A segunda andaina -de carácter mensual e gratuíta- organizada polo Concello do Rosal, levou a preto de 200 persoas a percorrer o sábado 5 de febreiro o Sendeiro de Pescadores Río Miño-Tamuxe, homologado pola Federación Galega de Montañismo (PR-G 112).
Asistiron a esta nova cita –entre outros- o alcalde da vila, Jesús Mª Fernández Portela, a concelleira de Servizos Sociais, Mª Carmen Alonso e a concelleira de Educación, Mabel Franco Pérez, ademais de persoas de toda a comarca do Baixo Miño e aínda sendeiristas da cidade olívica e arredores.
Comezou a ruta nas inmediacións do Muíño das Aceñas, que proximamente será presentada ao público xa como Aula da Natureza, sendo xestionada conxuntamente polo Concello e Anabam (Asociación Naturalista do Baixo Miño).
Os numerosos participantes disfrutaron dun pequeno paseo ata a Ponte do Tamuxe (s. XIX) -construída sobre unha anterior, quizais romana- para xa enlazar coa Ribeira ata a praia das Eiras, atravesando a Canosa, e por tanto as parroquias de San Miguel e San Xoán de Tabagón.
Se ben o Sendeiro de Pescadores consta de 7’2 km, desta vez realizouse “ida e volta” ata o punto de partida, xa que con estas andainas culturais tamén se quere fomentar a actividade física e o deporte en xeral.
Cara ao final o grupo desviouse da senda un pouquiño para poder visitar o Artístico Arco de Tabagón, que se levantara o día anterior, facendo polo tanto, máis de 15 km de percorrido total.
Dende o Concello do Rosal lémbrase que a seguinte etapa será o vindeiro sábado 5 de marzo ás 15:30 horas, polo que recomendan apuntarse no Departamento de Cultura e Turismo (986 62 50 00) para confirmar o programa definitivo. En principio nesta ocasión percorrerase o tramo rosaleiro do Camiño Portugués pola Costa e ademais visitaranse os barrios de Portecelo e Sanxián, admirando a súa paisaxe marítima, a súa capela, os seus muíños, lavadoiros, cruces, cruceiros, petróglifos, etc.
hola soy fina de portecelo ese dia nos lo pasamos muy bien,en compañia de todo el grupo.
ResponderEliminarNos vemos en la proxima