Segundo informa Sandra Alonso, educadora familiar, as concellarías de Servizos Sociais, Educación e Sanidade do Concello do Rosal coordinadas entre elas, levaron a cabo recentemente a actividade ALMORZOS SAUDABLES con enorme éxito entre o alumnado. É o segundo ano consecutivo que se realiza a actividade que conta coa colaboración dunha profesional da cociña que aporta os seus coñecementos sobre alimentación. Con esta actividade o Concello quere poñer de manifesto a importancia que ten o almorzo como unha das principais comidas do día, sobre todo entre nenas e nenos, xa que moitos deles prescinden desta comida o que supón baixo rendemento nos estudos e cansanzo ó longo da mañá.
Na semana anterior á actividade mandouse unha circular aos pais e nais do alumnado indicándolles que o día que os/as seus fillos/as realicen a actividade acudan ao centro escolar sen almorzar para que o fagan no propio centro, e levando unicamente unha taza e unha culler. Entre as ideas que quixemos afianzar entre o alumnado está a de que o almorzo é a comida máis importante do día na que non debe faltar ningún dos alimentos do tipo: fibra (pan, cereais, tostadas…), lácteos (leite, iogur, queixiño…) e froitas (zume natural, froitas variadas…)
Esta é unha actividade que gusta ós rapaces e rapazas xa que é dinámica e novedosa. Eles mesmos foron os que elaboraron un menú completo e equilibrado elixindo os alimentos que máis lles gustan de entre todos os productos do buffet. Esta actividade comezou o luns 15 de xuño cos alumnos máis pequenos do centro e terminou o venres 19 de xuño en horario de 9 a 10.40 h., para que os/as rapaces/as poidesen almorzar a primeira hora da mañá. Cada día asistiron unha media de 50 rapaces. O lugar elixido para levar a cabo a actividade foi unha aula da Escola Obradoiro, nas inmediacións do centro escolar. Os gastos derivados da actividade foron asumidos polo Concello do Rosal, contando coa colaboración do supermercado FROIZ que aportou un cheque regalo para a compra de alimentos que se empregaron nesta actividade.
A atleta guardesa Julia Vaquero participou na actividade aportando a súa experiencia e coñecementos. Os rapaces fixéronlle preguntas e charlaron animadamente con ela. Julia comentoulles a importancia que ten unha boa alimentación complementada coa realización de exercicio físico.
Para ver máis fotografías:
0 comentarios:
Publicar un comentario