepción na vila do Rosal de Melchor, Gaspar e Baltasar.

NOVO CONXUNTO DE GRAVADOS CRUCIFORMES NO LUGAR DAS CORTES

O historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe fala no seu blog deste achádego, recreación da cruz cristiá (séculos IV-V d. C.)

SERGIO RODRÍGUEZ, NETO DO CABAQUEIRO MANUEL "TRINTIÑA", INAUGURA “O BAR DO TRINTA"

Na imaxe, Serafín Martínez Acevedo (exciclista profesional e emprendedor deportivo), con Sergio (xerente do Bodegón-Tapería Os Seixiños. O Bar do Trinta).

TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

9 mar 2016

Novo deseño da web de Noticias O Rosal. Séguenos en noticiasorosal.es


É un pracer comunicarvos que o luns 7 de marzo de 2016, estreamos novo deseño e contidos en www.noticiasorosal.es

Este mes, como é lóxico, estaremos en período de probas. Se vedes algo que non está correcto ou tedes calquera información ou suxestión, por favor contactade con nós.

Que sepades que, por suposto, seguiremos na mesma liña destes case 8 anos en internet, centrándonos como sempre no ámbito cultural e deportivo da nosa querida vila.

Dende aquí graciñas aos miles de seguidores de www.noticiasorosal.es, que aínda que a páxina está en idioma galego, nos ledes dende todas as partes do mundo.

Unha aperta.


Director de Noticias O Rosal

2 mar 2016

Concerto do grupo "Os Broders" no Bar-Tapería A Competencia (O Rosal)


Na imaxe de arquivo, o xerente Enrique, coa cantante galega Erea Castro. (Foto: J.R.)

Este sábado 5 de marzo, a partir das 20:00 horas, o Bar-Tapería A Competencia, que rexenta José Enrique Rodríguez Vicente, acollerá o xa tradicional concerto do grupo musical "Os Broders", que chegan á nosa vila dende o Barco de Valdeorras (Ourense) e Santiago de Compostela. A entrada é libre.

Javier Costas, atleta de O Rosal, dobre Subcampión Galego junior na Coruña



O atleta rosaleiro Javier Costas, segundo nos comunica o seu equipo, o Club de Atletismo Coruña Comarca, vén de proclamarse o sábado 27 de febreiro, dobre subcampión galego junior de 200 metros e salto de lonxitude.

Javier Costas (1998), adestrado dende este ano polo guardés Sergio Rodríguez Teixeira, "tivo unha actuación sobresaínte no Campionato Galego Junior de Pista Cuberta celebrado no Palacio dos Deportes de Riazor, conseguindo dúas medallas de prata".

Segundo o CACC, "a primeira delas chegaba no concurso de salto de lonxitude, onde cun mellor salto de 5 metros e 91 centímetros aseguraba o segundo posto e o Subcampionato Galego. 

Despois lograba clasificarse para a final dos 200 metros tras vencer na súa semifinal. Xa na gran final, excelente actuación do atleta do Rosal, superando a varios dos favoritos e logrando un crono de 23.43, que supoñen a súa mellor marca persoal e se achega á mínima para o Campionato de España Junior, ademais de conseguir a medalla de prata novamente e outro subcampionato galego".

Preto de 100 afeccionados do Novás apoiarán en Chapela nun choque crucial

Afeccionados do Novás, o pasado ano 2015 en Chapela. (Foto: J.R.)

Tal e como se pode ler no perfil das redes sociais do Acanor Atlético Novás, "por non acadar o mínimo de persoas proposto, o desprazamento en autobús a Chapela queda suspendidoDisculpen as molestias.

A pesar que se cancele a viaxe, os xogadores non estarán sós. Preto dun centenar de afeccionados rosaleiros achegaranse en coches particulares".

1 mar 2016

G. Marcelli afrontou en Mallorca unha das probas máis duras da súa vida

Gabri voando na súa "montesa". (Foto de arquivo RFME: Joan Carles Vázquez)

"El CET Mallorca, uno de los triales más duros en los que llevo participado". Así se expresaba Gabriel Marcelli, o piloto rosaleiro de trial, tras finalizar a súa aventura na proba do Campionato de España de Trial que se celebrou esta fin de semana na localidade balear de Sant Joan e que contou cunha participación total de 82 pilotos.

Proba disto, un extracto da crónica da RFME: "La inestable climatología reinante durante este fin de semana en la Península y Baleares, con lluvia intensa e incluso granizo en ciertos momentos, hizo que tanto el sábado como el domingo la organización estuviera continuamente modificando y adaptando los pasos y nivel de dificultad de todas y cada una de las categorías convocadas por el bien de los pilotos y espectadores".

Finalmente, a vitoria en TR2 foi, como en "La Nucía" para José María Moral, que se impuxo cun total de 42 puntos. Sam Obradó e Marc Riba, con 47 y 48 puntos, respectivamente, secundáronlle no podium. Gabriel Marcelli, nesta ocasión, colleitou un 5º posto final, que o mantén 3º da clasificación xeral.



