O Sindicato Labrego Galego da comarca do Baixo Miño vai a desenvolver, a partir do xoves 24 de febreiro, un CURSO DE PODA E ENXERTO en froiteiras e viña no que se afondará sobre as seguintes temáticas:
- No tema da poda, farase fincapé nas froiteiras de pebida e de óso, e tamén na videira. En concreto, explicaranse aspectos como a poda de formación, frutificación e rexuvenecemento; cortes de poda; cicatrización das feridas; formas de poda; e materiais e ferramentas de poda.
- No tocante ao enxertado, falarase sobre os portaenxertos, técnicas de enxerto (enxertos de xema, estaca ou puxa…), época de enxerto (ollo velando ou durmido), e materiais e ferramentas do enxertado.
A duración do curso será de dúas semanas e contará con sesións teóricas e prácticas, co fin de que os e as asistentes poidan desenvolver no campo as diferentes técnicas explicadas nas clases teóricas.
O curso dará comezo o xoves 24 de febreiro, ás 19:00 horas, na Escola Taller de O Rosal, situada na Mata, concello de O Rosal. As persoas interesadas poden solicitar información ou inscribirse chamando aos teléfonos 986 62 53 94 - 669 80 84 17 ou a través do email: baixominho@sindicatolabrego.com.
0 comentarios:
Publicar un comentario