TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

10 nov. 2014

Conferencia do historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe en A Guarda


O vindeiro xoves 13 de novembro, ás 20:00 horas, o escritor e historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe ofrecerá unha interesante charla-conferencia sobre A Prehistoria entre A Gándara e Salcidos (A Guarda) que terá lugar no novo espazo gastronómico-cultural “Bodegón Os Seixiños” rexentado polo tamén veciño, Sergio Rodríguez Rodríguez “Trinta”.

Esta conferencia é a primeira dunha serie de xornadas –libres e gratuítas- que se organizarán nos meses de novembro e decembro con motivo do I aniversario da inauguración deste local guardés.

Xoán Martínez Tamuxe, recoñecido arqueólogo e autor do libro Parroquia de San Lorenzo de Salcidos. Aproximación histórica, desvelará coa súa acostumada e sabia oratoria, moitos dos segredos que agochan os gravados ou os castros da zona. Igualmente haberá unha pequena mostra de material prehistórico e proxección de imaxes dos xacementos arqueolóxicos máis importantes.

*Xoán Martínez Tamuxe (O Rosal, 1930). Historiador, arqueólogo e investigador. Autor de máis dunha ducia de libros, cofundador do Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño, é membro do Instituto Padre Sarmiento (Sección de Arqueoloxía) de Santiago de Compostela (1979), da Asociación Colegial de Escritores de España (1982), Grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén de Pontevedra (1983), membro colaborador do Departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago (1984). Dende o ano 2007 é o presidente do Instituto de Estudios Tudenses.

0 comentarios:

Publicar un comentario