FAI CLIC E DESCUBRE O NOVO DESEÑO DA WEB CULTURAL NOTICIASOROSAL.ES

Noticias O Rosal estreou o 7 de marzo novo deseño e contidos. Este blog manterase na rede, de momento, ata novo aviso, como complemento á páxina web

A VILA DO ROSAL DESPIDE CON EMOCIÓN A JOSÉ MARTÍNEZ GONZÁLEZ "PEPIÑO BERDEAL"

O ex-funcionario do Concello do Rosal e presidente da Asociación de Comerciantes da vila, era un dos veciños máis apreciados dos últimos tempos

VITORIA DE GABRIEL MARCELLI EN LLEIDA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro vence na categoría júnior na proba valedeira para o “Spa RFME Campeonato de España de Trial Individual 2015”

ACTO DE CLAUSURA DO CURSO DE MONITOR DE FÚTBOL BASE CELEBRADO EN O ROSAL

A Casa Consistorial acolleu a entrega de diplomas e clausura do Curso coa presenza dos coordinadores José Luis Mosquera e Manuel Mosquera.

MÁXIMA EXPECTACIÓN ANTE A CHEGADA DA SEXTA EDICIÓN DA CARPA CARNAVAL DE FORNELOS

Entre outros, actuarán dende o venres 13 ata o martes 17 de febreiro, nestas Festas de Entroido: Traffic House, Dj Carlie, Diego Mei, Vallejo, Micy Dj, etc

A PRAZA DO CALVARIO ACOLLEU A VISITA E RECEPCIÓN DOS REIS MAGOS DE ORIENTE

As Súas Maxestades estiveron durante horas na vila do Rosal repartindo multitude de agasallos a pequenos e maiores, entre eles, libros e lambetadas

A ROMARÍA DE SAN MARTIÑO 2014 EN O ROSAL CELEBROUSE O DOMINGO 30 DE NOVEMBRO

A saída do Santo en procesión dende a igrexa parroquial de Santa Mariña, na Praza do Calvario, ata a súa ermida, foi ás 10:30 horas.

O PILOTO ROSALEIRO GABRIEL MARCELLI PROCLÁMASE TRICAMPIÓN DE ESPAÑA DE TRIAL

Gabriel Marcelli Carballido adxudícase o título tras vencer en Cabanillas de la Sierra (Madrid). Tamén consegue ser Campión Galego por quinta vez.

PRESENTACIÓN DA SEGUNDA EDICIÓN DO EVENTO DEPORTIVO “15K DEL ATLÁNTICO”

A carreira e a andaina 15k del Atlántico celébranse este domingo 5 de outubro percorrendo os concellos de Oia, O Rosal e A Guarda

O ESPECIALISTA DEFENSIVO ARKAITZ VARGAS FICHA POLO ACANOR ATLÉTICO NOVÁS

Na imaxe da presentación, Manolo “Campelo”, Moncho Vicente, Andrés Senra, Daniel Martínez, Arkaitz Vargas, Roberto Fernández e Modesto Augusto

ÉXITO TOTAL DA I EDICIÓN DA ANDAINA E CARREIRA “10K O ROSAL. FEIRA DO VIÑO”

Na imaxe, os gañadores absolutos da carreira 10k O Rosal Feira do Viño. No máis alto do pódium, Nuno Costa e Paula Mayobre. Más info neste enlace.

OS COORDINADORES DO 10K O ROSAL, ENTREVISTADOS NA RADIO MUNICIPAL DE TUI

Os rosaleiros Juan Ramón Martínez Barbosa, Óscar Vicente Rodríguez e Serafín Martínez Acevedo falaron da andaina e da carreira nos estudos da RMT

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIV ANDAINA “VAL DO ROSAL. O PARAÍSO DENDE AS ALTURAS”

Na imaxe, os participantes desta andaina, que visitaron o punto máis alto da vila, nos montes do Campo do Couto e os petroglifos próximos á Fonte do Home.

NOVA VITORIA DE GABRIEL MARCELLI CARBALLIDO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro, imparable, é o favorito para facerse -por terceira vez- co Campionato de España de Trial. As próximas citas, Vila de Cruces e Andorra.

