FAI CLIC E DESCUBRE O NOVO DESEÑO DA WEB CULTURAL NOTICIASOROSAL.ES

Noticias O Rosal estreou o 7 de marzo novo deseño e contidos. Este blog manterase na rede, de momento, ata novo aviso, como complemento á páxina web

A VILA DO ROSAL DESPIDE CON EMOCIÓN A JOSÉ MARTÍNEZ GONZÁLEZ "PEPIÑO BERDEAL"

O ex-funcionario do Concello do Rosal e presidente da Asociación de Comerciantes da vila, era un dos veciños máis apreciados dos últimos tempos

VITORIA DE GABRIEL MARCELLI EN LLEIDA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro vence na categoría júnior na proba valedeira para o “Spa RFME Campeonato de España de Trial Individual 2015”

ACTO DE CLAUSURA DO CURSO DE MONITOR DE FÚTBOL BASE CELEBRADO EN O ROSAL

A Casa Consistorial acolleu a entrega de diplomas e clausura do Curso coa presenza dos coordinadores José Luis Mosquera e Manuel Mosquera.

MÁXIMA EXPECTACIÓN ANTE A CHEGADA DA SEXTA EDICIÓN DA CARPA CARNAVAL DE FORNELOS

Entre outros, actuarán dende o venres 13 ata o martes 17 de febreiro, nestas Festas de Entroido: Traffic House, Dj Carlie, Diego Mei, Vallejo, Micy Dj, etc

A PRAZA DO CALVARIO ACOLLEU A VISITA E RECEPCIÓN DOS REIS MAGOS DE ORIENTE

As Súas Maxestades estiveron durante horas na vila do Rosal repartindo multitude de agasallos a pequenos e maiores, entre eles, libros e lambetadas

A ROMARÍA DE SAN MARTIÑO 2014 EN O ROSAL CELEBROUSE O DOMINGO 30 DE NOVEMBRO

A saída do Santo en procesión dende a igrexa parroquial de Santa Mariña, na Praza do Calvario, ata a súa ermida, foi ás 10:30 horas.

O PILOTO ROSALEIRO GABRIEL MARCELLI PROCLÁMASE TRICAMPIÓN DE ESPAÑA DE TRIAL

Gabriel Marcelli Carballido adxudícase o título tras vencer en Cabanillas de la Sierra (Madrid). Tamén consegue ser Campión Galego por quinta vez.

PRESENTACIÓN DA SEGUNDA EDICIÓN DO EVENTO DEPORTIVO “15K DEL ATLÁNTICO”

A carreira e a andaina 15k del Atlántico celébranse este domingo 5 de outubro percorrendo os concellos de Oia, O Rosal e A Guarda

O ESPECIALISTA DEFENSIVO ARKAITZ VARGAS FICHA POLO ACANOR ATLÉTICO NOVÁS

Na imaxe da presentación, Manolo “Campelo”, Moncho Vicente, Andrés Senra, Daniel Martínez, Arkaitz Vargas, Roberto Fernández e Modesto Augusto

ÉXITO TOTAL DA I EDICIÓN DA ANDAINA E CARREIRA “10K O ROSAL. FEIRA DO VIÑO”

Na imaxe, os gañadores absolutos da carreira 10k O Rosal Feira do Viño. No máis alto do pódium, Nuno Costa e Paula Mayobre. Más info neste enlace.

OS COORDINADORES DO 10K O ROSAL, ENTREVISTADOS NA RADIO MUNICIPAL DE TUI

Os rosaleiros Juan Ramón Martínez Barbosa, Óscar Vicente Rodríguez e Serafín Martínez Acevedo falaron da andaina e da carreira nos estudos da RMT

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIV ANDAINA “VAL DO ROSAL. O PARAÍSO DENDE AS ALTURAS”

Na imaxe, os participantes desta andaina, que visitaron o punto máis alto da vila, nos montes do Campo do Couto e os petroglifos próximos á Fonte do Home.

NOVA VITORIA DE GABRIEL MARCELLI CARBALLIDO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro, imparable, é o favorito para facerse -por terceira vez- co Campionato de España de Trial. As próximas citas, Vila de Cruces e Andorra.

O ROSAL E O ATLÉTICO NOVÁS QUEREN FACER HISTORIA, por Juan Ramón Martínez Barbosa

Artigo do director de Noticias O Rosal, onde fala da Fase de Ascenso á División de Honor Prata do balonmán nacional que se celebra os días 2, 3 e 4 de maio

DEPORTISTAS E CLUBS, HOMENAXEADOS NO II RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO

O pasado sábado 12 de abril o Auditorio Municipal acolleu os premios aos mellores deportistas e clubs da vila. Na imaxe, autoridades e homenaxeados.

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIII ANDAINA O ROSAL. COÑECE O TEU CONCELLO

A vindeira andaina deportivo-cultural pola vila do Rosal celebrarase o vindeiro sábado 10 de maio, con saída dende o Alto da Portela (Marzán)

O 12 DE ABRIL CELÉBRASE O II ACTO DE RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO DO ROSAL

Na imaxe de 2011, na I edición, Gerardo Álvarez (ciclismo), Manolo Armán (balonmán) e Félix Piñel (atletismo) reciben os premios “Mención de Honra”.

