Co pasamento de Emilio Flores o pasado sábado 10 de xullo -e fai anos do seu irmán, José- vaise unha excepcional representación dos gaiteiros tradicionais do Rosal e aínda de Galicia.
Este luns tivo lugar na igrexa parroquial de Santa Mariña as honras fúnebres polo eterno descanso deste popular e lembrado artista da vila. Cocelebraron a Eucaristía, o abade D. Julio Ramos, asistido por D. Victorino Poutás (ex-párroco da freguesía), D. Isaac Penela e D. Pascual Bermúdez.
Na homilía D. Julio fixo unha emotiva predicación lembrando as principais características humanas de Emilio (sencillez, humildade, alegría, optimismo, etc).
Multitude de familiares, amigos e veciños -moitos deles músicos- déronlle unha sentida despedida. Acompañou á comitiva fúnebre, dende o adro ata o cemiterio, un grupo de gaitas que foi moi aplaudido.
Como homenaxe a Emilio realizaremos dende Noticias O Rosal unha breve semblanza biográfica repartida en diferentes capítulos.
CAPÍTULO I
Emilio, fillo de José e Rosa, nace en Miranxe, xuradía de Novás, o 2 de decembro de 1920.
Aos trece meses pasa a vivir na compaña dos seus avós maternos, Emilio e Josefa, na parroquia de San Lorenzo de Belesar, no Val Miñor.
Dende os 6 ata os 14 anos, asiste á escola parroquial (do Sindicato Católico), que rexenta o mestre D. Jesús. Despois de clases, axuda ao moito traballo de casa: atender da viña, labrar co arado… A súa familia, ademais tiña funeraria e eran xa de tradición, sacristáns, ocupándose tamén do “pote” do citado Sindicato.
Aos 18 anos, Emilio, a pesares de ser da “quinta” do 41, tivo que incorporarse anticipadamente, en 1939, ao final da Guerra Civil. O seu primeiro destino foi a Intendencia en A Coruña, Cuartel de Isabel a Católica.
(Continuará). Proximamente, Cap. II: Emilio, Cabo Provisional.
0 comentarios:
Publicar un comentario