FAI CLIC E DESCUBRE O NOVO DESEÑO DA WEB CULTURAL NOTICIASOROSAL.ES

Noticias O Rosal estreou o 7 de marzo novo deseño e contidos. Este blog manterase na rede, de momento, ata novo aviso, como complemento á páxina web

A VILA DO ROSAL DESPIDE CON EMOCIÓN A JOSÉ MARTÍNEZ GONZÁLEZ "PEPIÑO BERDEAL"

O ex-funcionario do Concello do Rosal e presidente da Asociación de Comerciantes da vila, era un dos veciños máis apreciados dos últimos tempos

VITORIA DE GABRIEL MARCELLI EN LLEIDA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro vence na categoría júnior na proba valedeira para o “Spa RFME Campeonato de España de Trial Individual 2015”

ACTO DE CLAUSURA DO CURSO DE MONITOR DE FÚTBOL BASE CELEBRADO EN O ROSAL

A Casa Consistorial acolleu a entrega de diplomas e clausura do Curso coa presenza dos coordinadores José Luis Mosquera e Manuel Mosquera.

MÁXIMA EXPECTACIÓN ANTE A CHEGADA DA SEXTA EDICIÓN DA CARPA CARNAVAL DE FORNELOS

Entre outros, actuarán dende o venres 13 ata o martes 17 de febreiro, nestas Festas de Entroido: Traffic House, Dj Carlie, Diego Mei, Vallejo, Micy Dj, etc

A PRAZA DO CALVARIO ACOLLEU A VISITA E RECEPCIÓN DOS REIS MAGOS DE ORIENTE

As Súas Maxestades estiveron durante horas na vila do Rosal repartindo multitude de agasallos a pequenos e maiores, entre eles, libros e lambetadas

A ROMARÍA DE SAN MARTIÑO 2014 EN O ROSAL CELEBROUSE O DOMINGO 30 DE NOVEMBRO

A saída do Santo en procesión dende a igrexa parroquial de Santa Mariña, na Praza do Calvario, ata a súa ermida, foi ás 10:30 horas.

O PILOTO ROSALEIRO GABRIEL MARCELLI PROCLÁMASE TRICAMPIÓN DE ESPAÑA DE TRIAL

Gabriel Marcelli Carballido adxudícase o título tras vencer en Cabanillas de la Sierra (Madrid). Tamén consegue ser Campión Galego por quinta vez.

PRESENTACIÓN DA SEGUNDA EDICIÓN DO EVENTO DEPORTIVO “15K DEL ATLÁNTICO”

A carreira e a andaina 15k del Atlántico celébranse este domingo 5 de outubro percorrendo os concellos de Oia, O Rosal e A Guarda

O ESPECIALISTA DEFENSIVO ARKAITZ VARGAS FICHA POLO ACANOR ATLÉTICO NOVÁS

Na imaxe da presentación, Manolo “Campelo”, Moncho Vicente, Andrés Senra, Daniel Martínez, Arkaitz Vargas, Roberto Fernández e Modesto Augusto

ÉXITO TOTAL DA I EDICIÓN DA ANDAINA E CARREIRA “10K O ROSAL. FEIRA DO VIÑO”

Na imaxe, os gañadores absolutos da carreira 10k O Rosal Feira do Viño. No máis alto do pódium, Nuno Costa e Paula Mayobre. Más info neste enlace.

OS COORDINADORES DO 10K O ROSAL, ENTREVISTADOS NA RADIO MUNICIPAL DE TUI

Os rosaleiros Juan Ramón Martínez Barbosa, Óscar Vicente Rodríguez e Serafín Martínez Acevedo falaron da andaina e da carreira nos estudos da RMT

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIV ANDAINA “VAL DO ROSAL. O PARAÍSO DENDE AS ALTURAS”

Na imaxe, os participantes desta andaina, que visitaron o punto máis alto da vila, nos montes do Campo do Couto e os petroglifos próximos á Fonte do Home.

NOVA VITORIA DE GABRIEL MARCELLI CARBALLIDO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro, imparable, é o favorito para facerse -por terceira vez- co Campionato de España de Trial. As próximas citas, Vila de Cruces e Andorra.

O ROSAL E O ATLÉTICO NOVÁS QUEREN FACER HISTORIA, por Juan Ramón Martínez Barbosa

Artigo do director de Noticias O Rosal, onde fala da Fase de Ascenso á División de Honor Prata do balonmán nacional que se celebra os días 2, 3 e 4 de maio

DEPORTISTAS E CLUBS, HOMENAXEADOS NO II RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO

O pasado sábado 12 de abril o Auditorio Municipal acolleu os premios aos mellores deportistas e clubs da vila. Na imaxe, autoridades e homenaxeados.

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIII ANDAINA O ROSAL. COÑECE O TEU CONCELLO

A vindeira andaina deportivo-cultural pola vila do Rosal celebrarase o vindeiro sábado 10 de maio, con saída dende o Alto da Portela (Marzán)

O 12 DE ABRIL CELÉBRASE O II ACTO DE RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO DO ROSAL

Na imaxe de 2011, na I edición, Gerardo Álvarez (ciclismo), Manolo Armán (balonmán) e Félix Piñel (atletismo) reciben os premios “Mención de Honra”.

ACTUACIÓN DO GRUPO ADREDDE NA FESTA DE ENTROIDO 2014 DE FORNELOS (O ROSAL)

O sábado 1 de marzo achegámonos ata Fornelos para ver en directo a animada actuación do Grupo Adredde e comprobar o ambientazo de Entroido

O LIBRO “MOLINOS” PRESÉNTASE EN PONTEVEDRA CON MENCIÓN ESPECIAL PARA O ROSAL

A nosa vila estivo representada polo alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, así como por Tamuxe e Juan Ramón, autores do libro da historia dos Muíños do Folón-Picón

O ENTROIDO DE FORNELOS 2014, SERÁ, SEN DÚBIDA, DOS MÁIS ESPECTACULARES DA HISTORIA

Impresionante programa de Festas, con orquestras e grupos musicais, actuacións para nenos, Corrida do Galo, Frixidelas e como non, a 5ª edición da CARPA.

