17 nov 2010
I TORNEO DE FUTBOLÍN BAR FLORO. INSCRICIÓN ABERTA
17.11.10
Comentar
O Rosal, que está poñendo de moda na comarca do Baixo Miño este vello xogo tradicional, acollerá en vindeiras datas un novo campionato de futbolín.
Organiza: Bar Floro
Colabora: A Peña do Futbolín
Data: por confirmar.
Inscrición: 10 € persoa (20 € a parella)
Podedes recoller dende xa no propio local a folla para inscribirvos.
Haberá premios e agasallos para todos os/as participantes...
¡Animádevos!
Presentación da Rede Repoblar no Auditorio
17.11.10
Comentar
Hoxe, mércores 17 de novembro, terá lugar ás 19:30 horas no Auditorio Municipal a presentación da Rede Pontevedra Banda Larga Rural "Repoblar".
Trátase da rede sen fíos que a Deputación de Pontevedra está a despregar na provincia, a través do proxecto Wimax Rural Pontevedra, cofinanciado nun 70% por fondos FEDER dentro do eixo 5 "Desenvolvemento local e urbano sostible" do P.O. FEDER 2007-2013. Máis información en http://www.concellodorosal.es/ ou en http://www.repoblar.depo.es/
16 nov 2010
Inauguración do novo Estadio Municipal
16.11.10
Comentar
O sábado 13 de novembro tivo lugar baixo unha fina pero continua choiva a inauguración das obras efectuadas no novo e flamante Estadio Municipal da Mata.
Asistiron ao evento –entre outras autoridades- o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández Fernández; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán Abal; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; e o deputado provincial de Deportes, José Enrique Sotelo.
Igualmente acompañando ao alcalde Jesús Mª Fernández Portela, estivo presente a Corporación Municipal en pleno, así como presidentes e membros das distintas asociacións socioculturais da vila e da comarca do Baixo Miño.
Ata O Rosal achegáronse personalidades e representantes do mundo do deporte galego, como Isidoro Hornillos Baz, presidente da Federación Galega de Atletismo; o seu vicepresidente 1º, Eleuterio García Rodríguez ou o delegado en Vigo da Federación Galega de Fútbol, Enrique González Güenaga.
A esta inauguración asistiron tamén os deportistas rosaleiros David Gómez Martínez, atleta; Serafín Martínez Acevedo, ciclista; Óscar Vicente Rodríguez, triatleta e o xove nadador, Diego Fernández González. Así mesmo, destacar a presenza de Félix Piñel Alonso, incombustible mestre de Educación Física do CPI Manuel Suárez Marquier e impulsor dende fai moitos anos do atletismo na vila, que se encargou de organizar unha carreira previa ao comezo dos actos.
Antigos e actuais directivos da U.D. Ribera, comandados polo seu presidente José Manuel Álvarez Barredo, estiveron ben atentos a toda a cerimonia. Mención especial mereceron os centos de futbolistas que pasaron polo equipo rosaleiro, e entre eles, Fuentes e Villita, que chegaron a xogar na Segunda División nacional.
Bendiciu as instalacións o crego Isaac Penela Carbajales, quen pronunciou unhas solemnes palabras a modo de pequeno discurso para a ocasión.
A seguir, tiveron lugar as diferentes intervencións das autoridades, que alabaron as obras de mellora levadas a cabo na Mata, desexando unha longa vida ás instalacións. Igualmente lembraron a importancia da implicación dos seus usuarios para a súa correcta utilización e posterior mantemento.
Finalizou este histórico acto coa firma do libro de honra e dun balón de fútbol, así como coas fotografías das diferentes categorías da U.D. Ribera, que alegres e conscientes da importancia do evento, pousaron para os múltiples medios de comunicación que se deron cita na nosa vila.
Impartirase un curso de arte floral de Nadal
16.11.10
Comentar
A Asociación Mulleres en Igualdade do Rosal organiza a partir do 25 de novembro un curso de arte floral con motivo das Festas do Nadal. Éste será impartido por Marisol (Floristería Augaluz) e constará de catro clases que se celebrarán os xoves de 20 a 22 horas.
O prezo do curso é de 25 euros e hai prazas limitadas. Para anotarse, nos teléfonos 696 865 315 e 677 431 318.