O ROSAL E O ATLÉTICO NOVÁS QUEREN FACER HISTORIA, por Juan Ramón Martínez Barbosa

Artigo do director de Noticias O Rosal, onde fala da Fase de Ascenso á División de Honor Prata do balonmán nacional que se celebra os días 2, 3 e 4 de maio

DEPORTISTAS E CLUBS, HOMENAXEADOS NO II RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO

O pasado sábado 12 de abril o Auditorio Municipal acolleu os premios aos mellores deportistas e clubs da vila. Na imaxe, autoridades e homenaxeados.

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIII ANDAINA O ROSAL. COÑECE O TEU CONCELLO

A vindeira andaina deportivo-cultural pola vila do Rosal celebrarase o vindeiro sábado 10 de maio, con saída dende o Alto da Portela (Marzán)

O 12 DE ABRIL CELÉBRASE O II ACTO DE RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO DO ROSAL

Na imaxe de 2011, na I edición, Gerardo Álvarez (ciclismo), Manolo Armán (balonmán) e Félix Piñel (atletismo) reciben os premios “Mención de Honra”.

ACTUACIÓN DO GRUPO ADREDDE NA FESTA DE ENTROIDO 2014 DE FORNELOS (O ROSAL)

O sábado 1 de marzo achegámonos ata Fornelos para ver en directo a animada actuación do Grupo Adredde e comprobar o ambientazo de Entroido

O LIBRO “MOLINOS” PRESÉNTASE EN PONTEVEDRA CON MENCIÓN ESPECIAL PARA O ROSAL

A nosa vila estivo representada polo alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, así como por Tamuxe e Juan Ramón, autores do libro da historia dos Muíños do Folón-Picón

O ENTROIDO DE FORNELOS 2014, SERÁ, SEN DÚBIDA, DOS MÁIS ESPECTACULARES DA HISTORIA

Impresionante programa de Festas, con orquestras e grupos musicais, actuacións para nenos, Corrida do Galo, Frixidelas e como non, a 5ª edición da CARPA.

O ROSAL HOMENAXEA AO CICLISTA RAÚL FERNÁNDEZ, CAMPIÓN DE GALICIA E DE ESPAÑA

Na imaxe, Raúl Fernández na compaña dos seus compañeiros e directivos do Club Ciclista O Rosal, na recepción ofrecida no Concello.

RAÚL FERNÁNDEZ PROCLÁMASE EN CASTELLÓN CAMPIÓN DE ESPAÑA DE CICLOCROSS

Na imaxe, Raúl, flanqueado á esquerda polo exciclista profesional Serafín Martínez Acevedo e á dereita polo triatleta internacional, Óscar Vicente Rodríguez.

PROXIMAMENTE ANUNCIARASE A DATA DA II RUTA GUIADA ORGANIZADA POR NOTICIAS O ROSAL

A I Ruta Guiada Noticias O Rosal levou aos participantes a coñecer todos os segredos da ruta e historia dos emblemáticos Muíños do Folón e do Picón.

OS REIS MAGOS REPARTEN AGASALLOS A CENTOS DE NENOS/AS EN O ROSAL

Reportaxe fotográfica (máis de 300 imaxes) da visita e recepción na vila do Rosal de Melchor, Gaspar e Baltasar.

NOVO CONXUNTO DE GRAVADOS CRUCIFORMES NO LUGAR DAS CORTES

O historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe fala no seu blog deste achádego, recreación da cruz cristiá (séculos IV-V d. C.)

SERGIO RODRÍGUEZ, NETO DO CABAQUEIRO MANUEL "TRINTIÑA", INAUGURA “O BAR DO TRINTA"

Na imaxe, Serafín Martínez Acevedo (exciclista profesional e emprendedor deportivo), con Sergio (xerente do Bodegón-Tapería Os Seixiños. O Bar do Trinta).

TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

29 jun. 2010

PRESÉNTASE A XVIII FEIRA DO VIÑO DO ROSAL


O vindeiro venres 2 de xullo ás 12:00 horas presentarase na Casa da Pintora a XVIII Feira do Viño do Rosal que se celebrará os días 16, 17 e 18 deste mes.

Segundo a organización do evento intervirán neste acto o alcalde Jesús Mª Fernández Portela, o presidente da Cámara de Comercio de Tui, Gumersindo Alonso Gestoso, o presidente da "Ruta del Vino Rías Baixas", José Ramón Meiriño González e o secretario do Consello Regulador D.O. Rías Baixas, Ramón Huidobro.



Velaquí vos deixamos as nosas imaxes da presentación da Feira do ano pasado, que tivo lugar na taberna O Lagar de Eiras.

26 jun. 2010

Vídeo. O Rosal saíu na Televisión de Galicia

Este domingo 27 de xuño apareceron imaxes do Rosal no programa Desde Galicia para o Mundo da TVG. O espazo, de carácter monográfico, combina entrevistas, música e reportaxes para retratar a paisaxe, a gastronomía, a xente, as festi-vidades e tanto o presente como a historia de Galicia.

Veterano e prestixioso, comezou na súa versión en castelán "Desde Galicia para el mundo" no ano 1993 e incorporouse posteriormente á grella das canles internacionais da TVG. En 1997 empeza a emitirse para América e en febreiro de 1998 para Europa.

Púidose ver un pequeno percorrido polos espazos naturais do río Tamuxe, unha breve parada nos sepulcros antropomorfos de Marzán, As Pesqueiras, o muíño das Aceñas ou o Sendeiro de Pescadores, ruta homologada pola Federación Galega de Montañismo.

Velaquí vos deixamos o vídeo no seu formato en castelán.

23 jun. 2010

ÚLTIMA ETAPA DO CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA



O pasado 12 de xuño rematou a peregrinación por etapas polo Camiño Portugués da Costa que organizou o Concello do Rosal.

Foron seis sábados, dende o 8 de maio, no que os inscritos a esta experiencia xacobea percorreron dende O Rosal un Camiño que os levou -entre outras vilas- por Oia, Baiona, Nigrán, Redondela, Vigo, Pontevedra, Caldas de Reis, Teo e finalmente Santiago de Compostela.

Nesta última etapa aparte de facer os correspondentes quilómetros, asistiron de mañá á Misa do Peregrino, nunha Catedral ateigada de fieis e pasaron asemade pola Porta Santa. 

Por xentileza do Concello se obsequiou aos participantes nesta última xornada cunha merecida comida no restaurante do Monte do Gozo. Xa de tarde, procedeuse ao sellado das credenciais que acreditaban que se fixeran máis de 100 quilómetros a pé.

Segundo nos comentan, é posible que no mes de setembro se celebre outra peregrinación, pero esta vez "todo seguido", pernoctando en albergues.

Máis información desta e doutras actividades turístico-culturais no teléfono 986 62 50 00.

22 jun. 2010

ALFOMBRAS FLORAIS EN SAN XOÁN DE TABAGÓN



Reportaxe (texto e fotos) realizada por B.C.B.

As alfombras florais véñense realizando en San Xoán de Tabagón dende fai moitos anos pero é alá polo 1996 cando Adelaida, Pilar e Victoria deciden organizarse, de maneira que son xa 14 anos ininterrompidos nos que levan ofrecendo a súa arte para o paso da procesión do Santísimo Sacramento.


Na realización deste traballo -de moitas, moitas horas- participan unhas 25 veciñas da parroquia para facer realidade estas alfombras florais.


Recóllense herbas e flores silvestres, aínda que a maioría delas consíguense coa colaboración e doazón dos veciños e veciñas do pobo e tamén de "Flores Santa Tecla". Hortensias, estatis e gladiolos foron as máis utilizadas. Comézase unha semana antes, coa recollida das flores e a súa manipulación para obter as diferentes cores.


Ás 9 da mañá do domingo 20 de xuño xa se podía contemplar o resultado dos traballos. O Xacobeo foi unha das referencias do alfombrado deste ano en San Xoán de Tabagón.