O ROSAL HOMENAXEA AO CICLISTA RAÚL FERNÁNDEZ, CAMPIÓN DE GALICIA E DE ESPAÑA

Na imaxe, Raúl Fernández na compaña dos seus compañeiros e directivos do Club Ciclista O Rosal, na recepción ofrecida no Concello.

RAÚL FERNÁNDEZ PROCLÁMASE EN CASTELLÓN CAMPIÓN DE ESPAÑA DE CICLOCROSS

Na imaxe, Raúl, flanqueado á esquerda polo exciclista profesional Serafín Martínez Acevedo e á dereita polo triatleta internacional, Óscar Vicente Rodríguez.

PROXIMAMENTE ANUNCIARASE A DATA DA II RUTA GUIADA ORGANIZADA POR NOTICIAS O ROSAL

A I Ruta Guiada Noticias O Rosal levou aos participantes a coñecer todos os segredos da ruta e historia dos emblemáticos Muíños do Folón e do Picón.

OS REIS MAGOS REPARTEN AGASALLOS A CENTOS DE NENOS/AS EN O ROSAL

Reportaxe fotográfica (máis de 300 imaxes) da visita e recepción na vila do Rosal de Melchor, Gaspar e Baltasar.

NOVO CONXUNTO DE GRAVADOS CRUCIFORMES NO LUGAR DAS CORTES

O historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe fala no seu blog deste achádego, recreación da cruz cristiá (séculos IV-V d. C.)

SERGIO RODRÍGUEZ, NETO DO CABAQUEIRO MANUEL "TRINTIÑA", INAUGURA “O BAR DO TRINTA"

Na imaxe, Serafín Martínez Acevedo (exciclista profesional e emprendedor deportivo), con Sergio (xerente do Bodegón-Tapería Os Seixiños. O Bar do Trinta).

TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

30 sept 2009

Amplíase ata o día 7 de outubro o prazo para inscribirse no I Campionato de Futbolín do Rosal

A organización do I Campionato de Futbolín “Os Cabaqueiros”. Concello do Rosal, fai un chamamento a todos aqueles que recolleron a folla de inscrición e que a día de hoxe aínda non a entregaron en dependencias municipais. Nun principio a data límite era o 30 de setembro, pero decidiuse ampliar o prazo unha semana máis ata o mércores día 7 para que todas esas persoas e as que o desexen poidan participar. Lembramos que este I Campionato de Futbolín –que se celebrará na Praza do Calvario- comezará o sábado 10 de outubro ás 17 horas e seguirá tamén o domingo, con motivo das Festas da Pilarica e a XXII Festa do Cabaqueiro. O prezo de inscrición, 10 € por participante (20 € a parella), que se fará efectiva o día da Presentación do torneo.
PREMIOS:
1º PREMIO: 150 € + Trofeos
2º PREMIO: 75 € + Trofeos
3º PREMIO: 50 € + Trofeos
Para inscribirse: recoller a folla de inscrición tanto no Concello como nos bares con futbolín do Rosal e A Guarda. Tamén se pode solicitar enviando un e-mail ao correo electrónico:turismo@concellodorosal.es. Como avance comunicamos que entre os 16 equipos xa inscritos -aparte da confirmación dalgún nome- atópanse os seguintes: Os Amigos (Antonio e Jose), Portecelo (Marcos e Carlos), Casillas y CR9 (Sergio e Esteban), By Per@ (Diego A. e Diego M.), ROBJOR (Jorge e Roberto), Juan a File (Mary e Ruth), FRONYORS (Sergio D. e Jorge S.), Tocayos (Jorge & Jorge), Equipo A (Santi e Dani), Equipo B (Efrén e Alfonso), Os Trincapistillos (Raúl e José Antonio). Os futbolíns do Campionato serán o do Bar Troya (Marzán) e o do Pub J&J do Calvario. Animamos a inscribirse a quen desexe pasar unha xornada agradable entre amigos e co futbolín como escusa. (No caso de choiva ou mal tempo cambiaríase a ubicación da Praza do Calvario e xogaríase o torneo no Centro Social Polivalente do Rosal).

Dúas prazas vacantes para a actividade de ioga

O Servizo de Información Xuvenil e Animación Sociocultural do Concello do Rosal comunica que quedan dúas prazas vacantes na actividade de Ioga que se leva a cabo os luns de 20.00 a 21.30 horas no Centro Social Polivalente. Se estás interesado chama ao teléfono 986 609450.

29 sept 2009

O Rosal participa dende hoxe en FERPALIA 09

Hoxe ás 12 da mañá é a inauguración no Recinto Ferial de Pontevedra de FERPALIA (Salón do Turismo de Galicia). De cara ao próximo Xacobeo 2010, a área de exposición desta Feira mostra información sobre os Camiños Xacobeos a través da Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos e doutros organismos turísticos galegos. Se pretende apoiar o Plan de Dinamización Socioeconómico dos seis espazos ou rutas xacobeas: Camiño Francés, do Norte, o Portugués, o coñecido como Vía da Plata, o Inglés e o Primitivo. O Rosal xunto con A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo e Redondela forman o recentemente recoñecido Camiño Xacobeo Portugués pola Costa e estarán presentes cun stand conxunto no que ofrecerán información turística sobre este trazado. Sendo a comunicación un dos aspectos destacados, se pretende incentivar a empresas e organismos para que formen parte de FERPALIA como punto de encontro dos diferentes Camiños a Compostela. Buscando alianzas con operadores turísticos vencellados a distintos tipos de turistas que poidan contribuír a posicionar o produto noutro perfil da demanda (paradores de turismo, casas rurais...) situados en puntos estratéxicos das diferentes rutas xacobeas e que axuden ao tecido empresarial dos contornos e a mellorar os servicios para os visitantes. Este Salón de Turismo estará aberto ata as 20:30 horas do venres 2 de outubro.