ACTUACIÓN DO GRUPO ADREDDE NA FESTA DE ENTROIDO 2014 DE FORNELOS (O ROSAL)

O sábado 1 de marzo achegámonos ata Fornelos para ver en directo a animada actuación do Grupo Adredde e comprobar o ambientazo de Entroido

O LIBRO “MOLINOS” PRESÉNTASE EN PONTEVEDRA CON MENCIÓN ESPECIAL PARA O ROSAL

A nosa vila estivo representada polo alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, así como por Tamuxe e Juan Ramón, autores do libro da historia dos Muíños do Folón-Picón

O ENTROIDO DE FORNELOS 2014, SERÁ, SEN DÚBIDA, DOS MÁIS ESPECTACULARES DA HISTORIA

Impresionante programa de Festas, con orquestras e grupos musicais, actuacións para nenos, Corrida do Galo, Frixidelas e como non, a 5ª edición da CARPA.

O ROSAL HOMENAXEA AO CICLISTA RAÚL FERNÁNDEZ, CAMPIÓN DE GALICIA E DE ESPAÑA

Na imaxe, Raúl Fernández na compaña dos seus compañeiros e directivos do Club Ciclista O Rosal, na recepción ofrecida no Concello.

RAÚL FERNÁNDEZ PROCLÁMASE EN CASTELLÓN CAMPIÓN DE ESPAÑA DE CICLOCROSS

Na imaxe, Raúl, flanqueado á esquerda polo exciclista profesional Serafín Martínez Acevedo e á dereita polo triatleta internacional, Óscar Vicente Rodríguez.

PROXIMAMENTE ANUNCIARASE A DATA DA II RUTA GUIADA ORGANIZADA POR NOTICIAS O ROSAL

A I Ruta Guiada Noticias O Rosal levou aos participantes a coñecer todos os segredos da ruta e historia dos emblemáticos Muíños do Folón e do Picón.

OS REIS MAGOS REPARTEN AGASALLOS A CENTOS DE NENOS/AS EN O ROSAL

Reportaxe fotográfica (máis de 300 imaxes) da visita e recepción na vila do Rosal de Melchor, Gaspar e Baltasar.

NOVO CONXUNTO DE GRAVADOS CRUCIFORMES NO LUGAR DAS CORTES

O historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe fala no seu blog deste achádego, recreación da cruz cristiá (séculos IV-V d. C.)

SERGIO RODRÍGUEZ, NETO DO CABAQUEIRO MANUEL "TRINTIÑA", INAUGURA “O BAR DO TRINTA"

Na imaxe, Serafín Martínez Acevedo (exciclista profesional e emprendedor deportivo), con Sergio (xerente do Bodegón-Tapería Os Seixiños. O Bar do Trinta).

TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

31 oct 2010

XIII Trofeo Comunidade de Montes de Eiras


Foto de grupo do Club Ciclista O Rosal

Tal e como se pode ler na web do club ciclista rosaleiro: "O vindeiro domingo 7 de novembro e fiel coa tradición, o Club Ciclista O Rosal-Hermanos Ozores organiza o XIII Trofeo Comunidade de Montes de Eiras no coñecido circuito da Praia de Eiras.

A carreira dará comenzo ás 10:30 da mañá coas categorías de Cadetes e Féminas, a que seguirá a proba de Junior, Master e Veteranos, para finalizar coas categorías de Elite, Sub-21 e Senior".

30 oct 2010

ERIC BARCELÓ, CAMPIÓN DE ESPAÑA DE JUDO


Eric, de azul, no máis alto do podium

O rosaleiro Eric Barceló Rodríguez, pertencente ao club Do-Majo da Guarda, vén de conseguir a medalla de ouro no XV Gran Premio Internacional de Judo - 1ª Copa de España Cadete de Judo que se celebrou o pasado 9 de outubro en Vigo.

O evento contou coa participación de cinco países e doce comunidades autónomas baixo a organización da Federación Galega de Judo, o patrocinio do Concello de Vigo e a Secretaría Xeral para o Deporte, coa colaboración de Caixanova, Faro de Vigo e Begano Coca Cola.

Eric gañou todos os seis combates por IPON, que é a puntuación máxima, quedando así primeiro no ranking nacional e con opcións para acceder a competicións internacionais.



No currículum do rosaleiro están -entre outros títulos e distincións- as medallas de ouro no Campionato Provincial do ano 2009 e 2010, Campión de Galicia no 2009 e Subcampión galego no 2010. Ademais foi quinto clasificado no Campionato de España do ano pasado ou Campión do trofeo Liceo La Paz da Coruña.

Actualmente atópase estudando no Centro de Tecnificación de Pontevedra, preparándose para vindeiras competicións.

Dende Noticias O Rosal dámoslle a noraboa e desexámoslle moitos éxitos para o futuro.




25 oct 2010

Obradoiro "Familias Conectadas", ¡Participa!

A concellaría de Servizos Sociais e Muller do concello do Rosal está moi interesada en fomentar o contacto entre familias para o intercambio de experiencias, formación, etc. Por iso quérese organizar o obradoiro FAMILIAS CONECTADAS que serán reunións periódicas de nais, avoas, pais que teñan ao seu cargo menores de 3 anos e queiran compartir o seu tempo con outras familias.

O obradoiro vai a ser impartido por unha técnica de educación infantil que falará sobre os coidados dos/as menores e temas como o sono, a alimentación, a estimulación dos/as pequenos/as, a saúde…. Vai a ser unha experiencia moi enriquecedora xa que os/as propios/as participantes marcarán o ritmo das sesións.
 

Se estás interesado/a e queres participar, fala coa Educadora Familiar do Concello, que está todos os días no Centro Social Polivalente ou chama ao teléfono 986 60 94 50.

