TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

28 dic. 2011

NOTICIAS O ROSAL ENTREVISTA A JESÚS GONZÁLEZ ÁLVAREZ, PRESIDENTE DA AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL



Como ben é coñecido por todos e todas, este 2011 a Agrupación Musical do Rosal cumpriu 25 anos de existencia, dende que aquel 4 de maio de 1986 se presentara ante o público na Praza do Calvario.

Charlamos pois nun céntrico local da vila co presidente actual da Agrupación, Jesús González Álvarez (Suso), para saber un pouquiño máis sobre esta asociación musical rosaleira e a súa banda, que vén de gañar hai un mes, o 1º Premio da Primeira Sección no V Certame Galego de Bandas de Música. ¡¡Que mellor celebración para este 25 Aniversario!!

-En primeiro lugar, Suso, moitas grazas por concedernos esta pequena entrevista. Comezamos entón, se lle parece, preguntándolle cantos anos leva como directivo e cantos como presidente da Agrupación Musical do Rosal.

Pois fun un dos fundadores, así que os mesmos ca Agrupación. Só quedamos na directiva actual Antonio Granja (vicepresidente) e máis eu. Comecei como vocal, despois estiven de secretario e dende 2006 xa como Presidente, ou sexa, vai xa para 6 anos.

-¿Cantos músicos forman a Agrupación Musical do Rosal?

Temos sobre 246 alumnos. A banda é o núcleo central, pero en torno a ela, está a Coral, o grupo Lirolai, ou grupo de pandereteiras Orballo. Estase creando un grupo de baile tradicional e outro grupo de pandereteiras. Tamén por suposto, está o grupo Deixandar, o grupo de mozos 5+1, o grupo Kla-son, etc.


-¿Gozan dalgunha subvención ou axuda por parte do Concello do Rosal? ¿Con que outras subvencións contan anualmente?

Si. Contamos cunha subvención do Concello do Rosal e tamén da Xunta de Galicia, Deputación, Fundación O Rosal, a Comunidade de Montes de Santa Mariña e a de San Miguel de Tabagón. Tamén temos a axuda de diferentes empresas do Baixo Miño e por suposto o público en xeral, que sempre nos ten apoiado durante estes anos.

-Existe unha escola e clases de música. ¿Dende cando? ¿Horarios? ¿Cal é a cota mensual? ¿Cantos alumnos hai na Escola? ¿Cantos profesores son?

Temos a Escola de iniciación, que anda sobre os 56 alumnos. Desde os 4 ata os 8 anos. E logo a Escola de Música, que é unha escola oficial da Xunta. As clases son pola tarde, tendo 22 profesores, un para cada instrumento, por exemplo contamos de fagot, chelo, piano, guitarra, gaita…


-¿Ensáiase sempre no Auditorio? ¿Qué outros lugares serviron como locais de ensaio?

Comezamos na Escola de Simón del Mazo, tamén estivemos na Cámara Agraria, na antiga Sindical, etc. O primeiro concerto foi na nave do Barros, practicamente para os pais dos rapaces.

-¿Quen son os directores das distintas bandas?

Diego Javier Lorente López fixo en setembro cinco anos como director da Banda “grande” e Celso Diego Martínez é o director da Infantil. Así mesmo Toñi Santos Vaquero é a directora da Coral, que dá clases de piano e tamén leva o Coro Infantil e o Coro Voces Brancas.



-¿Que teñen que facer uns pais que desexan que o seu fillo/a aprenda música grazas á Agrupación?
Pois moi sinxelo. O único que teñen que facer é pasar polas nosas oficinas, no Auditorio Municipal e alí informarémoslle sen compromiso. Ademais, temos que salientar que o primeiro mes é gratuíto.

-¿A Agrupación aínda fai intercambios? ¿O último foi a Torre Pacheco, en Murcia, non? ¿Teñen algo plantexado neste sentido?

Teño que dicir que eu sempre estou a favor dos intercambios. Parécenme en verdade moi positivos, pero co tema da crise está todo un pouco complicado. Efectivamente a última foi en Torre Pacheco. Estamos en xestións para ver se organizamos outro.

-A banda está considerada das mellores de Galicia, ¿Cómo é isto posible?

Pois sinceramente, a base de traballo, sacrificio, e de buscar os mellores profesionais. Os rapaces son intelixentes en todas as partes do mundo, pero no Rosal hai algo, en todos os eidos. Aquí como se pode comprobar saen grandes músicos (moitos vivindo profesionalmente) ou tamén os mellores deportistas, en calquera eido. Dende os comezos da Agrupación pasaron máis de 500 persoas. O tempo pasa pero a música queda no pobo.




-¿Xa para rematar Suso, algo que queira dicirlle aos nosos lectores, aos músicos da Agrupación, á xente do Rosal e do Baixo Miño?
Simplemente quero lembrar e afirmar con todo convencemento que ás bandas hai que dignificalas. Menos pasarrúas e máis concertos. Coido que ás bandas de música en Galicia lle debemos o pouso do folclore. Despois da Comunidade Valenciana, Galicia é a segunda en cantidade e calidade, e sobre todo a provincia de Pontevedra. É algo que se gañou a pulso.

Aproveito para tamén dar o noso agradecemento pola súa paciencia e comprensión ás nosas donas, porque son moitas horas de dedicación. Grazas a todos os músicos e directivos que pasaron pola Agrupación. Porque este proxecto é de todos. E isto non tocou teito, virán anos mellores, estou convencido. A Agrupación Musical do Rosal aínda ten que dicir moito no mundo da música.

O Rosal, Nadal de 2011.

0 comentarios:

Publicar un comentario