Rosaleiros no "XIV Congreso de Ceramología"

Infórmannos dende a Asociación de Ceramología (creada en Alicante, 1989) que o seu XIV Congreso se celebrará en Santa Cruz, Oleiros (A Coruña) os días 2, 3 e 4 de outubro contando nesta ocasión cunha ponencia a cargo do escritor e historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe, quen falará sobre "Os Cabaqueiros". Precisamente unha cuadrilla de telleiros acompañará a Tamuxe o domingo ás 11'30 horas para realizar unha demos-
tración en directo deste vello -e practicamente desapa-recido- oficio. O Congreso ten o patro-
cinio da Fundación Centro da Artesanía e do Deseño de Galicia (pertencente á Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia), dos concellos de Oleiros, Malpica, Bergantiños e Mesía, e a colaboración de Cerámicas de "O Castro", Sargadelos. Baixo o título "La cerámica en Galicia: de los castros a Sargadelos", búscase fomentar o estudo, profundizar no coñecemento e mellorar a divulgación da cultura cerámica de Galicia dende a antigüidade ata a realidade contemporánea. Para isto están programadas a parte da ponencia de Martínez Tamuxe as seguintes: Luciano García Alén expondrá "Las alfarerías tradicionales gallegas"; Josefa Rey: "Cerámica castreña y alfarería tradicional: Comparaciones" e a de Eva Vidal Pan: “Introducción a las fuentes iconográficas de la loza estampada de Sargadelos”. Aparte destas comunicacións visitaranse os seguintes lugares de interese: Museo dos Oleiros, Fábrica de Sargadelos, Museo Forno do Forte, Casa do Oleiro, Centro O Alfar, Colección Luciano García Alén e obradoiros en activo de Buño; Centro de Interpretación de la Arcilla e as barreiras de Mesía. Poderase tamén disfrutar a parte do traballo dos cabaqueiros da arte dos alfareiros Agustín Vázquez Ferreiro, de Niñodaguia; Josefa Lombao Ferro, de Bonxe e Tomás López González, da Ribeira Sacra (Gundivós).

28 sept 2009

O día 17 celebrarase unha excursión parroquial

O sábado 17 de outubro terá lugar unha excursión parroquial con destino a Santo André de Teixido, Estaca de Bares e Cariño. A saída será ás 8:00 horas dende a Praza do Calvario. Haberá celebración da Santa Misa e comida nos acantilados, cunha visita á vila costeira de Cariño. A chegada de novo ao Rosal está prevista para as 22:30 horas aproximadamente. O prezo da viaxe será de 15 € para os adultos. Os nenos de 5 a 12 anos, 5 € e os menores de 4 anos non pagan. Para máis información podedes chamar aos seguintes teléfonos:
651 674 602 (Mila) e 687 013 456 (Mª Carmen).

Os ciclistas rosaleiros triunfaron en Ponteareas

Mario Fernández subiu ao máis alto do podium en Principiantes
Segundo nos informa Manuel Coimbra o sábado 26 disputouse o trofeo Festas de Setembro Ponteareas 2009. Na categoría de Principiantes os corredores do Club Ciclista O Rosal quedaron nas seguintes posicións:
1º posto e por tanto vencedor da proba: Mario Fernández
7º posto para Manuel Dorna
Na categoría de Alevíns e cun percorrido en circuíto urbano de 1 km, tendo que dar 5 voltas ao mesmo para completar un total de 5 km:
6º posto para Xoel Villa
8º: Sergio Martínez
11º: Ero Sobrino
14º: Zaira González

Na categoría de Infantís e co mesmo circuíto urbano pero tendo que dar 15 voltas para completar un total de 15 kilómetros, os ciclistas do Rosal conseguiron subir ao podium grazas á vitoria de Antonio Portela e un terceiro posto da man de Cristóbal Coímbra. O resto do pelotón rosaleiro: 5º lugar para Raúl Fernández, 6º para Adrián Vicente e un 7º posto para Pablo Cividanes. (Fotografías: Manuel Coimbra)

27 sept 2009

O Atl. Novás homenaxeou a Serafín Martínez

O ciclista rosaleiro do Xacobeo Galicia, Serafín Martínez Acevedo, vén de ser homenaxeado este sábado 27 de setembro polo Atlético Novás de balonmán. Despois da recepción oficial o xoves no Concello, esta vez foi no pavillón municipal onde o corredor de Martín recibiu o recoñecemento e cariño dos asistentes ao partido que enfrontou ao local Novás co Peguform S.A.R. Serafín Martínez realizou o saque de honra e foi obsequiado cunha camiseta do equipo de balonmán da súa terra que non dubidou en poñer de inmediato. Despois da fotografía co plantel do Mecalia Atlético Novás procedeuse ao comezo do partido, onde o equipo que preside Roberto Fernández Rodríguez impuxo a súa mellor técnica e acerto e rematou gañando por 38 goles a 27 ao Peguform. Velaquí vos deixamos a nosa pequena reportaxe.

Concurso fotográfico "Galicia Innovadora e Creativa"

Segundo informa o Servizo de Información Xuvenil e Animación Sociocultural do Concello do Rosal a Fundación Galicia Europa, coa colaboración da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e da Dirección Xeral de Xuventude, convoca o concurso fotográfico "Galicia Innovadora e Creativa". Está dirixido a mozos e mozas que queiran expresar a través da fotografía a súa particular visión da Galicia máis vangardista e innovadora. As fotografías deberán centrarse naqueles aspectos nos que Galicia evolucionou e progresou máis nos últimos anos. Poderán presentar os seus traballos todos aqueles mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos; nados en Galicia, fillos de galegos ou residentes en Galicia desde o 2006 (ter nacionalidade dun dos Estados membros da Unión Europea). As obras presentaranse en papel ou formato dixital na sede da Fundación Galicia Europa en Santiago. O prazo de inscrición remata o 20 de outubro. A contía dos premios ascende a 6.000 €, repartidos nun primeiro premio de 3.000 €, un segundo de 2000 € da Dirección Xeral de Promoción e difusión da Cultura e un terceiro de 1.000 € da Dirección Xeral de Xuventude. Tanto as tres obras gañadoras como as doce finalistas formarán parte dunha exposición que a Fundación presentará en diversas cidades galegas e en Bruxelas. Máis información no teléfono 986 609450

