TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

8 mar 2010

O Rosal celebrou o Día da Muller Traballadora


O domingo 7 de marzo tivo lugar no Auditorio Municipal do Rosal un acto socio-musical organizado polas concellarías de Cultura e de Muller, que se uniron nesta ocasión para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora que se celebra cada 8 de marzo.
Comezou este evento coa lectura dun manifesto a cargo de María Jesús Videira, traballadora do Concello, quen lembrou que “un ano máis, en todo o mundo, únense voces e vontades para conmemorar este día, no que se bota a vista atrás para lembrar dificultades pasadas e logros acadados… pero tamén é un día de ilusión, de proxección, de deseño de novos retos e de exploración das oportunidades que esperan ás actuais e futuras xeracións de mulleres”.
Mª Jesús recoñeceu que aínda que houbo transformacións en canto a dereitos (educación, voto…) é no mercado de traballo onde as mulleres “non se atopan aínda en igualdade de condicións con respecto aos varóns, xa que son habitualmente elas sobre as que incide de maior maneira o desemprego ou a temporalidade”. Así mesmo que “son grandes as diferenzas nas retribucións salariais”, ou que “existe un desigual reparto das tarefas domésticas e das responsabilidades familiares… sendo estes algúns dos retos pendentes e que deben ser o motor que nos impulse no avance”.
De seguido iniciouse o espectáculo do grupo Xamaraina, onde os alumnos e alumnas que dirixe Elena Baz realizaron unha exhibición de baile moderno que foi moi aplaudida polo público que practicamente enchía o aforo do Auditorio. Precisamente, Elena, que exerceu tamén como presentadora, mantivo un activo e simpático “diálogo” cos asistentes, facendo distintos comentarios das peripecias que tiveron e teñen que pasar os seus alumnos/as á hora de actuar, superando enfermidades, dores ou mesmo os tan temidos nervios. A directora de Xamaraina agradeceu a invitación do Concello do Rosal para participar neste entrañable acto, onde pequenos e maiores disfrutaron do espectáculo.Finalmente Charo Tabales Perozo e Mª Carmen Alonso, concelleiras de Cultura e Muller respectivamente, obsequiaron cun ramo de flores a Elena e cunhas rosas a todos os bailaríns, recoñecendo as súas fantásticas intervencións nesta xornada de lembranza do Día da Muller Traballadora. Velaquí vos deixamos a nosa reportaxe fotográfica.

0 comentarios:

Publicar un comentario