O pasado venres día 17 ás 20:00 horas, procedeuse á inauguración oficial da exposición fotográ-fica "Viaxando 08" no Auditorio Municipal de Salceda de Caselas, coa entrega do premio á gañadora deste ano. A exposición provén do certame "Viaxando", organizado por segundo ano consecutivo polas Oficinas Municipais de Información Xuvenil (OMIX) dos concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño, O Porriño, Baiona, Salceda de Caselas e a Casa da Xuventude de Tui, e que este ano logrou aumentar a participación a un total de 33 traballos presentados (un bo número tendo en conta a temática e a idade dos participantes, de 12 a 30 anos). O certame ademais está incluído dentro da rede de exposicións "Outono Fotográfico" coordinado pola Casa da Xuventude de Ourense e co patrocinio da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar. A gañadora do certame deste ano foi a moza do Rosal Mª Esther Álvarez Martínez coa fotografía que leva por título "Aeródromo de Santo Tomé del Puerto". A entrega do premio consistente nunha moderna cámara dixital foi efectuada pola Concelleira de Mocidade de Salceda, Teresa Pérez. Na fotografía de grupo, de esquerda a dereita a responsable da OMIX do Rosal, Silvia Baquero Pereira; o da OMIX de Salceda, Humberto Rey; a gañadora Mª Esther Álvarez e a mencionada concelleira, Teresa Pérez. (Facede click na foto para ampliala).
0 comentarios:
Publicar un comentario