TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

22 mar. 2012

O ESCULTOR ROSALEIRO JULIO MARTÍNEZ MARTÍNEZ, VEN DE REALIZAR UNHA IMAXE DE SANTA CRISTINA PARA A RAMALLOSA




En novembro de 2011 comunicábannos que o escultor rosaleiro Julio Martínez Martínez estaba realizando unha monumental obra relixiosa para unha parroquia do sur de Pontevedra.

Achegámonos pois, ata o seu estudo-obradoiro en Caselas, para da man do propio Julio, coñecer exactamente de que escultura se trataba e cales eran as súas características.

Alí nos recibiu con toda amabilidade e nos confesaba que era “unha escultura realizada en granito silvestre, un altorelieve esculpido nun bloque de pedra natural, empregando para isto a técnica denominada “talla directa” (esculpir directamente na pedra sen ningún modelo previo) simbolizando a imaxe de Santa Cristina.

Segundo afirma Julio, comezou sendo unha gran pedra de tres toneladas de peso e que está apoiada nunha base, de preto de mil quilos de granito de Campolameiro, medindo en conxunto a obra final, 3,10 metros de altura.

O 24 de xaneiro procedeuse á inauguración da imaxe da patroa de Santa Cristina, situada no adro do templo, a cargo do alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña e varios membros da corporación municipal. A seguir, tivo lugar a bendición da imaxe conforme ás oracións do Ritual.




Recentemente acompañamos ao escultor rosaleiro e ao noso amigo Xurxo, a contemplar “in situ” a imaxe na Ramallosa, quedando impresionados da beleza do acabado. Na nosa humilde opinión, trátase dunha fermosa obra realizada por un xove e autodidacta artista da vila, que a bo seguro, dará moito que falar no mundo do arte e da escultura galegas.

Nas diferentes imaxes poderemos ver o bloque, o debuxo e marcado do contorno, debastando a escultura, unha aproximación e a escultura xa terminada e colocada na Ramallosa.

¡¡Dende Noticias O Rosal a nosa máis sincera noraboa, Julio!!

0 comentarios:

Publicar un comentario