Os días 5, 6 e 7 de decembro celebrouse en Padrón (A Coruña) o “XIV Campeonato Nacional de Futbolín”.
Ata alí se desprazaron as mellores parellas de toda España para disputar este torneo en diferentes modalidades (combinada, parado, feminino e movemento).
O rosaleiro Carlos Álvarez Antúnez (Sevi) e o goianés Daniel Rodríguez Martínez –membros da futura asociación sociocultural baixomiñota “Os Cabaqueiros do Futbolín”- proclamáronse Campións de España desta última (movemento F-2) tras gañar na final aos cataláns Javier e Óscar.
Aproveitando a vitoria e o remate deste ano “futbolineiro” na nosa vila, foron recibidos e felicitados na casa consistorial polo alcalde rosaleiro Jesús Mª Fernández Portela e o concelleiro de Deportes, Ángel Martínez Villa.
Acompañaron aos Campións de España nesta recepción, ademais de familiares e amigos –entre outros- Sergio Casal Fernández (Yeya), vencedor con Luis Martínez Pereira, do I Campionato Os Cabaqueiros 2009 e Mary Domínguez Rodríguez, xunto con Ruth Mª Martínez, gañadora do I Campionato Feminino Noticias O Rosal 2010.
Tanto o Alcalde como o edil de Deportes mantiveron unha animada charla con Sevi e Dani e os demais xogadores e animáronos a seguir nesta liña, facendo mención ao primeiro torneo creado e organizado polo Concello o ano pasado (“Os Cabaqueiros”), que serviu como impulso para animar á xuventude e recuperar este xogo tradicional non só xa na vila do Rosal senón na comarca do Baixo Miño.
Rematou este acto cunha sesión fotográfica para a lembranza, cos campións e os seus respectivos trofeos, diante da Casa do Concello e tamén fronte ao “Daorde de Lurio” (monumento de pedra, obra de Pepe Antúnez Pousa, en homenaxe ao Cabaqueiro).
0 comentarios:
Publicar un comentario