TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

30 ene 2011

Entrevista a Sergio Alonso e Zaira Solla


A parella rosaleira Sergio Alonso e Zaira Solla embarcarase este ano 2011 nunha trepidante aventura. Esta consistiu en primeiro lugar na creación do equipo de rallys Alonso30 Competición, baixo a escudería Racing Sport, para, se é posible, participar na Copa Kumho Senior, proba valedeira para o Campionato Galego.

Cun atractivo, fiable e prometedor Peugeot 106 Rally a bo seguro darán espectáculo a raudais e intentarán realizar un digno papel no seu primeiro ano nesta competición.

Reunímonos con Sergio (piloto) e Zaira (copiloto) no seu piso, en plena Praza do Calvario, na parroquia de Santa Mariña do Rosal, para saber máis do seu novidoso proxecto e as sensacións que teñen, uns meses antes de comezar a temporada en Galicia.


Boas tardes aos dous e graciñas dende Noticias O Rosal por concedernos esta pequena entrevista, xa que desta maneira coñeceremos un pouco mellor o mundo do motor, todo o que rodea aos rallyes, máxime na comunidade galega.

SERGIO ALONSO TREINTA, PILOTO (Novás, 27-I-1986)


-Sergio, temos entendido que esta será a túa quinta temporada no mundo dos rallys (as catro primeiras como copiloto e esta, a de 2011, xa como piloto), ¿como comezou esta afección?
Pois xa dende pequeno, a verdade. Sempre me gustaron os coches, e cando puiden, aos 16 anos, fun a ver a miña primeira carreira, o Rías Baixas. Saquei o carné aos 18 e claro, me interesei aínda máis polos rallyes, bueno, realmente non me perdía un (risas).


-¿Que te levou a dar este paso, o de cambiar de asento, e poñerte agora aos mandos do volante do voso Peugeot 106?

Dende que en maio de 2007 tiven a sorte de comezar neste mundo, como copiloto de Iván Gómez Álvarez, de Martín, a bordo dun Citroën Saxo VTS Grupo A, na coñecida proba do Rally Rías Baixas -no Campionato de España-, sempre souben que o que quería era conducir o meu propio vehículo.

-¿En que probas participaste nesa túa primeira temporada?
No citado Rally Rías Baixas e no Rally de Ferrol, probas pertencentes ao Campionato de España de Rallyes e outra valedeira para o Campionato de Portugal, o Rally Albariño.

 

-¿E que tal vos foi nesa experiencia? ¿O coche respondeu?
Como estábamos comezando o importante era remata-las carreiras, cousa que conseguimos en dúas das tres que disputamos. Na primeira, quizais polos nervios e que ías un pouco a cegas, sufrimos unha avaría e non puidemos finalizar a proba. Logo tanto en terras ferrolás como no Rally do Alvhariño en Monçao (Portugal), foinos ben, o coche non fallou e rematamos como o cuarto equipo español mellor clasificado.



-¿Sempre competiches como copiloto con Iván e o Saxo VTS?

Con Iván e nese mesmo vehículo, disputei en 2008 varias probas do Campionato Galego Volante RACC (Rally de Noia-A Coruña, Rally Sur do Condado-Salvaterra, Rally Ourense Baixa Limia….)

Dende 2009 comecei de copiloto de Juan Pablo Barrio Lorenzo, de Domaio (Moaña), a bordo dun Clío Sport Grupo N, facendo moi boas probas, destacando por exemplo o noso terceiro posto do Grupo N-3 no Rally do Albariño.

ZAIRA SOLLA RODRÍGUEZ, COPILOTO (A Cachada-Marzán, 25-XI-1990)



-Zaira, ao igual que Sergio -e en verdade, sorprendidos- preguntámoste polos teus comezos no mundo do motor e os rallys. ¿Como xurde esta paixón?

Pois mira, iso xa me vai na sangue (risas). O meu pai era moi afeccionado ao mundo dos rallyes e claro comecei a ir a miralos cando era moi pequena, cando tiña máis ou menos 10 anos.

-¿Xa con dez aniños?