A vindeira proba do SPEA RFME CET 2016 disputarase o domingo 13 de marzo na localidade alicantina de Bocairent.

¡Ánimo dende Noticias O Rosal, Gabri! ¡Moita sorte... ti podes!

O grupo Xamaraina actuará en O Rosal polo Día Internacional da Muller


Segundo nos comunican dende o Concello do Rosal, o grupo de baile Xamaraina que dirixe Elena Baz Rodríguez, actuará este sábado 5 de marzo a partir das 20:00 horas no Auditorio Municipal do Rosal con motivo do Día Internacional da Muller (8 de marzo).

O Acanor Atlético Novás quere tinguir de vermello o pavillón de Chapela


O club Acanor Atlético Novás de balonmán, que preside Andrés Senra e que actualmente ocupa a 3ª posición en Liga, disputará o sábado 5 de marzo en Chapela (Redondela, 18:30 h) a xornada 22 da Primeira Nacional fronte ao potente Construcciones Castro.


O Novás, no caso de que se apunten un mínimo de 40 persoas, fletará dende a Praza do Calvario o "Bus da afección" por un prezo de bus+entrada: 10 € para socios e 12 € para non socios. Pódese reservar prazas no teléfono: 660 928 686.



Con motivo deste trascendental partido, rescatamos novamente as recentes declaracións de Sergio Diego "Frony", un "peso pesado" da fiel afección rosaleira: 


"¡Bueno balonmaneros novaseiros rosaleiros/as, non valen escusas! Comeza a conta atrás para "Chapela on tour", outro partidazo e oportunidade de engancharnos a ese tren que tanto desexamos e nos ilusiona. Pero para iso non debemos fallar e unha vez máis, empezando pola grada, pola nosa afección, que somos moitos e os mellores e estou segurísimo que así será.

Se por algo nos caracterizamos é por non rendirnos nunca e estar sempre aí. Estamos aí e seguimos estando vivos, aínda que nos den por k.o. e SI SE PODE! O ano pasado estábamos parecidos e dábannos por mortos, pero confiamos e seguimos xuntos e ao final ese esforzo e unión tivo a súa recompensa. E nesa mesma cancha, precisamente ese empate que parecía unha derrota foi o que ao final nos meteu dentro. Así que sábado non faltedes e imos alá! "Chapela on tour".

Axustade caixas, bombos, pandeiretas, bufandas, etc que isto empeza en 3, 2, 1...

O club favorecerá o desprazamento unha vez máis como non pondo AUTOBÚS para quen quiera facelo por esta vía. Así que xa sabedes a enchelo XA! E unha vez máis volveremos a ser grandes. Estou segurísimo. Tiñamos Chapela de vermello e comecemos gañando xa en colorido e masa para alcanzar 2 puntos de ouro e que nos manterán vivos no soño e na ilusión. AÚPA NOVÁS!"

29 feb 2016

O Rosal acolle este 1 de marzo a inauguración da cafetería Val Rosal Trintiña


A cafetería Val Rosal Trintiña, situada no casco urbán do Calvario, abre por vez primeira as súas portas hoxe, martes 1 de marzo de 2016, a partir das 8:30 horas da mañá, "con rico café e almorzo".

Este céntrico local, que estará rexentado polo rosaleiro Dani Rodríguez "Trinta" e a súa moza, Celia Carrera, obsequiará cuns pinchos a todos, das 18:00 horas en diante, celebrando desta maneira a inauguración oficial.


Segundo confesan a Noticias O Rosal os seus xerentes, "quen decida visitarnos pola semana poderá catar coa súa consumición o noso sabroso xamón ou ben elixir entre varios pinchos diarios. O domingo, teremos exquisitos callos".

Unha das novidades máis salientables do bar-cafetería de Dani e Celia, é sen dúbida, aparte do xogo das cartas, o dominó ou o xadrez, a presenza dunha mesa de billar, que será gratuíta para os seus clientes.

Recalcan igualmente que no Val Rosal Trintiña televisaranse encontros deportivos de todas as modalidades, con especial atención ao fútbol, ao motociclismo e mesmo á Fórmula 1.



Dani e Celia queren mostrar publicamente a súa gratitude "a toda a xente que nos axudou a preparar e decorar o local. Grazas de verdade".

¡Dende Noticias O Rosal, moita sorte nesta aventura aos nosos veciños. Vémonos na inauguración!

23 feb 2016

O Rosal celebra o I Torneo de Fútbol Sala organizado polo Acanor Atl. Novás



O Acanor Atlético Novás que preside Andrés Senra, vén de anunciar que organizará os días 24 e 25 de marzo o seu primeiro Torneo de fútbol sala, no pavillón municipal do Rosal.