Emilio Flores. In memoriam. Capítulo III



Emilio, gaiteiro, por X.M.T.

Despois do introdutorio capítulo I e do segundo, "Emilio, cabo provisional", seguimos coa nosa homenaxe a este mestre de Novás. 

Fillo de pai músico na Banda "La Peña", de Alfonso Ulloa e logo da Agrupación "Charanga", de Generoso da Carlota (Canastreiro), o xove Emilio comeza os estudos de solfeo en Belesar.

Alí cursará o Primeiro Método de Eslava, clave de sol, baixo a dirección do seu disciplinado parente, Manuel Blanco, membro da Banda de Música de Baiona, onde tocaba o baixo.

O seu primeiro instrumento foi unha flauta de lata (xoguete), formando el e dous nenos máis unha "charanguilla" de torreiro. O seu avó José, ao ver que o neno prometía, comproulle ao profesor Ulloa un "punteiro" que Emilio dominaba á perfección.

Isto fixo que, aos poucos meses, o propio avó lle volvera a encargar a Ulloa unha gaita (de buxo) con "chave" (re, agudo) cuxo coste foi de 60 pesetas e que pagou a familia de Belesar. Esta gaita acompañouno no servizo militar, a partir do destino de Cuenca.

Anos despois compraría unha nova, que pertenceu a Eduardo Fernández (Diño) e que foi adquirida na coñecida "Casa de la Música Villanueva", de Vigo.

Emilio organizou sobre 1941 o primeiro grupo musical que algúns chamaban "Os Portelas". Os integrantes eran: Emilio (gaita), Donato (gaita) e os irmáns Benedicto e Indalecio da Portela (caixa e bombo respectivamente). Actuaron por vez primeira (tiñan gorras e camisas blancas como indumentaria) ademais de nas festas populares de San Juan e San pedro, nas Festas do Monte Santa Trega (1942).

Alá por 1943-1944 se reforzou a agrupación, seguindo coas súas actuacións e coñecéndoselles agora por "Os Parrandeiros".


 
En 1944 se reestruturou o grupo con Emilio e Pepe (o seu irmán) que tocaban a gaita; os irmáns da Portela, caixa e bombo e Celso de Refoxos, requinto. Tiñan xa uniforme en color verde con gorras de prato.

O mordomo das Festas do Carme daquel ano era o "Tío Joaquín de Griselda" (O Alambrador) que os bautizou co arxentinísimo nome de "Los Cinco Pibes".

Sobre 1946 Emilio e Pepe Flores fundan o grupo "Os Albariños do Rosal", nome dado pola Comisión de Festas do Trega dese ano ao consignalo no seu famoso libro-programa.

Nun tempo intermedio no que se suspenderon actuacións dos "Albariños", Emilio formou parte da "Orquesta Flores" e do grupo gaiteiro "Os Terribles" de Donas (Gondomar) dende 1981 ata 1987.

Proximamente: Emilio, profesor de gaita, augardenteiro e carboeiro.

22 oct 2010

Final do I Campionato de Play Station - FIFA 11



Mañá, sábado 23 de outubro, ás 19:00 horas na Praza do Calvario, e en concreto no Salón de Exposicións municipal, terán lugar as últimas partidas do xogo de fútbol Fifa 11, correspondentes ao I Campionato de Play Station que se instaurou con motivo da XXIII Festa do Cabaqueiro.

Pablo Martínez Alonso agarda xa ao seu contrincante na Final que sairá do cruce de “semis” entre Carlos Daniel Díaz Pereira e Diego Martínez Alonso.

Os partidos veranse en pantalla xigante.

21 oct 2010

Inauguración das Exposicións Culturais



O pasado 9 de outubro tivo lugar a inauguración das Exposicións Culturais con motivo da XXIII Festa do Cabaqueiro.

O acto, que contou coa presenza do alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, foi presentado pola concelleira de Cultura, Charo Tabales Perozo, quen fixo unha introdución do significado e importancia desta exposición, realizando así mesmo unha semblanza biográfica dos artistas participantes na mostra.


Lembrou a edil que –como cada ano- tamén estaban expostas diferentes e importantes pezas e ferramentas relacionadas cos vellos mestres telleiros, que están cedidas e depositadas por particulares e que formarán parte dos fondos do futuro Centro de Interpretación municipal, na sección do “cabaqueiro”.

Tabales Perozo, na compaña do Alcalde e de representantes de distintas asociacións socio-culturais, realizaron un percorrido polas obras de Emilio Cabezas, Carmen Gómez, Gerardo Rebagliate, Praxíteles González, Manuel J. Fernández Gómez e Basilio Calzado, que foron os expositores convidados nesta edición da Festa do Cabaqueiro.

Os 7 Magníficos + 1, de novo na vila do Rosal



Este domingo 24 de outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal do Rosal terá lugar a representación de “O Gordo e o Calvo van ao Médico”, unha produción clown de Os 7 Magníficos + 1, dirixida por Iván Prado.

Este espectáculo está promovido por "festiclown" e conta con Francisco Rei e Pedro Brandariz como protagonistas.

Despois do éxito acadado con O Gordo e o Calvo, con máis de 50 representacións, tanto en Galicia como no resto do Estado, Os 7 Magníficos + 1 recuperan os seus dous personaxes máis populares para esta nova aventura clown: O Gordo e o Calvo van ao Médico.