Si, fun coa miña nai e uns amigos ao Campionato de España de Rallys de terra, que precisamente rematou nas inmediacións da coñecida adega Terras Gauda. Eu, como digo, era pequena e para ir aos rallys tiña complicado asistir, pero a miña nai intentaba levarme aos máis próximos (Rías Baixas, Subida a Oia…)

Con 18 anos comezo con Sergio e prosigo coa miña afección ao mundo do motor. Agora xa viaxando por Galicia e Asturias, intentando seguir as máximas probas posibles.

-“¿Se me compro un coche ves comigo de copiloto?” Esta foi a pregunta -máis que directa- que lle realizou Sergio a Zaira.

¡Eu non mo cría!, pensei: “¿Estaramo dicindo en serio?..”, ata que vin que el comezaba a interesarse por un vehículo adecuado para competir. Entón aí xa vin que a cousa si ía en serio e puxémonos a buscar un coche que nos gustara aos dous e a adestrar en condicións.




-¿Como e por que vos decantáchedes polo Peugeot 106 Rally?

Tiñamos en mente varios modelos e si que nos tiraba un pouco a marca Peugeot. Para comezar, informámonos ben en páxinas webs especializadas e consultamos a varios profesionais do motor. Despois de buscar moito e pensar todas as posibilidades ao final gustounos este Peugeot 106 Rally, xa a primeira vista. Comprámolo en Asturias a un recoñecido equipo de Mieres. É un coche fiable: pequeno, estable, rápido, manexable… sen dúbida, moi competitivo.


-¿Que diferencia hai dun coche de rally a un turismo ordinario?

Un coche de rallys vén preparado cun sistema de seguridade moi distinto aos coches de rúa. En primeiro lugar, teñen barras antivolcaxe (vuelco), que están por todo o coche: polos laterais, polo teito… tamén contan con asentos especiais e específicos (baquets), cintos de seguridade (arneses)…. Vén equipado con varios extintores: un é manual, que está aos pés do copiloto e outro é automático, que se atopa ao alcance de piloto e copiloto. ¡Uff! ¡Moitísimas cousas!


-Temos constancia dende Noticias O Rosal que hai varios pilotos rosaleiros disputando carreiras de rallys en Portugal. ¿Por qué vos decidíchedes entón polo Galego?

Sabemos que ao Campionato Galego asiste moitísimo público das catro provincias, xente que vén da propia Portugal, e por suposto coñecida nosa, polo tanto teríamos máis afección apoiándonos. Ademais, compites na túa terra. Son rallys máis completos, máis quilómetros cronometrados.

Recoñecemos que o Galego ten un custo superior ao Campionato Portugués, pero, a verdade, é non é por nada, preferimos correr en Galicia e non en Portugal, por iso de que somos da terriña.

-¿Por qué a Copa Kumho?

Porque dentro do Campionato Galego de Rallys existen varias copas de promoción e está é unha das máis atractivas e na que podemos competir con opcións a facer un bo papel, xa que cumprimos todos os requisitos, isto é:

a) O coche ten un motor 1600 cc

b) Pola miña idade –afirma Sergio- case competiríamos na Junior, pero finalmente participaremos na Copa Kumho Senior, xa que é para maiores de 25 anos.

c) Podemos loitar contra outros pilotos que corren nas nosas mesmas condicións, isto é, con vehículos moi similares en cuanto a motor, rodas…



-¿Quen organiza esta Copa Kumho do Campionato Galego de Rallys?

Pois a organizadora é a Federación Galega de Automobilismo coa ASR TYRES, S.L., tendo o apoio e colaboración da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia e a Secretaría Xeral para o Deporte.


-¿Cal é a primeira proba á que tedes intención de asistir se logrades conseguir os suficientes patrocinadores para este proxecto? ¿Cantas disputaríades neste 2011?

A primeira proba será o 12 de marzo, cando se celebre o XVII Rally do Cocido, en Lalín. O Campionato consta de nove: en abril, o Rally Ría de Noia, en maio, o Rally comarca de Ulloa, en xuño o Rally Cidade de Narón, en xullo o Rally Condado-Gedas, en setembro, o Rally San Froilán, en outubro o Rally Ourense-Baixa Limia, en novembro o Rally Botafumeiro e xa en decembro, o Rally do Albariño.

-¿Contades con equipo mecánico ou de apoio?

Si, por suposto. Contamos cun experimentado equipo que xa ten participado en varios Campionatos de Galicia e de España de Rallys.

