TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

31 may. 2012

CLAUSURADA A EXPOSICIÓN DO TALLER DE FOTOGRAFÍA IMPARTIDO POR INÉS MONTENEGRO NO CENTRO SAN XEROME


Informa: Xosé Carlos González Blanco / San Xerome
Fotografías: Inés Montenegro


Clausurada a exposición medioambiental do Taller de Fotografía do Proxecto Comenius Regio, que estivo aberta ao público na Tenda do Centro San Xerome, dende o pasado 14 de maio.

Estas son as impresións de Inés Montenegro, profesional da fotografía e responsable do Taller.

“Dúas persoas miran ó exterior a través dos mesmos barrotes: unha mira o fango e a outra as estrelas”. Frederick Langbridge (1849–1922)

"Nada hai máis sorprendente e enriquecedor que cinco, dez, quince persoas mirando a mesma paisaxe a través de distintos ollos, o mesmo obxecto a través de distintas perspectivas, a mesma luz a través de distintas cámaras.



Ao longo de 7 meses temos aprendido que a diversidade é boa, pero que no fondo non somos tan diversos como cremos. Ó principio achegámonos uns ós outros con ideas preconcebidas, con prexuízos, pero pouco a pouco a realidade os vai tumbando para deixarnos mirar a ilusión e as gañas de comunicar e de aprender o que hai en cada un de nós.

Ó final, o bosque permitiunos mirar as árbores e apreciar raíces, copas e troncos sen máis filtro que o do traballo ben feito.

Durante o Taller temos aprendido a combinar as cores, a buscar puntos de vista, a fixarnos no pequeno e no grande, a experimentar, a retratar persoas, a inventarnos fotos que non existían, a non darnos por satisfeitos cunha toma.

Tamén temos ollado fotos, moitas fotos, de artistas contemporáneos e clásicos, e trasladamos o Taller á rúa, á praia e ó monte cando fixo falta. O resultado é unha nova forma de mirar o mundo, que agardamos que siga con nós moito tempo para poder amosar a súa beleza pero tamén as súas vergoñas".

As fotografías son obra de Inés Montenegro, durante a realización do Taller de Fotografía, incluído nas actividades de integración do Proxecto Europeo Comenius Regio coa participación de alumnos do CPI e IES A Sangriña e do San Xerome.





0 comentarios:

Publicar un comentario