Vitorias de Irea, Zaida e Raúl na Praia de Eiras



Así titula a web do Club Ciclista O Rosal a crónica do II Trofeo de Mini BTT-Comunidade de Montes de Eiras, disputado o sábado 19 de xuño e que se saldou con cinco podiums para os nosos veciños.

Unha vez máis o activo club rosaleiro que preside Gerardo Álvarez Martínez foi o organizador deste evento que contou coa presenza -entre outros- do concelleiro de Deportes, Ángel Martínez Villa e do alcalde, Jesús Mª Fernández Portela.

Podedes ver todas as fotografías deste II Trofeo na reportaxe realizada polo Club Ciclista O Rosal.

SERVANDO BARREIRO, "O BARDO ABELARDO"



O sábado 19 de xuño -e organizada pola concellaría de Cultura que dirixe Charo Tabales Perozo- tivo lugar na Biblioteca Municipal a actuación de Servando Barreiro.


Este músico, contacontos, cunha ampla traxectoria na animación infantil, ofreceu aos nenos e nenas rosaleiras un espectáculo de música e poesía a través dos contos e as cantigas. (Fotos: Sandra Alonso)

NOVA SUBVENCIÓN PARA O ATLÉTICO NOVÁS



O xoves 17 de xuño tivo lugar na Casa do Concello do Rosal a entrega das resolucións de concesión de subvencións da Deputación de Pontevedra ao Club de Remo Robaleira, ao Balonmán Atlético Guardés e ao Atlético Novás, tamén de balonmán.


A este acto asistiron o deputado provincial de Deportes, José Enrique Sotelo, o alcalde e deputado Jesús Mª Fernández Portela e representantes dos clubs, entre os que se atopaban Manoli Pacheco Barbosa e Carmen Barbosa Pacheco, secretaria e tesoureira de Robaleira, respectivamente. Por parte do Novás estiveron o directivo Rodrigo Rodríguez Vicente e o seu presidente Roberto Fernández Rodríguez. Ao Balonmán Guardés fíxoselle a entrega pola tarde na vila do Trega.


Segundo declaracións do señor Sotelo, a Deputación subvencionará con 15.000 euros ao club rosaleiro, con 12.000 ao Guardés e con 4.000 ao Club de Remo Robaleira, “sendo a primeira vez que son nominativas” no presuposto da entidade provincial.


Finalmente o deputado de Deportes visitou o Pavillón Municipal do Rosal, na compaña do Alcalde e dos representantes do Novás de balonmán, interesándose polas obras efectuadas nestas instalacións.


Podedes ver a reportaxe fotográfica completa aquí.

A xerente do Consorcio visita a Escola Infantil




A xerente adxunta do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, María del Carmen García Campelo, visitou o mércores 16 de xuño a Escola Infantil do Rosal supervisando as recentes obras levadas a cabo nestas instalacións.


A responsable, que estivo acompañada da directora da Escola, Alicia Alonso Treinta, da concelleira de Servizos Sociais, Mª Carmen Alonso e de Cristina Linares, do conxunto pedagóxico do Consorcio, realizou un balance positivo das melloras efectuadas.


Alicia, directora do centro, sinalou que están matriculados 49 nenos e nenas, traballando na actualidade, aparte dela, sete profesionais da educación: Raquel Iglesias González, Isabel E. López García, Ovidia González Dorado, Diego Touceda Rebolo, Ana Belén Díaz Rodríguez, Yésika Creo Dosil e Olga Treinta González.

Pola súa banda, a concelleira Mª Carmen Alonso amosouse satisfeita, afirmando que “esta era unha obra verdadeiramente necesaria e ademais demandada polos pais e nais dos pequenos”.



Velaquí vos deixamos a nosa reportaxe desta visita.

