O domingo 12 de agosto, celebrouse a VI Festa do Percebe de Viladesuso (Oia), sendo o historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe o encargado de ler o pregón.
Deu a benvida ao acto o alcalde oiense, Alejandro Rodríguez Rodríguez, quen realizou unha breve presentación do pregoeiro. Interviron igualmente, Sonia Lorenzo Santos, Xefa de Coordinación da Área do Mar en Vigo e Cristina Pregal, unha das organizadoras desta festa gastronómica.
Entre os asistentes puidemos ver a membros da Confraría de Pescadores da Guarda, a diferentes concelleiros da Corporación Municipal de Oia así como a multitude de veciños e turistas que non quixeron perder a ocasión de disfrutar desta celebración anual.
Xoán Martínez Tamuxe agradeceu en primeiro lugar á Organización o convite para ler o pregón desta VI edición da Festa do Percebe, lembrando que tamén "compartimos manteis e amizade cos veciños de San Miguel de Viladesuso, en 1996, hai 16 anos, a propósito da presentación do libro sobre a Historia de Viladesuso, cuxa preparación nos foi encomendada pola Comunidade de Montes e o Concello, a min e a Agustín Alonso Rodríguez, distinguido investigador vilasusense, tan estudoso como namorado da súa parroquia".
Tamuxe afirmou que o percebe é un dos mariscos máis prezados, "sendo un crustáceo e non un molusco, como puidera parecer. É coñecido cientificamente en todo o mundo, polo nome en latín Pollícipes pollícipes. Crustáceo que igual que os mexillóns, vive enganchado ás rochas, tendo unha forma moi singular e un tamaño variable dependendo da súa ubicación, puidendo alcanzar unha longura de 12 centímetros, aínda que se consideran aceptables a partir dos 5 centímetros".
Segundo Martínez Tamuxe "os expertos distinguen dúas clases de percebes, os de sol e os da sombra, ou aguaróns. Os do sol medran en zonas soleadas e distínguense polo seu pedúnculo corto e groso, mentres que os da sombra son menos apreciados, pois teñen un tamaño máis longo e delgado e con maior contido de auga, aínda así está mellor valorado cos que se collen ou pescan na costa marroquí, que son máis delgados, descoloridos e tamén cos canadienses, de cor máis clara e sabor menos intenso".
O historiador rosaleiro rematou dicindo que "os percebes que se capturan nas Costas do Norte e Noroeste galego, tal como os nosos (dende A Guarda a Baiona) son os mellores", afirmando que falando de marisco "se a langosta é a raíña, o percebe é o rei".
0 comentarios:
Publicar un comentario