Xa se poden realizar as inscricións de equipos, cun máximo de 10 xogadores e unha cuota de inscrición de 60 €.

O torneo "levarase a cabo si se apuntan un mínimo de 12 equipos. O máximo será de 20".

Os premios deste I Torneo "serán de 150, 100 e 50 € para o primeiro, segundo e terceiro clasificado respectivamente" co seu correspondente trofeo.

Máis información no teléfono: 619 309 458.


O Auditorio do Rosal acolle o día 28 o Festival de Coros Infantís e Xuvenís


A Agrupación Musical do Rosal segue organizando e realizando diferentes actos de celebración do seu 30º Aniversario. 

Este domingo 28 de febreiro a partir das 18:00 horas, o Auditorio da vila acollerá o Festival de Coros Infantís e Xuvenís, coa participación do Coro Infantil da Agrupación Musical do Rosal, o Coro Infanto-Juvenil de Vila Nova de Cerveira e o Coro de Voces Brancas Medio Tempo.

A entrada é libre.

22 feb 2016

Unha empresa rosaleira apoiará a Damián Alonso no Campionato do Mundo

Foto: Damián Alonso / facebook

O remeiro guardés Damián Alonso vén de contactar con Noticias O Rosal para comunicarnos que a empresa da vila, Ecogalaico Innovación S.L., dos irmáns Javi e David Sousa, será un dos seus patrocinadores no Campionato do Mundo de Remoergómetro que se celebrará esta fin de semana en Boston (EEUU).

Segundo afirma Damián, os empresarios rosaleiros "axudaranme nesa aventura" e por iso o actual campión de Europa da modalidade quere agradecer publicamente a súa colaboración. 

¡Dende Noticias O Rosal, moita sorte!


A Feira de San Gregorio 2016 en Pías celebrarase os días 12 e 13 de marzo


A Feira de San Gregorio 2016 en Pías (O Rosal), tal e como reza o cartel, celebrarase o sábado 12 e o domingo 13 de marzo.

Iso si, o X Torneo da Cachiza Pías-San Gregorio terá lugar o sábado 5 de marzo ás 15:30 horas na Alameda de Pías. Para inscribirse podedes chamar ao teléfono 606 837 304 (Sergio). A festa estará amenizada polo grupo "Coro Fuscalheiro".


A inauguración oficial da Feira será o sábado 12 de marzo ás 17:00 horas, previa actuación do grupo de gaitas A Boalleira. 

Celebraranse o XIX Evento gastronómico rosca de roxóns ou o II Concurso veciñal da tortilla de pataca. Haberá obradoiros infantís de maquillaxe, globoflexia, xogos, etc.

Ás 20:30 horas, actuación do monologuista Oswaldo Digón.

Xa o domingo 13 de marzo, polbo á feira durante todo o día, con nova actuación de A Boalleira. A partir das 17:00 horas, actuará o Mago Xacobe.



O grupo de folk Os Carunchos ofrecerá un concerto a partir das 19:00 horas.

Como é tradicional, haberá diferentes exposicións de encaixe, paillo e palillada, de "arquitectura en polispán", "mesas singulares" ou de fotografía, esta a cargo de Alberte Pereira (exconcelleiro do Rosal). Así mesmo, a XI Feira de Artesanía.

O domingo, ás 12:00 horas, celebrarase a misa solemne con sermón e procesión, acompañada do grupo A Boalleira.

O grupo de teatro Agarimo de Vigo presentará en O Rosal "Breve-Mente"


Tal e como se informa dende o Concelllo, Agarimo Teatro de Vigo actuará de novo na nosa vila presentando a obra Breve-Mente. Será este sábado 27 de febreiro ás 19:30 horas no Auditorio Municipal do Rosal. 

Breve-Mente é apta para todos os públicos, dura 90 minutos e conta con 5 esceas:  A Aposta, A Pitonisa, Honra e Vinganza, Auténticas, Fifty fifty e Xaque á Dama.



17 feb 2016

O extremo esquerdo Isma Rodríguez "ascende" ao primeiro plantel do Novás

Foto: Acanor Atlético Novás

Segundo se pode ler no perfil oficial da rede social facebook do Acanor Atlético Novás, "Isma Rodríguez pasa a formar parte unicamente do primeiro plantel tras acadar os 10 encontros permitidos para xogadores de idade senior.

O extremo, nado en 1991, anotou 12 tantos nas súas convocatorias co equipo de Primeira Nacional, e estaba a ser un dos xogadores máis destacados no filial.

Agora, centrado no equipo que dirixen Jota e Jimy, tentará facerse valer compartindo posición cos capitáns Victor Armán e David Lechuga".

¡Dende Noticias O Rosal, noraboa e moita sorte!

