O grupo de pandereteiras/os e música tradicional Lirolai nace no interior da Agrupación Musical do Rosal, sendo este un máis dos proxectos levados a cabo por esta asociación que conta entre outras cousas con escola de música, banda, coral, grupos de cámara, etc.
O grupo consta de doce compoñentes, cinco homes e sete mulleres que interpretan repertorio cantando, pezas de pandereteiras, temas... instrumentais con gaitas, acordeóns, saxo, tamboril e bombo, e versións mixtas de canto e instrumentación. Posúen un amplo repertorio de cancións de recollida de diferentes zonas de Galicia, así como versións de temas populares e tamén pezas de composición propia.
Lirolai fixo a súa presentación o 1 de marzo de 2008 no Centro Social de Estás (Tomiño) e desde entón actúan en diversos eventos culturais: Centro Cultura da Guarda, auditorio do centro cultural Hélios de Bembrive, casa cultural e veciñal de Camposancos e auditorio do Rosal.
Tamén asisten a diferentes festas coma San Gregorio e festa das Letras Galegas do Rosal, I Festa do Kiwi en Tomiño, XVI Festa Luso-Galaica en Vilanova de Cerveira, así como infinidade de seráns e foliadas dos concellos do Rosal, Oia, Tomiño, Tui e Porriño.
Igualmente ten feito colaboracións coa coral da Agrupación Musical do Rosal e co grupo Folk Deixandar, tamén do Rosal. No mes de novembro do 2009 desprázase ata Vitoria para actuar no Centro galego desta cidade, acadando un importante recoñecemento por parte do público asistente. (Fonte: Lirolai)
0 comentarios:
Publicar un comentario