Taller de Estimulación de Memoria de Cruz Roja

O vindeiro 1 de outubro a "Asamblea Comarcal de Cruz Roja Baixo Miño" reanudará por sétimo ano consecutivo o Taller de Estimulación de Memoria para maiores de 65 anos. Dende 2003 que fora inaugurado é a par do curso escolar, os voluntarios e voluntarias de Cruz Roja poñen en marcha este proxecto nas aulas cedidas polo Club de Jubilados y Pensionistas de A Guarda. Este taller consolídase, ampliando de forma importante o número de usuarios e diversificando as actividades desenroladas nel. Neste espazo traballaranse exercicios de memoria visual, de memoria auditiva, de relaxación, charlas e actividades memorísticas, alternando con recordatorios sobre xeografía, gramática, etc. Todos os exercicios que se realizarán neste taller parten sempre dos coñecementos previos que poidan ter os usuarios, recibindo o apoio do equipo de voluntarios e voluntarias de Cruz Roja en todo o que lles resulte máis complicado.



Este taller se leva a cabo os martes e xoves no Club citado de A Guarda. Ademais de conservar a capacidade e destreza mental dos máis maiores, preténdese ocupar o seu tempo libre e promover as súas relacións interpersoais, potenciando e mellorando a súa autoestima. Estas actividades son de carácter gratuito. Este ano como novidade, debido ao incremento de demanda por parte de novos alumnos, ampliarase con un grupo máis. Desta forma os grupos e horarios quedarán da seguinte forma: martes e xoves de 16.00 a 17.30 h; venres de 10.00 a 11.30 h. Para máis información as persoas interesadas poden achegarse ás oficinas de Cruz Roja na rúa Agustín Nandín Lomba, nº 1 Baixo ou chamar aos teléfonos 986 61 46 09/ 606 348 471.

Serafín Martínez é recibido no Concello do Rosal

O alcalde faille entrega dun escudo do Rosal a Serafín
O ciclista rosaleiro Serafín Martínez Acevedo pertencente ao Xacobeo Galicia - flamante gañador por equipos da Vuelta a España 2009 – foi recibido o xoves polas autoridades municipais no Concello do Rosal. Serafín amosou un dos seus maillots que o acreditou durante tres días como Líder da Combinada e o trofeo final que obtén o gañador da Xeral Final dos Sprints Solidarios na Vuelta a España (este premio é o equivalente ao da Combatividade). O ciclista rosaleiro gañou 4 destes sprints e subiu as correspondentes veces ao podium, incluído o de Madrid, en plena Castellana. O alcalde Jesús Mª Fernández Portela, en nome do Concello do Rosal, entregoulle un pequeno agasallo institucional en recoñecemento ao seu fantástico labor na ronda española, que lembremos comezou en Drenthe (Holanda) a finais de agosto e rematou o 20 deste mes en Madrid. Velaquí vos deixamos algunhas imaxes deste acto.

24 sept 2009

“36/75” de Xurxo González, estrearase no CGAI

O vindeiro 29 de setembro, ás 20:30 horas, vai ter lugar no Centro Galego das Artes da Imaxe da Coruña a estrea do documental de Xurxo González que leva por título 36/75. Un mediometraxe que afonda no polémico concepto da memoria histórica. A pesar de que o título pode confundir en que se trata dun documental sobre a Guerra Civil ou sobre a Dictadura esta proposta vai máis alá e intenta amosar ao especta-dor a dificultade de lembrar, o mecanis-
mo de selección de recordos, a natureza, esquecemento, a instrumentalización política da memoria, a fraxilidade da lembranzas, a convi-
vencia co pasado, o proceso rememora-
tivo, a escritura tendenciosa da Historia, a resistencia documental, da emerxencia do carácter fantasmal do cinema… Este filme foi rodado en febreiro do 2009 durante as Eleccións Galegas. 36/75 é unha serie de sucesións de espazos do presente que tiveron a súa importancia porque neles sucederon episodios que marcaron o inicio da Guerra Civil no Concello da Guarda. Para asegurarse a maior exactitude histórica o director contou coa colaboración de J. A. Uris e Luís Cividanes. O filme está dedicado de maneira póstuma ao guardés Manuel Domínguez Pacheco “Taxota”, grande loitador pola memoria histórica. Tras o éxito de Os señores do vento o realizador da Guarda afronta unha nova etapa na que centra a súa atención no espazo. Segundo o realizador: ”Esta é unha perspectiva que me interesa moito. Considero que a mirada cara o espazo é o que marca os derroteiros máis vangardistas do cinema contemporáneo. Isto xa estaba n´Os señores do vento máis foi necesario un proceso de búsqueda máis abstracto, máis complicado para o espectador, pero máis rico en resultados”. Dentro desta liña tamén se pode incorporar unha curtametraxe que se vai estrear en outubro na Mostra de Cine e Ciencia da Coruña e que leva o clarificatorio título de 13 pozas.