Conferencia no Rosal sobre a relación entre as emocións e as enfermidades


Segundo informa a Asociación Érguete Baixo Miño "los jueves días 18 y 25 y los viernes días 19 e 26 de febrero hablaremos de ¿Para que enferma tu cuerpo? Las relaciones entre las emociones y las enfermedades. Están dirigidas a todas las personas que quieran descubrir un enfoque integrador de la salud".

A poñente será a especialista en PNL, Mª Jesús Alfonso Amoedo, psicoterapeuta, formadora e creadora dende o ano 1991.

Velaquí vos deixamos os horarios destas conferencias, que o venres 26 se celebrarán en O Rosal:

"-Jueves 18 de febrero en la Casa de la Cultura de Tomiño; Lugar a Rocha, 13 - Tomiño
-Viernes 19 de febrero en el Centro Cultural de A Guarda; Rosalía de Castro, 14 - A Guarda
-Jueves 25 de febrero en el Auditorio Ángel Bedriñana de Baiona; Carabela Pinta, 11 bajo (Plaza Abastos) - Baiona
-Viernes 26 de febrero en la Sala de Exposiciones (bajo del Concello) de O Rosal; Plaza del Calvario, 1 - O Rosal".

* Horario: todas ás 8 da tarde
* Custe: Gratis

16 feb 2016

O Rosal celebra o Día na honra de Rosalía de Castro na Biblioteca Municipal


O Concello do Rosal, a través concellaría de Cultura que preside Charo Tabales Perozo, convida a compartir a obra e o Día de Rosalía de Castro (24 de febreiro) na Biblioteca Municipal, a partir das 19:30 horas.

Máis información do Día de Rosalía de Castro, aquí.

Roberto Rodríguez "Harris", é o novo "Pichichi" do Acanor Atlético Novás



Roberto Rodríguez Vicente "Harris" é o novo máximo goleador do Acanor Atlético Novás de balonmán con 84 tantos, tras dezanove xornadas disputadas.

O lateral dereito de O Rosal sácalle unha vantaxe de 7 goles ao seu compañeiro Alex Tsybanev (2º) e 10 a Miguel Sío (3º con 74 goles)

Segundo se pode ver nas redes sociais do Novás, estes son os máximos goleadores do equipo:

"PICHICHI" DO ACANOR ATLÉTICO NOVÁS

1. Roberto 'Harris' - 84g.
2. Alex Tsybanev - 77g.
3. Miguel Sío - 74g.
4. Iago Flores - 64g.
5. Manu Martínez - 47g.
6. David Lechuga - 40g.
7. Miguel Trigo - 38g.
8. Víctor Armán - 31g.
9. Sergey Tsybanev e César Armán - 24g.
10. Jorge Pousa e Dani Pintus - 18g.
11. Carlos Rodríguez - 14g.
12. Isma Rodríguez - 12g.
13. Noé Treinta e Jorge Teixeira - 4g.
14. Gabri Lomba - 3g.

15 feb 2016

Dous ciclistas rosaleiros preséntanse co equipo G.D. Supermercados Froiz

Imaxe do selfie dos corredores do Froiz, captada polo obxectivo de Mónica Patxot

Os ciclistas rosaleiros Álex Lomba Rodríguez e Raúl Fernández Lorenzo veñen de presentarse o pasado venres 12 de febreiro co seu equipo, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, nun acto celebrado na Deputación de Pontevedra.

Entre os asistentes, segundo Pontevedraviva.com, estaba o "patrón" do equipo, Magín Froiz, a presidente provincial Carmela Silva, a deputada de Deportes, Chelo Besada ou mesmo o ex director do Xacobeo Galicia, Álvaro Pino.

Foto de equipo, con Álex (3º de pé, abaixo) e Raúl (arriba, 1º pola dereita). Imaxe: M. P.

Segundo o artigo de Diego Espiño e Mónica Patxot, esta tempada que está a piques de comezar "é a número 28 do equipo pontevedrés, sendo o segundo equipo nacional máis lonxevo, profesionais incluído, só superado polo Baqué vasco".

Máis info, aquí

10 feb 2016

A U.D. Ribera sénior vence na Mata ao líder Mos con gol de Nico Ortega

Nico Ortega. (Foto: U.D. Ribera)

Os afeccionados que asistiron esta pasada fin de semana ao Estadio Municipal da Mata disfrutaron da importante vitoria da U.D. Ribera fronte ao líder da categoría, o Mos


O veterano xogador rosaleiro Nico Ortega conseguiu perforar a meta mosense e anotou o gol do triunfo, que coloca ao club da vila en 5ª posición da táboa da Segunda Autonómica (Grupo XIII).



Destacar, entre outros resultados, que o equipo feminino venceu tamén na Mata, 2-0 ao Olivo Vigo, con goles de Laura Dacuña e Marce.

Acanor Atlético Novás e Conrazones: balonmán e solidariedade en O Rosal


O Acanor Atlético Novás xoga este sábado 13 de febreiro (18:00 horas) no pavillón municipal do Rosal, fronte ao penúltimo clasificado, o Balonmán Artabro, en partido correspondente á xornada 19.