Comezamos xa mesmo a nosa actividade
16.11.10
Comentar
Despois dunha semana lonxe da terriña, volvemos con máis ganas e ilusión a O Rosal para informarvos novamente de todos os acontecementos turístico-culturais relacionados coa nosa vila.
En breve publicaremos a reportaxe da inauguración das obras no novo Estadio Municipal da Mata, á que asistiron -entre outros- tres dos máis destacados deportistas rosaleiros: o ciclista Serafín Martínez, o atleta David Gómez e o triatleta Óscar Vicente (na foto, co alcalde Jesús Mª Fernández Portela).
4 nov 2010
Novo proxecto cultural de Noticias O Rosal
4.11.10
Comentar
Aínda que con arraigados sentimentos, costumes ou mesmo incribles paisaxes case imposibles de igualar a esta Comarca do Baixo Miño e a Galicia en xeral, dende Noticias O Rosal iniciamos a partir de hoxe 5 de novembro, un percorrido turístico e cultural por diferentes cidades da xeografía española e europea.
Aproveitando unhas pequenas vacacións laborais, comezamos por fin cun dos nosos proxectos, que nos levará a visitar certos lugares emblemáticos e a reunirnos con responsables de distintas entidades e organismos tanto nacionais como estranxeiros.
O coñecido e inmediato obxectivo é seguir potenciando a nosa vila, o noso patrimonio, as nosas xentes… Para isto, dende esta humilde web somos conscientes de que debemos seguir traballando e mellorando.
Agradecidos a todos os nosos simpatizantes, lectores/as porque sen o voso apoio, fidelidade e colaboración, esta páxina (que lembramos naceu en maio de 2008) non tería sentido nin razón de ser.
¡Intentaremos correspondervos!
¡Graciñas e saúdos!
A Dirección
Noticias O Rosal
3 nov 2010
Rafael Louzán entregou dúas subvencións
3.11.10
Comentar
O martes 2 de novembro o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, acompañado do alcalde e deputado Jesús Mª Fernández Portela, fixo entrega de dúas subvencións á Sociedade Cooperativa do Pilar e ao Complexo Cooperativo Agrario Porta do Río Miño.
As achegas ascenderon a máis de 14.000 euros, que as cooperativas empregarán en subsanar deficiencias e en mellorar as instalacións.
A Sociedade Cooperativa do Pilar, con 39 socios procedentes de O Rosal, Tomiño e A Guarda, empregará a axuda en reformar elementos de ferraxería (portalón de entrada, visera para cubrirse debaixo os camións…), reformar a instalación eléctrica (cambiar os focos por uns de baixo consumo) e mellorar os seus equipos informáticos.
Pola súa banda, o Complexo Cooperativo Agrario Porta do Río Miño, destinará a subvención á adquisición de material informático para a emisión de facturas, tickets, etc., para facilitar as transaccións cos seus preto de 60 socios.
Finalizados estes actos procedeuse á visita das obras que se están executando no Campo Municipal da Mata e que se inaugurarán o sábado 13 de novembro á 1 da tarde.
2 nov 2010
O día 28 de novembro, a Romaría de San Martiño
2.11.10
Comentar
O xoves 11 de novembro, día propio de San Martiño, oficiouse ás 18:30 horas unha misa na súa honra na igrexa parroquial de Santa Mariña. Xa o domingo 21 de novembro terá lugar a tradicional Romaría de San Martiño.
A saída do Santo en procesión ata a ermida, está prevista para as 10:30 h da mañá. A Misa Solemne con sermón celebrarase xa na súa capela ás 12 horas.
A Romaría estará animada polo grupo de gaitas Albariños de O Rosal. No caso de que o tempo non acompañase os actos trasladaríanse ao domingo 5 de decembro.
Contacontos de Raquel Méndez, de Pavís Pavós
2.11.10
Comentar
O sábado 30 de setembro celebrouse na Biblioteca Municipal do Rosal unha divertida e concorrida sesión de contacontos a cargo de Raquel Méndez, da asociación “Pavís Pavós”.
Esta actividade está enmarcada dentro do programa de animación á lectura promovido dende a concellaría de Cultura que dirixe Charo Tabales Perozo.
Boqueixón, de ruta guiada polos Muíños
2.11.10
Comentar
O venres 29 de setembro -e previo contacto coa concellaría de Turismo que preside Ángeles Vicente Manzano- tivo lugar unha nova ruta guiada polos Muíños do Folón e Picón.
