Despois dos retrasos obrigados polas choivas, celebrouse a romaría na honra de San Martiño de Tours.
O santo, levado en procesión ao son da gaita, saíu da igrexa parroquial de Santa Mariña do Rosal o pasado domingo 20 de novembro ás 10:30 horas da mañá, para chegar á súa capela no alto do monte da Valga, a repique de campá, ás 12 horas.
A referencia histórica máis antiga que coñecemos da capela data do século XVI e sabemos que pertencía ao Mosteiro de Santa María a Real de Oia.
Os devotos de San Martiño, avogado das espullas, realizaron como sempre, a solemne e ritual parada no lugar do “Pouso”.
Xa na capela, a misa foi oficiada polo abade párroco, Rvdo. D. Julio Ramos, auxiliado por dous “Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres de Teis”.
Logo da cerimonia -con homilía- saíu a procesión arredor da capela. Os fieis de San Martiño, rematada a subhasta das ofrendas, foron collendo sitio polas inmediacións da ermida, para xantar de campo.
Os mordomos -“Os da Torre”- e convidados, como é tradicional, ocuparon as mesas de pedra preto da capela.
Sobre as 4 da tarde o Santo deixou a ermida e en procesión, facendo diferentes paradas, foise baixando ata o punto de partida, a igrexa parroquial de Santa Mariña.
0 comentarios:
Publicar un comentario