Informa: Associaçom Cultural A Velha na Horta
O venres 8 de xullo, as 19 horas, agardámoste no Centro Cultural da Guarda, onde contaremos coa presenza de Manuel Docampo Paradela, do Sindicato Labrego Galego, quen nos falará sobre a Lei de Augas de Galicia, recentemente aprobada polo Parlamento Galego.
A lei de Augas de Galicia supón a privatización de todas as augas de Galiza, o pasar a mans privadas o ente público Augas de Galicia. Ademais, a Lei de Augas fixa un prezo para a auga, un canon que pretende establecer sobre toda a auga, a maiores do prezo do subministro que establecen os concellos ou as entidades subministradoras.
Todas as vivendas terán que pagar o canon da auga, independentemente de que a traída sexa municipal, da comunidade de veciños e veciñas ou particular; tamén terán que pagar no caso de que a auga proceda dun pozo propio ou se aproveite a chuvia.
No caso de que a traída sexa municipal ou de empresa subministradora, haberá que pagar a maiores o prezo de depuración e de subministro. O prezo vén determinado cunha parte fixa, que corresponde ao número de persoas que viven na vivenda; e unha parte variable, en función do volume de auga consumido. Establécese unha cota fixa de 1,50 € contribuínte/mes.
Os gobernos deben garantir o subministro e a calidade da auga para o consumo a toda a poboación, con independencia de se viven no rural ou en áreas urbanas, do grao de dispersión do asentamento... Os gobernos tamén deben garantir, de xeito gratuíto, auga suficiente e de calidade para os animais e para a agricultura entendida como actividade de producción de alimentos para a poboación.
A auga é un básico para a vida e debe ser considerado como un ben público e universal, que debe cumprir, antes de anda, unha función social de alimento e de hixiene. Por iso, toda a normativa sobre as augas debería prohibir que se privatice, se saque beneficio ou se especule con ela.
A Lei de Augas de Galicia supón unha grande agresión á realidade galega, concretamente as áreas rurais e dos pequenos núcleos, onde as administracións sempre miraron para outro lado cando se trataba de dar servizos. Agora que tratan de apropiarse dos acuíferos e fontes, miran para o rural como unha reserva de augas de calidade coas que facer negocio.
0 comentarios:
Publicar un comentario