TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

25 nov. 2010

Benito Guerreiro, sairá en Actualizad@s, da TVG


Benito, cruzando a Serra dos Ancares, durante a súa volta a Galicia

Segundo nota de prensa remitida á redacción de Noticias O Rosal polo equipo de produción de Avoltascoscontos, o sábado 27 de novembro ás 22:00 horas, “Benito, o protagonista da nosa aventura estará presente no programa Actualizad@s da TVG nun monográfico titulado A pedais”.

 
Actualizad@s é un espazo divulgativo que reflicte a realidade variada de Galicia a través da vida cotiá de galegos e galegas (de toda idade e condición) que teñen cousas que contar. Este programa afonda nos contidos xornalísticos á procura de cidadáns anónimos que aproveitan a súa existencia con paixón nos ámbitos cotiáns en que se desenvolven. Un equipo de cinco reporteiros varre Galicia na procura desas historias anónimas marabillosas, que transcorren á marxe dos focos da "actualidade", e constitúen un retablo singular deses "heroes locais da vida cotiá" dos que falaba Torrente Ballester”.


Está claro que Benito Guerreiro encaixa á perfección na filosofía deste programa e, polo tanto, non podía faltar. No programa do vindeiro 27 de novembro serán varios protagonistas os que estean presentes: o movemento cívico "Masa Crítica", un rapaz totalmente entregado a ser ciclista profesional, un grupo de vellos da Terra Cha que non baixan da bici para calquera dos seus desprazamentos, un tándem paraolímpico con cego, un profesor de 60 anos que tampouco baixa da bici e Benito Guerreiro, que na primaveira-verán do ano 2007 recorreu en bicicleta todos os concellos de Galicia nunha apaixonante viaxe de 72 días e case 6.000 km en solitario.

 
A reportaxe na que sairá Benito Guerreiro foi rodada o pasado 3 de novembro. A gravación comezou a media mañá coa proxección do documental Anacos… a un grupo de alumnos do Colexio Manuel Suárez Marquier de O Rosal.

A proxección de Anacos… baseada na aventura en bicicleta que Benito Guerreiro fixo no ano 2007 foi o momento máis emotivo da xornada e espertou as risas e a curiosidade dos pequenos.

A rodaxe continuou ao largo de todo o día en diversos recunchos do antigo Concello da Foz do Miño, na actualidade, concellos de A Guarda e O Rosal.

Durante o documental, Benito compartirá con nós as súas reflexións e os momentos máis inesquecibles da súa viaxe por Galicia, finalizando a súa intervención asucando as augas do Pai Miño na súa planeadora, facendo unha pequena introdución do que será o seu novo proxecto.

Outra das protagonistas será Lola, a nai de Benito, que tamén estivo presente na rodaxe comentando que significou para a familia a aventura da Volta a Galicia en bicicleta e nos contará, como non podía ser doutra forma, a súa relación coas bicicletas dende a infancia.

Porque a “bici”, para moita xente, é unha filosofía de vida; poderemos comprobalo, como dixemos, o sábado 27 de novembro ás 10 da noite na TVG no programa Actualizad@s no seu monográfico “A Pedais”.

0 comentarios:

Publicar un comentario