Pouco falta para rematar este curso escolar e a Asociación Érguete Baixo Miño inicia as súas derradeiras actividades escolares programadas de prevención para estes meses de maio e xuño.
Trátase de Talleres dirixidos a mozos e mozas escolarizadas pertencentes aos cursos de 3º, 4º da ESO e 1º e 2º de PCPI e con idades comprendidas entre os 15 e 20 anos. Neles participarán 171 alumnas/os do I.E.S. A Sangriña de A Guarda.
Durante estas actividades, que contan cunha duración de 5 horas con cada grupo de alumnos/as –sumando en total 50 horas-, centrarémonos nos seguintes aspectos:
- A diversión asociada ao consumo de substancias (incluíndo alcohol e tabaco).
- Os seus efectos e consecuencias.
- Mitos, tópicos e falsas crenzas.
- Práctica de habilidades de afrontamento.
- Buscando a diversión saudable.
A finalidade do programa é evitar o desenvolvemento e a consolidación de consumos problemáticos de drogas e tamén doutros trastornos aditivos, reducir a incidencia dos diversos problemas sociosanitarios relacionados co consumo e/ou de abuso de drogas e promover a adopción de estilos de vida saudables entre os/as adolescentes que permanecen vinculados ao sistema educativo.
0 comentarios:
Publicar un comentario