TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

23 nov. 2010

Homenaxe da U.D. Ribera a Fuentes e Villita



O pasado domingo 14 de novembro o club de fútbol U.D. Ribera homenaxeou a dous dos xogadores máis importantes da súa historia, Manuel Coballes “Fuentes” e Celso “Villa” Ferreira, ambos os dous rosaleiros, que chegaron a competir na Segunda División nacional.

Con motivo dos actos de inauguración do novo Estadio Municipal da Mata, Fuentes e Villita -arroupados en todo momento polo secretario do club, Manuel Iglesias Dorado- foron os encargados de realizar o saque de honra antes do comezo do partido que enfrontou ao conxunto local co de Arbo.

Lembramos que Manuel Coballes Fuentes naceu no barrio de Cruceiro (San Miguel de Tabagón) o 26 de xaneiro de 1933. Comezou a xogar na U.D. Ribera con 16 anos e xa en 1952 ficha polo Real Club Celta de Vigo, onde estivo cedido ao seu filial Celta Casablanca, baixo as ordes do popular adestrador Yayo. Neste equipo tivo unha grave lesión de xeonllo, que o retirou dos terreos durante un ano e puxo freo ás súas aspiracións máis inmediatas. Foi operado en primeira instancia polo médico celeste Dr. Díaz Mella e máis tarde, polo ilustre galeno do Atlético de Madrid, Dr. Garaizabal.

Durante a “mili” xogou no Tauste, equipo maño da Terceira división, estando a proba no Real Zaragoza, na Leonesa, no Avilés e aínda no Valladolid.

Fuentes, que chegou a disputar a 2ª División no R.C. Celta e no Racing de Ferrol, tivo que retirarse aos 28 anos en 1961. Posteriormente foi adestrador da U.D. Ribera ou mesmo do Sporting Guardés.

Pola súa banda, Celso Villa Ferreira naceu en O Cotro, parroquia de San Miguel de Tabagón, o 18 de febreiro de 1940. Xa aos 14 anos xogaba cos maiores da U.D. Ribera. Aos 18 anos forma parte da Selección de Xuvenís de Galicia e ficha polo Zeltia, da Terceira División. Despois dunha gran temporada o C.D. Ourense, da 2ª División fíxase nel e incorpórao ao seu equipo, pasando aquí seis temporadas como titular (1959-1966), reforzando en ocasións, ao Sporting Guardés.

Na temporada 1966-67 ficha polo Real Valladolid, tamén de Segunda e máis tarde polo Xerez e polo Real Jaén.

En 1972 decide cambiar de aires e o Famalicao portugués de 2ª División faise cos seus servizos, aquí pasaría tres temporadas. De 1974 a 1976 pechou a súa carreira futbolística, como profesional, xogando no Río Pele, tamén da Segunda lusa e que nesa última temporada ascendeu, pero Villita xa decidira colgar as botas, para ese mesmo ano adestrar ao Sporting Guardés.





0 comentarios:

Publicar un comentario