TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

18 ene 2011

Primeira etapa: Ruta dos Muíños do Folón-Picón



O sábado 15 de xaneiro tivo lugar o primeiro percorrido turístico-cultural pola vila rosaleira dentro do programa “O Rosal. Coñece o teu concello”.

Un cento de persoas de toda a comarca do Baixo Miño asistiu ao curioso proceso de moenda no “Muíño das Laxes” cunha demostración “in situ” da conversión do millo en fariña para, de seguido, comezar a ruta polo Folón.




Lembrar que esta ruta dos muíños do Folón-Picón, está homologada pola Federación Galega de Montañismo, sendo considerados os seus enxeños “Ben de Interese Cultural” pola Xunta de Galicia (1998).

Segundo afirmou o alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela “estes percorridos pola nosa vila realizaranse durante todo este ano 2011, os primeiros sábados do mes, para descubrir os aspectos culturais menos coñecidos do municipio e os nosos lugares máis pintorescos”. O Alcalde recoñeceu así mesmo que con estas rutas “tamén se pretende pasear, facer un pouquiño de sendeirismo, de deporte e como non, estar en contacto coa natureza”. Fernández Portela estivo acompañado nesta visita aos Muíños, pola concelleira de Turismo, Ángeles Vicente Manzano, o edil de Deportes, Ángel Martínez Villa e a responsable de Educación, Mabel Franco Pérez.

As oportunas explicacións sobre a ruta e a historia destas vellas construcións correron a cargo do guía municipal, Juan Ramón Martínez Barbosa, coautor con Xoán Martínez Tamuxe, do libro Os Muíños do Folón e do Picón na Vila do Rosal. Conxunto histórico-etnográfico de Galicia. 


Os participantes desta primeira “andaina” organizada polo Concello do Rosal descubriron todos os segredos que envolve este singular e numeroso grupo de muíños (67 enxeños hidráulicos: 36 no Folón e 31 no Picón) e gozaron das marabillosas vistas que ofrece o monte denominado Campo do Couto cara ao Val rosaleiro, a desembocadura do río Miño e Portugal.

A próxima cita, se o tempo o permite, será o sábado 5 de febreiro, co percorrido polo Sendeiro de Pescadores Río Miño-Tamuxe (7’2 km). A senda, que comeza na parroquia de Eiras, continúa pola marxe do Miño para subir pola desembocadura do Tamuxe ata o Muíño das Aceñas. A variada e rica flora, así como a fauna que habita neste Espazo Natural do Baixo Miño, fai posible a súa inclusión no proxecto europeo Rede Natura 2000.

Comezarase desta vez, en principio, ás 15:30 horas, dende o Muíño das Aceñas e realizarase “percorrido dobre”, xa que se chegará ás Eiras e se volverá de novo ao punto de partida (Aceñas), en total 14’4 quilómetros, para pasear e gozar deste marabilloso e natural contorno.


Para participar nesta iniciativa, dende o Concello do Rosal recomendan anotarse -a cada etapa- no Departamento de Cultura e de Turismo (986 62 50 00), deixando nome e teléfono de contacto por se hai calquera cambio no programa.

0 comentarios:

Publicar un comentario