Celebrouse o pasado sábado 2 de abril unha nova andaina deportiva-cultural organizada polo Concello do Rosal.
Nesta ocasión visitouse a igrexa parroquial de Santa Mariña e tres capelas, a de Santa Ana, a de San Vicente e a de San Xosé, ademais de distintos elementos do noso patrimonio cultural, entre eles os sepulcros antropomorfos visigóticos de Marzán ou a restaurada Serra do Pijorro.
Entre as preto de cen persoas que asistiron a esta ruta, atopábanse a concelleira de Turismo, Ángeles Vicente Manzano e a edil de Servizos Sociais e Muller, Mª Carmen Alonso.
Antes de entrar na igrexa, o investigador e guía municipal, Juan Ramón Martínez Barbosa, ofreceu un breve resumo da historia do templo afirmando que “a primeira mención escrita á parroquial de Santa Mariña data do 26 de xuño de 1137, pola doazón que o rei Afonso VII fixo desta ao mosteiro de Santa María de Oia”. Igualmente, sinalou Juan Ramón, que o “estilo da primitiva igrexa, pola época e os restos arquitectónicos, foi románica, perdendo este valor alá polo século XVI debido a obras de mellora e ampliación”.
Seguindo nesta ruta os diferentes estudos do escritor e historiador local Xoán Martínez Tamuxe, o primeiro abade-párroco do que se ten noticia é o Rvdo. D. Juan Moogo, no século XIII. Sabemos ademais que o estilo da fachada actual é manuelino (portugués) e que data do ano 1847, cando se ampliou e reedificou, segundo a inscrición da cartela que se atopa sobre a porta principal.
Lembrou o guía municipal que a titular e patroa é Santa Mariña, Virxe e Mártir, e que a súa festa se celebra cada 18 de xullo, sinalando como curiosidade que as catro esferas do reloxo da torre datan de 1918.
Unha vez no interior da igrexa o abade párroco D. Julio Ramos Rodríguez realizou unhas breves explicacións do que alí se podía ollar, facendo especial fincapé no “impresionante altar maior, do século XVIII, que é un dos máis interesantes e fermosos da diocese de Tui-Vigo, tanto polas súas dimensións e o seu estilo barroco, como polo seu simbolismo, finísimo acabado e óptima conservación”. Así mesmo afirmou D. Julio que os frescos que se atopan baixo o coro son obra do artista guardés Manuel Ángel, realizados no último cuarto do século XIX, recollendo escenas da vida e martirio de Santa Mariña.
Rematado este agradable e informativo “sermón” do párroco da capital rosaleira, o grupo de camiñantes puxo rumbo dende a Praza do Calvario ata ao barrio de Videira, en Novás, para visitar alí a capela privada de San Xosé.
Seguindo o libro Ermita de San José. Apuntes Históricos, O Rosal, 1995, da autoría do mencionado escritor rosaleiro X.M. Tamuxe, o guía municipal deu a coñecer varios fragmentos da obra nos que se podía ler: “el licenciado D. José de Ucha Ribero (Rivero), instituyó y fundó la capellanía, así como la capilla (ermita) por escritura otorgada ante el Escribano, D. Juan de Andrade, vecino de O Rosal, el 29 de junio de 1694”. Tal e como se observa hoxe en día, esta data figura gravada no mesmo frontal da ermida.
Os participantes da andaina puideron entrar na capela e observar o seu altar, con sinxelo retablo policromado, de sabor barroco, con dúas preciosas columnas salomónicas. Nel preside unha barroca imaxe do titular da ermida, o Patriarca San Xosé, patrón da Igrexa Universal e Protector da Familia.
De aquí, dirixiuse o grupo ata as inmediacións da capela de San Vicente, en Marzán, para admirar en primeiro lugar os dous sepulcros visigóticos antropomorfos, datados nos séculos V-VI. Algúns dos camiñantes aproveitaron para facerse unhas simpáticas fotografías simulando “o descanso eterno”.
Segundo o estudo de Tamuxe e Juan Ramón, esta zona de Marzán é unha das máis ricas en material arqueolóxico, xa prehistórico, xa histórico e calculan que esta ermida de San Vicente veu a santificar algún primitivo “santuario pagán” e que xa nos séculos VI e VII, houbo alí un centro ou templo cristián. Ademais afirman que a capela xa se atopa mencionada no século XIV.
Xa de volta, cara ao punto de partida, as dúas últimas paradas: a Serra do Pijorro e a capela de San Sebastián e Santa Ana.
Agardaba no Pijorro o mestre carpinteiro Rafael Dorado Rodríguez, quen deu as pertinentes explicacións do seu funcionamento e onde se lembrou que este restaurado serradoiro e muíño se acciona pola auga do regato Padrón, sito no lugar de Cardal, xuradía de Marzán. Segundo o guía destas andainas mensuais “a Serra do Pijorro, ao igual que o muíño das Aceñas, data de finais do século XIX”.
Rematou esta ruta coa visita á capela de San Sebastián e Santa Ana, onde todos os camiñantes foron obsequiados co seu tríptico histórico, onde se podía ler que “as primeiras referencias á capela do Santo as atopamos no Libro I de Haciendas y Rentas de la Abadía del Rosal, en 1530”. É curioso que en principio a capela tivo como único titular ao glorioso mártir San Sebastián e só no Arreglo de Parroquias de 1854 atopáse relación documental onde xa a comparte con Santa Ana.
Os participantes da andaina tamén puideron comprobar de primeira man as últimas melloras realizadas na capela no ano 2008 (piso de pedra, drenaxe exterior, tellado, teito de madeira, bancos novos, restauración do retablo, etc).
A seguinte cita, se as condicións meteorolóxicas o permiten, será o sábado 7 de maio, coa visita –entre outras- á recentemente inaugurada Aula da Natureza, no muíño das Aceñas, así como un percorrido pola historia, tradición e lendas da ponte vella do Tamuxe (século XIX e construída sobre unha anterior, quizais romana). A organización comunicará nos próximos días o programa e itinerario completos desta ruta. Quen desexe participar nesta andaina (gratuíta), independentemente de onde sexa ou resida, pode anotarse dende hoxe mesmo, deixando nome e teléfono de contacto, no Departamento de Cultura e Turismo do Concello do Rosal (986625000).
0 comentarios:
Publicar un comentario