Seguindo a liña do anterior, neste divertido espectáculo recupéranse e actualízanse algunha vella farsa dos pallasos de circo, mesturándose con situacións cómicas novas de creación propia. O humor máis clásico fusiónase coa creatividade e actitude de risco características desta compañía, para compoñer unha obra cómica en torno ao mundo dos médicos.

A idea de O Gordo e o Calvo xurdiu a partir do traballo -na primavera de 2002- de Os 7 Magníficos + 1 co prestixioso clown italiano Carlo Colombaioni, considerado por moitos/as como o mellor pallaso do mundo, co obxectivo de acadar un espazo pequeno no teatro galego para os números clásicos e sinxelos do mundo do pallaso de circo, a través de espectáculos de pequeno formato que, polas súas características, puideran adaptarse practicamente a calquera espazo escénico, tanto en interior como en rúa. (Fonte: Culturactiva)

20 oct 2010

2ª Marcha BTT. Serra da Groba, Zona Sur


O domingo 31 de outubro a partir das 9:30 horas terá lugar a 2ª Marcha BTT. Serra da Groba, Zona Sur. A Guarda- O Rosal.

Este evento está organizado polos Concellos da Guarda e do Rosal coa colaboración do Club Ciclista Guardés, o Club Ciclista O Rosal, Larsa, Fruitas Vilar e as OMIX dos municipios citados.

O percorrido é o seguinte: Alameda da Guarda – Torroso – Pico da Bandeira – Alto da Portela – A Valga – Capela de San Martiño – Muíños do Folón e do Picón – O Calvario – Capela de Santa Ana – Sandián – Pancenteo – A Guarda.

En total serán uns 35 km de Mountain Bike, de dificultade media. A organización confirma que haberá asistencia médica e mecánica.

Para máis información e inscricións na Omix da Guarda no teléfono 986 61 45 46 e na OMIX do Rosal no teléfono 986 60 94 50. Así mesmo no email deporte@aguarda.es. A data límite para inscribirse é o xoves 28 de outubro.

Obradoiros para nenos/as no Cabaqueiro


O sábado 9 e o luns 11 de outubro celebráronse na Praza do Calvario distintos obradoiros con motivo da XXIII Festa do Cabaqueiro.



Unha vez máis algúns dos mestres telleiros como Trintiña, Piedra, Telis ou Juanciño ensinaron a súa arte de facer tellas e ladrillos a man aos máis pequenos.

Luisa e Sonia de "Azul y Lila" tamén ofreceron na xornada do luns unhas clases de reciclaxe, goma eva e pintado de tellas.

19 oct 2010

Cursos de cociña, arte floral e maquillaxe



Participantes nun dos pasados cursos de automaquillaxe

Hoxe, martes 19 de outubro, o Concello do Rosal iniciará un curso de cociña que será impartido por Lidia Pérez. A súa duración, dúas horas á semana durante dous meses.



Por outra parte aínda quedan prazas para o curso de automaquillaxe e de arte floral, que tamén constará de oito clases, dedicándose as tres últimas a realizar “centros de Nadal”.

Para máis información, poden achegarse ata o Centro Social Polivante ou chamando ao teléfono 986 60 94 50.

18 oct 2010

O Baixo Miño lembra a "Os Cabaqueiros"



O pasado venres 8 de outubro tivo lugar no Centro Social Polivalente a Presentación do II Campionato de Futbolín "Os Cabaqueiros 2010", organizado polo Concello coa colaboración da nosa web, a Fundación O Rosal e Caixanova.

Deu a benvida aos asistentes o alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, que estivo acompañado neste acto -entre outros- pola concelleira de Cultura, Charo Tabales Perozo, o de Xuventude, Pablo Flores Díaz, así como por Juan González Domínguez e Rafael Martínez López, representantes da Fundación O Rosal. O escultor local Julio Martínez Martínez tamén estivo presente apoiando a iniciativa.



Presentou o evento Juan Ramón M. Barbosa, técnico de Cultura e á vez coordinador de Noticias, quen explicou as regras do torneo e deu a coñecer os nomes dos equipos participantes neste II Campionato na honra e lembranza dos cabaqueiros do Rosal e do Baixo Miño.

Destacar así mesmo a exemplar colaboración, prestada para a ocasión, do goianés Rubén Santos Paz (Delio), quen -previo sorteo- se encargou de realizar os pertinentes emparellamentos e axudar en todo o relacionado coa organización deste torneo.

Todos os participantes foron obsequiados cunha camiseta. Ás tres primeiras parellas do pasado ano tamén se lles agasallou cun prato conmemorativo, cunha imaxe gravada deles no podium, cos vellos mestres telleiros.

 "A Peña do Futbolín" ofreceu ao remate da presentación uns pinchos e un viño galego.


Equipos inscritos:

- YEYA E LUIS (BAR TROYA). Sergio Casal Fernández e Luis Martínez Pereira.

- OS ARGINAS. Braulio Álvarez González e Sergio Rodríguez Álvarez

- OS CATAS. Diego Álvarez Fernández e Diego Martínez Alonso

- OS DAORDES. Antonio Lomba Rodríguez e José Martínez Fernández.

- OS DA JALLEIRA. Jorge Martínez Barbosa e Sergio Fernández González.

- OS FERRETES. Roberto Martínez González e Jorge Domínguez Rodríguez.

- PUB J&J. Ana Pérez Otero e Sofía Gómez Sobrino.

- BE WATER MY FRIEND. PARIÑA BORETA DAORDE. Santiago Lima Ameal e Daniel Rodríguez Rodríguez.

