TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

6 oct. 2010

Innovador proxecto de José Benito Guerreiro


José Benito Guerreiro, pescador do Río Miño desde o ano 1.992, porá en marcha durante a próxima temporada de pesca, o primeiro sistema de trazabilidade para a pesca do Río Miño.

En palabras de Guerreiro “este novo proxecto empresarial nace coa idea de potenciar os recursos pesqueiros do Río Miño e consistirá nun sistema que ofrecerá aos seus clientes a garantía de que o que está comprando ou consumindo nun restaurante, procede realmente do Río Miño e, no caso de que o cliente queira comprobar esa procedencia, poida facelo dunha forma sinxela.

Todos sabemos que, desde fai xa uns poucos anos, as lampreas do Miño perden valor cando, ao pouco de empezar a temporada de pesca, no mercado comezan a entrar miles de lampreas procedentes doutros países e que son vendidas como se foran do noso Río, co conseguinte prexuízo tanto para o pescador, que perde diñeiro, como para o consumidor que está sendo enganado.

Outro exemplo, que isto xa é algo de toda a vida, é cando un pescador sae a vender un sable pescado no Miño e o seu potencial cliente, o primeiro que fai é preguntarlle se ese sable procede realmente do río Miño…

Como ese pescador non conta cun sistema co cal o poida garantir ao final acaba rebaixando o prezo e o seu cliente tampouco gana gran cousa, porque sempre pode quedar coa dúbida de que ese sable sexa en verdade do Miño”.

José Benito tiña claro que “había que crear un sistema que permitira ofrecer ao cliente unha garantía de procedencia do produto que está consumindo. O ideal sería crear unha rede que establecese unha relación entre pescadores, comercializadores, restaurantes e clientes. Un sistema que ofrecese unha garantía de procedencia e do que todos se puideran beneficiar”.

Voltas e máis voltas ao mesmo problema, que José Benito non parecía encontrarlle solución… ata que -durante unha noite de pesca do pasado mes de xaneiro- tivo unha idea que lle pareceu podería solucionar esta problemática.

A partir desta primeira idea comezouse a desenrolar o sistema de traballo e despois de face-las primeiras probas con lampreas e máis tarde con sables, o seguinte paso foi asistir a varias conferencias que se celebraron en Vila Nova de Cerveira, Tui, Baiona, Vigo, Santiago de Compostela, onde se falou sobre sistemas de trazabilidade para peixes e, nalgunha delas, se debateu sobre a situación actual do mercado pesqueiro a nivel mundial. Así José Benito puido contrastar o seu sistema con outros que xa están funcionando en diferentes lugares do planeta.

En todos estes foros fixeron especial fincapé nun punto que se considera crucial: o consumidor actual quere saber de onde procede o produto que está comprando e, non só iso, ten que poder comprobalo dunha forma o máis sinxela posible.

O normal é que, cando imos a unha praza de abastos, ao supermercado… na tarxeta do mostrador onde vén indicado o prezo, poidamos ve-la procedencia dese produto pero, na maioría dos casos, esta información non é de todo clara e, ademais, non podemos levar para casa esa tarxeta identificativa, nin tampouco poderemos comprobar por nós mesmos se ese peixe procede realmente de onde nos din que vén.

E aí está a novidade deste proxecto totalmente innovador, onde cada peixe do río Miño: lampreas, sables…, que se xestionen a través deste sistema; serán tratados de forma individualizada e se lle asignará a cada un deles un código numérico que acompañará ao peixe ata que chegue ao consumidor final.

Vía teléfono móbil ou Internet, o consumidor, se así o desexa, poderá comprobar cando foi pescado, quen o pescou…

Este sistema de trazabilidade estará á altura dos mellores sistemas a nivel mundial, pero aínda hai algo máis, algo que de momento non se está facendo en ningún lugar: a posibilidade de poder identifica-la procedencia dun peixe, incluso despois de cociñado.

O equipo de colaboradores que está axudando a José Benito no desenrolo do sistema, está traballando para que as lampreas do Miño poidan ser identificadas como tal, aínda despois de cociñadas. “As probas realizadas no pasado mes de marzo deron resultados positivos e agora estase traballando nunha máquina que permitirá automatizar este proceso.

As probas finais faranse coas primeiras lampreas da próxima temporada e, no caso de que se consigan os resultados esperados, sería a guinda final a un sistema de trazabilidade que xa de por si, sen este complemento adicional, ofrecerá unha garantía ao 100 % de que o cliente está comprando un produto procedente do río Miño”.

Este proxecto será presentado oficialmente a finais do mes de outubro e todo o equipo de traballo e os colaboradores que están axudando a José Benito, esperan ter todo listo para empezar a traballar tan pronto como empece a temporada da lamprea.

Porque, aínda que a idea orixinal partiu de José Benito, o desenrolo do proxecto non houbera sido posible sen a axuda e o traballo de varias empresas e colaboradores da comarca do Baixo Miño, entre eles: Fernando Coello, que se está encargando do deseño da imaxe corporativa e da páxina web e a empresa Aplicaciones y Redes que está levando a xestión informática da trazabilidade, incluída a parte na que o consumidor poderá verificar, a través de Internet, que o que está consumindo é realmente do río Miño.

Engadir tamén que este proxecto empresarial xa conta cunha marca comercial que está rexistrada para toda España e Portugal.

Segundo José Benito “está sendo unha tarefa dura, pero os compoñentes do equipo de traballo están moi ilusionados porque este proxecto, no caso de chegar a bo porto, pode beneficiar a moita xente e ademais, encaixa perfectamente coa forma de pensar dos membros do equipo; xa que son persoas ás que lles gusta buscar outras formas de facer as cousas”. Lembra de novo Guerreiro que “outra cousa non, pero este proxecto é algo radicalmente distinto a todo o que se está facendo, non só no Baixo Miño, senón en moitos outros lugares do planeta. Agora só falta esperar a que se comunique a data, posiblemente –como digo- a finais de outubro, e o lugar no que se fará a presentación oficial. Ese día, moi posiblemente, poderemos ver unha demostración virtual do sistema de trazabilidade”.

0 comentarios:

Publicar un comentario