TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

18 may 2011

Unha viaxe polos acontecementos e as novidades do Centro San Xerome



Velaquí vos deixamos unhas noticias breves, unha viaxe polos acontecementos das últimas semanas e as novidades dos próximos días do San Xerome.

Asemblea xeral de socios. Aprobáronse as contas cun saldo favorable de 900 €, sendo os gastos anuais de 1 millón seiscentos mil €, nunha entidade da que dependen 120 usuarios e máis de 60 traballadores. Os presentes ratificaron a Xunta Directiva presidida por Asunción Dacuña Pacheco e manifestaron o apoio a súa xestión.

ANPA. A Asociación de nais e pais Joaquina de Otero do Centro San Xerome, presentou na citada Asemblea os seus proxectos, marcados pola celebración do 30 aniversario do Centro. Destacamos a entrevista co Delegado de Transportes da Xunta para falar do transporte dos alumnos en idade escolar, e a reunión con outras entidades para tratar de xestionar un Programa de respiro familiar na zona sur de Galicia.

No terreo festivo, no mes de xuño haberá unha viaxe a Bracalandia, e no mes de xullo un festival de humor e música.

Informaron ademais da achega da cantidade de 400 € a cada un dos sectores de atención do Centro (CEDI, Educativas e Prelaboral) para a realización de actividade de ocio de fin de curso (campamentos, etc)

O San Xerome no teito de Galicia. Nesta ocasión imos celebrar os 30 anos do Centro, cun reto lúdico – deportivo. Trátase da subida camiñando dende A Veiga (Ourense) ata Peña Trevinca (punto máis elevado da xeografía galega), alí colocaremos a bandeira do noso Centro o sábado 21 de maio. Na actividade participará un grupo de 18 aventureiros (usuarios, voluntarios…), coordinados polo especialista Roberto Miranda, e co patrocinio económico do Concello de Tomiño.

Hortiña Ecopedagóxica. A pasada semana inaugurouse na Quinta das Mercedes da Gándara, coa presenza de alumnos de todos os sectores, a Hortiña Ecopedagóxica. Un proxecto do sector prelaboral que recentemente despega, e do que moi pronto veremos os seus froitos (leitugas, tomates …) á venda na nosa Tenda (Rúa Galicia).

Colaboración co Club de Remo Robaleira. Grazas a este acordo hai posibilidades de que ao inicio da próxima temporada, remeiros con discapacidade estean presentes nas citas do calendario competitivo. Nos próximos días farase a selección dos candidatos para iniciar a súa preparación no mes de setembro.

Máis deporte. Na Liga Galega de Fútbol Sala e na máxima categoría de competición, despois da celebración da segunda xornada, ocupamos o segundo posto, a 3 puntos do R. Chapela. En atletismo, dez deportistas do noso Club participarán no Campionato Galego en Vilagarcía, e sete o farán no Campionato de España, que terá lugar en San Fernando (Cádiz). Así mesmo, seis compoñentes do noso equipo de baloncesto, tres do de fútbol sala e un atleta representarán á Selección Galega no Campionato de España de Seleccións Autonómicas que terá lugar en xuño na cidade de Murcia.

0 comentarios:

Publicar un comentario