- BAR FLORO: Maite Martínez González e Noelia Álvarez Baquero.

- OS BUXAS: Sergio Diego Fernández e Jorge Silva Álvarez.

- O JITO: Daniel Rodríguez Martínez e Lucas de Santiago Gómez.

- DEFUSERS: Sergio Martínez e Tomás Santos Suárez

- OS CHURUMBELEIROS: Ruth Martínez Barbosa e Ángel Martínez Diego.

- OS ZARABETOS: Sergio González Dorado e Miguel Rodríguez González.

- OS XIDOS: Gustavo Jurado Fernández e Juan Ramón Martínez

- JALEGIÑAS: Mary Domínguez Rodríguez e Sonia Castro Rodríguez

- NAS MARABALLAS: Efrén Rodríguez Rodríguez e Raúl González Martínez

- PORTECELO: Marcos Casal Fernández e Carlos Alberto Álvarez da Concepción

- INFIERNO BLANCO: Francisco Javier Treinta Rodríguez e Alberto Pérez Rodríguez.

- SKAPE 34: Óscar Rodríguez Vicente e Roberto Rodríguez González.

14 oct 2010

David Gómez: "Todos intentan retirarme"



O decatleta rosaleiro David Gómez Martínez foi entrevistado polo xornalista Armando Álvarez, do Faro de Vigo. Velaquí vos deixamos o enlace ás xugosas declaracións do noso olímpico. Foto: Jesús de Arcos.

Encontro de Corais no Auditorio Municipal



Con motivo do VI aniversario da Coral da Agrupación Musical do Rosal, o sábado 23 de outubro, a partir das 20:00 h, terá lugar no Auditorio Municipal unha Mostra Coral.

Actuará a anfitriona Coral da Agrupación Musical do Rosal xunto coas invitadas para a ocasión, a Coral Polifónica Eixil (Cedeira-A Coruña) e o Orfeón Lucense (Lugo).

O concerto está patrocinado por FE.CO.GA (Federación Coral Galega) e pola Xunta de Galicia.

O Festival Rosal Rock, este venres día 15


O Festival Rosal Rock '10 -que se tivo que suspender a semana pasada polo mal tempo- celebrarase este venres 15 de outubro na Praza do Calvario ás 22:00 horas co seguinte cartel:

Copenhague
The Winning Numbers
The Inspectors
QuédeQué!

A retransmisión do evento poderase ver en directo grazas aos nosos compañeiros de Infomiño (http://www.infominho.com/)

13 oct 2010

Comeza no Rosal o servizo de transporte



Segundo se pode comprobar na páxina web do Concello do Rosal -tras realizar un bando o alcalde, Jesús Mª Fernández Portela- comezou, dende este luns 11 de outubro de 2010, o servizo municipal de transporte gratuíto "para todas aquelas persoas que desexen ou necesiten acercarse ata o casco urbano sen necesidade de utilizar vehículo propio".

Podedes ver días, horarios e percorridos facendo clic aquí.

Santiago Lima Ameal, gañador do sorteo

Hai uns minutos, Santiago Lima Ameal, da Guarda, foi o primeiro en confirmar (mediante o Facebook), que era el o posuidor dunha das rifas premiadas, en concreto a que levaba impreso o número 206.

Polo tanto é o gañador do lote completo de produtos, libros e camisetas (incluído o maillot dedicado do ciclista profesional rosaleiro Serafín Martínez) que "A Peña do Futbolín" sorteou durante esta XXIII Festa do Cabaqueiro. ¡A nosa noraboa!

¡Última hora! Mércores 13 de outubro, 23:30 h.

¡Apareceu tamén o nº 0129!
Dende a Organización veñen de confirmarnos que se aparece o nº 294 daráselle un agasallo sorpresa aos propietarios destes dous últimos números.

Números premiados no sorteo dos Cabaqueiros



Os números premiados nas rifas de colaboración para o II Campionato de Futbolín Os Cabaqueiros son os seguintes:
Nº: 0129
Nº: 0206
Nº: 0294

Se en tres días despois desta publicación non aparece o agraciado/a volverase a realizar un novo sorteo. O gañador será o primeiro que acredite posuír algún deses tres números e se levará:
-O maillot de líder da Montaña da Vuelta a España asinado polo ciclista profesional Serafín Martínez Acevedo.
-1 camiseta conmemorativa do II Campionato de Futbolín.
-1 memoria e un plato do Cabaqueiro deste ano.
-2 botellas de viño Albariño.
-1 botella de licor café.
-1 rosca de xema de Confitería Rogelio.
-1 botella de cava Freixenet Carta Nevada.
-1 peluche e bombóns.
-1 libro edición de luxo dos "Muíños do Folón e do Picón na Vila do Rosal".
-1 libro edición de luxo dos "Cruceiros, cruces e almiñas do Rosal".
-3 libros do poeta rosaleiro Manuel da Ventosela.

8 oct 2010

"Ir e Vir" e "Río do Folón" actuarán o día 12


Os grupos de pandereteiras rosaleiros "Ir e Vir" (na imaxe) e "Río do Folón", así como a súa directora, Berta Castro González, piden desculpas ao Concello do Rosal e aos seus veciños, xa que por motivos totalmente alleos á Comisión Organizadora da Festa do Cabaqueiro e á concellaría de Cultura, non asistirán ao Festival de Pandereteiras que se celebrará este sábado na Praza do Calvario.

