FAI CLIC E DESCUBRE O NOVO DESEÑO DA WEB CULTURAL NOTICIASOROSAL.ES

Noticias O Rosal estreou o 7 de marzo novo deseño e contidos. Este blog manterase na rede, de momento, ata novo aviso, como complemento á páxina web

A VILA DO ROSAL DESPIDE CON EMOCIÓN A JOSÉ MARTÍNEZ GONZÁLEZ "PEPIÑO BERDEAL"

O ex-funcionario do Concello do Rosal e presidente da Asociación de Comerciantes da vila, era un dos veciños máis apreciados dos últimos tempos

VITORIA DE GABRIEL MARCELLI EN LLEIDA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro vence na categoría júnior na proba valedeira para o “Spa RFME Campeonato de España de Trial Individual 2015”

ACTO DE CLAUSURA DO CURSO DE MONITOR DE FÚTBOL BASE CELEBRADO EN O ROSAL

A Casa Consistorial acolleu a entrega de diplomas e clausura do Curso coa presenza dos coordinadores José Luis Mosquera e Manuel Mosquera.

MÁXIMA EXPECTACIÓN ANTE A CHEGADA DA SEXTA EDICIÓN DA CARPA CARNAVAL DE FORNELOS

Entre outros, actuarán dende o venres 13 ata o martes 17 de febreiro, nestas Festas de Entroido: Traffic House, Dj Carlie, Diego Mei, Vallejo, Micy Dj, etc

A PRAZA DO CALVARIO ACOLLEU A VISITA E RECEPCIÓN DOS REIS MAGOS DE ORIENTE

As Súas Maxestades estiveron durante horas na vila do Rosal repartindo multitude de agasallos a pequenos e maiores, entre eles, libros e lambetadas

A ROMARÍA DE SAN MARTIÑO 2014 EN O ROSAL CELEBROUSE O DOMINGO 30 DE NOVEMBRO

A saída do Santo en procesión dende a igrexa parroquial de Santa Mariña, na Praza do Calvario, ata a súa ermida, foi ás 10:30 horas.

O PILOTO ROSALEIRO GABRIEL MARCELLI PROCLÁMASE TRICAMPIÓN DE ESPAÑA DE TRIAL

Gabriel Marcelli Carballido adxudícase o título tras vencer en Cabanillas de la Sierra (Madrid). Tamén consegue ser Campión Galego por quinta vez.

PRESENTACIÓN DA SEGUNDA EDICIÓN DO EVENTO DEPORTIVO “15K DEL ATLÁNTICO”

A carreira e a andaina 15k del Atlántico celébranse este domingo 5 de outubro percorrendo os concellos de Oia, O Rosal e A Guarda

O ESPECIALISTA DEFENSIVO ARKAITZ VARGAS FICHA POLO ACANOR ATLÉTICO NOVÁS

Na imaxe da presentación, Manolo “Campelo”, Moncho Vicente, Andrés Senra, Daniel Martínez, Arkaitz Vargas, Roberto Fernández e Modesto Augusto

ÉXITO TOTAL DA I EDICIÓN DA ANDAINA E CARREIRA “10K O ROSAL. FEIRA DO VIÑO”

Na imaxe, os gañadores absolutos da carreira 10k O Rosal Feira do Viño. No máis alto do pódium, Nuno Costa e Paula Mayobre. Más info neste enlace.

OS COORDINADORES DO 10K O ROSAL, ENTREVISTADOS NA RADIO MUNICIPAL DE TUI

Os rosaleiros Juan Ramón Martínez Barbosa, Óscar Vicente Rodríguez e Serafín Martínez Acevedo falaron da andaina e da carreira nos estudos da RMT

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIV ANDAINA “VAL DO ROSAL. O PARAÍSO DENDE AS ALTURAS”

Na imaxe, os participantes desta andaina, que visitaron o punto máis alto da vila, nos montes do Campo do Couto e os petroglifos próximos á Fonte do Home.

NOVA VITORIA DE GABRIEL MARCELLI CARBALLIDO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIAL

O piloto rosaleiro, imparable, é o favorito para facerse -por terceira vez- co Campionato de España de Trial. As próximas citas, Vila de Cruces e Andorra.

O ROSAL E O ATLÉTICO NOVÁS QUEREN FACER HISTORIA, por Juan Ramón Martínez Barbosa

Artigo do director de Noticias O Rosal, onde fala da Fase de Ascenso á División de Honor Prata do balonmán nacional que se celebra os días 2, 3 e 4 de maio

DEPORTISTAS E CLUBS, HOMENAXEADOS NO II RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO

O pasado sábado 12 de abril o Auditorio Municipal acolleu os premios aos mellores deportistas e clubs da vila. Na imaxe, autoridades e homenaxeados.

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA XIII ANDAINA O ROSAL. COÑECE O TEU CONCELLO

A vindeira andaina deportivo-cultural pola vila do Rosal celebrarase o vindeiro sábado 10 de maio, con saída dende o Alto da Portela (Marzán)

O 12 DE ABRIL CELÉBRASE O II ACTO DE RECOÑECEMENTO AO MÉRITO DEPORTIVO DO ROSAL

Na imaxe de 2011, na I edición, Gerardo Álvarez (ciclismo), Manolo Armán (balonmán) e Félix Piñel (atletismo) reciben os premios “Mención de Honra”.

ACTUACIÓN DO GRUPO ADREDDE NA FESTA DE ENTROIDO 2014 DE FORNELOS (O ROSAL)

O sábado 1 de marzo achegámonos ata Fornelos para ver en directo a animada actuación do Grupo Adredde e comprobar o ambientazo de Entroido

O LIBRO “MOLINOS” PRESÉNTASE EN PONTEVEDRA CON MENCIÓN ESPECIAL PARA O ROSAL

A nosa vila estivo representada polo alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, así como por Tamuxe e Juan Ramón, autores do libro da historia dos Muíños do Folón-Picón

O ENTROIDO DE FORNELOS 2014, SERÁ, SEN DÚBIDA, DOS MÁIS ESPECTACULARES DA HISTORIA

Impresionante programa de Festas, con orquestras e grupos musicais, actuacións para nenos, Corrida do Galo, Frixidelas e como non, a 5ª edición da CARPA.

O ROSAL HOMENAXEA AO CICLISTA RAÚL FERNÁNDEZ, CAMPIÓN DE GALICIA E DE ESPAÑA

Na imaxe, Raúl Fernández na compaña dos seus compañeiros e directivos do Club Ciclista O Rosal, na recepción ofrecida no Concello.

RAÚL FERNÁNDEZ PROCLÁMASE EN CASTELLÓN CAMPIÓN DE ESPAÑA DE CICLOCROSS

Na imaxe, Raúl, flanqueado á esquerda polo exciclista profesional Serafín Martínez Acevedo e á dereita polo triatleta internacional, Óscar Vicente Rodríguez.

PROXIMAMENTE ANUNCIARASE A DATA DA II RUTA GUIADA ORGANIZADA POR NOTICIAS O ROSAL

A I Ruta Guiada Noticias O Rosal levou aos participantes a coñecer todos os segredos da ruta e historia dos emblemáticos Muíños do Folón e do Picón.

OS REIS MAGOS REPARTEN AGASALLOS A CENTOS DE NENOS/AS EN O ROSAL

Reportaxe fotográfica (máis de 300 imaxes) da visita e recepción na vila do Rosal de Melchor, Gaspar e Baltasar.

NOVO CONXUNTO DE GRAVADOS CRUCIFORMES NO LUGAR DAS CORTES

O historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe fala no seu blog deste achádego, recreación da cruz cristiá (séculos IV-V d. C.)

SERGIO RODRÍGUEZ, NETO DO CABAQUEIRO MANUEL "TRINTIÑA", INAUGURA “O BAR DO TRINTA"

Na imaxe, Serafín Martínez Acevedo (exciclista profesional e emprendedor deportivo), con Sergio (xerente do Bodegón-Tapería Os Seixiños. O Bar do Trinta).

TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

29 ene 2016

O rosaleiro Marcos Dorado afronta novos retos co Balonmano Torrelavega

Fotos: Guillermo Alonso // BM Torrelavega

O pivote de O Rosal, Marcos Dorado (ex do Novás e do Teucro), afronta co seu novo equipo BM Torrelavega (Primeira Nacional) o "tramo máis duro da costa de xaneiro cunha dobre xornada a domicilio".

Segundo se pode ler na web do conxunto cántabro, xogará dous partidos en dous días, este sábado 30 e o domingo 31 de xaneiro: "Además de enfrentarse al Vinosvetusta.com Villa de Aranda, la escuadra naranja recuperará la fecha perdida ante el BM Carabanchel. Dos encuentros consecutivos que medirán a los de Soto contra el equipo más goleado de la liga y con el que mejor guarda su portería".

¡Dende Noticias O Rosal, moita sorte, Marcos!

28 ene 2016

As Festas de Tabagón inícianse este venres 29 coa Subida do Artístico Arco



Esta fin de semana (29, 30 e 31 de xaneiro) celébranse en San Xoán de Tabagón as Festas na honra da Saúde e San Brais.

Venres 29 de xaneiro

Ás 13:00 horas, gran tirada de fogos. A partir das 15:00 horas, o grupo Os Terribles de Tomiño percorrerá o pobo e amenizará ás 18:00 horas a Subida do Artístico Arco*.

Xa ás 20:00 horas, animado ambiente coa actuación do Grupo Adredde.


Pequeno vídeo extraído do programa de TVE "Desde Galicia para el mundo" (1996)

Sábado 30 de xaneiro

Ás 11:00 horas, pasarrúas do grupo Virxe do Alivio
Ás 12:00 horas, misa solemne na honra de San Brais, con sermón e procesión.
A partir das 18:00 horas, presentación das orquestras Jerusalén, Atenas e T.BM.

Domingo 31 de xaneiro

Ás 11:00 horas, novo pasarrúas do grupo Virxe do Alivio. 
Ás 12:00 horas, misa solemne na honra da Virxe da Saúde, con sermón e procesión.
A partir das 18:00 horas, chocolate gratis para todos e inchables para os nenos/as.

*O Artístico Arco de Tabagón, tamén chamado "maio", quizais en lembranza da diosa "Maya" coincidindo coa chegada da primavera. Na actualidade e dende principios do século XIX levántase para conmemorar as festas relixiosas na honra da Nosa Señora da Saúde e San Brais. Nas últimas décadas vén sendo autor do seu deseño o colaborador e debuxante tabagonés Ángel Pérez, que cada ano é o encargado de que o artístico arco sexa diferente e novidoso. Moitos destes "maios" aluden a un acontecemento ou conmemoración de carácter universal. Este tipo de arco-maio é algo único non só no Baixo Miño senón aínda en toda a provincia de Pontevedra.

27 ene 2016

O equipo de Manolo Armán enfróntase en O Rosal ao filial da S.D. Teucro


Segundo se pode ler nas redes sociais, equipo de Primeira Autonómica do Acanor Atlético Novás "afronta un choque importante este sábado 30 de xaneiro (O Rosal, 16:30 h), no que reciben ao líder, o filial da S.D. Teucro".

O equipo que dirixe Manolo Armán (de pé, á dereita da imaxe) "atópase en plena escalada, e coa do sábado pasado son catro vitorias consecutivas en liga que o sitúan na sexta posición ao remate da primeira volta".

Recalcan dende o club da vila que "a cita deste sábado servirá para comprobar o nivel do equipo e se é posible aspirar a cotas maiores, por iso dende a directiva facemos un chamamento a afección para que apoien ao noso filial".

Lucía Ameal, porteira da U.D. Ribera, convocada coa Selección Galega Sub-12

Lucía Ameal. Foto: U.D. Ribera

Segundo podemos ler na web da U.D. Ribera de O Rosal, a gardameta Lucía Ameal Pereira vén de ser convocada coa Selección Galega de fútbol para preparar o Campionato Nacional de Seleccións Autonómicas Sub-12, que terá lugar en Andalucía do 22 ao 24 de abril deste ano 2016.

¡Dende Noticias O Rosal, a nosa noraboa!

A Jalleira Afea promove no Baixo Miño unha moción en apoio do SPDCIF


Informa: A Jalleira Afea

Moción a favor do SPDCIF (Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais).

A asociación A Jalleira promove na comarca do Baixo Miño unha moción en apoio do servizo público de incendios forestais, a raíz da iniciativa impulsada pola asociación de profesionais do SPDCIF (APROPIGA), que xa ten aprobado a moción noutros concellos de Galicia e Deputación de Pontevedra.

A Jalleira presenta nos concellos da comarca esta moción, mostrando así, o seu apoio ós compañeiros que desempeñan unha labor tan pouco valorada social e institucionalmente.

Entre as reivindicacións cabe destacar a creación da categoría profesional de Bombeiro Forestal e a aposta por un servizo único e público de prevención e extinción de incendios.

Esta moción presentouse nos concellos do Baixo Miño, e nesta semana levarase a pleno o xoves 28 en Oia e Tui, venres 29 na Guarda e o sábado 30 no Rosal. Invitamos a todo aquel interesado a asistir ós plenos en cada concello para mostrar o seu apoio a esta moción.

A Jalleira, por e para o monte.

Velaquí vos deixamos a moción íntegra:


SOLICITUDE DE APOIO ÓS TRABALLADORES DO SPDCIF

Os traballadores do SPDCIF (Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais), pertencente á Consellería do Medio Rural e do Mar, vémonos na obriga de denunciar a situación na que se atopa o Servizo Público do que formamos parte e por cuxa defensa nos expresamos co fin de que se coñeza cal é situación na que nos atopamos e solicitar, á súa vez,  o apoio da sociedade galega no seu conxunto e, así mesmo, o das institucións e organizacións representativas da mesma. 

O Spdcif foi sempre un modelo de referencia en toda España, tanto pola súa efectividade como polo seu carácter de servizo cen por cen público ó servizo da cidadanía na protección do medio natural de Galicia. Fronte a esta realidade, atopámonos na actualidade cun modelo de prevención e extinción e incendios fragmentado a través dun complexo entramado de organismos, empresas e institucións, que está prexudicando gravemente a eficiencia do que sempre foi un servizo público de contrastada eficacia.

O desmantelamento paulatino do Spdcif con estas políticas de disgregación progresiva dunha parte do dispositivo e a privatización doutra, está a comprometer o traballo dos profesionais na defensa do medio natural en Galicia ó non recoñecer a nosa labor profesional como bombeiros forestais, ó precarizar ás condicións nas que traballamos ou ó negarnos a estabilidade laboral. Así mesmo, consideramos que, non só se está a desprezar o noso traballo por  non ser considerados un corpo de emerxencias senón que, ademais,  estase a desaproveitar o verdadeiro potencial do Spdcif e os seus profesionais no eido das emerxencias no rural.
Diante desta situación de emerxencia, ós profesionais, decidimos solicitar o apoio da sociedade galega dende a firme convicción da nosa defensa do Spdcif como servizo público ó servizo da cidadanía xa que consideramos que, agora mesmo, atópase en verdadeiro perigo de extinción. Dende estas premisas, os traballadores do Spdcif SOLICITAMOS O SEU APOIO nas nosas reivindicacións e que son as seguintes: 

- RECOÑECEMENTO DA CATEGORÍA DE BOMBEIRO FORESTAL
Este recoñecemento  supón darlle valor á labor que desenvolvemos na defensa dos nosos montes, do medio natural e da cidadanía facendo visible ó noso traballo; que se nos valore social e institucionalmente;  que se nos forme dacordo coas necesidades específicas do noso traballo como corpo de emerxencias; que se establezan medidas adecuadas e eficaces no eido da prevención de riscos; así como o recoñecemento da natureza penosa, perigosa, tóxica e insalubre o noso traballo diante da Seguridade Social.

- DEFENSA DO SPDCIF COMO SERVIZO ÚNICO DE PREVENCIÓN E EXTINCIÓN DE INCENDIOS
É necesario voltar a un servizo público, único e profesionalizado de prevención e extinción de incendios forestais como mellor garante de que se está a prestar o mellor servizo e rematar, dunha vez, coa fragmentación e a privatización que nunca deberon iniciarse xa que só se basean en intereses que non benefician ó noso medio natural. Un Servizo Público, a cuxos profesionais, lles sexa recoñecida a labor que xa desenvolven nas emerxencias en Galicia, como tal corpo, o que redundará no adecuado desenvolvemento das potencialidades no eido das emerxencias do rural que, na actualidade, non temos.

- CONVOCATORIA DUNHA OFERTA PÚBLICA DE EMPREGO E COBERTURA DE VACANTES
É necesaria a cobertura de todas as vacantes que actualmente hai no Spdcif rematando, así, coa progresiva amortización de prazas co único fin de ir desmantelando pouco a pouco este servizo público. Igualmente, é necesario que haxa unha inmediata convocatoria da Oferta Pública de Emprego para todo o Spdcif que remate coa precariedade e incerteza na que se atopan un elevado número de profesionais interinos do Spdcif. 

- ESTABILIDADE LABORAL E PROFESIONAL
No camiño da profesionalización do Spdcif é necesario garantir a estabilidade laboral dos seus traballadores. É necesario solucionar a problemática dos fixos descotinuos de 9 meses para darlles continuidade ata os 12 meses e poder realizar eficazmente as labores de prevención que ten asignadas este Servizo. É necesario ampliar o tempo de contratación dos traballadores de 3 meses para establecer o equilibrio entre estabilidade laboral, profesionalización e necesidades específicas de persoal. É necesario abordar a modificación do Decreto de Listas que regula a cobertura de prazas con carácter transitorio e a contratación temporal de persoal laboral do Spdcif para atender ás peculiaridades e necesidades específicas deste servizo garantindo unha mellor xestión e fluidez delas e atendendo especificamente a problemática dos traballadores por elas regulados.

POR TODO O ANTERIORMENTE EXPOSTO, SOLICITAMOS O SEU APOIO A ESTAS PETICIÓNS QUE CONSIDERAMOS XUSTAS.

Alex Tsybanev, máximo goleador do Acanor Atlético Novás con 72 goles

Alex, a punto de materializar un lanzamento de "sete metros". Foto: J.R.


Alex Tsybanev é o máximo goleador do Acanor Atlético Novás de balonmán con 72 goles, tras dezaseis xornadas disputadas da liga de Primeira Nacional.

Velaquí deixamos a táboa de goleadores do club do Rosal:

1. Alex Tsybanev - 72g
2. Roberto 'Harris' - 66g
3. Miguel Sío - 63g
4. Iago Flores - 52g
5. Manu Martínez - 38g
6. Miguel Trigo - 37g
7. David Lechuga - 36g
8. Víctor Armán - 24g
9. César Armán - 22g
10. Carlos Rodríguez, Dani Pintus, Sergey Tsybanev e Jorge Pousa - 13g
11. Isma Rodríguez - 9g.
12. Noé Treinta - 4g.
13. Gabri Lomba - 3g.

Por outra banda, estes foron os resultados das diferentes categorías do Acanor Atlético Novás nesta pasada fin de semana.



Os cadetes e xuvenís do Acanor Novás rematan a Liga Regular na 5ª praza


Información e imaxes: Acanor Atlético Novás

As categorías cadete e xuvenil remataron a fin de semana pasada a liga regular. Ambos equipos, que dirixen Víctor Armán e Nikolai Tsybanev respectivamente, finalizaron a competición doméstica ocupando a quinta praza, o que os deixou fóra da loita polo ascenso.

Nos próximos días sortearase o calendario da Copa Federación Galega, na que participan os 16 equipos non clasificados para o ascenso. Esta liguilla comezará a fin de semana do 7 de febreiro. 

Incentivo económico por diminuir e previr a sinistralidade laboral no Rosal



O Concello do Rosal acaba de recibir un incentivo económico por importe de 1.612,29 €, con cargo ao Fondo de Continxencias Profesionais da Seguridade Social.

Tal aportación se fai ao amparo do Real Decreto 404/2010, de 31 de marzo, polo que se regula o establecemento dun sistema de redución das cotizacións por continxencias profesionais ás empresas que teñan contribuído especialmente á diminución e prevención da sinistralidade laboral.

O incentivo irá destinado a continuar nesa liña de mellora da seguridade e saúde dos traballadores do concello, implementando novos medios materiais de prevención e continuando coa concienciación dos empleados públicos neste ámbito.

26 ene 2016

Este sábado 30, Festival de bandas infantís e xuvenís no Auditorio do Rosal


Informa: Agrupación Musical do Rosal

A Agrupación Musical do Rosal comprácese en convidalos ao Festival de Bandas Infantís e Xuvenís que terá lugar no Auditorio do Rosal este sábado día 30 de xaneiro ás 19:00 h.

Éste será o primeiro acto dun ano que virá cargado de actividades xa que a Agrupación celebra neste 2016 o seu 30º aniversario.

Nesta ocasión ademais da "Minibanda" e da nosa Banda Infantil, que serán as anfitrionas, participarán os nosos veciños da Banda-Escola da Unión Musical de Mougás e o Grupo Jovem da Banda Bingre Canalense de Estarreja (Portugal), que nos devolve a actuación que O Rosal fixo en dita localidade portuguesa.

A Jalleira Afea convoca Asemblea Xeral e organiza unha saída ao río da Cal


A Jalleira Afea (Asociación Forestal e de Educación Ambiental) que preside a rosaleira Nuria Castro Martínez convoca e convida a socios/as e ao público en xeral á Asemblea, que terá lugar o sábado 30 de xaneiro (17:00 horas) no Salón de Exposicións do Rosal.

Igualmente, ao día seguinte, domingo 31 de xaneiro e coa colaboración da Comunidade de Montes de Santa Mariña, haberá unha plantación no río da Cal. A saída será ás 9:00 horas dende a explanada do Folón, en Martín.

Máis información en ajalleira@gmail.com

A 7ª edición de "A Carpa Carnaval de Fornelos" promete festa "non stop"


O vindeiro venres 5 de febreiro, dará comezo a sétima edición de "A Carpa Carnaval de Fornelos" en O Rosal, con motivo das tradicionais Festas de Entroido.

Os organizadores do evento, Pablo Pérez, Riky Vicente, Óscar Castro e compañía, supéranse ano tras ano, garantindo aos asistentes á Carpa "5 días de festa non stop, 5 días coa mellor música".

O venres 5, inauguran o espectáculo Groove Amigos, We Are Partyners e André Goberna.

O sábado 6, quenda para David Correa.

O domingo 7: Traffic House, Dümore e Diego Wass.

O luns 8: volve David Correa acompañado por Dj Charlie.

O martes 9: Fin de Festa.

Segundo se pode ler no facebook de "A Carpa Carnaval Fornelos", as "sessions" comezarán todos os días a partir das 0:00 horas.

Novás celebra o seu Entroido 2016 recuperando tradicións como "O Maio"

Foto: J.R. // Noticias O Rosal

O domingo 7 de febreiro (16:30 horas) darán comezo as Festas de Entroido de Novás coa Subida do Maio (tradición centenaria, recuperada nesta xuradía en 2014). Celebraranse tamén Xogos Populares e haberá chocolate quente e rosca.


Foto: Aurora Lomba 

Xa o luns 8 de febreiro, a partir das 16:30 horas, Gran Corrida do Galo.

                                           Foto: Luisa Fernández // Noticias O Rosal

O martes 9 de febreiro, tradicional Frixidela para todos/as. Música a cargo do Grupo Adredde.

A organización do Entroido/Carnaval de Novás anuncia que o recinto estará cuberto cunha carpa.

22 ene 2016

Marzán acolle o domingo 24 de xaneiro a Romaría na honra de San Vicente


A Romaría de San Vicente (Marzán-O Rosal) celebrarase este domingo 24 de xaneiro de 2016.

Dende primeiras horas da mañá, haberá música ambiental a cargo de Electrosil de Tomiño. A partir das 10:00 h, actuación do grupo de gaitas Os Pelouros (A Guarda). Durante a Romaría, serviranse "deliciosos callos caseiros".

A misa solemne con sermón e procesión, será ás 12:00 horas, acompañada pola Coral da Agrupación Musical do Rosal.

Rematada a misa, tradicional subasta de produtos típicos do Rosal, con salva de bombas que porá punto e final á Romaría.

O Novás obsequia a cada socio cunha entrada gratis para recibir ao E.D. Poio



Esta fin de semana comeza a segunda volta, na que o Novás, terceiro, recibe ao colista da competición, que aínda non estreou o seu taboeiro de puntos. 

Con todo o plantel ao 100%, agárdase que os pupilos de Jota e Jimy sumen dous novos puntos despois da importante e complicada vitoria da xornada pasada ante o Embutidos Lalinense (26-24). 

Con toda a segunda volta por xogarse, actualmente o Acanor Atlético Novás que preside Andrés Senra, atópase a 2 puntos de Construcciones Castro Chapela, que é segundo, e a 4 do sólido líder Calvo Xiria.


Para esta cita, a directiva obsequiará a cada socio cunha entrada gratis, que se canxeará o mesmo día na entrada. Cabe lembrar que a hora de inicio será ás 18:00 horas, posto que o Mecalia Guardés xogará o seu compromiso ás 20:00 horas.

Antes do encontro de Primeira Nacional, xogarán os filiais de Acanor Novás e Construcciones Castro (16:00 horas). Os de Manolo Armán, que acumulan case dous meses sen coñecer a derrota, non contarán con Adrián Dorna, que o sábado en Coia disputou o seu último partido e abandonará o club por motivos laborales. O seu lugar o ocupará Jorge Teixeira, que podería debutar o sábado se os papeles se preparan a tempo.

Tardes de encontro no Rosal para persoas que estean ou se sintan soas



Dende o Concello do Rosal queremos que aquelas persoas, maiores e non tan tanto, que por circunstancias se atopan soas, que queren encher o seu tempo, facer novas amizades, relacionarse, saír, espallar a cabeza, falar con xente, tomar un café, en definitiva compartir una tarde con outra xente que se atopa na mesma situación teñen agora a oportunidade de facelo.

Somos conscientes de que de un día para outro isto non se consegue, pero tendo contacto uns cos outros de xeito regular queremos chegar a esa xente que precisa relacionarse  e non atoparse soa, organizando diferentes actividades unha tarde a semana como saír a tomar un café, ir a camiñar, ter unha sesión de perruquería, etc. 

A medida que vaian tendo lugar as tardes e a xente se vaia coñecendo, iremos programando as actividades en función dos intereses dos participantes con varios obxectivos: fomentar a interrelación entre as persoas que se senten soas, mellorar a súa saúde mental e en definitiva mellorar a súa calidade de vida.

21 ene 2016

O grupo Adredde actuará mañá nas festas de San Sebastián (Estás-Tomiño)


O grupo Adredde (na imaxe Manu, Maite e Cris) actuará mañá, venres 22 de xaneiro, a partir das 23:00 horas na parroquia de Estás (Tomiño) con motivo das grandes festas na honra de San Sebastián 2016.

Xa o sábado 23 haberá verbena a cargo da orquestra Panamá e o grupo América S.L.

O domingo 24, a partir das 12:00 horas, terá lugar a misa solemne na honra de San Sebastián. 

Ás 13:00 horas, darán comezo as tradicionais poxas. Ao remate un grupo de gaitas dará un concerto. A partir das 20:00 horas, actuación de Lógika Acústica.

Organiza: Comisión de Festas de San Sebastián. Colaboran: Centro Social e Cultural de Estás, a Asociación Cultural Mulleres do Maraghozo e o Concello de Tomiño.


20 ene 2016

Abertas as inscricións para crear un grupo para saír a camiñar polo Rosal



¿Pensas en facer DEPORTE pero non acabas de animarte? ¿Sintes a necesidade de moverte pero sigues facendo a mesma rutina? Se tes as túas mañás libres aproveita e vén con nós, axudarémosche a manter a túa vida un pouquiño máis activa.

Inscricións no Servizo de Información Xuvenil 986625000 (Ext. 4) ou no email: informacionxuvenil@concellodorosal.es

19 ene 2016

As mulleres do Rosal na Historia. Exposición de fotografía o 8 de marzo



O Concello do Rosal quere organizar unha EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍAS ANTIGAS, testemuño gráfico de mulleres do noso pobo. Unha aposta pola visibilización das mulleres do Rosal.

O obxectivo é visibilizar o papel das mulleres no medio rural, pondo en valor a súa contribución ó desenvolvemento económico, social e cultural da nosa historia.

Buscamos fotografías de mulleres no mundo agrario, o mar, telleiras, negocios ou calquera outra profesión, entre os anos 40 e 80.

Queremos pedir a todos e todas as persoas do Rosal, que nos acheguedes fotografías antigas que fagan alusión ó traballo da muller, tanto no ámbito doméstico como fóra do fogar, nos diferentes sectores nos que estea presente.

Con estas fotografías organizaremos unha exposición con motivo do Día Internacional da Muller o 8 de marzo. A exposición será inaugurada uns días antes e estará aberta ó público durante todo o mes.

Queremos facer un chamamento a toda a poboación para que participe nesta actividade. Estamos seguros de que en cada casa consérvanse eses tesouros que son os nosos recordos, que reflexan fielmente a vida das nosas nais, avoas e en definitiva o noso pasado. 

As fotografías poderán entregarse no mostrador do concello en horario de mañá, na biblioteca municipal en horario de tarde ou poderán ser enviadas ó correo electrónico educacionfamiliar@concellodorosal.es  

Nos puntos de recollida encherase unha ficha na que figurará: data de entrega das fotografías, datos persoais de quen as entrega (nome, enderezo e teléfono de contacto), a relación detallada das fotografías cun pequeno texto que permita a localización, datas aproximadas e comprensión da mesma.

Esta actividade non é un concurso, polo que as fotos non compiten, e todas serán benvidas. No caso de que o número de fotografías exceda a capacidade do recinto de exposicións farase unha selección en base á antigüidade das mesmas. O prazo de presentación termina o 22 de febreiro de 2016.

As persoas que participan nesta actividade, coa súa achega están a autorizar a publicación das fotografías nos medios empregados para esta exposición. Cada fotografía será reproducida, quedando o concello cunha copia e devolverase a orixinal á persoa propietaria nun prazo máximo de dúas semanas.

Esperamos que coa exposición fagamos unha homenaxe a todas as persoas que aparecen nas fotografías, xa que co seu traballo e empeño colaboraron na historia recente do Rosal.

18 ene 2016

Nace a BTT do Atlántico cun circuito polos montes da Guarda, Oia e O Rosal


Informa: Qualité Sport

A primeira edición da marcha BTT do Atlántico inicia o vindeiro mércores 20 de xaneiro o seu período de inscricións.

Esta proba non competitiva de 40 quilómetros vaise celebrar dende as 9:30 da mañá do domingo 20 de marzo e transcorrerá pola ruta de BTT que percorre a Serra da Groba, atravesando os concellos do Rosal, Oia e A GuardaPrecisamente, será neste último municipio onde se sitúen as liñas de saída e meta, nas inmediacións do CEIP A Sangriña.

As inscricións para esta proba poderanse realizar desde o 20 de xaneiro ata o 16 de marzo na web www.championchipnorte.com, de forma presencial no ximnasio Excálibur do Rosal ou mediante transferencia bancaria. Esta marcha ciclista estará limitada a un máximo de 400 participantes e será preciso ter cumpridos os 16 anos, no día da súa celebración, para poder participar.

A I BTT do Atlántico está organizada por Qualité Sport Events, a mesma entidade que puxo en marcha con éxito as carreiras 10K O Rosal-Feira do Viño e 15K do Atlántico. O seu responsable, o rosaleiro Serafín Martínez, declarou que “con esta ruta en BTT, ao igual que coas probas de running que celebramos nesta bisbarra, buscamos dinamizar e dar a coñecer a través da práctica deportiva os fermosos paraxes naturais do Baixo Miño. É por iso que tamén nesta ocasión contaremos coa colaboración dos concellos da Guarda, Oia e o Rosal”.

A organización contará cunha páxina web www.bttdoatlantico.com na que darán conta polo miúdo de tódalas novidades que vaian xurdindo ao redor da proba.

O Entroido de Fornelos 2016 chega con moita festa, anual corrida e frixidelas


O agardado Entroido de Fornelos (O Rosal) terá lugar os días 7, 8 e 9 de febreiro de 2016. Ademais, a Comisión de Festas que preside Jorge Rodríguez Álvarez, vén de anunciar que o recinto estará cuberto cunha gran carpa.

Velaquí vos deixamos o programa deste 2016:

Domingo 7

Ás 9:30 horas da mañá, pasarrúas polo pobo a cargo de grupo de gaitas Trebón dos Xidos

A partir das 11:00 horas, na Praza do Calvario, Gran Desfile.

Dende as 17:00 horas, actuacións para os máis pequenos ata o comezo da verbena.

Para rematar o día, dende as 22:00 horas, gran verbena amenizada polo grupo América e a orquestra Quinta Avenida.

Luns 8

A partir das 16:00 horas, na Praza de Fornelos celebrarase a tradicional Corrida do Galo.

Dende as 22:00 horas, gran verbena amenizada polas orquestras Aramio e Ciudad Cristal.

Martes 8

A partir das 16:00 horas, na Praza de Fornelos celebraranse as tradicionais Frixidelas. Haberá degustación para todos, con premio para a mellor frixidela.

Gran verbena a partir das 20:00 horas, amenizada polos grupos Terranova e Anduriña.

13 ene 2016

Duelo de altos voos entre o Acanor Atl. Novás e o Embutidos Lalinense


Volve o balonmán a O Rosal cun duelo de "altos voos" correspondente á xornada 15 e que enfrontará este sábado 16 de xaneiro (19:00 horas) ao Acanor Atlético Novás e ao "potente Embutidos Lalinense, que chega ocupando a cuarta posición, empatado a puntos" co equipo da vila.

O rosaleiro Diego Santomé, bronce no Campionato de España de Ciclocross


Segundo podemos ler na web do Club Ciclista O Rosal, "este venres, sábado e domingo celebraronse en Torrelavega (Cantabria) os Campionatos de España de Ciclocross e ata alí nos desprazamos co equipo rosaleiro que participa nesta especialidade, agás María Correa, que se atopa convalecente dun accidente.

