Na fotografía de 1984, o hoxe director de Noticias O Rosal, diante do antigo "Sobreiro do Cementerio"
O martes 24 de xaneiro, de mañá, procedeuse -seguindo a tradición- á plantación de tres pequenos e novos sobreiros diante do cemiterio parroquial, que veu a substituír ao anterior.
Estas árbores proceden do "Campo da Abadía" e foron doadas polo párroco de Santa Mariña, D. Julio Ramos Rodríguez. Coordinou os traballos de plantación Ignacio González Rivas, coñecido popularmente por "Ignacio O Peluquero", experto na materia. Esta operación tivo a colaboración do Concello.
En declaracións a Noticias O Rosal, o investigador e historiador local Xoán Martínez Tamuxe lémbranos que "o antiquísimo Sobreiro do Cementerio que había antes, posiblemente se remonte cando menos ao século XVII".
Segundo afirma Tamuxe "presúmese que -xa que a capela que hai hoxe dentro do cemiterio pertencía ao Priorato e éste ao mosteiro de Oia- aquel sobreiro foi plantado polos propios monxes dese Priorato, ocupando o lugar do torreiro de festas".
Contaban os maiores que recordaban oír falar que a xente bailaba na Festa de San Antonio Abade debaixo do sobreiro (contemporáneo aos que hai na capela de Santa Magdalena, na parroquia de San Bartolomeu das Eiras).
Seguindo a publicación Flora Singular do Concello do Rosal, coordinada por Alfonso Ruano Prieto e editada pola Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Tui, naquela época (1995) "a sobreira ten un perímetro de tronco de 3'80 m. e un fuste de 4m., ramificado posteriormente en tres brazos principais, tendo unha altura de 12 m."
Hoxe en día, os nosos maiores rosaleiros aínda din, cando se refiren á morte "quédame pouco para ir para o Sobreiro" ou "xa me queda pouco para ir pra San Antonio".
0 comentarios:
Publicar un comentario