TABAGÓN EN FESTAS (DÍAS 29, 30 E 31)

EN PROBAS

EN PROBAS

29 ene 2010

Capela de San Vicente e sepulcros en Marzán

Hai uns días -e coincidindo coas Festas de San Vicente- recibimos na nosa redacción un correo dunha asidua lectora de Noticias O Rosal que nos preguntaba sobre a procedencia, datas e un pouquiño de historia da capela e sepulcros que se atopan nas inmediacións do torreiro de festas. Contestándolle, apro-
veitamos para que esta información sexa tamén de dominio público. Segundo as nosas investigacións, a capela de San Vicente, patrón da xuradía de Marzán, data historicamente do século XIV. Emprázase na Granxa do mesmo nome, que pertenceu ao Mosteiro de Santa María de Oia. Entre os valores patrimoniais histórico-arqueolóxicos atópan-
se ademais da cruz antefixa, unha ara romana epigráfica dedicada a Mercurio (hoxe no Museo Diocesano de Tui) e dous sepulcros antropomorfos. Pola súa orientación ao Leste (sol nacente=símbolo de Cristo), por tanto de signo cristián, datan dos séculos V-VI, en plena época visigótica. Estes dous sarcófagos (home e muller), pertenceron aos patróns do poboado cristián que no Concilio II de Braga, no 572, se menciona na Diócese de Tui, como parroquia denominada: Marciliana (Marciana, Marzán).
Para unha información máis completa e detallada podedes contactar con nós no correo noticiasorosal@hotmail.com ou consultar o noso traballo "Aportación ao estudo da identificación, antigüidade e cristianización das primeiras parroquias da sede episcopal de Tui citadas no II Concilio de Braga no 572", Castellum Tyde. Revista do Instituto de Estudios Tudenses, Ed. I.E.T., páxs. 76-80, Tui (2008).

1 comentario: