TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

27 ene. 2016

A Jalleira Afea promove no Baixo Miño unha moción en apoio do SPDCIF


Informa: A Jalleira Afea

Moción a favor do SPDCIF (Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais).

A asociación A Jalleira promove na comarca do Baixo Miño unha moción en apoio do servizo público de incendios forestais, a raíz da iniciativa impulsada pola asociación de profesionais do SPDCIF (APROPIGA), que xa ten aprobado a moción noutros concellos de Galicia e Deputación de Pontevedra.

A Jalleira presenta nos concellos da comarca esta moción, mostrando así, o seu apoio ós compañeiros que desempeñan unha labor tan pouco valorada social e institucionalmente.

Entre as reivindicacións cabe destacar a creación da categoría profesional de Bombeiro Forestal e a aposta por un servizo único e público de prevención e extinción de incendios.

Esta moción presentouse nos concellos do Baixo Miño, e nesta semana levarase a pleno o xoves 28 en Oia e Tui, venres 29 na Guarda e o sábado 30 no Rosal. Invitamos a todo aquel interesado a asistir ós plenos en cada concello para mostrar o seu apoio a esta moción.

A Jalleira, por e para o monte.

Velaquí vos deixamos a moción íntegra:


SOLICITUDE DE APOIO ÓS TRABALLADORES DO SPDCIF

Os traballadores do SPDCIF (Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais), pertencente á Consellería do Medio Rural e do Mar, vémonos na obriga de denunciar a situación na que se atopa o Servizo Público do que formamos parte e por cuxa defensa nos expresamos co fin de que se coñeza cal é situación na que nos atopamos e solicitar, á súa vez,  o apoio da sociedade galega no seu conxunto e, así mesmo, o das institucións e organizacións representativas da mesma. 

O Spdcif foi sempre un modelo de referencia en toda España, tanto pola súa efectividade como polo seu carácter de servizo cen por cen público ó servizo da cidadanía na protección do medio natural de Galicia. Fronte a esta realidade, atopámonos na actualidade cun modelo de prevención e extinción e incendios fragmentado a través dun complexo entramado de organismos, empresas e institucións, que está prexudicando gravemente a eficiencia do que sempre foi un servizo público de contrastada eficacia.

O desmantelamento paulatino do Spdcif con estas políticas de disgregación progresiva dunha parte do dispositivo e a privatización doutra, está a comprometer o traballo dos profesionais na defensa do medio natural en Galicia ó non recoñecer a nosa labor profesional como bombeiros forestais, ó precarizar ás condicións nas que traballamos ou ó negarnos a estabilidade laboral. Así mesmo, consideramos que, non só se está a desprezar o noso traballo por  non ser considerados un corpo de emerxencias senón que, ademais,  estase a desaproveitar o verdadeiro potencial do Spdcif e os seus profesionais no eido das emerxencias no rural.
Diante desta situación de emerxencia, ós profesionais, decidimos solicitar o apoio da sociedade galega dende a firme convicción da nosa defensa do Spdcif como servizo público ó servizo da cidadanía xa que consideramos que, agora mesmo, atópase en verdadeiro perigo de extinción. Dende estas premisas, os traballadores do Spdcif SOLICITAMOS O SEU APOIO nas nosas reivindicacións e que son as seguintes: 

- RECOÑECEMENTO DA CATEGORÍA DE BOMBEIRO FORESTAL
Este recoñecemento  supón darlle valor á labor que desenvolvemos na defensa dos nosos montes, do medio natural e da cidadanía facendo visible ó noso traballo; que se nos valore social e institucionalmente;  que se nos forme dacordo coas necesidades específicas do noso traballo como corpo de emerxencias; que se establezan medidas adecuadas e eficaces no eido da prevención de riscos; así como o recoñecemento da natureza penosa, perigosa, tóxica e insalubre o noso traballo diante da Seguridade Social.

- DEFENSA DO SPDCIF COMO SERVIZO ÚNICO DE PREVENCIÓN E EXTINCIÓN DE INCENDIOS
É necesario voltar a un servizo público, único e profesionalizado de prevención e extinción de incendios forestais como mellor garante de que se está a prestar o mellor servizo e rematar, dunha vez, coa fragmentación e a privatización que nunca deberon iniciarse xa que só se basean en intereses que non benefician ó noso medio natural. Un Servizo Público, a cuxos profesionais, lles sexa recoñecida a labor que xa desenvolven nas emerxencias en Galicia, como tal corpo, o que redundará no adecuado desenvolvemento das potencialidades no eido das emerxencias do rural que, na actualidade, non temos.

- CONVOCATORIA DUNHA OFERTA PÚBLICA DE EMPREGO E COBERTURA DE VACANTES
É necesaria a cobertura de todas as vacantes que actualmente hai no Spdcif rematando, así, coa progresiva amortización de prazas co único fin de ir desmantelando pouco a pouco este servizo público. Igualmente, é necesario que haxa unha inmediata convocatoria da Oferta Pública de Emprego para todo o Spdcif que remate coa precariedade e incerteza na que se atopan un elevado número de profesionais interinos do Spdcif. 

- ESTABILIDADE LABORAL E PROFESIONAL
No camiño da profesionalización do Spdcif é necesario garantir a estabilidade laboral dos seus traballadores. É necesario solucionar a problemática dos fixos descotinuos de 9 meses para darlles continuidade ata os 12 meses e poder realizar eficazmente as labores de prevención que ten asignadas este Servizo. É necesario ampliar o tempo de contratación dos traballadores de 3 meses para establecer o equilibrio entre estabilidade laboral, profesionalización e necesidades específicas de persoal. É necesario abordar a modificación do Decreto de Listas que regula a cobertura de prazas con carácter transitorio e a contratación temporal de persoal laboral do Spdcif para atender ás peculiaridades e necesidades específicas deste servizo garantindo unha mellor xestión e fluidez delas e atendendo especificamente a problemática dos traballadores por elas regulados.

POR TODO O ANTERIORMENTE EXPOSTO, SOLICITAMOS O SEU APOIO A ESTAS PETICIÓNS QUE CONSIDERAMOS XUSTAS.

0 comentarios:

Publicar un comentario