Lamentan as molestias que isto poida ocasionar, agradecendo por outro lado á concellaría de Cultura a posibilidade que lles brinda para poder actuar na mesma Praza do Calvario o vindeiro martes día 12 de outubro ás 19:30 horas.

7 oct 2010

Yeya e Luis buscarán revalidar o seu título


Yeya e Luis (Sergio Casal e Luis Martínez), que tamén veñen de gañar o I Torneo de Futbolín "Bar Troya" -na imaxe, con Lelo, o seu propietario, despois do "baño do triunfo"- intentarán revalidar esta fin de semana o seu título de campións dos "Cabaqueiros".

Precisamente hoxe venres, ás 21:00 horas, no Centro Social Polivalente, terá lugar a Presentación deste II Campionato de Futbolín na honra dos vellos mestres telleiros do Rosal e do Baixo Miño.

Pilotos rosaleiros no Rali do Alvarinho



Reportaxe (texto e fotografías) realizada por Roberto Valladares.

O pasado domingo 26 de setembro celebrouse o Rali do Alvarinho en Monçao, proba puntuable para o Campionato Rexional Norte de Portugal e que estivo organizada polo Clube Aventura do Minho.


Esta competición contou coa presencia de varios participantes rosaleiros: José Rodríguez e Óscar Rodríguez co seu Opel Corsa realizaron unha gran proba terminando undécimos na clasificación xeral.


Javier Riveiro e Abel Martínez -que estreaban un Peugeot 206 XS co que disputaron a proba extra- chegaron á meta na décimo cuarta posición.


Tamén participou outro veciño do Rosal, Juan José Rivero, neste caso no asento da dereita -o de copiloto- acompañando a Urbano Covelo, non pasando do primeiro tramo debido a unha saída de pista.


O rallye foi gañado polo galego Fernando Silva cun Mitsubishi Lancer Evo IV.


Segundo foi outro galego, Antonio Salgueiro, cun potente Porsche Boxter.


Na proba extra o vencedor foi Joao Traila, cun Mitsubishi Lancer Evo VIII.

Salientar as numerosas saídas de pista e o debut nos rallyes da Ford Transit Trophy, participando nesta proba como vehículo de seguridade.

Podedes ver todas as fotos en:
http://www.fotosvideosderali.blogspot.com/  

6 oct 2010

Innovador proxecto de José Benito Guerreiro


José Benito Guerreiro, pescador do Río Miño desde o ano 1.992, porá en marcha durante a próxima temporada de pesca, o primeiro sistema de trazabilidade para a pesca do Río Miño.

En palabras de Guerreiro “este novo proxecto empresarial nace coa idea de potenciar os recursos pesqueiros do Río Miño e consistirá nun sistema que ofrecerá aos seus clientes a garantía de que o que está comprando ou consumindo nun restaurante, procede realmente do Río Miño e, no caso de que o cliente queira comprobar esa procedencia, poida facelo dunha forma sinxela.

Todos sabemos que, desde fai xa uns poucos anos, as lampreas do Miño perden valor cando, ao pouco de empezar a temporada de pesca, no mercado comezan a entrar miles de lampreas procedentes doutros países e que son vendidas como se foran do noso Río, co conseguinte prexuízo tanto para o pescador, que perde diñeiro, como para o consumidor que está sendo enganado.

Outro exemplo, que isto xa é algo de toda a vida, é cando un pescador sae a vender un sable pescado no Miño e o seu potencial cliente, o primeiro que fai é preguntarlle se ese sable procede realmente do río Miño…

Como ese pescador non conta cun sistema co cal o poida garantir ao final acaba rebaixando o prezo e o seu cliente tampouco gana gran cousa, porque sempre pode quedar coa dúbida de que ese sable sexa en verdade do Miño”.

José Benito tiña claro que “había que crear un sistema que permitira ofrecer ao cliente unha garantía de procedencia do produto que está consumindo. O ideal sería crear unha rede que establecese unha relación entre pescadores, comercializadores, restaurantes e clientes. Un sistema que ofrecese unha garantía de procedencia e do que todos se puideran beneficiar”.

Voltas e máis voltas ao mesmo problema, que José Benito non parecía encontrarlle solución… ata que -durante unha noite de pesca do pasado mes de xaneiro- tivo unha idea que lle pareceu podería solucionar esta problemática.

A partir desta primeira idea comezouse a desenrolar o sistema de traballo e despois de face-las primeiras probas con lampreas e máis tarde con sables, o seguinte paso foi asistir a varias conferencias que se celebraron en Vila Nova de Cerveira, Tui, Baiona, Vigo, Santiago de Compostela, onde se falou sobre sistemas de trazabilidade para peixes e, nalgunha delas, se debateu sobre a situación actual do mercado pesqueiro a nivel mundial. Así José Benito puido contrastar o seu sistema con outros que xa están funcionando en diferentes lugares do planeta.

En todos estes foros fixeron especial fincapé nun punto que se considera crucial: o consumidor actual quere saber de onde procede o produto que está comprando e, non só iso, ten que poder comprobalo dunha forma o máis sinxela posible.

O normal é que, cando imos a unha praza de abastos, ao supermercado… na tarxeta do mostrador onde vén indicado o prezo, poidamos ve-la procedencia dese produto pero, na maioría dos casos, esta información non é de todo clara e, ademais, non podemos levar para casa esa tarxeta identificativa, nin tampouco poderemos comprobar por nós mesmos se ese peixe procede realmente de onde nos din que vén.