21 jun. 2010

Festa Fin de Curso no Colexio Manuel Suárez

O vindeiro sábado 26 de xuño celebrarase a Festa de Fin de Curso no Colexio Manuel Suárez Marquier. Ás 16:00 horas comezará a "1ª Exhibición de Actividades Extraescolares 2009/2010" organizada pola súa ANPA en colaboración con Fórum (Actividades), o ximnasio Excalibur, Informática Sc@pe, o Centro Deportivo DO-MAJÓ, Ballet Studio 88, Atletismo (Félix Piñel), Tempo Libre (Milagros) e o propio profesorado do colexio. Haberá TÓMBOLA con agasallo seguro. Dende a ANPA convídanvos a todos e todas a que pasedes unha agradable xornada.

Justa González, de Tabagón: 102 anos


Segundo nos informan dende o Concello, este mes de xuño dúas rosaleiras centenarias están de aniversario. Trátase de Aurora Rodríguez Rodríguez, de Pancenteo e de Justa González González de San Xoán de Tabagón, que cumpren 102 anos.


Precisamente, o pasado venres 18 de xuño estivemos na visita que a concelleira de Servizos Sociais e Muller, Mª Carmen Alonso, realizou a Justa. Alí, en nome de todos os veciños rosaleiros fíxoselle unha pequena homenaxe a esta tabagonesa que tivo cinco fillos, trece netos e oito biznetos. Dous dos seus fillos presentes, Antonio e Magdalena, afirman que "está moi ben... non toma case medicamentos e aínda lee, e sen gafas..."


Justa confesounos que é moi relixiosa, sinalando que aparte de pedirlle á Virxe da Saúde "rezo o rosario tres veces ao día, dúas antes de levantarme. Deus é o que manda e doulle grazas por todo".

Esta centenaria, cunha memoria privilexiada, sen embargo bota de menos "un pouco de leria, gustaríame que viñera alguén a falar comigo" e recoñece que "miro a TV pero non me gusta moito porque non escoito moi ben" recalcando novamente "o que quero é falar e que me falen".

Justa quere aproveitar esta oportunidade que ofrece "Internet" para saudar -entre outros- aos seus netos e biznetos que se atopan vivindo en Madrid e Barcelona.

Dende Noticias O Rosal ¡moitas felicidades Justa!

16 jun. 2010

SERAFÍN ENTREGOU O MAILLOT DE NOTICIAS



O luns 14 de xuño procedeuse en Tui á entrega do maillot da montaña conseguido por Serafín Martínez en Baviera (Alemaña) e que se sorteou entre os amigos de Noticias O Rosal na rede social "Facebook".



A agraciada, entre centos de participantes, foi a Peluquería Avelaíña, da cidade tudense. A súa propietaria, Belén Queiruga, recibiu de mans do propio ciclista do Xacobeo dita camisola, asinada e dedicada.


Este acto contou tamén coa presenza de Juan Ramón M.B., coordinador desta web rosaleira, así como de Carlos Treinta, mestre e deseñador gráfico.

14 jun. 2010

Alfombras de Corpus 2010 en Santa Mariña


Reportaxe fotográfica de Sonia Pérez Martínez, Andrea Rocha Troncoso e José Luis Pérez.

A comisión parroquial de Santa Mariña levou a cabo –por cuarto ano consecutivo- a elaboración das alfombras florais no adro.


Unha vintena de persoas comezaron o mércores 2 de xuño a traballar na confección destas obras de arte con materiais naturais (rosas, hortensias, buxo, café, area, estatis, pampullos…)


A creación do debuxo foi obra de Carmen Batán e o deseño gráfico da autoría de Alberto Guisantes. Coordinou este traballo Concepción Rodríguez baixo a supervisión do abade párroco D. Julio Ramos. 


A simboloxía das alfombras deste ano, con forma de abanico, vén significar que Cristo, como centro, está representado na Custodia, ao cal estamos unidos nas cinco palabras (o amor, o camiño, a verdade, a paz e a vida). 

13 jun. 2010

EN BREVE, MÁIS REPORTAXES


Seguimos traballando para ofrecervos en breve toda a actualidade da vila así como as reportaxes fotográficas que nos tedes remitido. Intentaremos ir publicándoas, na medida do posible, por orde cronolóxica.

Dende Noticias O Rosal, grazas a todos os que dunha ou doutra maneira colaborades con nós. ¡Saúdos!

