TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

1 mar. 2012

IN MEMORIAM. FLORINDO ÁLVAREZ MARTÍNEZ, "FLORO DE PANCENTEO"



Florindo Álvarez Martínez, fillo de José e Magdalena, naceu no barrio de Pancenteo, xuradía de Marzán, o 7 de xullo de 1946, falecendo este domingo 26 de febreiro de 2012 á idade de 65 anos.

Rescatamos hoxe algúns detalles da súa vida artística, xa que foi notable pintor e debuxante. Sirva esta pequena crónica como homenaxe na súa memoria. ¡¡Descansa en paz, amigo Floro!!

A súa primeira experiencia co debuxo e a pintura a tivo xa dende moi pequeno, sendo o seu profesor o mestre D. José Couto Macía.

En 1966 desprazouse ata Madrid, onde se matricula na Escuela de Artes Aplicadas, obtendo o número 1 da súa promoción (1968-69) en composición e debuxo.


Coñecido popularmente por "Floro de Pancenteo", o artista rosaleiro, autodi-dacta, confesábanos hai tempo que tiña a "necesidade de expresarme e dicir o que sinto: as miñas emocións, as miñas ideas e sensacións".

Os seus temas preferentes afirmábanos "son os estados anímicos, esceas presididas pola sensibi-
lidade, caracteres..." aínda que tamén "algunha vez a emprendo cun bodegón ou natureza morta..."

As súas obras estiveron expostas en multitude de salóns da xeografía galega e española sobre todo en Madrid, con cadros repartidos por medio mundo (Suiza, Brasil, Estados Unidos, etc).

Lembramos que Florindo Álvarez Martínez tamén foi concelleiro no Rosal ou mesmo colaborador de prensa, de revistas, e de traballos literarios e históricos.

En 1982 publicaba o libro Pedras e Paisaxes de O Rosal, con limiar do laureado escritor e poeta baixomiñoto, Eliseo Alonso* e textos do recoñecido historiador local Xoán Martínez Tamuxe. A nota dedicatoria rezaba así: "A O Rosal que me viu nacer e ás súas pedras e paisaxes que me ensinaron a debuxar". No ano 2007 a Fundación O Rosal acometeu a segunda edición da obra (na imaxe de arriba, a portada da mesma).


"Floro de Pancenteo" editaba tamén, en 1984, o libriño de ilustracións Monte de Santa Tecla. Histórico-Monumental, basado nas obras históricas de Julián López García (La Citania de Santa Tecla o Una Ciudad Prehistórica Desenterrada), Juan Domínguez Fontela (Apuntes Arqueológicos "La Voz del Tecla"), Ignacio Calvo Sánchez (Exploraciones Arqueológicas. Citanias Gallegas), Cayetano de Mergelina Luna (Citania de Santa Tecla) e Xoán Martínez Tamuxe (Citania y Museo Arqueológico de Santa Tecla).

*Transcribimos íntegra e literalmente o limiar-prólogo de Eliseo Alonso sobre o libro de Floro de Pancenteo:

"Son pedras ben casadas ca sua paisaxe, as que recolle Florindo Alvarez nestes dibuxos co suxeridor engado dos brancos e negros, zugando no espíritu das formas acariñadas polos tempos e atmósferas da bocarribeira miñota.

O artista vai co seu lapis polos vieiros amados da nenez, recollendo testemuñas emocionales. Son dibuxos de andar camiños, detendose no acougo das prazas escoitando a cantiga namorada das fontes que convidan a beber ao caminante que pasa. Florindo, partindo desa liña emocioada, chega aos seus lugares, porque as liñas, coma neste caso, tamén son camiños nos que parte o dibuxante, arrincando as armonías das cousas como si fosen os ollares asombrados da primeira ves.

Deste xeito, con fonda sensibilidade, ofrecenos a visión realista, sinxela i evocadora dos eidos nativos que o rodean anímicamente. Nidias luces e somas, intres do ámago e o espíritu do artista consigo mesmo agromando nos corrunchos.

E nós tamén camiñamos a canda os dibuxos dos camiños. Así, ruador polos montes de Burgueira abaixo, sentimos o Tamuxe, cruzando pontellas, remansándose polo Arauxo, soñando nas Aceñas a soma dos frescos bidueiros e salgueirales, seguindo logo, manseliño e truiteiro, para sua aperta co pai Miño polo ponte de Isabel II o ben cicelado dos canteiros.

Florindo vai ca sua carpeta viaxeira pola pleamar dos viñedos e milleirales ou, si cadra, recollendo a cisterciense lembranza do Priorato, unha casa labrega en pedra suadosa, as fermosas labras do pazo cos seus derradeiros fidalgos apegadoa a terra. E tamén nos semellan tempos con aquel recendo do tostado rosaleiro, as colleitas nos días maduros nos canizos, ribeiranas do pan danzando polas moas dos muiños e ledos aturuxos no agarimo das adegas.

Con trazos precisos e fluidos, Florindo Alvarez penetra nos segredos que se acochan neste pequeño, pero intenso mundo, plasmando con naturalidade as esencias que os seus ollos atoparon nos vieiros, nas pedras, na paisaxe. Dibuxos camiñeiros, testimonios da terra, nacendo a procurada imaxen na albura do papel.

Florindo que tamén é pintor, devólvelle estas liñas amadas a o seu val do Rosal, de terras ben labradas, onde frolecen as rosas e as mozas, a frol do viño e a do mirabel. A man fora recollendo as figuras grabadas nos ollos. Logo quebrando os longos silenzos da paisaxe, as pedras contan as hestóreas das cousas e dos homes".

1 comentario:

  1. Descansa en paz Floro,non te recoñocen o traballo feito na propia casa.,Fostete quizas antes de tempo

    ResponderEliminar