Tal e como se pode ler nas redes sociais do club da vila que preside Andrés Senra "tras dúas semanas consecutivas con desprazamentos e as súas respectivas vitorias regresa o balonmán de Primeira Nacional a O Rosal, xusto antes de meterse de cheo no tramo máis complicado da competición (Calvo Xiria, Balonmán Luceros e Construcciones Castro Chapela)".


O Acanor volve a amosar a súa cara máis solidaria abrindo as portas á asociación sen ánimo de lucro Conrazones, que colabora coas familias máis necesitadas do Baixo Miño. Entregando o teu kilo de alimentos estarás colaborando cunha boa causa e ademais recibirás unha entrada.

Verónica Pérez, judoka de O Rosal de 12 anos, Campiona da Copa de España


Tal e como informa a Noticias O Rosal a súa adestradora, Mónica Pacheco Lomba, a xovencísima judoka rosaleira Verónica Pérez vén de conseguir a súa segunda medalla de ouro na Copa de España "A" infantil que se celebrou este pasado sábado 6 de febreiro en Santiago de Compostela.

Verónica -que gañou na final á madrileña María Moreno de la Llave- e aínda en primeiro ano infantil, lidera xa o ranking nacional na categoría de menos de 40 kg. Este é, sen dúbida, un novo éxito na curta carreira deportiva da rosaleira tras vencer en novembro na Supercopa de España, que tivo lugar en Avilés.

Verónica no máis alto do podium. (Foto: Federación Galega de Judo)

A judoka de O Rosal, tras estas dúas medallas de ouro, consegue o pase directo para participar no Campionato de España que se celebrará o vindeiro mes de maio.

¡Dende Noticias O Rosal, a nosa noraboa tanto a Verónica como a Mónica e moita sorte para as futuras competicións!

2 feb 2016

O Concello do Rosal contratará a 16 desempregados/as a xornada completa


Informa: Concello do Rosal

PLAN PROVINCIAL DE OBRAS E SERVIZOS – LIÑA 4 (DEPUTACIÓN)

O Plan Provincial de Obras e Servizos da Deputación de Pontevedra para o ano 2016, na súa liña destinada ó emprego, financiará a contratación de 16 desempregados/as para o concello do Rosal, a xornada completa, e por distintos períodos que van dende os catro ós nove meses.

Mentres que a Deputación financiará os gastos salariais e de seguridade social, o Concello farase cargo dos gastos referidos ás liquidacións por fin de contrato, á formación en prevención de riscos laborais, á roupa de traballo e aos equipos de protección individual necesarios, así como á vixiancia da saúde dos traballadores/as.

Os/as traballadores/as que sexan contratados/as para realizar as obras ou prestar os servizos polos que se outorgue a subvención deberán ser persoas desempregadas, non perceptoras de prestacións ou perceptoras de prestacións sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia (RISGA, RAI, PREPARA e outros similares), inscritas na Oficina de Emprego de Tui.

As ocupacións que o concello solicitará á Oficina de Emprego son as que seguen: OFICIAIS 2ª ALBANEIS (7 postos: 4 durante oito meses e 3 durante 4 meses); MOZOS DE RECOLLIDA DE LIXO (5 postos: 2 durante nove meses, 2 durante oito meses e 1 durante catro meses); CONDUCTORES DE CAMIÓN, EN XERAL (2 postos durante seis meses); ORDENANZA (1 posto durante oito meses); ASISTENTE DOMICILIARIO (1 posto durante oito meses)

A maiores, dentro do Plan de Práctica Laboral da Deputación tamén se convocaron dúas bolsas para o Concello do Rosal, en concreto, unha para un titulado no Ciclo Superior de Administración e Finanzas e outra para un graduado en Arquitectura. 

O Rosal coloca o primeiro columpio para nenos/as discapacitados do BM


Informa: Concello do Rosal

O Concello do Rosal coloca o primeiro columpio para nenos e nenas discapacitados no Baixo Miño. Situado no parque de Pías, con esta medida -afírmase- "pretendemos contribuír á eliminación de barreiras que impiden disfrutar dos lugares de lecer a todos e todas. Seguiremos traballando para mellorar estes espazos".

29 ene 2016

O rosaleiro Marcos Dorado afronta novos retos co Balonmano Torrelavega

Fotos: Guillermo Alonso // BM Torrelavega

O pivote de O Rosal, Marcos Dorado (ex do Novás e do Teucro), afronta co seu novo equipo BM Torrelavega (Primeira Nacional) o "tramo máis duro da costa de xaneiro cunha dobre xornada a domicilio".

Segundo se pode ler na web do conxunto cántabro, xogará dous partidos en dous días, este sábado 30 e o domingo 31 de xaneiro: "Además de enfrentarse al Vinosvetusta.com Villa de Aranda, la escuadra naranja recuperará la fecha perdida ante el BM Carabanchel. Dos encuentros consecutivos que medirán a los de Soto contra el equipo más goleado de la liga y con el que mejor guarda su portería".

