O domingo 20 de febreiro tivo lugar no Auditorio Municipal o acto de “Recoñecemento ao Mérito Deportivo” co que o Concello do Rosal quixo homenaxear a todos os seus deportistas.
O evento reuniu aos sete clubs da vila (U.D. Ribera, Veteranos O Rosal e a U.D. Tamuxe de fútbol, o Atlético Novás de balonmán, o Club Ciclista O Rosal, o Club “Os Pardillos” de Parapente e o Club de Atletismo CPI Manuel Suárez Marquier).
Tamén estiveron representados deportes como natación, remo, piragüismo, judo, taekwondo, motociclismo, automobilismo ou mesmo paracaidismo e futbolín.
Entre os asistentes atopábanse o alcalde da vila, Jesús Mª Fernández Portela, o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, o deputado provincial de Deportes, José Enrique Sotelo así como a totalidade da Corporación Municipal e directivos das distintas asociacións socioculturais rosaleiras.
A presentación deste acto deportivo correu a cargo de Juan Ramón Martínez Barbosa, do departamento de Cultura, quen realizou un exhaustivo percorrido profundizando na historia de cada club así como repasando o currículum persoal dos deportistas máis destacados dende mediados do século XX ata a actualidade.
O humorista Paco Campelo (Francisco Rodríguez Fernández) puxo a nota de humor durante toda a gala, con personaxes como "Deportivo e elegante", o "Campión galego de lanzamento de martelo de obra", ou o "Portador da chama olímpica". En verdade Paco, coa súa gracia, unida a moita e boa improvisación, colaborou a que as case tres horas do Recoñecemento foran se cabe máis amenas, con intervencións e chistes moi ocorrentes, así como delirantes “gags” que provocaron as gargalladas do público asistente, que para este especial tributo enchía o Auditorio Municipal.
Comezou o presentador convidando “a aqueles deportistas que hoxe – moi a no noso pesar- non serán nin sequera citados, a que faciliten fotografías e información da súa vida deportiva para desta maneira poder recoñecerlle os seus méritos na vindeira ocasión e actualizar o arquivo deportivo do Concello do Rosal”.
Comezou o presentador convidando “a aqueles deportistas que hoxe – moi a no noso pesar- non serán nin sequera citados, a que faciliten fotografías e información da súa vida deportiva para desta maneira poder recoñecerlle os seus méritos na vindeira ocasión e actualizar o arquivo deportivo do Concello do Rosal”.
Recalcou Juan Ramón que para este Recoñecemento ao Mérito Deportivo recolléronse datos durante máis de tres meses, e que tanto clubs como a maioría dos deportistas e particulares aportaron información así como imaxes para ilustrar este acto, incidindo en que “existiron e existen na actualidade moitísimos deportistas, así que houbo que facer unha pequena, chamémoslle criba, e instaurar un inevitable raseiro para o recoñecemento de hoxe. Este non é outro que –mínimo- quedaran clasificados entre os tres primeiros de Galicia en calquera modalidade deportiva. O Concello do Rosal, pese a non poder recoñecerlle o mérito a todas as persoas que fixeran deporte na vila, sí quere felicitar a aqueles e aquelas que algunha vez participaron ou gañaron algunha proba a nivel local, trofeos no Rosal ou no Baixo Miño e aínda a nivel de Pontevedra, os famosos campionatos territoriais e provinciais”
Comezou este evento deportivo coa entrega de diploma e trofeo a José Manuel Álvarez Barredo, presidente da U. D. Ribera de fútbol, o club máis antigo da vila. Así mesmo se homenaxeou a tres dos seus xogadores máis importantes: Manuel Coballes Fuentes, Celso Villa Ferreira e Jesús Pérez Álvarez (Suso).
Igualmente os dous clubs de veteranos, a Unión Deportiva Tamuxe e Veteranos O Rosal, foron distinguidos recollendo os premios Ramón Sousa Pérez e Rafael Martínez Perez, respectivos presidentes deses equipos.
De seguido, deuse paso ao balonmán, co Atlético Novás como club representativo, recibindo o recoñecemento o seu presidente actual Roberto Fernández Rodríguez, quen fixo extensiva esta distinción convidando a subir ao escenario a todos os presidentes da historia do club. Tamén se agasallou a Jacobo Coello González e ás irmás Andrea e Alba Dapena Iglesias.