Desta vez foron 16 persoas pertencentes ao Obradoiro de Emprego Pico Sacro, do Concello de Boqueixón (A Coruña) quen a pesares da choiva, coñeceron grazas ás explicacións do guía municipal, máis polo miúdo o mecanismo, lendas e historia deste impresionante conxunto rosaleiro de 67 enxeños hidráulicos.
31 oct 2010
XIII Trofeo Comunidade de Montes de Eiras
Tal e como se pode ler na web do club ciclista rosaleiro: "O vindeiro domingo 7 de novembro e fiel coa tradición, o Club Ciclista O Rosal-Hermanos Ozores organiza o XIII Trofeo Comunidade de Montes de Eiras no coñecido circuito da Praia de Eiras.
![]() |
| Foto de grupo do Club Ciclista O Rosal |
Tal e como se pode ler na web do club ciclista rosaleiro: "O vindeiro domingo 7 de novembro e fiel coa tradición, o Club Ciclista O Rosal-Hermanos Ozores organiza o XIII Trofeo Comunidade de Montes de Eiras no coñecido circuito da Praia de Eiras.
A carreira dará comenzo ás 10:30 da mañá coas categorías de Cadetes e Féminas, a que seguirá a proba de Junior, Master e Veteranos, para finalizar coas categorías de Elite, Sub-21 e Senior".
30 oct 2010
ERIC BARCELÓ, CAMPIÓN DE ESPAÑA DE JUDO
Eric, de azul, no máis alto do podium
O rosaleiro Eric Barceló Rodríguez, pertencente ao club Do-Majo da Guarda, vén de conseguir a medalla de ouro no XV Gran Premio Internacional de Judo - 1ª Copa de España Cadete de Judo que se celebrou o pasado 9 de outubro en Vigo.
O evento contou coa participación de cinco países e doce comunidades autónomas baixo a organización da Federación Galega de Judo, o patrocinio do Concello de Vigo e a Secretaría Xeral para o Deporte, coa colaboración de Caixanova, Faro de Vigo e Begano Coca Cola.
Eric gañou todos os seis combates por IPON, que é a puntuación máxima, quedando así primeiro no ranking nacional e con opcións para acceder a competicións internacionais.
No currículum do rosaleiro están -entre outros títulos e distincións- as medallas de ouro no Campionato Provincial do ano 2009 e 2010, Campión de Galicia no 2009 e Subcampión galego no 2010. Ademais foi quinto clasificado no Campionato de España do ano pasado ou Campión do trofeo Liceo La Paz da Coruña.
Actualmente atópase estudando no Centro de Tecnificación de Pontevedra, preparándose para vindeiras competicións.
Dende Noticias O Rosal dámoslle a noraboa e desexámoslle moitos éxitos para o futuro.
25 oct 2010
Obradoiro "Familias Conectadas", ¡Participa!
25.10.10
Comentar
A concellaría de Servizos Sociais e Muller do concello do Rosal está moi interesada en fomentar o contacto entre familias para o intercambio de experiencias, formación, etc. Por iso quérese organizar o obradoiro FAMILIAS CONECTADAS que serán reunións periódicas de nais, avoas, pais que teñan ao seu cargo menores de 3 anos e queiran compartir o seu tempo con outras familias.
O obradoiro vai a ser impartido por unha técnica de educación infantil que falará sobre os coidados dos/as menores e temas como o sono, a alimentación, a estimulación dos/as pequenos/as, a saúde…. Vai a ser unha experiencia moi enriquecedora xa que os/as propios/as participantes marcarán o ritmo das sesións.
Se estás interesado/a e queres participar, fala coa Educadora Familiar do Concello, que está todos os días no Centro Social Polivalente ou chama ao teléfono 986 60 94 50.
Emilio Flores. In memoriam. Capítulo III
25.10.10
Comentar
Despois do introdutorio capítulo I e do segundo, "Emilio, cabo provisional", seguimos coa nosa homenaxe a este mestre de Novás.
Fillo de pai músico na Banda "La Peña", de Alfonso Ulloa e logo da Agrupación "Charanga", de Generoso da Carlota (Canastreiro), o xove Emilio comeza os estudos de solfeo en Belesar.