As probas comezaban o venres coas especialidades de Relevos onde o C.C. O Rosal non tiña ningún participante e onde á Selección Galega se lle escapaba a Medalla de Bronce ao estilo "Carlos Sainz", pois o derradeiro relevista galego (Mauro González) sofría unha avaría a escasos metros da liña de meta que lle facía perder o pódio e rematar na 4ª posición.

Xa no sábado ás 12 da mañá era a nosa Zaida González a que entraba en competición defendendo as cores da Selección Galega realizando unha gran carreira ao entrar na liña de meta no noveno posto o que dice moito da súa valía.

Xa logo, ás 5 da tarde chegaba a hora da categoría de Promoción (Infantís) e aquí saltaban a pista Iago Álvarez e Diego Santomé. Comezaba a carreira cos "nosos" saíndo dende as derradeiras posicións na liña de saída, polo que Diego no primeiro tramo do circuito pasa decimoprimeiro para logo, nunha memorable remontada ir ascendendo posicións para mediado o circuito pasar sexto.

Pero Diego aínda non tiraba a toalla e ao final remataba nese impresionante terceiro posto que aínda que oficialmente non conta para os Campionatos de España, aí queda ese Trofeo que o acredita como o Campión que é. Pola súa banda Iago tamén loitaba o indecible para rematar nun honroso 7º posto.

No domingo pola mañá disputábanse as derradeiras probas e o primeiro en saltar ao "ruedo" era Mario Fernández que, como Zaida, tamén defendía o "maillot" da Selección Galega e nun circuito totalmente enlamado por mor da choiva caída durante a noite anterior e que non parou ata disputada xa a primeira volta, Mario fiel ao seu pundonor loitaba contra os elementos e remataba nunha estupenda 16ª posición.

A volta da media mañán eran os Júnior os que que se enfrontaban ao duro circuito e aquí os nosos representantes voltaban a poñer todo da súa parte para que Adrián Santomé rematase como mellor "rosaleiro" no 54º posto na súa primeira experiencia nun Campionato de España. Xoel Villa era o seguinte na clasificación o rematar 57º i Ero Sobrino 61º".

Dende Noticias O Rosal noraboa ao Club Ciclista da vila.

O Concurso-Desfile de Entroido do Rosal será o domingo 21 de febreiro


Informa: Concello do Rosal.

O Concello do Rosal convoca o tradicional concurso de carrozas, comparsas, grupos e disfraces individuais que se celebrará con motivo do Entroido 2016, o domingo  21 de febreiro, ás 11:00 horas, na vila do Rosal (tras suspenderse por mal tempo os días 7 e 14).

O desfile percorrerá a rúa Julio Sesto, desde a Rotonda da Feira e a rúa de Ramón Franco,  ata o cruce coa Lomba.  

A inscrición dos participantes farase no Rexistro do Concello, en impreso normalizado para este fin, ata as 14:00 horas do mércores 3 de febreiro de 2015.

Xunto coas solicitudes de inscrición, deberán achegar:

•Breve descrición dos disfrace que se presenta a concurso.

•Maiores de idade: fotocopia do DNI. 

•Menores de idade: fotocopia do DNI do representante e autorización única da persoa que represente  á totalidade dos menores que participen (detallando o nome e apelidos de todos eles).  

•Asociacións: fotocopia do CIF e fotocopia do DNI do representante.



O Rosal premia aos mellores lectores/as da súa Biblioteca Municipal



Onte a Biblioteca Municipal do Rosal celebrou o Día do usuario/a das bibliotecas. Premiou cun diploma e un libro aos mellores lectores da nosa biblioteca no ano 2015.

* Categoría infantil, o mellor lector foi MIGUEL LIMA GONZÁLEZ, de 4 anos.

* Categoría xuvenil, ÁNGELA GONZÁLEZ PÉREZ, de 11 anos.

* Categoría de adultos, a nosa mellor lectora foi MARÍA CONCEPCIÓN MONDRAGÓN MENDIETA.

Os volumes da biblioteca lidos foron 36, 11 e 28 respectivamente. Miguel y Ángela achegáronse ata a biblioteca para recibir o premio. María Concepción, por razóns familiares, non puido asistir, polo que lle entregaremos o premio máis adiante.

¡FELICIDADES AOS NOSOS MELLORES LECTORES 2015!

12 ene 2016

Resultados do Sorteo de Nadal da Asociación de Comerciantes do Rosal

Informa: Manuel Santos / ACOR

Este é o resultado do Sorteo de Nadal 2015/2016 de ACOR (Asociación de Comerciantes de O Rosal) realizado o pasado venres 8 de xaneiro. 

As persoas que teñan algúns dos números nos seus boletos de participación deben acudir aos establecementos "Activa Dixital", "Perfumería Pili" ou Tenda Paquín.
A data máxima para reclamar os premios é o domingo 14 de febreiro de 2016.