Correo electrónico: noticiasorosal@hotmail.com
Teléfono: 637 311 007 (Juan Ramón)

Gustavo Martínez, no II Slalom de Tomiño


Reportaxe (texto e fotos) realizada por Roberto Valladares.

O pasado domingo 6 de xuño celebrouse o II Slalom de Tomiño, proba valedeira para o Campeonato Galego, contando cos mellores clasificados desta modalidade, na que máis que a velocidade premia a habilidade do piloto.

Juan Lojo, gañador deste II Slalom de Tomiño

Guillermo Vilavedra, 2º clasificado

José Villaverde en acción

Despois de 4 pasadas polo circuito o gañador foi Juan Lojo cun Citroën Saxo 16V, seguido por Guillermo Vilavedra con outro Saxo e polo Opel Corsa de Arturo Fernández, nesta orde, sendo o mellor tracción traseira José Villaverde, cun Renault 5 Maxi.



Gustavo, no podium deste II Slalom

Moi destacada a actuación do piloto rosaleiro, Gustavo Martínez Vázquez, quen ademais de dar moito espectáculo co seu Renault Clio 16V quedou nunha excelente 10ª posición.

Podedes ver todas as fotografías deste evento do motor en Fotosvideosderali.

10 jun. 2010

Noticias O Rosal entrevista a Serafín


O rosaleiro Serafín Martínez Acevedo (Martín, 14 de febreiro de 1984) é ciclista profesional dende o ano 2007 e pertence ao equipo Xacobeo Galicia. O seu éxito máis recente foi o de conseguir gañar a clasificación xeral do Premio da Montaña en Baviera (Alemaña).

Falamos con el con motivo da entrega de dous destes maillots, o primeiro en agradecemento ao apoio da Fundación O Rosal, na persoa do seu presidente, Benedicto Sousa Álvarez. O segundo, o que efectuará o vindeiro martes 15 de xuño na Peluquería Avelaíña de Tui, a Belén Queiruga, como gañadora do sorteo levado a cabo entre os amigos da nosa web no Facebook.

Boas tardes Serafín, en primeiro lugar felicitarte pola túa fenomenal actuación en Baviera e en segundo, darte as grazas por concedernos esta pequena entrevista. Comecemos entón sen máis preámbulos a realizarte unhas cantas preguntas ao redor desta vitoria e do teu futuro máis inmediato no deporte da bicicleta.

-¿Con que sensacións volviches a casa, a O Rosal, despois de gañar o premio da clasificación xeral da Montaña na Vuelta a Baviera?
Pois como podedes imaxinar moi boas. É unha enorme alegría. Levaba todo o ano intentando sacar algo positivo pero xa por lesións, xa por caídas, non fóra posible. Despois da Vuelta a Castilla-León púxenme a adestrar aínda con máis intensidade e parece ser que deu os seus froitos.

-Cóntanos un pouco cales foron os pasiños ou mellor dito “pedaladas” que tiveches que dar para conseguir este éxito.
Todo comezou xa na primeira etapa. Metinme nunha fuga apenas disputados sete kilómetros na compaña de tres corredores, Daniel Sesma (Euskaltel-Euskadi), Nils Plötner (Heizomat) e Luc Hagenaars (Kuota-Indeland). Mantivémonos xuntos ata a subida ao único porto do trazado, de primeira categoría, onde a partir de aquí e a falta de 30 km quedeime na cabeza de carreira só co alemán Plötner, que certamente estaba mal, case non relevaba, tirando practicamente eu só. E bueno, cando quedaban tan só uns 800 metros para a liña de meta colléronos… unha mágoa porque estiven a puntiño.
Na imaxe, Juan González, Serafín Martínez e Benedicto Sousa pousan co maillot na Fundación O Rosal

-Terías que sufrir para manter ese maillot durante cinco etapas… ¿ou foi coser e cantar?
Para nada, realmente foi bastante duro. Na segunda tiven que defender o maillot nos portos de montaña, aínda que non puntuei xa que ía diante unha escapada. Na terceira etapa puntuei no primeiro puerto e logo tiven un despiste…