Alí cursará o Primeiro Método de Eslava, clave de sol, baixo a dirección do seu disciplinado parente, Manuel Blanco, membro da Banda de Música de Baiona, onde tocaba o baixo.
O seu primeiro instrumento foi unha flauta de lata (xoguete), formando el e dous nenos máis unha "charanguilla" de torreiro. O seu avó José, ao ver que o neno prometía, comproulle ao profesor Ulloa un "punteiro" que Emilio dominaba á perfección.
Isto fixo que, aos poucos meses, o propio avó lle volvera a encargar a Ulloa unha gaita (de buxo) con "chave" (re, agudo) cuxo coste foi de 60 pesetas e que pagou a familia de Belesar. Esta gaita acompañouno no servizo militar, a partir do destino de Cuenca.
Anos despois compraría unha nova, que pertenceu a Eduardo Fernández (Diño) e que foi adquirida na coñecida "Casa de la Música Villanueva", de Vigo.
Emilio organizou sobre 1941 o primeiro grupo musical que algúns chamaban "Os Portelas". Os integrantes eran: Emilio (gaita), Donato (gaita) e os irmáns Benedicto e Indalecio da Portela (caixa e bombo respectivamente). Actuaron por vez primeira (tiñan gorras e camisas blancas como indumentaria) ademais de nas festas populares de San Juan e San pedro, nas Festas do Monte Santa Trega (1942).
Alá por 1943-1944 se reforzou a agrupación, seguindo coas súas actuacións e coñecéndoselles agora por "Os Parrandeiros".
En 1944 se reestruturou o grupo con Emilio e Pepe (o seu irmán) que tocaban a gaita; os irmáns da Portela, caixa e bombo e Celso de Refoxos, requinto. Tiñan xa uniforme en color verde con gorras de prato.
O mordomo das Festas do Carme daquel ano era o "Tío Joaquín de Griselda" (O Alambrador) que os bautizou co arxentinísimo nome de "Los Cinco Pibes".
Sobre 1946 Emilio e Pepe Flores fundan o grupo "Os Albariños do Rosal", nome dado pola Comisión de Festas do Trega dese ano ao consignalo no seu famoso libro-programa.
Nun tempo intermedio no que se suspenderon actuacións dos "Albariños", Emilio formou parte da "Orquesta Flores" e do grupo gaiteiro "Os Terribles" de Donas (Gondomar) dende 1981 ata 1987.
Proximamente: Emilio, profesor de gaita, augardenteiro e carboeiro.
22 oct 2010
Final do I Campionato de Play Station - FIFA 11
Mañá, sábado 23 de outubro, ás 19:00 horas na Praza do Calvario, e en concreto no Salón de Exposicións municipal, terán lugar as últimas partidas do xogo de fútbol Fifa 11, correspondentes ao I Campionato de Play Station que se instaurou con motivo da XXIII Festa do Cabaqueiro.
Pablo Martínez Alonso agarda xa ao seu contrincante na Final que sairá do cruce de “semis” entre Carlos Daniel Díaz Pereira e Diego Martínez Alonso.
Os partidos veranse en pantalla xigante.
21 oct 2010
Inauguración das Exposicións Culturais
21.10.10
Comentar
O pasado 9 de outubro tivo lugar a inauguración das Exposicións Culturais con motivo da XXIII Festa do Cabaqueiro.
O acto, que contou coa presenza do alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, foi presentado pola concelleira de Cultura, Charo Tabales Perozo, quen fixo unha introdución do significado e importancia desta exposición, realizando así mesmo unha semblanza biográfica dos artistas participantes na mostra.
Lembrou a edil que –como cada ano- tamén estaban expostas diferentes e importantes pezas e ferramentas relacionadas cos vellos mestres telleiros, que están cedidas e depositadas por particulares e que formarán parte dos fondos do futuro Centro de Interpretación municipal, na sección do “cabaqueiro”.
Tabales Perozo, na compaña do Alcalde e de representantes de distintas asociacións socio-culturais, realizaron un percorrido polas obras de Emilio Cabezas, Carmen Gómez, Gerardo Rebagliate, Praxíteles González, Manuel J. Fernández Gómez e Basilio Calzado, que foron os expositores convidados nesta edición da Festa do Cabaqueiro.















.jpg)






