O Concello do Rosal retoma, despois do parón estival, o seu programa mensual de andainas turístico-culturais do ano 2011.
Nesta ocasión, o sábado 1 de outubro, os participantes percorrerán a “Ruta dos Cruceiros” para pasear, admirar e coñecer a historia e curiosidades dunha parte do rico e artístico patrimonio relixioso que ten a vila.
Para a realización desta andaina, se terá como base o completo e exhaustivo estudo sobre o tema, do recoñecido escritor e historiador local Xoán Martínez Tamuxe, plasmado no seu libro Cruceiros, Cruces e Almiñas do Baixo Miño. Concello do Rosal I, obra imprescindible para indagar sobre moitas das tradicións -e mesmo lendas- do municipio. (Na imaxe, o Cruceiro da Cancela de Furnos).
O punto de encontro, como é habitual, será a Praza do Calvario, estando a saída prevista para as 15:30 horas e a hora estimada de chegada, sobre as 18:00 horas.
O itinerario será o seguinte:
Praza do Calvario – Cemiterio – Furnos – Cruceiro Gordo – Martín – Fornelos (Praza e Escola) – Caselas – Convento das HH. Carmelitas – Cruceiro da Cruz de Ferro – A Feira – Praza do Calvario.
Quen desexe apuntarse (a actividade é gratuíta) pode facelo achegándose ata o Concello do Rosal ou ben chamando ao teléfono 986 62 50 00.
0 comentarios:
Publicar un comentario