O pasado fin de semana (9 e 10 de abril) tivo lugar un “Convivio Peregrino” no Baixo Miño, onde participaron responsables de turismo dos concellos de Esposende, Camiña, A Guarda, O Rosal e Oia, ademais de peregrinos portugueses e galegos.
Con este tipo de iniciativas preténdese dar a coñecer o contorno turístico, cultural, etnográfico e mesmo histórico do Camiño de Santiago no Sur da provincia de Pontevedra.
A través destas camiñadas quérese mostrar tamén as múltiples posibilidades que ofrece a Comarca como reclamo relixioso e cultural dentro do contexto dos Camiños Portugueses a Santiago de Compostela.
En concreto na nosa vila percorréronse as dúas rutas homologadas pola Federación Galega de Montañismo, o Sendeiro de Pescadores Río Miño-Tamuxe e a senda dos Muíños do Folón e Picón, con visita incluída á capela de San Martiño (s. XVI).
O sábado de mañá, a concelleira de Servizos Sociais e Muller, Mª Carmen Alonso Alonso foi a representante do Rosal na andaina que saíu dende as inmediacións do “Ferry”, en Goián (Tomiño).
Ata alí tamén se desprazou o alcalde rosaleiro, Jesús Mª Fernández Portela, para saudar e desexar “bo camiño” aos participantes, desculpándose por non poder acompañalos nesta ocasión por ter xa diferentes compromisos para ese día.
A “comitiva peregrina” puido pasear e admirar a paisaxe da beira do Miño, dende As Eiras ata As Aceñas, para logo continuar ata a vila da Guarda.
Xa o domingo, peregrinos e responsables dos concellos da Guarda e O Rosal reuníanse ao pé do primeiro enxeño hidráulico do Folón, o “Muíño das Laxes” para asistir á demostración de moenda e comezar a ruta por este conxunto, declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia en 1998.
Asistiron a este acto de promoción do contorno do Camiño Portugués da Costa –entre outros- o alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas e o seu concelleiro de Patrimonio, Javier Crespo González. A nosa vila estivo representada novamente pola edil de Servizos Sociais, Mª Carmen Alonso, a concelleira de Educación, Mabel Franco Pérez, o concelleiro de Deportes, Ángel Martínez Villa e o representante do Departamento de Cultura e Turismo, Juan Ramón Martínez Barbosa, que foi o encargado de ofrecer as oportunas explicacións deste fermoso enclave etnográfico.
Destacar por suposto a presenza, traballo e ilusión na celebración e impulso deste tipo de eventos, de Luis Martínez Portela e Antonio Fernández Pablos, activos peregrinos e membros da Asociación Amigos do Camiño.
0 comentarios:
Publicar un comentario