E aí está a novidade deste proxecto totalmente innovador, onde cada peixe do río Miño: lampreas, sables…, que se xestionen a través deste sistema; serán tratados de forma individualizada e se lle asignará a cada un deles un código numérico que acompañará ao peixe ata que chegue ao consumidor final.

Vía teléfono móbil ou Internet, o consumidor, se así o desexa, poderá comprobar cando foi pescado, quen o pescou…

Este sistema de trazabilidade estará á altura dos mellores sistemas a nivel mundial, pero aínda hai algo máis, algo que de momento non se está facendo en ningún lugar: a posibilidade de poder identifica-la procedencia dun peixe, incluso despois de cociñado.

O equipo de colaboradores que está axudando a José Benito no desenrolo do sistema, está traballando para que as lampreas do Miño poidan ser identificadas como tal, aínda despois de cociñadas. “As probas realizadas no pasado mes de marzo deron resultados positivos e agora estase traballando nunha máquina que permitirá automatizar este proceso.

As probas finais faranse coas primeiras lampreas da próxima temporada e, no caso de que se consigan os resultados esperados, sería a guinda final a un sistema de trazabilidade que xa de por si, sen este complemento adicional, ofrecerá unha garantía ao 100 % de que o cliente está comprando un produto procedente do río Miño”.

Este proxecto será presentado oficialmente a finais do mes de outubro e todo o equipo de traballo e os colaboradores que están axudando a José Benito, esperan ter todo listo para empezar a traballar tan pronto como empece a temporada da lamprea.

Porque, aínda que a idea orixinal partiu de José Benito, o desenrolo do proxecto non houbera sido posible sen a axuda e o traballo de varias empresas e colaboradores da comarca do Baixo Miño, entre eles: Fernando Coello, que se está encargando do deseño da imaxe corporativa e da páxina web e a empresa Aplicaciones y Redes que está levando a xestión informática da trazabilidade, incluída a parte na que o consumidor poderá verificar, a través de Internet, que o que está consumindo é realmente do río Miño.

Engadir tamén que este proxecto empresarial xa conta cunha marca comercial que está rexistrada para toda España e Portugal.

Segundo José Benito “está sendo unha tarefa dura, pero os compoñentes do equipo de traballo están moi ilusionados porque este proxecto, no caso de chegar a bo porto, pode beneficiar a moita xente e ademais, encaixa perfectamente coa forma de pensar dos membros do equipo; xa que son persoas ás que lles gusta buscar outras formas de facer as cousas”. Lembra de novo Guerreiro que “outra cousa non, pero este proxecto é algo radicalmente distinto a todo o que se está facendo, non só no Baixo Miño, senón en moitos outros lugares do planeta. Agora só falta esperar a que se comunique a data, posiblemente –como digo- a finais de outubro, e o lugar no que se fará a presentación oficial. Ese día, moi posiblemente, poderemos ver unha demostración virtual do sistema de trazabilidade”.

Os peregrinos regresan sans e salvos a casa


Un pequeno grupo de peregrinos do Rosal e A Guarda saíron ben cedo o pasado luns 27 de setembro dende a Praza do Calvario para realizar o Camiño Portugués dende Tui ata Santiago de Compostela.

Nesta actividade, que estivo organizada polo concello rosaleiro, os camiñantes pernoctaron nos diferentes albergues existentes na ruta, para chegar o venres 1 de outubro á cidade do Apóstolo.

En breve ofrecerémosvos as imaxes da súa aventura.

Os coches antigos percorren O Rosal


O sábado 25 de setembro tivo lugar na Praza do Calvario unha concentración de coches antigos. 



Os propios integrantes do "Club Gallego de Automóviles antiguos" organizador do evento, percorreron as adegas rosaleiras e visitaron un dos puntos claves no turismo da vila, como son os muíños do Folón e do Picón.

O evento foi patrocinado pola Asociación de Comerciantes (ACOR) coa colaboración do Concello do Rosal.

Conferencia de Carlos Méixome en Sanxián


O pasado venres 24 de setembro inaugurouse na Escoliña de Sanxián unha exposición composta por sete paneis explicativos sobre o proceso de investigación histórica, escavación arqueolóxica e identificación das dúas fosas de Sanxián.

O acto, organizado pola Comisión de Festas de San Xián e a concellería de Cultura do Rosal, completouse coa interesante conferencia sobre "As fosas de San Xián" impartida por Carlos Méixome Quinteiro, director do Instituto de Estudos Miñoranos.

Segundo a páxina web desta asociación e do propio Méixome "na primeira delas atopáronse os restos que permitiron a identificación de Abilio Araújo Barbosa e Manuel Prudencio do Rosario, entregados aos seus familiares nun acto público que tivo lugar o pasado 31 de xullo na sede do IEM en Gondomar, así como o dunha terceira persoa que coidamos se trata de Manuel ou Jesús "o palero de Laureana".


O director do IEM fixo un percorrido polos paneis, explicándoos, á vez que respondía ás múltiples preguntas dos veciños asistentes. Lembrou que "na segunda das fosas apareceron dous cadáveres. Un deles coidamos que se trata de Joaquín de la Iglesia Portela, o carpinteiro de San Pedro da Ramallosa, (na actualidade en proceso de identificación por ADN polo Instituto de Medicina Legal de Santiago de Compostela). Do segundo dos cadáveres carecemos de información".


Dos asistentes a este acto puidemos charlar -entre outros- con Xosé Lois Vilar Pedreira, arqueólogo e membro do IEM; Xoán Martínez Tamuxe, escritor e presidente do Instituto de Estudios Tudenses; Roberto Rodríguez Álvarez, historiador ou Miguel Ángel Gil, activo membro da Comisión de Festas de Sanxián.