¡Dende Noticias O Rosal, moita sorte, Marcos!

28 ene 2016

As Festas de Tabagón inícianse este venres 29 coa Subida do Artístico Arco



Esta fin de semana (29, 30 e 31 de xaneiro) celébranse en San Xoán de Tabagón as Festas na honra da Saúde e San Brais.

Venres 29 de xaneiro

Ás 13:00 horas, gran tirada de fogos. A partir das 15:00 horas, o grupo Os Terribles de Tomiño percorrerá o pobo e amenizará ás 18:00 horas a Subida do Artístico Arco*.

Xa ás 20:00 horas, animado ambiente coa actuación do Grupo Adredde.


Pequeno vídeo extraído do programa de TVE "Desde Galicia para el mundo" (1996)

Sábado 30 de xaneiro

Ás 11:00 horas, pasarrúas do grupo Virxe do Alivio
Ás 12:00 horas, misa solemne na honra de San Brais, con sermón e procesión.
A partir das 18:00 horas, presentación das orquestras Jerusalén, Atenas e T.BM.

Domingo 31 de xaneiro

Ás 11:00 horas, novo pasarrúas do grupo Virxe do Alivio. 
Ás 12:00 horas, misa solemne na honra da Virxe da Saúde, con sermón e procesión.
A partir das 18:00 horas, chocolate gratis para todos e inchables para os nenos/as.

*O Artístico Arco de Tabagón, tamén chamado "maio", quizais en lembranza da diosa "Maya" coincidindo coa chegada da primavera. Na actualidade e dende principios do século XIX levántase para conmemorar as festas relixiosas na honra da Nosa Señora da Saúde e San Brais. Nas últimas décadas vén sendo autor do seu deseño o colaborador e debuxante tabagonés Ángel Pérez, que cada ano é o encargado de que o artístico arco sexa diferente e novidoso. Moitos destes "maios" aluden a un acontecemento ou conmemoración de carácter universal. Este tipo de arco-maio é algo único non só no Baixo Miño senón aínda en toda a provincia de Pontevedra.

27 ene 2016

O equipo de Manolo Armán enfróntase en O Rosal ao filial da S.D. Teucro


Segundo se pode ler nas redes sociais, equipo de Primeira Autonómica do Acanor Atlético Novás "afronta un choque importante este sábado 30 de xaneiro (O Rosal, 16:30 h), no que reciben ao líder, o filial da S.D. Teucro".

O equipo que dirixe Manolo Armán (de pé, á dereita da imaxe) "atópase en plena escalada, e coa do sábado pasado son catro vitorias consecutivas en liga que o sitúan na sexta posición ao remate da primeira volta".

Recalcan dende o club da vila que "a cita deste sábado servirá para comprobar o nivel do equipo e se é posible aspirar a cotas maiores, por iso dende a directiva facemos un chamamento a afección para que apoien ao noso filial".

Lucía Ameal, porteira da U.D. Ribera, convocada coa Selección Galega Sub-12

Lucía Ameal. Foto: U.D. Ribera

Segundo podemos ler na web da U.D. Ribera de O Rosal, a gardameta Lucía Ameal Pereira vén de ser convocada coa Selección Galega de fútbol para preparar o Campionato Nacional de Seleccións Autonómicas Sub-12, que terá lugar en Andalucía do 22 ao 24 de abril deste ano 2016.

¡Dende Noticias O Rosal, a nosa noraboa!

A Jalleira Afea promove no Baixo Miño unha moción en apoio do SPDCIF


Informa: A Jalleira Afea

Moción a favor do SPDCIF (Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais).

A asociación A Jalleira promove na comarca do Baixo Miño unha moción en apoio do servizo público de incendios forestais, a raíz da iniciativa impulsada pola asociación de profesionais do SPDCIF (APROPIGA), que xa ten aprobado a moción noutros concellos de Galicia e Deputación de Pontevedra.

A Jalleira presenta nos concellos da comarca esta moción, mostrando así, o seu apoio ós compañeiros que desempeñan unha labor tan pouco valorada social e institucionalmente.

Entre as reivindicacións cabe destacar a creación da categoría profesional de Bombeiro Forestal e a aposta por un servizo único e público de prevención e extinción de incendios.

Esta moción presentouse nos concellos do Baixo Miño, e nesta semana levarase a pleno o xoves 28 en Oia e Tui, venres 29 na Guarda e o sábado 30 no Rosal. Invitamos a todo aquel interesado a asistir ós plenos en cada concello para mostrar o seu apoio a esta moción.

A Jalleira, por e para o monte.

