O Estadio Municipal de A Mata (O Rosal) converterase na semana do 18 ao 23 de xullo nunha das sedes do “Campus de Verano 2011. Fundación Celta de Vigo”, xunto coa propia cidade olívica, Narón, Santa Cruz, Ponteareas, Marín, Xinzo, A Estrada, Moraña, O Barco, Melgaço, Allariz, Oroso, Ares, Carballiño e Cee.
Recentemente tivo lugar no Salón de Plenos do Concello do Rosal a presentación oficial do Campus de Verano 2011, que estivo a cargo da responsable da Fundación Celta de Vigo, Carmela Cuevas, o concelleiro de Deportes do Rosal, Pablo Flores Díaz e o porteiro da primeira plantilla céltica, Yoel Rodríguez.
Tamén asistiron a este acto –entre outros- a tenente de alcalde rosaleira, Mª Carmen Alonso Alonso, representantes da Peña Celtista Baixo Miño, así como directivos da U.D. Ribera.
Carmela Cuevas, presidenta da Fundación Celta de Vigo, organizadora do evento, destacou que o obxectivo fundamental deste Campus “é que os nenos fagan deporte e se divirtan practicando o xogo do fútbol con monitores altamente cualificados”.
Pola súa banda, o novo edil de Deportes, Pablo Flores, agradeceu á Fundación o contar co Rosal para este proxecto, agardando sexan moitos rapaces e rapazas as que se apunten ao Campus e “sobre todo que disfruten desta experiencia”.
Finalmente pechou as intervencións, o cancerbeiro do Celta de Vigo, Yoel Rodríguez, quen tamén animou aos máis pequenos a participar neste tipo de iniciativas deportivas, destacando que “os vai a axudar a crecer como deportistas e como compañeiros e por suposto farán moitos amigos”.
Para realizar a inscrición ou para máis información poden chamar ao teléfono 902 104 404 ou ben, entrar na web:
www.fundacioncelta.com
www.fundacioncelta.com
0 comentarios:
Publicar un comentario