-¿Que te pasou? Cambioute a cara por completo…
Uff, normal… pois a metade de carreira faltaban 70 ou 80 km, pensei que tiña unha roda mal, que había que cambiala e ao chegar arriba a xente comezou a tirar e tiven que desgastar dunha forma enorme. E claro, bronca con razón do director deportivo Vidal. Quedei fastidiado porque sabía que estaba moi ben e estaba cos 5 ou 10 mellores desta “Volta a Baviera”. Pasamos a contrarreloxo e na última etapa si que tiramos de táctica enfrontándonos ao equipo do alemán, con Eze, David e Veloso reventándoos xa dende o principio para conservar o meu maillot.

-¿Que tal entón en xeral por terras xermanas, que impresión te causaron?
Para empezar destacaría a limpeza que existe, todo o que hai está ordenado, moi verde, impecable… Outro detalle que saltaba á vista é que existía moita educación, un respeto incrible. Aparte, a cervexa era máis barata que a auga… (risas) En serio, no podium, para celebrar as vitorias, en vez do champagne dábannos auga con gas… A verdade é que fixemos un bo papel e a organización da carreira quedou moi contenta con nós, xa que estivemos todas as etapas dando guerra. É máis, xa nos comunicaron que quedamos convidados por este motivo para o próximo ano.

-¿Cales son as túas próximas citas da competición?
Este mes, do día 17 ao 20 participarei no Tour de Eslovenia, sendo a nosa primeira participación nun país dos Balcanes. Despois, o domingo 27 de xuño disputarei o Campionato de España de Fondo.

Pois pola nosa parte nada máis, tan só desexarte moita sorte e novos éxitos. ¡Dende Noticias O Rosal, graciñas Serafín!
Graciñas a vós, como sempre, un placer.

O Rosal, xuño de 2010.

9 jun. 2010

Comezaron os XII Xogos Populares do Rosal


O venres 4 de xuño deron comezo oficialmente os XII Xogos Populares do Rosal co partido de fútbol sala que disputaron o SULCC e Marzán.


Así mesmo tamén vos deixamos algunhas imaxes do encontro que enfrontou aos equipos de Novás e Eiras.

O Restaurante Juan, "Plato de Oro"


O pasado martes 1 de xuño tivo lugar no Rosal a entrega do “Plato de Oro. Radio Turismo” ao Restaurante Cafetería Juan.


A este acto asistiron Juan Manuel Madrigal Tobías “Maíto” presidente de Radio Turismo, acompañado do locutor da mesma, Ramón Bermejo. Así mesmo tamén estivo presente Antonio Reguera Repiso, presidente da Federación Gastronómica Luso Galaica e tamén da Federación Provincial de Comercio.



Representando aos comerciantes do Rosal atopábanse igualmente o seu presidente José Martínez González (Pepe Berdeal), e Sara Carrera, vicepresidenta desa Asociación.




Todos os presentes alabaron as exquisiteces gastronómicas do restaurante, así como o seu servizo e multitude de detalles que mereceron esta importante distinción. Os seus propietarios Juan Martínez Martínez e Juana Fernández, agradeceron este recoñecemento á súa labor e obsequiaron aos presentes –como non- cunha amigable, orixinal e deliciosa cea.

Fotografías da entrega do "Plato de Oro".

7 jun. 2010

ESTAMOS TRABALLANDO NAS REPORTAXES


Estamos recargando e acumulando enerxías (cual Songoku) para pouco a pouco -na medida que as nosas ocupacións laborais nos permitan- ir enfrontándonos ás innumerables reportaxes fotográficas atrasadas que temos pendentes debido á preparación do novo deseño da páxina.

Así mesmo, seguimos traballando por suposto, na publicación das diferentes noticias de actualidade que chegan á nosa redacción. 

Como sempre, para calquera aclaración, idea, suxestión ou consulta podedes contactar con nós en noticiasorosal@hotmail.com ou no teléfono 637 311 007 (Juan Ramón).

Graciñas e desculpade as molestias. ¡Saúdos!