Velaquí vos deixamos a moción íntegra:


SOLICITUDE DE APOIO ÓS TRABALLADORES DO SPDCIF

Os traballadores do SPDCIF (Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais), pertencente á Consellería do Medio Rural e do Mar, vémonos na obriga de denunciar a situación na que se atopa o Servizo Público do que formamos parte e por cuxa defensa nos expresamos co fin de que se coñeza cal é situación na que nos atopamos e solicitar, á súa vez,  o apoio da sociedade galega no seu conxunto e, así mesmo, o das institucións e organizacións representativas da mesma. 

O Spdcif foi sempre un modelo de referencia en toda España, tanto pola súa efectividade como polo seu carácter de servizo cen por cen público ó servizo da cidadanía na protección do medio natural de Galicia. Fronte a esta realidade, atopámonos na actualidade cun modelo de prevención e extinción e incendios fragmentado a través dun complexo entramado de organismos, empresas e institucións, que está prexudicando gravemente a eficiencia do que sempre foi un servizo público de contrastada eficacia.

O desmantelamento paulatino do Spdcif con estas políticas de disgregación progresiva dunha parte do dispositivo e a privatización doutra, está a comprometer o traballo dos profesionais na defensa do medio natural en Galicia ó non recoñecer a nosa labor profesional como bombeiros forestais, ó precarizar ás condicións nas que traballamos ou ó negarnos a estabilidade laboral. Así mesmo, consideramos que, non só se está a desprezar o noso traballo por  non ser considerados un corpo de emerxencias senón que, ademais,  estase a desaproveitar o verdadeiro potencial do Spdcif e os seus profesionais no eido das emerxencias no rural.
Diante desta situación de emerxencia, ós profesionais, decidimos solicitar o apoio da sociedade galega dende a firme convicción da nosa defensa do Spdcif como servizo público ó servizo da cidadanía xa que consideramos que, agora mesmo, atópase en verdadeiro perigo de extinción. Dende estas premisas, os traballadores do Spdcif SOLICITAMOS O SEU APOIO nas nosas reivindicacións e que son as seguintes: 

- RECOÑECEMENTO DA CATEGORÍA DE BOMBEIRO FORESTAL
Este recoñecemento  supón darlle valor á labor que desenvolvemos na defensa dos nosos montes, do medio natural e da cidadanía facendo visible ó noso traballo; que se nos valore social e institucionalmente;  que se nos forme dacordo coas necesidades específicas do noso traballo como corpo de emerxencias; que se establezan medidas adecuadas e eficaces no eido da prevención de riscos; así como o recoñecemento da natureza penosa, perigosa, tóxica e insalubre o noso traballo diante da Seguridade Social.

- DEFENSA DO SPDCIF COMO SERVIZO ÚNICO DE PREVENCIÓN E EXTINCIÓN DE INCENDIOS
É necesario voltar a un servizo público, único e profesionalizado de prevención e extinción de incendios forestais como mellor garante de que se está a prestar o mellor servizo e rematar, dunha vez, coa fragmentación e a privatización que nunca deberon iniciarse xa que só se basean en intereses que non benefician ó noso medio natural. Un Servizo Público, a cuxos profesionais, lles sexa recoñecida a labor que xa desenvolven nas emerxencias en Galicia, como tal corpo, o que redundará no adecuado desenvolvemento das potencialidades no eido das emerxencias do rural que, na actualidade, non temos.

- CONVOCATORIA DUNHA OFERTA PÚBLICA DE EMPREGO E COBERTURA DE VACANTES
É necesaria a cobertura de todas as vacantes que actualmente hai no Spdcif rematando, así, coa progresiva amortización de prazas co único fin de ir desmantelando pouco a pouco este servizo público. Igualmente, é necesario que haxa unha inmediata convocatoria da Oferta Pública de Emprego para todo o Spdcif que remate coa precariedade e incerteza na que se atopan un elevado número de profesionais interinos do Spdcif. 

- ESTABILIDADE LABORAL E PROFESIONAL
No camiño da profesionalización do Spdcif é necesario garantir a estabilidade laboral dos seus traballadores. É necesario solucionar a problemática dos fixos descotinuos de 9 meses para darlles continuidade ata os 12 meses e poder realizar eficazmente as labores de prevención que ten asignadas este Servizo. É necesario ampliar o tempo de contratación dos traballadores de 3 meses para establecer o equilibrio entre estabilidade laboral, profesionalización e necesidades específicas de persoal. É necesario abordar a modificación do Decreto de Listas que regula a cobertura de prazas con carácter transitorio e a contratación temporal de persoal laboral do Spdcif para atender ás peculiaridades e necesidades específicas deste servizo garantindo unha mellor xestión e fluidez delas e atendendo especificamente a problemática dos traballadores por elas regulados.

POR TODO O ANTERIORMENTE EXPOSTO, SOLICITAMOS O SEU APOIO A ESTAS PETICIÓNS QUE CONSIDERAMOS XUSTAS.

