O mércores 27 de abril voluntarios/as de Cruz Roja procederon á instalación de carteis de concienciación medioambiental na ribeira fluvial do río Folón, en Martín (O Rosal), co apoio de alumnos/as do colexio San Xerome Emiliani e a colaboración da concellería de Medio Ambiente rosaleira, que dirixe Charo Tabales Perozo.
Esta é unha das actividades programadas dentro do proxecto “Moviéndonos por el río”, que continuará o sábado 30. O seu obxectivo principal é “contribuír á conservación e recuperación do río Miño e os seus afluentes, a través da concienciación e a educación ambiental dos cidadáns”.
Segundo informa Cruz Roja, para a posta en marcha deste proxecto, financiado polo “Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino”, a través do Programa de Voluntariado en Ríos e coa colaboración da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, creáronse equipos de voluntarios que realizan accións formativas así como diagnósticos e avaliacións do Miño, que favorezan e contribúan á conservación do río.
Despois dunha pequena andaina polos Muíños do Folón, os participantes chegaron ata a fervenza da Regueira Fonte do Aloque, onde colocaron o último cartel antes de acometer o vindeiro sábado unha nova xornada de concienciación, xa pola “carreira ou ringleira” da Cereixeira e a vertente dos Muíños do Picón.
0 comentarios:
Publicar un comentario