22 sept 2009

O pintor Waldo Álvarez doa un cadro para O Rosal

O luns 21 de setembro a familia do pintor rosaleiro Waldo Álvarez Álvarez –recentemente finado- fixo entrega dun cadro da súa autoría ao Concello do Rosal. A este emotivo e sinxelo acto asistiron os fillos de Waldo, Esther e Diego Álvarez Arnaud, así como o alcalde Jesús Mª Fernández Portela na compaña da concelleira de Cultura Charo Tabales Perozo. Waldo Álvarez Álvarez naceu o 8 de setembro de 1937 en San Xoán de Tabagón e faleceu o 26 de xuño deste ano. Waldo, que estivo emigrado en Francia máis de 40 anos era un artista autodidacta, namorado do Rosal, cun estilo figurativo, empregando como técnica o óleo sobre lenzo, con temas tan variados que van dende certas paisaxes mariñas ata retratos. Este pintor tamén realizaba fermosos mosaicos con gres esmaltado e azulexo. Segundo os seus fillos “este cadro do muíño das Aceñas é unha obra que realizou o noso pai no ano 2005 e por expreso desexo del doamos ao Concello do Rosal para disfrute dos seus veciños”. O Alcalde e a concelleira de Cultura agradeceron este detalle á familia de Waldo, afirmando que “o seu pasamento colleunos de sorpresa, pois tiña participado nunha exposición con motivo da Feira do Viño do Rosal do ano pasado e contábamos de novo con el para esta edición. Queremos manifestar a nosa gratitude por este fermoso obsequio de Waldo dunha das paisaxes máis idílicas e representativas do noso concello”.

Sentida homenaxe a Xosé Carlos Gómez Alfaro

O sábado 19 de setembro celebrouse unha homenaxe póstuma ao poeta e profesor Xosé Carlos Gómez Alfaro á que asistiron diferentes persoeiros das letras e da cultura galegas. Entre eles, o escritor rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe, presidente do Instituto de Estudos Tudenses e coautor con Gómez Alfaro do libro Antología (A Guarda, 1988). Nas Chabolas houbo un descubrimento dunha praca na casa natal de Alfaro e máis tarde, en Ribadavia procedeuse á presentación da súa obra completa, editada en dous volumes, co título Poesía Galega toda I (1996-1999) e Poesía galega toda II (2000-2008). Esta publicación está editada polo P.E.N. de Galicia / Danú S.L. e conta coa introdución de Román Raña, escritor e crítico literario vigués. Velaquí vos deixamos esta interesante reportaxe fotográfica dos nosos compañeiros de Infogauda.

20 sept 2009

Serafín Martínez Acevedo no podium final de Madrid

O noso ciclista Serafín Martínez Acevedo e o equipo Xacobeo Galicia veñen de realizar unha fantástica "Vuelta a España", sendo protagonistas día si e día tamén. Líderes da Xeral por equipos. Unha victoria de etapa protagonizada por Gustavo César Veloso. O papelón do seu líder, Ezequiel Mosquera, a pesar de ter dúas fortes caídas... E, por suposto, a actuación de Sera... quen ademais de vestir varios días o maillot branco de líder da Clasificación Xeral da Combinada, se levou por catro veces o Sprint Solidario, sendo agasallado de novo e recoñecido o seu traballo na entrega de premios en Madrid.
·Clasificación Xeral da Vuelta a España: 39º posto a 01:06:31 de Alejandro Valverde, gañador da Vuelta.
·Clasificación Xeral por puntos: 36º posto. Puntos: 15. Gañador: André Greipel.
·Clasificación Xeral da Montaña: 27º posto. Puntos: 17. Gañador: David Moncoutie.
·Clasificación Xeral da Combinada: 21º posto. Gañador: Alejandro Valverde.
-Líder dos Sprints Solidarios, como dixemos, con catro vitorias.
Dende Noticias O Rosal a nosa felicitación e os nosos ánimos para o futuro, tanto para Serafín como para o Xacobeo Galicia. ¡Moita sorte!

17 sept 2009

"Memoria de la I Festa do Cabaqueiro" (Núm.2)

Unha das curiosidades desta I Festa do ano 1988 é que se celebrou... o 18 de decembro. A presentación correu a cargo de José Luís Rodríguez Martínez, alcalde do Rosal naquel entón. No Salón de Plenos expuxo por vez primeira a súa obra total o escultor rosaleiro Félix Gómez Fidalgo e no Salón Superior (Comisións de Goberno) houbo unha exposición de fotografías, vellas ferramentas e cerámica da Cabaqueira. Tamén nesta sala municipal exhibíronse obxectos persoais do mestre Domingo A. Álvarez. Recóllese na memoria que "como fondo musical la dulce melodía de la gaita gallega a cargo del afinadísimo grupo local de gaitas de la Agrupación Musical de O Rosal". Xoán Martínez Tamuxe, coordinador destas publicacións foi o primeiro pregoeiro da Festa do Cabaqueiro. Tamu-
xe titulou este pregón "Vida y Muerte de las Tejeras en visión histórica". Seguida-mente celebrouse unha mesa redonda cos cabaqueiros sobre o tema "O axuste" onde moderou o "louro xamaraina e xidísimo jalruante", Feliciano Trigo Díaz. Ante o micrófono, situado no medio da Praza do Calvario interviron entre outros, Luís Vicente, Ángel E. Rodríguez, Ricardo Flores e Joaquín Otero. Conta a crónica que puxo o broche de ouro a intervención do Sr. Gándara Portela, de San Miguel de Tabagón, coa que se clausurou esta edición da Festa.

Lembranza do poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro

Segundo informan os nosos compañeiros de Infogauda, o sábado 19 de setembro levaranse a cabo unha serie de actos en lembranza de Xosé Carlos Gómez Alfaro, poeta e mestre finado en maio do ano pasado. Este ouren-
sán afincado na Guarda foi durante case tres décadas profesor do colexio PP Somascos e está considerado un dos máis grandes escri-
tores da literatura galega actual. Tivemos a sorte e a honra -aparte de ser alumnos seus- de escoitar o seu interesante pregón no Rosal con motivo da XX Festa do Cabaqueiro, 2007. Velaquí vos deixamos os actos que extraemos da citada páxina web Infogauda e que se celebrarán para homenaxear a figura de Gómez Alfaro:
-Ás 12 horas en As Chavolas - Ventosela.
Descubrimento dunha praca na casa natal do poeta. Semblanza do escritor a cargo do profesor Xesús Alonso Montero. Agradecemento da familia.
Intervención de Manuel García Montero, alcalde de Cenlle.
-Ás 13:15 horas en Ribadavia, na Casa da Cultura. Acto literario de presentación da Poesía galega toda, I (1996-1999) e II (2000-2008), de Xosé Carlos Gómez Alfaro Interveñen: Luís González Tosar (presidente do Centro P.E.N. Galicia) Xosé Carlos Sierra (director do Museo Etnolóxico de Ribadavia) Román Raña Lama (encargado da edición) Recital poético-musical: Miro Villar, Ramón Nicolás, Xosé Gregorio Ferreiro Fente, Miguel Anxo Fernán Vello, Helena de Carlos, Víctor Campio Pereira, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xesús Alonso Montero, etc. Pechan o acto: Francisco López Barxas (director xeral de Creación e Difusión da Cultura) Marcos Blanco Jorge (alcalde de Ribadavia) Estos actos están organizados polo Centro PEN Galicia. Colaboran: o Concello de Cenlle, Concello de Ribadavia, Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia (Consellería de Cultura e Turismo).

