TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

13 dic 2010

A I Cea-Megafesta do Futbolín, un éxito



O venres 26 de novembro celebrouse no Restaurante Juan (O Rosal) a I Gran Cea-Baile. Megafesta do Futbolín 2010.

O evento, organizado polo grupo -e futura asociación- “Os Cabaqueiros do Futbolín” (que pronto estará na Rede), reuniu a mozos e mozas amantes deste xogo tradicional, que grazas ao Concello do Rosal está poñéndose de novo de moda non só na propia vila, senón na mesma Comarca do Baixo Miño.



Todo comezou en outubro do pasado ano 2009 coa instauración do I Campionato de Futbolín “Os Cabaqueiros” en lembranza e homenaxe dos vellos mestres telleiros da zona. Este primeiro torneo, creado como unha actividade de ocio enfocada á xuventude, foi finalmente gañado pola parella formada por Sergio (Yeya) Casal Fernández e Luis Martínez Pereira.

Colaboraron co Concello nesa primeira edición, dous locais (Pub J&J e Bar Troya), así como a Fundación O Rosal e Caixanova.

Xa no presente 2010 nace o I Campionato Feminino Noticias O Rosal -exclusivamente para mulleres- que crea esta web cultural, sendo unha iniciativa pioneira a nivel rexional e aínda nacional. As vencedoras foron as rosaleiras Mary Domínguez Rodríguez e Ruth María Martínez.

Despois de varias competicións en distintos bares e cafeterías do municipio, o pasado outubro, e de novo na Festa do Cabaqueiro, celebrouse o II Campionato de Futbolín -que gañaron Diego Martínez Alonso e Diego Álvarez Fernández-, confirmándose este certame como un dos eventos de ocio máis atractivos e agardados do ano no Baixo Miño.

Nesta ocasión, e debido ao éxito do 2009, contouse coa colaboración de máis locais (Cafetería Skape 34, Bar Floro e Bar A Cantina), ou mesmo coa cooperación do mencionado grupo “Os Cabaqueiros do Futbolín”, que naceron precisamente logo da axuda e apoio prestado na organización daquel torneo feminino.

Asistiron pois a esta I Gran Cea-Baile. Megafesta do Futbolín –entre outros- Jesús Mª Fernández Portela, alcalde do Rosal; Pablo Díaz Flores, concelleiro de Xuventude, Ángel Martínez Villa, edil de Deportes e Mª Carmen Alonso, responsable do Departamento de Servizos Sociais e Muller.

O acto contou tamén coa presenza e apoio de dous recoñecidos deportistas da vila, o ciclista Serafín Martínez Acevedo e o triatleta Óscar Vicente Rodríguez.

Así mesmo destacar a participación de José Martínez González (Pepe Berdeal), presidente da Asociación de Comerciantes do Rosal e Iván Diego Martínez, representante da Agrupación Musical da vila, que tiveron –como se pode observar nas imaxes- un protagonismo especial nesa cea.

Juan González Domínguez e Rafael Martínez López, membros da Fundación O Rosal non dubidaron tamén en respaldar este acontecemento para os rapaces e rapazas da Comarca.

A Organización (“Os Cabaqueiros do Futbolín”) realizou varios sorteos durante a cea. Desta maneira, Daniel Martínez González foi agraciado cun “Percorrido Marino” para dúas persoas no Talaso Atlántico de Baiona e Rebeca Rodríguez Rodríguez gañou unha rosca de xema de Confitería Rogelio.

Igualmente entregáronse diversos diplomas, premios e agasallos ás entidades, locais e particulares que colaboraron nos dous campionatos máis importantes da vila (Cabaqueiros e Feminino) así como aos gañadores do I Campionato de PlayStation Fifa 11 que O.C.F. levara a cabo na XXIII Festa do Cabaqueiro:

1º clasificado: Diego Martínez Alonso

2º clasificado: Pablo Martínez Alonso

3º clasificado: Carlos Daniel Díaz Pereira

Harmonizou a velada o cuarteto “3+1” da Agrupación Musical do Rosal, cuxos integrantes a pesares de ter unha dilatada experiencia como músicos da banda, fixeron o seu debut diante do público, xa como grupo. O resultado non puido ser mellor, xa que ofreceron espectáculo a raudais e foron moi aplaudidos, tocando aínda con varios “espontáneos” de luxo, entre eles Pepe Berdeal e Jonathan Martínez Rodríguez.

Unha vez rematada a actuación de 3+1, foi a quenda de Dj Curry, quen coa súa animada sesión, misturando temas de onte, de sempre, e a música máis actual, puxo o broche final a esta I Megafesta.

Os Cabaqueiros do Futbolín queren agradecer en especial, a colaboración nesta ocasión, do propio Restaurante Juan así como de Daniel Rodríguez Martínez e Antonio Lomba Rodríguez (Xián) pola cesión dos seus futbolíns. Asemade, agardan e animan a que este “vicio” ou “enfermidade” que é para moitos/as o xogo do futbolín, se siga estendendo e contaxiando entre os rapaces e rapazas da zona. Sen dúbida, este tipo de actos é unha boa escusa para xuntarse todo o mundo e pasalo realmente ben.

0 comentarios:

Publicar un comentario