Velaquí vos deixamos a nota de prensa íntegra que baixo o título 1981 – 2011: 30 anos construídos entre tod@s foi remitida á nosa Redacción, ao igual que varias imaxes dos inicios do Centro San Xerome:
"O próximo martes día 8 de febreiro, cumpriremos 30 anos de existencia. A nosa historia estase a escribir con sucesivos capítulos cheos de incógnitas, dúbidas, dificultades e satisfaccións, pero nos que o apoio moral, económico e solidario do noso entorno tivo e segue tendo unha gran importancia, suplindo durante anos o abandono e as carencias da Administración. A colaboración cidadá foi clave no noso desenvolvemento.
Queremos celebrar este aniversario, ó longo do 2011, con diferentes actos nos que necesitamos sentir moi preto ese apoio, o estímulo e impulso das persoas que continúan ao noso lado: familias, voluntarios, colaboradores … para renovar as nosas forzas, de cara a acometer os importantes retos que se aveciñan.
O martes día 8, festividade de San Xerome Emiliani, iniciaremos as celebracións e imos facelo coa colaboración do Concello da Guarda. A actividade vai consistir na plantación de 30 carballos na zona do Montiño (Monte Trega), simbolizando estes 30 anos de actividade. Cada carballo terá un valor simbólico, un obxectivo, un logro ou unha reivindicación relacionado co ano correspondente.
A actividade, aberta a todas as persoas que queiran participar, consistirá no seguinte:
- Saída do Cole ás 10 h. da mañá (rúa Galicia, 23)
- Camiñata ata o Montiño
- Prantación dos 30 carballos
- Regreso a pé ata o Cole, aproximadamente ás 12 h.
¡Agardamos a vosa participación!
30 anos, 30 proxectos, obxectivos, logros e reivindicacións.
Estes son os grandes titulares, a letra pequena irémo-la debullando ó longo destes 11 meses de celebracións.
• 1981: Inauguración - Inicio da historia
• 1982: Subsistencia grazas ó peto, a esmola, a caridade…
• 1983: Colectivo de Mariñeiros, empresas e socios, substitúen economicamente á Administración
• 1984: Primeiras axudas de organismos oficiais
• 1985: Primeiras actividades de ocio e creación do grupo de baile “Arco da vella”
• 1986: O invernadoiro xa produce prantas e hortalizas
• 1987: Juan Francisco, Pablo, Miguelito… por fin teñen ascensor no Centro!
• 1988: Primeiro convenio económico coa Consellería de Educación
• 1989: Traslado do Cole á Sangriña, por obras. Outra vez escaleiras!
• 1990: Constitución da ANPA Joaquina de Otero, para apoiar a labor da Xunta Directiva da Asociación San Xerome
• 1991: Reivindicación diante do Presidente da Xunta para consegui-la finalización das obras do novo Centro.
• 1992: Primeira furgoneta
• 1993: Inauguración das obras de remodelación do Centro
• 1994: Abre as súas portas a Tenda Atalaia
• 1995: Constitución do Club Deportivo
• 1996: Posta en funcionamento do Programa de respiro familiar “A Casiña”
• 1997: Inicio das obras dos Talleres ocupacionais, e novo acceso pola Rúa Ramón Sobrino
• 1998: Creación do Centro especial de emprego de xardinería
• 1999: 25 centros galegos e portugueses na VII Convivencia intercentros no Cámping Santa Tecla.
• 2000: Cesión da Quinta das Mercedes na Gándara por parte do Bispado
• 2001: Presentación do documental “Eu son así”
• 2002: Fase de reflexión “O novo San Xerome”. Cambios no Organigrama
• 2003: Xerock. A loita contra a exclusión a golpes de rock and roll.
• 2004: Declarados entidade de utilidade pública
• 2005: Intensificación das actividades de ocio e integración co IES A Sangriña
• 2006: 25 aniversario (Homenaxe ós fundadores da Asociación e Festival IntegrAcción. “Música e solidariedade”).
• 2007: I Mostra da Camelia e I Poxa benéfica de arte
• 2008: En Europa co Proxecto Comenius, e nos escenarios co grupo de teatro Xeratrium
• 2009: Presentación do documental “Cantos rodados”
• 2010: Programa de ocio e vivenda con apoio. Presentación do documental “O sexo sentido”
• 2011: O futuro: Plan estratéxico e calidade
0 comentarios:
Publicar un comentario