Bolsas programa Leonardo da Vinci en Malta

Convócanse seis bolsas de 12 semanas de duración (curso lingüístico + prácticas profesionais) para formación de mozos profesionais e/ou titulados recentes en Malta.
Os costes cubertos pola bolsa serán:
-Gastos de viaxe de ida e volta (máximo 200 euros) e de manutención (200 euros para todo o período) que se entregarán aos participantes en dous pagos do 50% cada un.
-Seguro de responsabilidade civil e cobertural laboral
-Preparación lingüística e cultural
-Aloxamento (pago de aluguer, auga, luz ..) durante as 12 semanas
-Certificado Europass
-Soporte organizacional en España e no estranxeiro
Os requisitos, ter unha titulación universitaria media ou superior relacionada cos seguintes sectores: historia, arte, patrimonio, filoloxía, turismo, ocio, servizos culturais, socioloxía, antropoloxía, biblioteconomía, relacións públicas, etc.
Residir en Galicia ou ser galego.
Non ter participado no programa Leonardo da Vinci
Prazo: ata o 02/10/2009
Máis información: www.integra.org.es

16 sept 2009

Memoria del Homenaje y Monumento O Cabaqueiro

Cando falta menos dun mes para a XXII Festa do Cabaqueiro (12 de outubro) comezamos este repaso polas memorias-publicacións que se teñen editado como lembranza e homenaxe aos cabaqueiros (telleiros), considerados por moitos, herdeiros dos ceramistas romanos que ocuparon os castros da bisbarra. Todo comezou en 1987 coa erección do monumento ao cabaqueiro, obra do escultor tomiñés Xosé Antúnez Pousa co fin de recoñecer e recuperar a memoria deste tradicional oficio. Ano tras ano os cabaqueiros -que contan con xerga propia- fan demostración en directo desta arte de facer "cabacas e toupos a joucha" (tellas e ladrillos a man) na Praza do Calvario. Pois ben, na primeira memoria, que estaba escrita en castelán (ata 1998 non se editaron en galego) explícanse os motivos e razóns para a creación desta publicación: crear documentación, ser un tema histórico-antropolóxico da vida galega e lembrar que O Rosal estaba obrigado a coñecer o tema, a ter noticias escritas e orais máis que ningún outro pobo "ya que O Rosal, con la parroquia de Salcidos (A Guarda), está obligado a difundir, conservar, defender y transmitir a nuestros descendientes en generaciones venideras esta sigular manifestación histórico-cultural... ya que esta zona es la cuna y cátedra de esta realidad antropológica, etnográfica, etc". Realízase unha semblanza biográfica de Pousa, móstrase o proceso da creación do monumento ao cabaqueiro, con multitude de imaxes aínda no taller do artista... Afírmase que existiron rumores de atentado contra esta obra escultórica, avisándose á Garda Civil..., veciños custodiándoa... aínda que finalmente inaugurouse. Lembranza para Domingo Álvarez..., a primeira fotografía "da amizade" cos cabaqueiros ou os primeiros datos sobre o "verbo dos daordes" e os doantes de material para o Museo Municipal.

15 sept 2009

Terrorismo Ambiental, o blog de Manu Sobrino

Recentemente tivemos a oportunidade de intercambiar impresións con Manuel Sobrino Senra (Manu), natural da Guarda e administrador de Terrorismo Ambiental, unha fantástica web que -para que vos fagades unha idea- o pasado ano 2008 participou na III edición dos "Premios 20Blogs" (que é o concurso máis prestixioso do país en canto a blogs hispanos). A este evento presentáronse 4514 persoas, enfrontándose Terrorismo Ambiental a máis de 160 blogs na categoría de "Ciencia e Medio Ambiente". O resultado, espectacular, xa que foi recoñecido o seu labor cun terceiro posto, por detrás de La lógica del titiritero e Anima-Blog, primeiro e segundo, respectivamente. Dende Noticias O Rosal convidámosvos a coñecer este interesante, concienciador, traballado, e reivindicati-
vo blog de Manu.

III Serán da Agrupación Musical do Rosal

Grupo de pandereteiras Orballo da Agrupación Musical do Rosal
O pasado 5 de setembro como xa tiñamos anunciado celebrouse no Parque de Pías o III Serán organizado pola Agrupación Musical do Rosal. Velaquí vos deixamos un enlace á galería fotográfica desta xornada, propiedade de Jesús González Álvarez (Suso).

14 sept 2009

Serafín Martínez, un dos protagonistas de onte

Co tamén rosaleiro Pablo (Pren) o domingo na saída dende Granada
O noso ciclista Serafín Martínez Acevedo (Xacobeo Galicia) foi un dos protagonistas da etapa do luns 14 de setembro (Jaén-Córdoba) na Vuelta a España ao escaparse con outros 12 corredores. Entrou en meta no 8º posto e conseguiu remontar ata a posición 44ª da Clasificación Xeral dos 154 corredores que aínda quedan na Vuelta. Tamén gañou hoxe o seu terceiro "Sprint Solidario", polo que volveu a subir ao podium.

