TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

26 abr 2011

Noticias O Rosal entrevista a José Martínez González (Pepe Berdeal)



Reunímonos recentemente na Praza do Calvario e na Sociedade Liga de Amigos do Rosal para charlar animada e distendidamente cun dos persoeiros máis coñecidos da nosa vila. Este non é outro que José Martínez González, “Pepe Berdeal”, home culto, servicial e amable como poucos e que entre outras ocupacións e cargos, foi durante medio século, funcionario do Concello.

Na actualidade é o presidente da Asociación de Comerciantes (ACOR) e ven de ser elixido tamén presidente da Asociación de Persoas Maiores do Rosal.

Boas tardes, Pepe. Graciñas en primeiro lugar por concedernos esta pequena entrevista. Comezamos pois a formularlle, sen máis preámbulos, as seguintes cuestións:

-¿Canto tempo estivo como funcionario do Concello?
Estiven nada máis e nada menos que cincuenta anos. Dende o ano 1956 ata o 2006. Ao principio, ese primeiro ano, pagáronme 1000 pesetas. Ao seguinte, xa era auxiliar e dábanme 2500 pesetas cada tres meses (10000 ao ano). A subida xa foi considerable. Algo curioso porque con 13 anos facía na casa o Libro de Caixa do Concello (Tesourería), xa que meu pai era o tesoureiro.

-¿Cal era a súa función nas dependencias municipais?
¿A miña función? De todo menos de Alcalde (risas). Era o comodín. Traballei –entre outros- de secretario accidental, de Policía Local e de Auxiliar de oficinas, daquela chamado “meritorio” (o primeiro ano). Logo estudei Auxiliar de Administrativo. A tesourería leveina durante 30 anos máis ou menos. Miro para atrás no tempo e penso cando entrei daquela, que aínda non había nin bolígrafos… ¡O bolígrafo era un invento de coidado! E logo, as máquinas de escribir… tiña máis de 300 pulsacións por minuto. ¡Machaquei moito!
Ultimamente chegaron os ordenadores, que sinceramente non eran para min. Pero que remedio, tiven que introducirme… ¡menos mal que me xubilaba! (risas).

-¿Tivo algún outro cargo?
Pois si, tamén fun Delegado Local de Educación Física e Deportes. A miña misión era conseguir por exemplo, subvencións para os clubs e os deportistas da vila. Así mesmo desempeñei o cargo de Delegado do Frente de Juventudes e tamén actuei como Delegado de OJE (Organización Juvenil Española). Logo, como curiosidade fun uns 25 anos secretario da Sociedade de San Miguel de Tabagón, comezando con 19 anos co meu pai, que daquela era o presidente. Ademais fun correspondente no Rosal dos xornais La Hoja del Lunes e de Pueblo Gallego.

-Cambiando radicalmente de tema, e deixando atrás o seu pasado como funcionario municipal, centrémonos no presente. ¿Cando se fundou a Asociación de Comerciantes do Rosal? ¿Cantos anos leva como o seu presidente e cantos socios-asociados ten ACOR? ¿Que establecementos ou entidades poden adherirse? ¿Cales son as condicións para ser aceptado?
A Asociación fundouse fai 14-15 anos, levando eu como presidente uns 13. Igualmente xa van 4 anos como vocal da Federación de Comerciantes de Pontevedra. Actualmente temos sobre os 60 asociados, aproximadamente. ¿Quen se pode adherir? pois todos os comercios e industrias do Rosal, de calquera clase. Ademais temos unha cota moi inferior a outras asociacións deste sector. Un comercio que desexe entrar na Asociación tan só ten que pagar 40 euros ao ano. É unha mágoa porque se houbera máis unión poderíamos facer moitas máis cousas.

-¿Que vantaxes ten un asociado con respecto a un comerciante que non o é?
En primeiro lugar que ten algo fundamental, asesoramento. Despois pode beneficiarse de distintas subvencións, cursos propios do comercio ou mesmo diferentes convenios con entidades bancarias que a bo seguro repercutirán para ben no seu negocio.

