TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

19 mar 2012

O ROSAL ACOLLEU O I CAMPIONATO GALEGO OFICIAL DE FUTBOLÍN 2012




O Concello do Rosal foi a sede, a pasada fin de semana (10 e 11 de marzo), do I Campionato Galego de Futbolín oficial, que se celebrou no Restaurante Juan, con tres modalidades: parado, movemento e feminino, con máis de 6000 € en premios.

O torneo foi organizado por Alfonso Méndez Sánchez (Recreativos Jopeco) e Presas, coa colaboración do Concello do Rosal e da Asociación Sociocultural Os Cabaqueiros do Futbolín.

Disputáronse tres categorías por modalidade (1ª, 2ª e 3ª División), agás no feminino, onde todas as parellas xogaron en Primeira.

Finalmente foron 24 os equipos do Baixo Miño que se inscribiron na Asociación Os Cabaqueiros para xogar un campionato que reuniu a máis dun cento e que nos deixou moi bos resultados: Os Amigos (Antonio Lomba e José Martínez), Pepino’s Team (Pedro Fernández e Óscar Rodríguez), Os Locos (Sergio Diego e Rubén Santos), Portecelo (Carlos Álvarez e Marcos Casal), Sevilla F.C. (Sevi e Dani), Os Sergios-Bar Troya (Trinta e Demo), Novás (Quesy e Gera), Diego’s (Diego Álvarez e Diego Martínez), Ank-Morpork (Santi González e José Alonso), As Divinas (Conchi e Vane), Hai Chapa (Ruth e Mary), Modern Talking (Pipu e Tuka), Os Pexejos (Sergio R. e Ángel), Ínsua (Galis e Trillo), Yeya-Luis, Os Kakaruxos (Yors e Gus), Somos Nós (Berto e Menotti), El Dúo (Gabriel e Damián), As Muiñeiras, Xa Estamos Aquí (Clara e Jeni), A Cachada (Pablo Prol e Jonatan Pérez), De Tranquis (Juan e Rober), Las Charlinas (Maite e Tania) e Wasabi Sessions (Diego González e Sergio González).

A inauguración do Campionato Galego tivo lugar o sábado 10 de marzo ás 11 da mañá no novo salón do Restaurante Juan, a cargo do alcalde rosaleiro, Jesús Mª Fernández Portela, do concelleiro de Deportes, Pablo Flores Díaz e do presidente da Asociación Os Cabaqueiros, Juan Ramón Martínez.

Presentou o evento José Luis Busto, coordinador xeral e máximo responsable da organización deste tipo de torneos a nivel nacional, quen deu ás grazas ao Concello do Rosal por albergar este primeiro campionato de futbolín oficial de Galicia.





O alcalde rosaleiro, Fernández Portela, na súa intervención, deu a benvida a todos os xogadores e xogadoras, á vez que lles desexaba unha boa estancia na vila e unha inmellorable xornada co futbolín, agradecendo “a implicación e o traballo realizado por Pablo, concelleiro de Deportes, para que finalmente este campionato se celebrara no Rosal”.

Pola súa parte, o presidente da Asociación Os Cabaqueiros aludía tamén a que “hoxe temos este evento a nivel galego grazas ao apoio do Concello do Rosal e á ilusión dun grupo de rapaces e rapazas que no ano 2009 crearon o I Campionato de Futbolín Os Cabaqueiros na honra e lembranza dos vellos mestres telleiros”.

A seguir desta presentación deu comezo a modalidade “Parado”, que finalmente foi gañada en 1ª División polo equipo “Beethoven”, formado por Ángel Castiñeira e José Meizoso Tembras, proclamándose campións galegos absolutos e confirmando as predicións que os daban como máximos favoritos ao título.

O equipo “Sevilla F.C.”, integrado polo porteiro rosaleiro Carlos Álvarez Antúnez (Sevi) e o dianteiro goianés Daniel Rodríguez Martínez (Dani) remataron nunha meritoria cuarta posición, realizando un fantástico papel diante dos mellores equipos rexionais e aínda nacionais, xa que houbo parellas procedentes de León e Asturias.

Acompañáronos no cadro de honra de Parado F-1, o equipo “Os Sergios-Bar Troya”, formado polo porteiro Sergio Rodríguez (Trinta) e o dianteiro Sergio Martínez (Demo), que remataron en quinta posición e o equipo “Somos Nós”, integrado por Sergio González (Menotti) e Alberto Claro (Berto), que conseguiron o sétimo posto.

Un dos momentos máis emotivos do sábado foi a final de Parado F-2, que enfrontou a dous equipos baixomiñotos, “Os Pexejos” (porteiro: Ángel Martínez; dianteiro: Sergio Rodríguez) e “Ínsua” (porteiro: Diego Domínguez “Trillo”; dianteiro: Braulio Álvarez “Galis”). Despois dunhas tensas e sensacionais partidas, que se resolveron no “quinto asalto”, Trillo e Galis proclamábanse Campións Galegos de Futbolín.

Destacar tamén a actuación do equipo “Portecelo”, formado polo dianteiro Carlos Álvarez da Concepción e o porteiro Marcos Casal Fernández, que remataron na cuarta posición de F-2. Mencionar así mesmo, o cuarto posto de “Hai Chapa”, na modalidade “Feminino” e un terceiro en Parado F-3, coa porteira Ruth Martínez e a dianteira Mary Domínguez.

A porteira Conchi Barbosa e a dianteira Vanesa Sánchez, “As Divinas”, remataron no quinto posto na modalidade feminina. O equipo “Las Charlinas” formado pola porteira Maite Martínez e a dianteira Tania Rodríguez, remataron no cuarto lugar de F-3. O sexto posto, para o equipo “Pepino’s Team”, formado polo porteiro Óscar Rodríguez e o dianteiro Pedro Fernández.

A vitoria final na modalidade “Feminino” foi para as grandes dominadoras do panorama nacional, “Alba e Paula” (dianteira, Alba Quiroga López; porteira, Paula Carreiro Rodríguez).

O domingo 11 de marzo, tamén de mañá, comezou a modalidade “Movemento”, onde os resultados dos equipos baixomiñotos foron máis discretos, xa que normalmente se xoga en “Parado”. De todas formas, resaltar o quinto posto en F-2 de “Os Pexejos” (Ángel Martínez e Sergio Rodríguez) e o sétimo lugar de “De Tranquis”, equipo formado polo porteiro Roberto Martínez e o dianteiro Juan Ramón Martínez.

Así mesmo, subliñar o Subcampionato Galego en F-3 do equipo “Portecelo” (Carlos Álvarez e Marcos Casal), o terceiro lugar para “Ínsua” (Galis e Trillo), o quinto posto para “Yeya-Luis” (dianteiro, Sergio Casal; porteiro, Luis Martínez), o sexto para o equipo “El Dúo” (porteiro, Damián da Costa e dianteiro, Gabriel Pérez), ou a oitava posición en F-3 do equipo “Os Sergios-Bar Troya” (Demo e Trinta).

A vitoria na categoría absoluta de “Movemento” foi para o equipo “Bubuchis”, formado por Diego Barciela Doural e Bernardo Bouzón Sobral, que venceron na final a “Vigo City”, equipo integrado por Borja Domínguez Cruces e Diego Fernández Fernández.

0 comentarios:

Publicar un comentario