13 sept 2009

A Escola Comarcal de Teatro cumpre un ano

Este mes de setembro cúmprese un ano da posta en funcionamento da Escola Comarcal de Teatro por parte da Asociación Cultural Terras do Baixo Miño que preside Enrique Álvarez Vales. Lembramos que esta activa asociación edita tamén a revista “Cultura Baixomiñota”, publicación mensual con toda a axenda da cultura, ocio e turismo da comarca.

Subvención ao Atlético Novás de balonmán

Jesús Mª Fernández e Roberto F. Rodríguez no momento da sinatura
O pasado martes 8 de setembro tivo lugar no Concello do Rosal a firma e entrega da subvención outorgada pola Excma. Deputación de Pontevedra e concedida á Sociedade Deportiva Atlético Novás. Esta axuda elévase a un importe de 15.000 € para a súa participación en ligas e competicións oficiais para a tempada 2009-2010. Ao acto de sinatura asistiron Jesús Mª Fernández Portela, deputado e alcalde do Rosal, en representación da Deputación Provincial e o presidente do Atlético Novás de balonmán, Roberto Fernández Rodríguez. En palabras deste último “agradecemos á Deputación esta axuda, porque ben é certo que fai falta para todo o relacionado con desprazamentos, fichas de xogadores, material deportivo, arbitraxes… En definitiva, sen esta subvención que nos foi concedida non sería posible representar a O Rosal por toda a xeografía española”.

Monográfico gratuíto organizado por Cruz Roja

Segundo nos informa Neli Rodríguez, a Asamblea Comarcal de Cruz Roja Baixo Miño organiza un monográfico de "Habilidades Sociales y Técnicas de trabajo grupales" que terá lugar os vindeiros 28 e 29 de setembro en horario de 9:30 a 13:30 h. A súa duración, 8 horas teóricas e 8 horas prácticas a desenrolar nas actividades de inverno de Cruz Roja. Neste obradoiro pode participar de forma gratuíta calquera persoa da Comarca. Interesados anotarse na sede de Cruz Roja na Guarda ou chamando aos teléfonos 986 61 46 09 / 606 34 84 71 para máis información.

9 sept 2009

Serafín Martínez, volveu a subir ao podium

Como relata Serafín no seu blog, despois dunha dura etapa volveu a gañar o Sprint da Solidariedade que estaba a 14 km de meta e subiu unha vez máis ao podium nesta "Vuelta a España 2009".

Celebrouse o Mercadillo de Oportunidades

O pasado domingo 6 de setembro e organizado pola Asociación de Comerciantes do Rosal (ACOR) tivo lugar un novo Mercadillo de Oportunidades na Praza do Calvario do Rosal. Segundo José Martínez González (Pepe Berdeal), presidente de ACOR, aínda que o día foi moi caluroso os comercios que se deron cita na praza da vila saíron satisfeitos en canto ao número de visitantes, clientes e posteriores ventas.
Sorteouse esta vez unha bicicleta de montaña entre os clientes do mercadillo que gañou Alicia Rodríguez, de Burgueira. Así mesmo tivo lugar tamén o II Taller de Debuxo para nenos e nenas impartido por Esther Moe. O debuxo gañador –que foi o de Claudia Marcelli Carballido- será o cartel anunciador da seguinte Feira-Mercadillo.
Colaboraron con ACOR, a Federación Galega de Comercio, o Concello do Rosal, a Federación Provincial de Comercio de Pontevedra e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Innovación, Industria e Comercio. Velaquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica:

7 sept 2009

Avelaíña asina un convenio coa Deputación

Segundo nos informa Rafael Álvarez, o luns 7 de setembro asinouse o convenio de colaboración entre a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra e a Asociación Avelaíña para a adquisición dunha furgoneta marca Jumpy HDI 92 Combi 1 8/9 P1. Neste convenio participa tamén Caixanova, que aportará o 23'1 %; Automóbiles Citröen, cun desconto do 30'7 % e Avelaíña, que aportará o 23'1 % restante dos 25.011,00 € do valor do vehículo, así como os gastos de taxas e matriculación que correspondan. A este sinxelo acto realizado na sede de Avelaíña, en Salcidos, acudiron Jesús Mª Fernández Portela, deputado provincial e alcalde de O Rosal, en representación da Deputación, Carmen Barreto de Vicente, presidenta de Avelaíña, así como a xunta directiva, profesionais da asociación e persoas afectadas do Baixo Miño e Val Miñor. Resaltouse a importancia que supón a adquisición desta furgoneta que permitirá e axudará á posta en funcionamento de diferentes programas e servizos de Saúde Mental xestionados por Avelaíña para persoas con enfermidade mental e familiares do Val Miñor, ademais dos que a asociación xa ten en funcionamento no Baixo Miño.