Alex Tsybanev, máximo goleador do Acanor Atlético Novás con 72 goles

Alex, a punto de materializar un lanzamento de "sete metros". Foto: J.R.


Alex Tsybanev é o máximo goleador do Acanor Atlético Novás de balonmán con 72 goles, tras dezaseis xornadas disputadas da liga de Primeira Nacional.

Velaquí deixamos a táboa de goleadores do club do Rosal:

1. Alex Tsybanev - 72g
2. Roberto 'Harris' - 66g
3. Miguel Sío - 63g
4. Iago Flores - 52g
5. Manu Martínez - 38g
6. Miguel Trigo - 37g
7. David Lechuga - 36g
8. Víctor Armán - 24g
9. César Armán - 22g
10. Carlos Rodríguez, Dani Pintus, Sergey Tsybanev e Jorge Pousa - 13g
11. Isma Rodríguez - 9g.
12. Noé Treinta - 4g.
13. Gabri Lomba - 3g.

Por outra banda, estes foron os resultados das diferentes categorías do Acanor Atlético Novás nesta pasada fin de semana.



Os cadetes e xuvenís do Acanor Novás rematan a Liga Regular na 5ª praza


Información e imaxes: Acanor Atlético Novás

As categorías cadete e xuvenil remataron a fin de semana pasada a liga regular. Ambos equipos, que dirixen Víctor Armán e Nikolai Tsybanev respectivamente, finalizaron a competición doméstica ocupando a quinta praza, o que os deixou fóra da loita polo ascenso.

Nos próximos días sortearase o calendario da Copa Federación Galega, na que participan os 16 equipos non clasificados para o ascenso. Esta liguilla comezará a fin de semana do 7 de febreiro. 

Incentivo económico por diminuir e previr a sinistralidade laboral no Rosal



O Concello do Rosal acaba de recibir un incentivo económico por importe de 1.612,29 €, con cargo ao Fondo de Continxencias Profesionais da Seguridade Social.

Tal aportación se fai ao amparo do Real Decreto 404/2010, de 31 de marzo, polo que se regula o establecemento dun sistema de redución das cotizacións por continxencias profesionais ás empresas que teñan contribuído especialmente á diminución e prevención da sinistralidade laboral.

O incentivo irá destinado a continuar nesa liña de mellora da seguridade e saúde dos traballadores do concello, implementando novos medios materiais de prevención e continuando coa concienciación dos empleados públicos neste ámbito.

26 ene 2016

Este sábado 30, Festival de bandas infantís e xuvenís no Auditorio do Rosal


Informa: Agrupación Musical do Rosal

A Agrupación Musical do Rosal comprácese en convidalos ao Festival de Bandas Infantís e Xuvenís que terá lugar no Auditorio do Rosal este sábado día 30 de xaneiro ás 19:00 h.

Éste será o primeiro acto dun ano que virá cargado de actividades xa que a Agrupación celebra neste 2016 o seu 30º aniversario.

Nesta ocasión ademais da "Minibanda" e da nosa Banda Infantil, que serán as anfitrionas, participarán os nosos veciños da Banda-Escola da Unión Musical de Mougás e o Grupo Jovem da Banda Bingre Canalense de Estarreja (Portugal), que nos devolve a actuación que O Rosal fixo en dita localidade portuguesa.

A Jalleira Afea convoca Asemblea Xeral e organiza unha saída ao río da Cal


A Jalleira Afea (Asociación Forestal e de Educación Ambiental) que preside a rosaleira Nuria Castro Martínez convoca e convida a socios/as e ao público en xeral á Asemblea, que terá lugar o sábado 30 de xaneiro (17:00 horas) no Salón de Exposicións do Rosal.

Igualmente, ao día seguinte, domingo 31 de xaneiro e coa colaboración da Comunidade de Montes de Santa Mariña, haberá unha plantación no río da Cal. A saída será ás 9:00 horas dende a explanada do Folón, en Martín.

Máis información en ajalleira@gmail.com

A 7ª edición de "A Carpa Carnaval de Fornelos" promete festa "non stop"


O vindeiro venres 5 de febreiro, dará comezo a sétima edición de "A Carpa Carnaval de Fornelos" en O Rosal, con motivo das tradicionais Festas de Entroido.

Os organizadores do evento, Pablo Pérez, Riky Vicente, Óscar Castro e compañía, supéranse ano tras ano, garantindo aos asistentes á Carpa "5 días de festa non stop, 5 días coa mellor música".

O venres 5, inauguran o espectáculo Groove Amigos, We Are Partyners e André Goberna.

O sábado 6, quenda para David Correa.

O domingo 7: Traffic House, Dümore e Diego Wass.

O luns 8: volve David Correa acompañado por Dj Charlie.

O martes 9: Fin de Festa.

Segundo se pode ler no facebook de "A Carpa Carnaval Fornelos", as "sessions" comezarán todos os días a partir das 0:00 horas.