TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

16 mar 2011

Canto para a vendima do Rosal, por Berta Castro


Velaquí vos deixamos este texto e Canto para a vendima do Rosal da autoría da mestra rosaleira Berta Castro González.

"É O Rosal desde tempos inmemoriais terra de gran tradición vitivinícola. Cepas, esteos, parras, espalleres… forman parte da súa paisaxe.

Na actualidade son moitas as hectáreas que ocupan os viñedos, sendo grandes adegas convertidas en empresas as que elaboran e dan a coñecer nacional e internacionalmente o viño do Rosal…

Pero aínda non hai moitos anos toda familia rosaleira tiña nos lugares das súas casas -ou en pequenas parcelas- algunha plantación de viña coas típicas clases que dan aroma, cor e sabor ó viño branco do Rosal: treixadura, albariño, caíño e loureiro.

Tamén era moi normal atoparse cunha pequena adega familiar cos típicos utensilios necesarios para elaborar o viño: prensa, degranadora, barrís, encorchadora, etc. Toda familia tiña algunha pipa de viño branco ou tinto para tomar na comida, convidar ós visitantes e regalar.


As xentes rosaleiras adicaban gran parte do seu tempo a podar, atar, sulfatar, desnetar e por suposto ¡vendimar!... Unha parte importante da vendima era a merenda, esa festa que se facía arredor do traballo, pois estas labores do campo servían como xuntanza de familias, amigos e veciños para traballar e tamén comer, pero sen esquecer nunca a diversión.


Todo isto para moitos só forma parte dun recordo, pero por sorte, hai familias que seguen mantendo vivas estas tarefas e continúan disfrutando desta realidade".


Este canto foi composto para as miñas alumnas: as Pandereteiras Río do Folón de Fornelos, xa que con motivo do Entroido deste ano, presentaron no Rosal unha carroza homenaxeando á viticultura e vendima rosaleiras.



Canto para a vendima do Rosal


Este cantar da vendima
Este cantar vendimeiro,
Este cantar da vendima
É un cantar rosaleiro.


Vendima vendimadora
Na vendima do Rosal,
Vendimade e comer uvas
Que outra cousa non vos hai.


Bota viño taberneiro
Bota viño do Rosal,
Bota viño taberneiro
Que é do mellor que hai.


Treixadura, albariño
Caíño e tamén loureiro
Fan que O Rosal teña un viño
Famoso no mundo enteiro.


Vendima vendimadora
Vendima uvas pra cesta,
Que ó acabar a vendima
Faremos una gran festa.






BERTA CASTRO GONZÁLEZ

0 comentarios:

Publicar un comentario