6 sept 2009

“Berberecho II”: un filme nos ariños do Miño

Segundo informa Xurxo González, dende o día 5 e ata o 8 de setembro vaise a filmar na Guarda a curtametraxe de ficción que leva por título Berberecho II, do director J. M. Bazarra Maneiro “Sepi”. Esta produción conta cunha subvención da Consellería de Cultura e Turismo, coa participación da Morraceira-Asociación Cultural e coa colaboración do Concello da Guarda e da Câmara Municipal de Caminha. “En terra de ninguén”, porque sobre todo vaise filmar na auga, no último tramo do río Miño. O escenario principal desta curtametraxe é o transbordador Santa Rita de Cassia que une como un cordón umbilical ás dúas últimas localidades da Foz do Miño. Unha canle flanqueda por garzas e cormoráns, afondada periodicamente por unha gabarra para impedir que os sedimentos áridos obstrúan esta vía de comunicación situada ao abeiro dos cumios do Santa Trega e de São João da Arga.
Nesta paraxe privilexiada de vistas idílicas xorde como unha sombra fantasmagórica “el”, interpretado polo actor Carlos Villa. Despistado e confuso érguese unha mañá no “día máis triste do ano” para o pobo da Guarda: o luns de despois da Festa do Monte, o “Día da Desfeita”. A desorientación lévao a un novo receptáculo pechado, a un microcosmo da sociedade, a unha diana no que cravar os seus dardos da desazón, ao transbordador que, causas do destino, leva por nome Berberecho II.(Flash-back)En 2001 uns intrépidos mozos saídos de Xornalismo fixeron unha práctica de escola que se convertiu nun filme de culto chegando, incluso, a estar nominado para aos Mestre Mateo (http://flocos.tv/curta/berberecho/). A curtametraxe contaba a historia dun parroquiano que comentaba con ironía a fauna que se atopaba no Berberecho: un famoso bar de Santiago glosado, no seu momento, por Siniestro Total. (Elipsis). Desde aquela… pasou moito tempo e todo o equipo que participou nesa experiencia primixenia decidiu retomala no que vai ser a primeira curtametraxe con secuela do audiovisual galego. Este acto de atavismo, reencontro co inicio é como un feito subersivo dunha xeneración. A personaxe de Carlos Villa ten oito anos máis e o seu nihilismo xa non é tan frívolo e superficial. Agora o protagonista, con máis de trinta anos, ten unha visión máis áceda e caústica da vida.
Berberecho II recolle o sentimento dunha sociedade ofuscada e traumatizada. Desde o 2001 aconteceron a caída das Torres Xemelgas, guerras en Oriente Medio, vacas tolas, gripe aviar, gripe A, cataclismos naturais, fondas crises económicas… Un abismo no que o protagonista encarnado por Carlos Villa non ficará indolente e tratará de buscar unha saída ao desespero xeralizado. J. M. Bazarra Maneiro, máis coñecido por “Sepi”, volve a coller o timón para dirixir este proxecto de Berberecho II. Tras a experiencia frustrada da realización da súa primeira longametraxe “Setembro”, volve a revolverse ao destino e demostrar el, e o seu equipo, a súa valía e profesionalidade. As feblezas do audiovisual galego non se disipan porén, cada vez máis, hai máis gañas de retomar ilusións que outros deron por perdidas.

3 sept 2009

Curso do Celga 4 no Concello do Rosal

O Servizo de Información Xuvenil e Animación Sociocultural do Concello do Rosal informa que a partir do 7 de setembro terá lugar no Centro Social Polivalente da vila o curso preparatorio do Celga 4. Dito curso realizarase de luns a xoves de 19.30 a 21.30 horas. As persoas interesadas en participar neste cursiño poden chamar ao teléfono 986 609450.

Sobran as palabras... Sera, líder da Combinada

O noso ciclista, Serafín Martínez Acevedo, vén de protagonizar hoxe unha fuga con outros cinco corredores. O resultado desta escapada: deixouse ver na Vuelta a España, levouse o Sprint da Solidaridade e tamén o maillot da Combinada (que é a categoría que engloba as clasificacións de: "General Individual"+"General Puntos"+"General Montaña". Os puntos de cada ciclista se obteñen sumando o posto en cada unha destas modalidades, así é vencedor absoluto o que menor puntuación teña nesta suma)... e agora mesmo é o noso rosaleiro. Velaquí vos deixamos a modo de ilustración a crónica do diario deportivo MARCA e o vídeo de RTVE:

Dous rosaleiros na III Subida Cidade de Vigo

Gustavo e Abel inmortalizados polo obxectivo de Fotosvideosderali
Segundo nos informa Roberto Valladares, coordinador de Fotosvideosderali, os pilotos rosaleiros Gustavo Martínez Vázquez, da escudería Tomiño Sport Competición, cun Renault Clio 16 v. e Abel Martínez Alonso da Racing Sport Competición cun Peugeot 205 GTI, veñen de participar este pasado fin de semana (29 e 30 de agosto) na III Subida Cidade de Vigo. Gran Premio Entidade M. de Bembrive. Trofeo Concellaría de Deportes (Vigo).

2 sept 2009

O día 6, Mercadillo de Oportunidades no Rosal

O domingo 6 de setembro e organizado pola Asociación de Comerciantes do Rosal (ACOR) se celebrará un novo Mercadillo de Oportunidades na Praza do Calvario do Rosal. O seu horario, de 10 a 20:30 horas. Segundo informa a asociación que preside José Martínez González (Pepe Berdeal) sortearase unha bicicleta de montaña entre os clientes do mercadillo e terá lugar tamén o II Taller de Debuxo para nenos e nenas de 16:30 a 18:30 horas. O debuxo gañador será o cartel anunciador da seguinte Feira-Mercadillo. Colaboran con ACOR, a Federación Galega de Comercio, o Concello do Rosal, a Federación Provincial de Comercio de Pontevedra e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

O sábado día 5, "Serán" no Parque do Tamuxe

O sábado 5 de setembro a partir das 10 da noite -e organizado pola Agrupación Musical do Rosal- celebrarase un Serán* no Parque do Tamuxe no que participarán grupos de música tradicional galega. Neste evento, como boa festa galega que se prece, haberá chourizos e viño do país... e ademais de balde. Colaboran a Comunidade de Montes de San Miguel de Tabagón e o Concello do Rosal. Máis información nas dependencias do Auditorio Municipal ou no seu teléfono (986 62 63 11).
*Serán: é o nome que se lles dá ás festas participativas que organiza a xente das aldeas no tempo en que non hai verbenas por ningures, e que comezaban, claro, polo “serán”, á tardiña... Poderíamos dicir que é un “circuito de inverno”, o mellor xeito de ir de festa a tocar, cantar e bailar cando non hai máis a onde ir. Tradicionalmen-
te ao serán íase única e exclusivamente a tocar ou a bailar, porque digamos que estaba socialmente establecido así, era un moi bo xeito de relación dos mozos coas mozas, de xeito que todo aquel que ficara fóra deste ritual era dalgún xeito desprazado socialmente: “O que non canta nin baila, que vén facer ó serán... aprender catro mentiras, para ir contar mañán”. Fonte: (ghastaspista.com). Fotos: Suso.