TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

11 jul 2012

O ROSAL HOMENAXEA A FLORINDO ÁLVAREZ MARTÍNEZ, "FLORO DE PANCENTEO", DEDICÁNDOLLE UNHA RÚA




O Rosal homenaxeou este sábado 7 de xullo ao pintor e debuxante rosaleiro Florindo Álvarez Martínez, coñecido popularmente como "Floro de Pancenteo".


Abriu o acto de recoñecemento o alcalde da vila, Jesús Mª Fernández Portela, quen deu a benvida ao público asistente, lembrando que xa hai uns meses a Corporación Municipal aprobara renderlle esta homenaxe no día que Florindo cumpriría 66 anos.


A Praza do Xogo en Pancenteo (xuradía de Marzán) foi testemuña do primeiro descubrimento das pracas que deron nome á nova "Rúa Florindo Álvarez". A segunda e última parada foi diante da propia casa do homenaxeado.



Amenizou este evento o grupo Airiños do Folón, que actuou en varias ocasións con tradicionais pezas musicais ao son da gaita. Así mesmo, Lúa, interpretou ao clarinete o himno galego.



A concelleira de Cultura, Charo Tabales Perozo, realizou un resumo biográfico de Florindo baseado nas investigacións e entrevistas ao homenaxeado por parte do historiador local Xoán Martínez Tamuxe, destacando que "a súa primeira experiencia co debuxo e a pintura a tivo xa dende moi pequeno, sendo o seu profesor o mestre D. José Couto Macía".


Lembrou así mesmo Tabales Perozo que "os seus temas preferentes eran os estados anímicos, esceas presididas pola sensibilidade, caracteres..." resaltando nas propias palabras de Florindo que "algunha vez a emprendo cun bodegón ou natureza morta..."



Como resaltamos en varias ocasións, as súas obras estiveron expostas en multitude de salóns da xeografía galega e española sobre todo en Madrid, con cadros repartidos por medio mundo (Suiza, Brasil, Estados Unidos, etc). Florindo Álvarez Martínez tamén foi concelleiro no Rosal ou mesmo colaborador de prensa, de revistas, e de traballos literarios e históricos.


O historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe eloxiou as virtudes humanas, poéticas e artísticas de Florindo e recordou o contido do libro Romería de San Vicente, que se publicou en 1975 con motivo das festas dese santo, incidindo en que "un dos grandes colaboradores desa monografía foi Florindo. Alí recolleuse unha entrevista con el e unha colaboración literaria, quizais das primeiras".


O investigador local Juan Ramón Martínez Barbosa foi o encargado de ler dita composición, cargada de simbolismo e amor, tanto á vila rosaleira como aos seus paisanos. O seu título: "Sueño poético de mi Marzán".


O xuíz de Paz do Rosal, Cástor Rodríguez González, na súa intervención, rememorou o seu primeiro encontro con Florindo, destacando que era un home dunha gran sensibilidade e coñecedor do patrimonio histórico-artístico do Rosal. Por iso, aproveitou para sumarse a esta homenaxe dedicándolle un fermoso poema.




María Elena e Luis Alberto Martínez Durán foron os familiares encargados de descubrir as pracas e agradecer publicamente esta emotiva homenaxe, así como ensalzar igualmente a figura vital de "Floro". Como colofón agasallouse a cada asistente co libro de Florindo Álvarez Martínez, Pedras e Paisaxes de O Rosal, editado pola Fundación O Rosal en 2007 (2ª ed.), con limiar do laureado escritor e poeta baixomiñoto, Eliseo Alonso e textos do mencionado historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe.



A nota dedicatoria rezaba así: "A O Rosal que me viu nacer e ás súas pedras e paisaxes que me ensinaron a debuxar". 


Ver a reportaxe fotográfica completa aquí.

0 comentarios:

Publicar un comentario