Entre outros están: Enrique Moreira, o noso electromecánico, que se encargará do sistema eléctrico e dos problemas que puidera sufrir o coche; Fernando Álvarez, mecánico, centrarase en temas concretos do motor e o coche en xeral; dous axudantes de mecánico, Jonathan Martínez e Jorge Treinta, así como moitos máis asistentes e colaboradores en diferentes ámbitos que se unirán se o proxecto definitivamente vai adiante.



-¿Canto fai falta para que poidades cumprir o voso sono de poder participar alomenos na primeira proba de marzo?

Contando que temos que comprar as rodas regramentarias da Copa kumho (204 € a unidade), sacar as correspondentes licenzas (300 € o piloto e 180 € o copiloto, e a asistencia, 80 €), ademais do seguro (500 €), calculamos que o presuposto necesario para cubrir a nosa primeira proba sería ao redor dos 3000 euros, pero claro está, que a partir do primeiro rally xa non hai gastos como eses da licenza, seguro, etc.

Así que para cada rally teríamos que dispor de polo menos 600 euros, xa que a inscrición ten un custo de 330 euros e xa só en gasolina precisamos outros 200 euros. E bueno, despois gastos de adestrar, comer, durmir, a peaxe das autopistas, etc.

-¿Tedes algún tipo de subvención? ¿Contades con algún presuposto para comezar?

Pois é unha mágoa pero non temos subvención algunha. Iso si, dende hai tempo abrimos unha conta na que ingresamos cada mes certa cantidade, para aforrar para os gastos do equipo. A nosa ilusión, sería que algunha empresa ou empresas do Rosal ou do Baixo Miño nos axudaran neste proxecto. Cremos que sería unha boa oportunidade para calquera patrocinador, xa que a súa empresa iría rotulada no propio coche, disporemos en breve dunha páxina web do equipo onde se poñería tamén a súa publicidade, canal con todos os nosos vídeos en Youtube, enlaces a outras páxinas do motor, etc.


-¿Cal sería entón o impacto mediático e publicitario da vosa participación? ¿Qué gaña unha empresa ou institución se vos axuda no voso proxecto?

Primeiro que a publicidade que xeraríamos chegaría a toda Galicia, a gran parte de España e aínda de Portugal, xa que a cada rally asisten miles de persoas de todos os puntos da xeografía nacional e aínda da lusa.

Se finalmente algunha empresa nos axudara un pouquiño, xa tivemos o primeiro contacto co representante dun equipo de prensa acreditado, que seguirían paso a paso a nosa andaina por todas as probas da Copa Kumho.

O coche e a súa publicidade aparecerá en miles de fotografías en toda a Rede, centos de vídeos nas páxinas de motor, varias aparicións en programas de TV, e presenza continua nas revistas especializadas. E claro, se facemos un bo papel a repercusión sería moito maior.

Temos a intención tamén de facer camisetas e todo tipo de “merchandising” co logotipo do equipo e os patrocinadores para distribuílos nos rallys e a través da nosa propia web, que estará enlazada ás principais páxinas e blogs do motor galego e nacional.

-Pois ata aquí chegamos. Fin do primeiro tramo. Dende Noticias O Rosal brindámosvos o noso humilde e incondicional apoio nesta nova experiencia deportiva. E tan só nos queda darvos novamente as grazas por atendernos e desexarvos moita sorte e animar a empresarios e institucións a que tamén colaboren con vós neste proxecto para o Campionato Galego de Rallys. ¿Queredes deixar algún teléfono de contacto ou algunha mensaxe máis?

Pois si, agradecidos. Todas aquelas persoas ou patrocinadores que desexen axudarnos de calquera forma ou queiran máis información deste proxecto poden contactar con nós nestes teléfonos e correo electrónico:

Sergio Alonso Treinta (piloto): 620 110 776

Zaira Solla Rodríguez (copiloto): 699 724 114

E-mail do equipo: s.alonso_30@hotmail.com

E nada máis, dende Alonso30 Competición, moitas grazas de verdade pola oportunidade que nos brindades de dar a coñecer un pouco máis o noso proxecto deportivo neste apaixonante mundo dos rallys e esperamos deixar ben alto o pavillón do Rosal e o Baixo Miño alá por onde vaiamos.

FIN DO PRIMEIRO TRAMO
Praza do Calvario, 31 de xaneiro de 2011.

0 comentarios:

Publicar un comentario