4 jun. 2010

ESCOLA MUNICIPAL DE TEATRO DA GUARDA



Na foto, de esquerda a dereita:

1ª fila: Benito e Arturo

2ª fila: Luz, Tere, Marta, Ofelia, Nagore, Mª Asunción, Carmiña, Mónica, Ramón e Rosa.

3ª fila: Vanessa e Anselmo.


A Escola Municipal de Teatro fai un chamamento para que os que non puideron mirar na Guarda a obra “CATALINA ZUCCO”, se acheguen ao Auditorio de O Rosal, o vindeiro domingo día 6 de xuño ás oito e media da tarde, xa que volverán a representala.


"¡Ánimo veciños! axudádenos coa vosa presenza. Todo o noso traballo de meses preparando a obra queremos compartilo con todos vós. Gozaredes con nós pois a intriga manteravos atentos ao escenario desde o comezo ata o remate.

A entrada é de balde.

Desexamos, como en A Guarda, enchades tamén a sala.

Graciñas a todos."

3 jun. 2010

Concerto de Nordestin@s no Auditorio Municipal


O sábado 5 de xuño e organizado pola concellaría de Cultura que dirixe Charo Tabales Perozo, terá lugar no Auditorio Municipal do Rosal ás 21 horas, o concerto de Nordestin@s (http://www.nordestinas.eu/) dentro da programación do Xacobeo 2010.

Este grupo está formado por tres dos músicos máis relevantes da nova escena galega: Abe Rábade, Guadi Galego (Berrogüetto, Espido) e Ugía Pedreira (Chouteira, Marful).

Visita do Centro Cívico Municipal de Artesanos


O pasado domingo 30 de maio, previo contacto coa concellaría de Turismo que dirixe Ángeles Vicente Manzano, tivo lugar unha ruta guiada polos Muíños do Folón e Picón.

Desta vez foron 55 persoas do "Centro Cívico Municipal de Artesanos" do Concello da Coruña quenes asistiron á demostración de moenda na Oficina de Turismo (muíño nº 1 do Folón ou de As Laxes) para seguidamente comezar a ruta por estes 67 enxeños hidráulicos.

O encargado de ofrecer as oportunas explicacións ao grupo durante todo o percorrido (3'5 km) foi Juan Ramón Martínez Barbosa, do departamento de Cultura e Turismo e á vez coautor con Xoán Martínez Tamuxe do libro dos Muíños.

Arturo Senra. Andainas dun rosaleiro por México


Reportaxe (texto e fotos) realizada por Arturo Senra.

Vou a percorrer a partir de agora, pouco a pouco con vós, estas terras mexicanas, tan lonxe da miña querida, O Rosal. México é un país pertencente a América do Norte, cun gran territorio (1.972.550 km²) e unha poboación de 107 millóns de habitantes, con clima cálido todo o ano. A súa capital é México D.F., cidade con case 23 millóns de persoas e situada a máis de 2.500 metros de altitude.


Palacio de Hernán Cortés, en Cuernavaca. El foi o conquistador de México no ano 1521, derrotando aos "Mexicali", antigos señores destas terras. Cabe destacar que unha causa clave para a conquista do territorio foi unha infección da viruela por parte dos indíxenas, o que dezmou a súa poboación. 


Detalle dun gravado azteca en pedra situado nos xardíns dese palacio. 


Pirámide do Sol. Pertence á Teotihuacan (cidade dos dioses). É a pirámide máis alta en dito conxunto histórico.


Pirámide da Lúa. Situada tamén en Teotihuacan, cidade que se enche de xente para o solsticio de verano (21 de xuño) chegando a ter preto de 60.000 visitantes ese día, non podendo recibir máis, xa que como Patrimonio da Humanidade as súas visitas están moi restrinxidas.


Javier Senra (Kelo) durante a súa visita ao país. Teño que dicir que o uso do sombreiro se volve case indispensable xa que o sol que se recibe a esta altura resulta bastante forte e así o puidemos comprobar ambos. 


E finalmente eu, comparándome cun enorme cactus, ademais de aproveitar a súa xenerosa sombra.

Velaquí vos deixamos a fantástica reportaxe fotográfica completa de Arturo Senra.