TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

25 mar 2011

O Rosal celebrou o Día Mundial da Poesía

Reportaxe: Concello do Rosal

O domingo 20 de marzo, o Concello do Rosal celebrou o Día Mundial da Poesía no Auditorio Municipal.

 
Nesta 3ª edición, a concelleira de Cultura, Charo Tabales, abriu o acto facendo unha especial mención á UNESCO, por ser esta organización a que propuxo a celebración deste día, como un tributo á palabra poética.



Fixo unha pequena reflexión sobre ela, sinalando que “a poesía emana do máis profundo da cultura dos pobos. Coa celebración do Día Mundial da Poesía, a UNESCO quere recordar a importancia artística e o vigor da poesía, a fin de promover a lectura e a creación nunha das expresións artísticas máis auténticas e dinámicas da humanidade. A mensaxe dos poetas, a miúdo testemuña de excepción das profundas transformacións políticas e sociais da historia, é imperecedera. Os seus textos nos invitan a forxar unha paz duradeira nas conciencias, a replantexarnos a relación do home coa natureza e a fundar un humanismo que se nutra da singularidade e á vez da diversidade dos pobos.”



Despois desta breve presentación, as nenas do grupo de baile Xamaraina, da man da súa profesora Elena Baz, interpretaron o tema “Unha volta e un poema” de Berrogüetto.

 

A continuación, e previa presentación delas, Emilia Rosende, Estrella Velasco e Oliva Mª Pereira, membros da Asociación de Amigos da Poesía do Baixo Miño, leron tres poemas de creación propia.

 

De seguido, o grupo de baile Xamaraina, interpretou a canción de Carlos Núñez, “Nubes del otro lado”.

 

Unha segunda rolda de lectura de poemas, tamén de creación propia, foi realizada por Cástor Rodríguez, Lola Taboada e Mar Piñeiro.

 

Para finalizar o acto, un total de 22 nenas do grupo de baile Xamaraina, interpretaron o tema “Agüita de abril”, de María Villalón.
 



Os poetas e bailarinas recibiron da man de Charo Tabales e de Elena Baz unha rosa vermella en agradecemento a súa participación.
 
PEQUENAS RESEÑAS BIOGRÁFICAS DOS INTERVINTES

Emilia Rosende
Tudense de nacemento, desde moi pequena sente inquietude pola poesía, e a súa recompilación dá lugar aos libros: “Lembranzas de Tui” e “Tú también eres poesía”.
A partir de agora recitará no Baixo Miño e en Portugal, e nacerán outros poemarios “Viento y sombras” e “Sueños de Poeta”. A súa poesía é publicada en prensa e recitada na Radio e na Televisión de Galicia. En 1992 funda a Asociación de Amigos da Poesía do Baixo Miño, da que é presidenta, desde a que organiza Festivais de Poesía e Certames para nenos.
Dous libros máis engrosan a súa colección de poemas: “Al caer la tarde” e “Si yo fuera poesía”. A súa última manifestación como escritora é o libro “Contos para nenos” onde se descubre así mesma como narradora de contos infantís.


Estrella Velasco

Nace en Castela e vén a Galicia onde os seus aires e a terra faina revivir como “ELFA”.

De ELFA uns din que sobe ás alturas, outros que baixa a o centro da terra onde non hai xustiza, espazos que inspiran os seus poemas. Dende 1990 recita poemas, en Centros Sociais e Culturais, Teatros, Feiras do Libro, ou na Radio, dentro e fóra do Baixo Miño.

Pertence a grupos poéticos como “Amigos da Poesía do Baixo Miño” ou “Brétema”.

Ten publicado en solitario o poemario “Alma de caminante”, é autora da letra do disco “Crepúsculo mental” de Mª José Baz e tamén comparte publicacións con outros poetas.

Oliva Mª Pereira

Nace no Rosal, criada na posguerra, sabe ben que o vivir nunha familia humilde e traballadora marcou a súa sensibilidade e o seu mundo interior. Dende moi pequena escribía o que sentía e aínda que Logopeda de profesión, dedica a maior parte do seu tempo a traballar polos marxinados, polas persoas maiores e moi especialmente polos nenos discapacitados. É membro da Asociación de Amigos da Poesía do Baixo Miño. Foi finalista de varios concursos literarios e ten publicados tres libros: “Espejo del alma”, “Senda para ti”, “O Carroucho enferruxado” e “Rosas en la arena”.


Cástor Rodríguez

Rosaleiro de adopción é Xuíz de Paz do Rosal dende fai 5 anos. Exerceu o Ensino durante trinta anos no CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal.

Xubilado da súa profesión, pero non da afección do canto e da poesía, as composicións de Cástor transmiten unha gran sensibilidade.

 
Lola Taboada

Nace en Vigo hai un feixe de anos, como la di. Intenta explicar a vida e de paso comprendela dende a escritura.

Foi primeiro premio de poesía en lingua galega nas Minervales de Santiago de Compostela no ano 1971 para estudantes de bacharelato. Tivo a honra de recibir de mans de Álvaro Cunqueiro o primeiro premio ao poemario en galego “Do Vivir”, nun certame poético celebrado en Vigo en 1978.

Mar Piñeiro

Naceu no Val de Tebra (Tomiño) nun tempo en que a aldea era un mundo pequeno inmenso. Alimentouse de xogos e sonos ata ben entrados os corenta. Dende nena a paixón pola lectura levouna a descubrir outra paixón: a da escritura; e aínda que estudou Filoloxía Hispánica, segue disfrutando de ámbalas dúas.


0 comentarios:

Publicar un comentario