O ciclismo foi o seguinte club rosaleiro ao que se homenaxeou, recollendo o diploma e trofeo de lembranza o seu presidente Gerardo Álvarez Martínez. Así mesmo houbo recoñecemento para catorce ciclistas rosaleiros que conseguiron éxitos a nivel galego e nacional.
Tamén se recoñeceron os méritos do Club de Parapente “Pardillos”, co seu presidente Florencio Vázquez Fernández ao seu fronte, para xa rematar o capítulo dos clubs rosaleiros co de Atletismo do Colexio Manuel Suárez Marquier. Aínda que o club o preside Marisol Barceló Rodríguez, ésta cedeulle a honra ao seu mítico adestrador, Félix Piñel Alonso.
Máis dunha trintena de atletas do Marquier tamén recibiron distinción individual ao igual que “as vellas glorias” deste deporte (Luis Álvarez Martínez, Óscar González Rivero, José Ángel González Rivero, Francisco Javier Rodríguez Teixeira, Humberto Ascari Martínez Corbacho, Xavier Martínez Durán e Luis Alberto Martínez Durán).
Finalizada a entrega dos diplomas e trofeos aos clubs do Rosal procedeuse á entrega do recoñecemento individual aos deportistas que teñen triunfado noutras modalidades, comezando polos deportes de auga. Así entregáronselle sendos diplomas a María Portela Vicente (natación); Alejandro Fernández Lomba, Iago Pazos González e Ángela Castro Álvarez (remo); Carla Cerqueira, Pablo Vicente Fernández, Antón González Ucha e Andrea González Ucha (piragüismo).
A gala continuou cos rosaleiros que triunfan practicando artes marciais no Club de Judo Do-Majó, baixo as ordes da súa adestradora Mónica Pacheco Lomba, tales como Eric Barceló, Pablo Marín Marcos e Nuria Martínez Lomba. Tamén homenaxeouse a Claudia Marcelli Carballido e Sandro Fagúndez Flores, pupilos de Santiago Pazos Méndez, monitor de taekwondo no Ximnasio Excalibur.
Os deportes de motor tamén estiveron representados con Eloy Martínez Conde, Rubén Martínez Rodríguez, Eloy Martínez Rodríguez, Gabriel Marcelli Carballido e Rafael Dieste Fontaine en motociclismo, así como Juan José Rivero (Tabulo) en automobilismo.
No apartado doutros deportes, cando menos curiosos, recoñeceuse o mérito de Roberto González Brey, Campión de Galicia de paracaidismo e de Carlos Álvarez Antúnez, Campión de España de futbolín.
A celebración anual dos Xogos Populares con Rafael Martínez López e Juan Manuel González Domínguez ao seu fronte, recibiron unha mención especial no evento, ao igual que o Club Deportivo San Xerome Emiliani, representado polo atleta Javier Portela Vieira.
Xa cara ao final entregáronse os premios a dúas firmes promesas do noso deporte, como son Antonio Portela Rodríguez (ciclismo) e Diego Fernández González (natación), así como aos recoñecidos deportistas Óscar Vicente Rodríguez (triatlón), David Gómez Martínez (atletismo), Javier Díaz Pérez (balonmán) e Serafín Martínez Acevedo (ciclismo).
Pechouse este acto coa entrega dos premios “mención de honra” ao adestrador de atletismo, Félix Piñel Alonso, ao presidente do Club Ciclista O Rosal, Gerardo Álvarez Martínez e ao mítico xogador do Novás de balonmán, Manuel Armán Flores.
Tanto o Alcalde, como o deputado provincial de Deportes e mesmo José Ramón Lete Lasa, nas súas intervencións finais, felicitaron a todos os premiados, destacando a dedicación e sacrificio destes deportistas rosaleiros que alá por onde ían, van e irán, deixan ben alto o pavillón do Rosal, xa a nivel rexional, xa nacional e aínda internacional.
En breve publicarase a lista completa cos nomes e currículums dos clubs e deportistas que foron homenaxeados neste I Recoñecemento ao Mérito Deportivo. O Rosal 2011
En breve publicarase a lista completa cos nomes e currículums dos clubs e deportistas que foron homenaxeados neste I Recoñecemento ao Mérito Deportivo. O Rosal 2011
0 comentarios:
Publicar un comentario