5 oct 2010

Diego, Serafín e Óscar, homenaxeados no Rosal

Na imaxe, Diego, Serafín e Óscar diante da fachada do consistorio

O pasado sábado 2 de outubro tivo lugar na casa do Concello a recepción oficial a tres deportistas da Vila que recentemente colleitaron éxitos a nivel estatal e aínda internacional: Diego Fernández González, nadador, Serafín Martínez Acevedo, ciclista e Óscar Vicente Rodríguez, triatleta.


Abriu o acto o alcalde Jesús Mª Fernández Portela, quen arroupado pola Corporación Municipal en pleno –a excepción de tres concelleiros- deu a benvida aos asistentes.

O rexidor rosaleiro foi presentando un por un a estes xoves deportistas, comezando por Óscar Vicente, sinalando que este rapaz de Marzán tivo unha impresionante actuación en Edimburgo (Escocia) ao conseguir o mes pasado a medalla de bronce no Campionato de Duatlón, categoría sub 23.

Fernández Portela tamén alabou o traballo de Serafín Martínez na “Vuelta a España” deste ano onde conseguiu ser líder da Xeral da Montaña durante seis etapas e rematar finalmente na segunda posición desta clasificación.

Por último, o Alcalde fixo referencia ao máis novo dos tres, Diego Fernández, que cos seus 15 aniños, se proclamou Campión de España Infantil en Palma de Mallorca nos 200 metros bolboreta de natación.


Unha vez rematadas as presentacións, procedeuse á entrega dos diplomas de recoñecemento e das metopas do Concello, así como das edicións “de luxo” dos libros Cruceiros, cruces e almiñas do Rosal e Muíños do Folón e Picón na vila do Rosal.

Tanto Óscar, como Serafín e Diego agradeceron nos seus pequenos discursos as mostras de apoio recibidas por parte do Concello e por suposto dos seus familiares, amigos e veciños.


Finalizou o acto cunha amigable charla dos deportistas cos membros da corporación municipal rosaleira, realizándose -para o recordo e a historia da Vila- unhas fotografías diante da fachada do Concello.

A Agrupación organiza o III Festival Folk O Rosal


Velaquí vos deixamos o cartel do III FESTIVAL FOLK que se celebrará os días 9 e 10 de outubro na Praza do Calvario, xustiño despois de finalizar as partidas do Campionato de Futbolín "Os Cabaqueiros".

Organiza este evento a AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL coa colaboración de diferentes entidades.

VI Mercadillo de Oportunidades de ACOR


O pasado 12 de setembro celebrouse na Praza do Calvario o VI Mercadillo de Oportunidades organizado pola Asociación de Comerciantes do Rosal, que preside José Martínez González (Pepe Berdeal), en colaboración co Concello.


Os establecementos estiveron durante todo o día amosando os seus produtos con importantes descontos. Xa de tarde, como é tradicional, tivo lugar o concurso-obradoiro de debuxo e de globoflexia, a cargo de Patricia Dorado Pregal.



A gañadora do concurso de debuxo foi -por segunda vez consecutiva- Nerea Alonso Rodríguez.

3 oct 2010

Estrea de "El Cementerio de Automóviles"


Os alumnos da aula de Tomiño estrean este luns 11 de outubro ás 21:00 horas no Auditorio Municipal a obra "El Cementerio de Automóviles", de Fernando Arrabal, que non se puido celebrar o pasado domingo debido ao temporal.

Con esta presentación "se dará por comenzado el curso 2010-2011 y esta obra será llevada posteriormente a otros ayuntamientos que lo soliciten".

Con estas accións a Escola Comarcal cumpre un dobre obxectivo: "primero, el de formar y segundo que los alumnos que lo deseen puedan demostrar sus habilidades de cara al público".

Para Enrique Álvarez, presidente da asociación "es un orgullo estrenar en O Rosal por la gran acogida que siempre brinda su público y en particular por la colaboración del Ayuntamiento en cada una de las actividades que realizamos, especialmente la prestada por el Departamento de Cultura".

Segundo nos informan "la obra conforma el núcleo fundamental de la dramaturgia de Fernando Arrabal, cuya dinámica apela a la experiencia total humana mediante la ceremonia y la ritualización de la imposible comunicación humana. El Cementerio de Automóviles retrata a unos seres condenados que habitan esqueletos metálicos".

Será levada a escea por José Marín, Laura Blanco, David Solla, José Herbello, Esmeralda Brito, José Fernández y Adrián Gabriel. Está dirixida por Ana Canadillas.

Dende a Escola Comarcal lembran que aínda quedan prazas para o presente curso, podendo solicitar información no teléfono 649 480 227.

1 oct 2010

OS CAMPELOS E CÍA ACTÚAN O VENRES NO LUAR (TVG)


Agardemos que desta vez non ocorra nada e o dúo humorístico rosaleiro "Os Campelos" (Francisco Rodríguez Fernández e Roberto Fernández Rodríguez) poida actuar sen problema, hoxe á noite, no programa Luar, da Televisión de Galicia. Lembramos que estaba planeada a súa presenza xa a semana pasada pero o repentino falecemento da cantante Ana Kiro impediu dita actuación.

Mañá sábado 2 de outubro ás 21 horas tamén está confirmado que "Os Campelos" ofrecerán un dos seus maxistrais espectáculos durante a Romaría de San Francisco, en Marzán.