O xoves 28 de abril tivo lugar no Auditorio Municipal do Rosal a inauguración da V Mostra Teatro do Miño.
Comezou o acto coa proxección de varios vídeos relativos a anteriores edicións e á mostra deste ano.
O monologuista Benito Guerreiro foi o primeiro en actuar, dando a benvida aos asistentes cunha “entrada silenciosa” no salón, de “puro teatro”, afirmando que “para isto hai que nacer”, facendo curiosas alusións precisamente ao momento do seu nacemento e infancia, explicando tamén en que consiste para un personaxe, para un actor, estar enriba do escenario.
Os presentadores do evento, Pilar e Óscar, foron os encargados de ler o programa e anunciar os distintos grupos que actuarán nesta V Mostra Teatro do Miño.
A concelleira de Cultura, Charo Tabales Perozo, agradeceu a presenza no Rosal da alcaldesa de Tomiño, Sandra González e a de algúns concelleiros da corporación rosaleira, entre os que se atopaban, Mª Carmen Alonso, Pablo Flores Díaz, Mabel Franco Pérez, Luis Giráldez Álvarez e Mª del Pilar Álvarez.
Así mesmo Tabales Perozo quixo felicitar a todos os participantes nesta Mostra -foran ou non seleccionados- pola súa dedicación, esforzo e sobre todo porque o fan sen beneficio económico algún. Recoñeceu tamén a edil de Cultura o traballo do xurado, pois “ao ter obras tan boas é moi difícil a selección, avaliando moitos aspectos como argumento, montaxe, vestiario…”
Rematou a súa intervención animando a asistir ás diferentes sesións teatrais da fin de semana, felicitando aos organizadores deste evento, a Asociación Cultural Feixó Araúxo, que “dá mostras evidentes de que se supera a si mesma ano tras ano, e isto só pode ser a base de cariño e moito, moito traballo”.
O peche deste acto estivo a cargo do Grupo de Percusión da Banda da Agrupación Musical do Rosal que interpretou tres pezas que foron moi aplaudidas polo público.
Todas as obras desta V Mostra Teatro do Miño poderán verse en Goián (Tomiño), O Rosal e A Guarda durante a fin de semana e ata as 21:30 horas do domingo 1 de maio, que será o acto de clausura.
0 comentarios:
Publicar un comentario