-¿Que actividades realiza a Asociación? ¿Conta entón con algunha subvención?
É un abismo do que se fai agora con respecto a antes, que non se facía practicamente nada. Hoxe en día, celebramos o Mercadillo de Oportunidades, unha vez ao ano. Este 2011 cadra coa festa de San Isidro, o 15 de maio. Ademais, realizamos diferentes cursos (manipulador de alimentos, de paquetería, de escaparatismo, de atención ao público). Conseguimos o Selo de Calidade para algúns dos nosos comercios e tamén o Prato de Ouro para un coñecido restaurante da vila.

Nestes momentos contamos cunha subvención de 15.000 euros da Consellería de Industria e Comercio para a adquisición de bolsas de compra, así como para a confección e posterior distribución de guías de comercio (con interesantes apartados de historia, cultura e por suposto, a relación dos nosos comerciantes).

-¿Ten intención de seguir ao fronte da Asociación?
Si, de momento sigo ata que me poida defender, esa é a miña intención, porque me gusta… O malo será cando non poida fisicamente… os anos van pesando (risas).

-Moita xente mírao como cabeza visible da Cabalgata de Reis no Rosal... ¿Como xurde esta idea? ¿Foi unha iniciativa súa ou comezou coa axuda dalgún organismo ou persoa? ¿Contou ou conta con algunha colaboración?
A Cabalgata de Reis facíana os mozos cun grupo de mulleres en colaboración coa parroquia, pero aos dous anos cansáronse. Primeiro íamos en camións ao descuberto, cedidos por distintos empresarios do Rosal. Máis adiante xa, como sabedes, con microbús. Cousa curiosa que ao principio non se visitaba nin Sanxián nin Portecelo. Hai bastantes anos decidín ir por alí e realmente aquilo foi unha festa. ¡Estaba todo o pobo!

Teño que agradecer a axuda do Concello, que -entre outras cousas- colabora cos vehículos de acompañamento e coa policía local. Ademais o meu agradecemento á colaboración de certas entidades bancarias, adegas e a moitas empresas da vila.

-Din que vostede sabe os nomes e apelidos de distintas xeracións de rosaleiros, que coñece a case todo O Rosal… ¿É isto certo? ¿como é posible?
Bueno, coñecía a todas as persoas de máis de 25 anos. Isto é debido ao moito papeleo que pasou polas miñas mans no Concello, ademais da relación que tiña coa xente na miña oficina de seguros. Cantas veces tiven que ir ata a propia casa do asegurado…

-Temos entendido que está intentando facer unha curiosa xuntanza.
Ocorríuseme facer unha festa cos rosaleiros que nacimos no 1941, xa que este 2011 cumprimos todos 70 anos. É unha mágoa xa que faleceron oito persoas, pero quedan 64, que estou avisando por medio dunha carta, confirmando polo momento a súa asistencia máis da metade.

A miña intención é facer unha misa por eses falecidos e despois unha comida de xuntanza nun restaurante do Rosal.

-En resumidas contas Pepe, ¿que mensaxe lle gustaría transmitir aos lectores desta entrevista?
Pois que estou a favor de todo o que sexa progreso para O Rosal. Calquera iniciativa en pro do municipio será benvida. Sen dúbida a unión fai a forza, así que me gustaría facer un chamamento para que todos colaborásemos un pouquiño máis. Sería unha alegría que houbera moita máis implicación, para que O Rosal, en todos os sentidos, seguira avanzando.

Graciñas Pepe! Velaquí van agora algunhas preguntiñas informais e máis persoais para coñecer algúns dos seus gustos…

A OUTRA ENTREVISTA

Unha comida: calquera arroz con marisco, especialmente con bogavante.
Unha bebida: a coca-cola light.
Un libro: calquera do “nobel” Mario Vargas Llosa.
Unha película: Titanic, de James Cameron.
Música ou canción preferida: música, a clásica. Unha canción, A Rianxeira.
Un deporte: o fútbol, xogueino en plan “amateur”
Unha frase ou refrán: dime con quen andas e te direi quen eres.
Unha cidade: sen dúbida, León.
Un lugar ou paraxe do Rosal: moitos, pero quédome coas Aceñas e os Muíños do Folón.
Un sono sen realizar: facer por exemplo unha viaxe de lecer, un cruceiro.
Un sono cumprido: ter a familia “en marcha” para a vida.


O Rosal, Praza do Calvario, abril de 2011.


0 comentarios:

Publicar un comentario